Gordofobia e plumofobia: dupla alianza sanguinaria
Ángel Amaro
En novembro de 2017 saía á luz unha enquisa da revista Attitude que fixo estremecer a moites activistes LGBT mínimamente sensates. Cunha mostra de 5.000 lectores, a enquisa salientaba os seguintes resultados: o 71% dos entrevistados sufriron rexeitamento por parte doutros homes gais por ser afeminados; só un 29% vía como algo positivo as características afeminadas en homes gais; e o 41% pensaba que os homes afeminados danlle á comunidade gai unha mala imaxe e/ou pésima reputación.
A todo isto chámase endohomofobia e ven a ser a homofobia interiorizada que se foi inoculando aos pouquiños na comunidade marica. Un tipo de discriminación entre iguais que xerou unha estratificación meritocrática onde cada corporalidade marica é situada nun chanzo concreto e diferenciado. Elitismo e clasismo que compele, delimita e estigmatiza cada corpo e estética. Mais, por que aumentou o autoodio estético dentro do colectivo gai? Quen determinou que o corpo dun gai de ximnasio ten máis caché que o corpo dunha marica gorda? Quen establece que o corpo dun gai de apariencia masculina ten máis status que o corpo dunha marica afeminada?
Estamos ante unha triste realidade que non fai máis que enquistarse dentro da comunidade gai. A proliferación dunha homoplublicidade alienante, eventos como Mister Gai España ou a existencia dun cánon estético hexemónico son, entre outros elementos, os ingredientes básicos que configuran o fenómeno da homonormatización. Un proceso de estandarización gai que vai asociando unha serie de valores a cada expresión estética. Velaí a ditadura homonormatizadora que busca a reprodución a grande escala dun tipo concreto de corpo gai. A finalidade deste proceso de desbroce cultural é a estigmatización de corporalidades diversas e a discriminación de expresións estéticas que escapan da norma.
Quen determinou que o corpo dun gai de ximnasio ten máis caché que o corpo dunha marica gorda? Quen establece que o corpo dun gai de apariencia masculina ten máis status que o corpo dunha marica afeminada?
A gordofobia dentro da comunidade marica busca asexualizar corpos, estigmatizar estilos de vida, parodiar vestimentas, agochar barrigas, criminalizar lorzas e infantilizar opinións. Os comentarios gordofóbicos activan todo unha batería de frases horribles que só buscan facerche ver que a culpa de todo é túa e que de ti depende ligar, socializar mellor e acumular máis éxitos nisto das artes amatorias: “se foses ao ximnasio ligarías máis”, “véseche achuchábel, mais o tema sexy…”, “eres majo, que pena que non te coides”, “co guapo que es, imaxínate sen barriga…”, “je je, si baixas algún quiliño avísame”, “a ver, feo non es, pero…”, “caray!, antes estabas tan ben…”, “pra ligar tes que darlle unha volta ao tema da imaxe”, etc. A gordofobia pode ter múltiples consecuencias na persoa que a sofre: baixa autoestima, conflitos co autoconcepto, autoodio, anorexia, bulimia, ansiedade, depresión, afastamento social…
Logo temos outro tipo de endohomofobia moi estendida dentro da comunidade marica: a plumofobia. Basicamente pretende a rearmarización dos gais mediante a mutilación estética de aqueles elementos que “fagan pensar” ou “deixen entrever” que un é gai. É dicir, a plumofobia criminaliza a visibilidade marica e erotiza o armario. Esta discriminación estética vai moi ligada á pasivofobia porque se asocia o feito de “ser afeminado” ou “parecer afeminado” con ser sensíbel, delicado, feminino, débil, pasivo e, polo tanto, penetrábel. Isto vese moi a miúdo nas APPs de ligoteo ou nos espazos de homosocialización. Existe ao respecto toda unha chea de tópicos e slogans que aínda gozan de moita saúde: “busco pasivo sumiso”, “tan fraco e es activo?”, “versátil? Pois non pareces”, “mascXmasc”, “busco home fóra do ambiente”, “activo para homes sen pluma”, “heterocurioso empotrador para homes discretos”, “e con ese culazo non es pasivo?”, “e con esa penuxe non es pasivo?”, “eu son machote, buscaba algo que se complemente nese sentido”, “hombretón busca pasivazo”…
Os estereotipos e prexuízos que emanan da gordofobia, da pasivofobia e da plumofobia constrúen roles binarios, mitos errados e expectativas falsas que reducen á parodia máis absurda a diversa sexualidade marica. Unha panza asexualízate? A erotización dun determinado órgano limítate nun suposto rol? Ter pluma convértete nun ex-home? Non podemos permitir que a endohomofobia elitista e patriarcal catalogue como atractivo ou feo ou como erotizábel ou asexualizado múltiples corporalidades e infinitas formas de expresar as estéticas maricas.
Con gordofobia non hai Orgullo.
Con plumofobia non hai mariconeo.
Ourense, 10 de decembro.

Ángel Amaro
Licenciado en Socioloxía e coeducador. Activista marica e xestor do blogue Sexodisidencia. Amante do rural e da soberanía alimentaria. Membro da asociación cultural A Galleira.
Bitácora Transmaribibollera: https://www.facebook.com/bitacora.TMBB
Apúntate ao boletín!
Recibe o noso Boletín cada 15 días cunha selección das nosas historias e outras recomendacións

Neofascismo e pinkwashing
Cómpre non esquecer que por moito que o neofascismo se adorne de cores o proxecto político que encarna odia profundamente a liberación sexual, o transfeminismo e os postulados básicos do movemento sexodiverso.

Familia nuclear, matrimonio igualitario e ventres de alugueiro: como saímos?
Unha minoría con moito poder que está forzando un debate que tenta hexemonizar e bloquear a axenda activista co obxectivo de que só se fale dos ventres de alugueiro. Tentan facernos ver que “despois do matrimonio igualitario ven a xestación subrogada.

A hexemonía da marca “Pride” e a colonización do noso imaxinario
Desde finais dos 70 impúxose por decreto o colaboracionismo extremo coa esfera institucional e aplaudiuse a marxinalización das asembleas LGBTIQ críticas, transformadoras e subversivas.

Catro décadas despenalizando a homosexualidade
A día de hoxe a homosexualidade segue estando ilegalizada en máis de 70 estados. Non fai moito tempo, un 17 de maio de 1990, a Asemblea Xeral da OMS eliminaba a homosexualidade do listado de doenzas mentais. Aínda que no Estado a lei de perigosidade deixou de aplicarse en 1978 nos “casos de homosexualidade” a derrogación virá 20 anos despois da morte de Franco, concretamente un 23 de novembro de 1995. Até esa data pódese dicir que o colectivo LGBT estivo coa espada de Damocles enriba.
Outras opinións


Lupe Ces: Licuar o sexo/Liquar o sexo

Unha multitude dentro de Dylan

Algúns erros de esquerda que axudaron Ayuso

Outras opinións

Lupe Ces: Licuar o sexo/Liquar o sexo

Unha multitude dentro de Dylan

Algúns erros de esquerda que axudaron Ayuso

