Limitar a liberdade de expresión?
Bletxu Valeiras
“Cando me falan de España sempre teño unha disputa,
Pois se España é miña nai, eu son un fillo de puta.”
Esta estrofa cantada por Suso Vaamonde en Pontevedra custoulle no ano 1980 catro anos de exilio e algo máis dun mes de cadea (até a chegada dun indulto do goberno de González), tras unha condena a seis anos por un delito de “inxurias á patria con publicidade”. A miña memoria, non sempre fiable, cóntame que foi este caso o que me ensinou o significado da palabra censura. Daquela xa se tiña secuestrado a revista Interviú por un artigo sobre os negocios da familia Rosón. Posteriormente viñeron moitos casos máis de ataques á liberdade de expresión no Estado español: clausura do xornal Egin e a revista Ardi Beltza, que posteriormente foron declaradas medidas ilegais; secuestro de revistas como El Jueves, por inxurias á coroa, ou do semanario El Cocodrilo, por algo similar, ou de Diario 16 por unha información sobre o xefe de seguridade de Fraga…
Aínda que aquela non era nin moito menos a situación ideal, vivimos nun momento de grave involución dende que no ano 2015 se aprobou a modificación do artigo 510 do código penal, redefinindo as condutas de incitación ao odio e incluíndo o uso das redes como causa de aumento das penas. Os delitos de incitación ao odio e o de inxurias fórxanse para ferir de morte a liberdade de expresión e provocar a autocensura na sociedade. Pero, sorprendentemente, este retroceso non é o único efecto que se está a causar. Non son poucas as veces que xente demócrata reclama a aplicación da lei contra o inimigo, caendo claramente na trampa creada polo estado.
No canto de gastar forzas en pedir que se actúe sobre o proceder dos demais, existen dúas razóns básicas para adicarnos a esixir a derrogación dos artigos do código penal que tratan de pecharnos as bocas.
1. Coherencia ideolóxica. A liberdade de expresión é un dos dereitos individuais (e colectivos) fundamentais para calquera sociedade. Polo tanto, debemos xulgar as ideas? Como decidimos o que é odio? Como se limita a expresión? A nivel xeral hai cuestións que nos poden parecer moi claras, como o xenocidio armenio. Pero resulta que negalo é delito en Francia, mentres en Turquía se persegue a quen o recoñece. O mesmo pasa a nivel individual. Moitas teorías falan de que o dereito de expresión desaparece cando este se utiliza para aldraxar ou ferir outra persoa ou colectivo. Seguramente teñamos moi claro o que nos resulta humillante a nós; mais, temos igual de claro o que é vexatorio para outras persoas? Onde colocamos o delito? Facer brincadeira sobre a morte de Carrero Blanco pode parecerlles lexítimo a algúns por referirse a un membro dun goberno ditatorial e para outros pode resultar ferinte por referirse a un atentado ou á morte dunha persoa. Entón, é delito ou é crítica?
2. Utilidade práctica. Como ben se pode observar na práctica, a existencia destas leis só afecta, salvo escasas excepcións, a persoas e colectivos transformadores e alternativos. Ilegalízase Causa Galiza pero permítese que exista a Fundación Francisco Franco. Condénanse rapeiros de La Insurgencia, porén non se actúa contra Jiménez Losantos. A consigna “Non son refuxiados, son invasores” non ten consecuencias policiais nin xudiciais, mentres si as ten berrar “A policía tortura e asasina” diante da Garda Civil de Arteixo. Impútase a Willy Toledo por mofarse da relixión católica, mais o Tribunal Constitucional non declara ilegal a concesión de medallas á Virxe. Atácase Carlos Santiago por ofender o Apóstolo, pero permítese que o Rei lle faga unha ofrenda anual no nome de toda a cidadanía para pedirlle traballo ou paz. Impídese a entrada con estreleiras a eventos deportivos; non obstante, permítense bandeiras do réxime franquistas. Ponse á disposición xudicial a mocidade disfrazada no entroido que imitou os monicreques da compañía Títeres desde abajo; no entanto, permítese a queima do meco en Xinzo coa cara de Puigdemont…
Seguramente teñamos moi claro o que nos resulta humillante a nós; mais, temos igual de claro o que é vexatorio para outras persoas? Onde colocamos o delito?
A loita dos demócratas non debería consistir en reclamarlle ao Estado que actúe contra aqueles que pensen distinto, por moito que eses pensamentos nos resulten noxentos e perigosos. Non debemos pedir que se actúe xudicialmente contra comentarios en internet de índole machista, homófoba, xenófoba… ou pedir a ilegalización de asociacións como a Fundación Francisco Franco, Hogar Social… ou solicitar a prohibición de circulación do autobús de Hazte Oír, mentres defendemos o dereito de Willy Toledo a mofarse dos sentimentos relixiosos doutra xente ou o de Cassandra Vera de facer chistes sobre vítimas de ETA. Porque o que para uns é humillante para outros é crítica. Estas contradicións que todos temos non son novas. Atemorizounos Fahrenheit 45 pero aplaudimos os ataques á Librería Europa. Somos nós quen debemos poñer límite á expresión dos demais? É a maioría quen debe decidir?
A loita dos demócratas debería consistir en reaccionar ante eses comentarios, esas asociacións, ou esas actuacións propagandísticas, cos nosos métodos. Sinalando e ridiculizando o machista, o homófobo, o xenófobo, desarmando cos nosos argumentos as asociacións de extrema dereita e contra-manifestándonos con imaxinación, ridiculizando as ostentacións propagandísticas de xente como a de Hazte Oír.
Defender a liberdade de expresión é recoñecer que este é un dereito universal. Por iso, e lembrando o Suso Vaamonde pero con algo de retranca…
“Liberdade de expresión? Sempre teño unha disputa,
Gusta sempre se é p’ra min, fode se outros a desfrutans”

Bletxu Valeiras
Ourense, 1971. Secretario de Esculca - Observatorio para a defensa dos dereitos e liberdades, e activista. Ex traballador de banca.
#dereitos humanos


Recadación de fondos para crear o Bosque da Lingua nos Montes de Couso

‘Let it Be’ e as ‘Nagra Tapes’

O aparato de propaganda dos xigantes eólicos sae a escena

Ecoloxistas exixen en Ourense moratoria para frear as macrogranxas