Luces sen teitos
Diego Lores
Escaparate, segundo o dicionario da RAG, é o “espazo cerrado con vidros, nas fachadas das tendas, onde se expoñen as mercancías”. Un espazo que os comerciantes procuran que sexa rechamante e atractivo, co obxectivo de que a clientela sexa chamada a entrar para mercar os produtos ofrecidos.
Importante para un escaparate, é que este sexa cativador, que provoque o desexo de entrar na tenda para deixar os cartos. Un escaparate non se pode tocar, está pensado para un sentido: a vista. Igual que nos decorados empregados na televisión ou no cine cada detalle ten que estar coidado: as luces, as cores, a posición dos elementos expostos… O obxectivo é xerar atracción para facer medrar os negocios. Daquela, é obvio que detrás dos vidros non ten cabida aquilo que pode desanimar negocios de futuro.
Nas últimas semanas falouse moito do alumeado de Nadal de Vigo. Aínda sen rematar o verán comezaba a instalación dos “nueve millones de lámparas LED que vestirán de color 307 calles, 13 fachadas, siete mercados municipales, el gran árbol de Porta do Sol -este año crece y alcanza los 31 metros-…” [no Faro do día 12] o medio do barullo mediático, Antón Lois [en La Voz de Galicia, o domingo pasado] daba a voz de alarma sobre a pegada ecolóxica dunha proposta que descoida os efectos en materia de contaminación lumínica e de emisión de gases que aceleran o efecto invernadoiro.
Alén dos efectos no planeta, nos últimos anos non fixo máis que medrar o número de fogares afectados pola pobreza enerxética. Escasas e insuficientes son as medidas que se están a desenvolver desde os gobernos para garantir a subministración dos fogares máis vulnerables. Porén, non parece moi axeitado encher as rúas dunha cidade de luces, mentres no interior moitas viguesas fan cabriolas para faceren fronte as facturas das compañías eléctricas.
Por riba deste penúltimo exemplo, o Vigo dos últimos tempos é un bo exemplo para analizar como se transforman as cidades co obxecto de facelas máis amables para os negocios. Transformacións que expulsan ou agochan ás que non teñen cabida nestes novos modelos de cidade. Nestes procesos os danos para as que has habitan son moitos e diversos. Se detemos a nosa ollada no dereito a unha vivenda, atopamos como este é un dos dereitos máis castigados nestas transformacións urbanas.
“Nos últimos meses a subida de prezos dos alugueiros tornase insoportable. Isto unido ás reformas legais que afondaron na desprotección dxs inquilinxs, ao aumento dos aloxamentos turísticos e á ineficiente (cando non inexistente) política de vivenda, provoca que esteamos diante dun grave problema de acceso á vivenda”
Malia as loitas recentes polo dereito a unha vivenda digna, ollamos como en moi pouco tempo os prezos volven elevarse moi por riba das capacidades da maioría. Nos últimos meses a subida de prezos dos alugueiros tornase insoportable. Isto unido ás reformas legais que afondaron na desprotección dxs inquilinxs, ao aumento dos aloxamentos turísticos e á ineficiente (cando non inexistente) política de vivenda, provoca que esteamos diante dun grave problema de acceso á vivenda.
As expresións da imposibilidade de acceso a unha vivenda en condicións de seguridade son diversas: persoas sen fogar, chabolismo, vivendas compartidas, reagrupamentos familiares por falta de recursos… Todas comparten o feito de seren privadas dun fogar, dun espazo de tranquilidade, de seguridade e intimidade desde o que poder construír relacións sociais, en definitiva, vida. No mellor dos casos atopan teitos que en nada se parecen ao que entendemos por un fogar.
Vigo, 28 de setembro.
Diego Lores
Vigo, 1981. Xuntarei letras sobre vivencias e pensamentos sobre o social. Participo na Oficina de Dereitos Sociais de Coia. Diplomado en Traballo Social e profesor do ciclo superior de Integración Social en Vigo.
Outras opinións
Lupe Ces: Licuar o sexo/Liquar o sexo
Unha multitude dentro de Dylan
Algúns erros de esquerda que axudaron Ayuso
Outras opinións
A vida extínguese sen fogos de artificio
Lupe Ces: Licuar o sexo/Liquar o sexo
Unha multitude dentro de Dylan
Algúns erros de esquerda que axudaron Ayuso