Lanzar a independencia desde a base
Lucía Freire
Coido que a vía política á independencia da Galiza no contexto actual pasa por non centrarse nas institucións que por suposto xogan o seu papel importante pero debemos centrarnos en levar o traballo á rúa, organizando encontros políticos de debate, e por suposto reactivar e incentivar a mobilización porque é a ferramenta clave para facer visíbel a necesidade de independencia do país. Ficou demostrado que a esquerda españolista que prometía a ruptura co réxime do 78 e co sistema capitalista, fracasou coma xa algunhas sospeitábamos e polo tanto debemos ser as forzas nacionalistas da Galiza as que volvamos coller as rendas e limpar ese camiño que ficou intransitado e intransitábel desde hai cinco anos cara o de agora.
Esa vía política pasa tamén polo traballo político de base coa clase traballadora, co asociacionismo cultural e deportivo, coas organizacións feministas e polas alianzas internacionais, sobre todo con aqueles pobos que acadaron a súa independencia ou que na actualidade loitan por ela, dos cales debemos aprender para non volver cometer erros e para conseguir transformar as bases da sociedade galega; esa sociedade que ten que ter claro que o que pase en Madrid nada ten que ver co que debe pasar na Galiza, tal e como está acontecendo na actualidade.
“Ficou demostrado que a esquerda españolista que prometía a ruptura co réxime do 78 e co sistema capitalista, fracasou coma xa algunhas sospeitábamos e polo tanto debemos ser as forzas nacionalistas da Galiza as que volvamos coller as rendas”
Debemos acompasar o traballo nas institución coa loita nas rúas para reclamar a derrogación das reformas laborais tan inmensamente lesivas para a nosa clase traballadora; temos que rematar co desmantelamento progresivo que se está a producir na nosa industria e nos nosos servizos públicos; esixir a creación dunha banca galega pública ou que as grandes empresas asentadas no noso país tributen a totalidade dos seus impostos aquí.
Aínda que o soberanismo ten na súa contra una morea de eivas coma a desfeita xerada por séculos de colonialismo que provocaron complexos e auto-odio, a perda de moitos valores asociados á diminución do compromiso da militancia, as dificultades para chegar á mocidade debido á influenza das redes sociais que dificultan a organización, a mensaxe confusa lanzada desde as institucións sen apostar firmemente pola ruptura con España e co capital… Na contra debemos revalorizar as súas fortalezas xa que o noso pobo posúe unha historia de resistencia e de coherencia en aspectos coma o non á UE, a OTAN, á constitución española; contamos cun sindicalismo nacionalista cunha grande implantación e unha gran capacidade de organización, e cun país con grandes potencialidades e inmensamente rico en recursos que nos permitiría vivir e traballar dignamente se tivéramos un autogoberno sen necesidade de dependencia dun Estado que nos rouba a nosa propia identidade e nos espolia os nosos recursos económicos.
Compostela, novembro 2020.
Imaxe: manifestación Galiza non se vende. Fotografía do album de Galiza Contrainfo.
A autora
Lucia Freire
Brión, 1973. Traballadora de comercio de alimentación. Cursou estudos de Administración de Empresas en Santiago de Compostela e na actualidade forma parte da Executiva Confederal da CIG. É militante do BNG e do MGS.
independencia(s)
O municipalismo na Galiza. Via para a construção nacional
Independência e Socialismo, binómio indissolúvel para vencermos
Que lhes doa o amor
Outras opinións
‘Let it Be’ e as ‘Nagra Tapes’
A vida extínguese sen fogos de artificio
Lupe Ces: Licuar o sexo/Liquar o sexo
Outras opinións
A vida extínguese sen fogos de artificio
Lupe Ces: Licuar o sexo/Liquar o sexo
Unha multitude dentro de Dylan
Algúns erros de esquerda que axudaron Ayuso