"Manipular é moi sinxelo"

ENTREVISTA | Raimundo Méndez

Compartilhar no facebook
Facebook
Compartilhar no twitter
Twitter
Compartilhar no google
Google+
Compartilhar no whatsapp
WhatsApp
Compartilhar no telegram
Telegram
Compartilhar no email
Email
Compartilhar no facebook
Compartilhar no twitter
Compartilhar no google
Compartilhar no whatsapp
Compartilhar no telegram
Compartilhar no email

Erik Dobaño | Compostela, 27 de agosto. É venres, décimo cuarto venres negro para as traballadoras e traballadores da CRTVG, a Corporación Radio e Televisión de Galicia, aínda case unhas mil, a maioría implicadas na denuncia pública da manipulación á que a dirección do ente somete aos servizos informativos. “Temos un apoio amplo, non só da xente da miña idade, con postos consolidados por oposición, tamén dos máis novos, un sector intermedio que non ten garantido o emprego, pero que nos di: ‘adiante!”, explica Raimundo, Mundo, Méndez, o presidente do Comité Intercentros que traballa como documentalista desde case o comezo das emisións, despois dunha mañá de protestas na sede de San Marcos. A entrevista realízase fóra. A corporación impediu hai uns meses a entrada a representantes sindicais da RTVE en Galiza, tamén inmersos noutro conflito profesional e que farán parte da manifestación do próximo día 8 de setembro, unha protesta desde a sede da CRTV até o centro de Compostela, un chanzo nas reivindicacións do xornalismo digno do país.

Por que emerxe neste momento, nestes últimos meses, a denuncia pública da manipulación informativa na Radio e na Televisión públicas galegas?

A CRTVG ten 33 anos. Hai épocas mellores e outras peores. Non é que esta sexa a máis complicada. De feito, hai uns quince anos falárase dunha posíbel privatización, e foi unha situación complicada. Hoxe tamén o é, porque temos varias frontes abertas. Unha delas é a da manipulación informativa que se incrementou sobre todo nestes últimos meses… ou anos. E moito. Mais o comité intercentros leva denunciando a manipulación hai moitos anos.

Quen manda na CRTVG?

Quen manda é a Xunta, e en concreto o Partido Popular de Galicia. As traballadoras e traballadores temos moi claro que a radio e a televisión son de todas as galegas e galegos. Pero o PP non o entende así e controla a CRTVG.

Como manipulan os que mandan?

O tema dos informativos para eles é fundamental. Como se fai? Pois manipular é moi sinxelo… simplemente colocando a xente afín nos postos de control deses informativos e afastando á xente que é crítica coa dirección. Para facer a escaleta e as novas importantes dos telexornais empregan a xente de confianza da dirección e a xente en situación laboral precaria e que non teñen outra que obedecer. Están utilizando a persoal en prácticas para facer as noticias principais. Persoal sobre o que poden facer presión e, nalgúns casos, de recente incorporación á empresa e que sitúan en postos de coordinación ou xefaturas. Casos concretos? Pois para non ir moi atrás: a sentencia da Gürtel despachouse nunha peza de 50 segundos na que se omitía a condena a Pablo Crespo, que fora secretario xeral do PP de Galicia, ou por exemplo a montaxe e os planos seleccionados para informar sobre a manifestación contra a mina de Touro, ou a cobertura da vaga de incendios en outubro… nós empezamos a emitir especiais as once da noite daquel domingo cando outras televisións levaban xa horas. É lamentábel. É unha tras outra… Mesmo temos presentada unha demanda no TSXG porque hai directos en informativos para os que se bota man de produtoras privadas, algo que prohibe expresamente a lei. A lei do audiovisual, o artigo 35, determina que non se poden ceder a terceiros programas informativos. Xa non é só as pezas que se manipulan, senón o control de todas as informacións que se emiten. Un exemplo de hai uns días. O secretario xeral de UXT, do meu sindicato, José Antonio Gómez, foi entrevistado no Bos días‘ [matinal da TVG]. Despois emítense cortes dunha entrevista que dura media hora nos telexornais. Que corte elixiron para o telexornal do mediodía que ve moitísima xente? Pois un no que Gómez facía unha crítica ao goberno do PSOE pola suba do gasóleo. É moi sibilino… pero é manipulación.

A ‘escaleta’ e a selección do persoal que cubre cada nova son as ferramentas para esa manipulación?

Si, así de simple. O redactor ou redactora xefe decide a escaleta e quen fai a noticia, a numero un, a número dous… e así. A unha persoa que saben que é crítica, pois xa non lle encargan as noticias principais. E insisto: non se fai só a través de xente de confianza, tamén de xente con contratos precarios. Despois, antes de emitir, as noticias supervísanse. E mesmo poden refacelas. Xa pasou. Hai unhas semanas, Luís Quintas queixouse de que lle manipularan unha peza. Nós denunciamos e o Colexio de Xornalistas deulle amparo. A intervención non se dá tanto a posteriori como na selección de quen elabora ou non elabora as noticias. Por iso digo que é moi fácil…

Pola súa experiencia de 30 anos, case os mesmos que ten a empresa, como valora o nivel actual de control informativo?

É brutal. Foise acrecentando co tempo. A radio e a televisión públicas non poden estar ao servizo de ningún partido político. Non imos entrar en si con gobernos anteriores había ou non. O que é certo é que agora se incrementou a manipulación. E todo o que pasa está ligado ao incumprimento da Lei 9/2011 de 9 de novembro de medios de comunicación públicos de Galiza. Para nós é fundamental esa lei. Aprobouse no Parlamento, vai para sete anos, e non se desenvolve. O único que fixeron de acordo coa lei e reducir de 12 a 6 os membros do Consello de Administración. Agora hai 4 do PP e 2 do PSOE. Nada máis.

xornalismo, CRTVG, manipulación

É brutal [o nivel actual de control informativo] e foise acrecentando co tempo. Non imos entrar en si con gobernos anteriores había ou non. O que é certo é que agora se incrementou a manipulación.

Que artigos da lei están por desenvolver?

O artigo 23.2 di que o director xeral debe ser elixido no Parlamento de Galiza por maioría de dous terzos en primeira votación ou por maioría de tres quintos en segunda votación. Os números non lle dan ao PP. O que fixeron foi blindar a Sánchez Izquierdo cunha lei de acompañamento. Metérono pola porta de atrás. E aí está.

Sánchez Izquierdo é o problema?

Nós o que perseguimos é un cambio e que se cumpra a lei na súa totalidade.

Que outros artigos non se cumpren?

O artigo 36.2 establece a creación dun consello de informativos. O órgano equivalente na Radio Televisión Española foi o que, por exemplo, utilizaron as traballadoras e traballadores para denunciar diante do Parlamento Europeo as prácticas de manipulación no ente público estatal. Ese consello tiña que estar funcionando na CRTVG como órgano interno de participación do persoal e encargaríase de velar pola independencia, a veracidade e a obxectividade dos contidos informativos. Agora dinnos que parece ser que no Consello de Administración están empezando a falar disto… cando é algo que levamos anos e anos reclamando. A día de hoxe non hai compromiso algún. Despois está o artigo 49, que establece a creación dunha Autoridade Audiovisual. Unha autoridade que é independente do goberno e dos operadores. Haina noutras televisións públicas. Elíxese nos parlamento pero cun consenso amplo que lle permite resistir as presións. Unha Autoridade Audiovisual realmente independente é fundamental.

Que poden facer as traballadoras contra a manipulación actual?

O máis importante é que eses artigos da lei se desenvolvan. Serían as mellores ferramentas para evitar o que está pasando. Mentres, pois imos buscando apoios. Hai uns meses membros do comité participaron nunha xornada sobre liberdade de expresión no Parlamento Europeo convidados pola eurodeputada do BNG, Ana Miranda. A raíz desa xornada tivemos coñecemento da posibilidade de presentar unha denuncia diante da comisión de peticións do Parlamento Europeo pola manipulación da información. En cuestión de días poderemos falar máis desta acción.

Que poden facer as cidadás?

Pois cunha Autoridade Audiovisual en Galiza, disporían dun órgano no que presentar as súas reclamacións. A Autoridade Audiovisual parécenos un elemento clave. Digamos que o consello de informativos é necesario pero sabemos que non vai ser a panacea, porque consello de informativos ten a Española e seguiu habendo manipulación.

xornalismo, CRTVG, manipulación

A Autoridade Audiovisual parécenos un elemento clave. Digamos que o consello de informativos é necesario pero sabemos que non vai ser a panacea, porque consello de informativos ten a Española e seguiu habendo manipulación.

Falou doutras frontes abertas na negociación entre traballadoras e dirección. Cales son?

O máis importante é o cambio das emisións a dixital, dos sistemas de traballo analóxicos a dixitais. É algo que hai anos que se tiña que ter falado, pero estámolo facendo agora, ás présas, porque no outono empezarán as emisións en dixital. O cambio é imparábel e desde o comité entendémolo así e estamos poñendo todo da nosa parte. Pero na CRTVG hai 59 categorías profesionais e moitas vanse ver afectadas. Por exemplo, até agora un redactor facía a noticia e tiña un montador que a editaba; a partir do outono, o redactor asumirá o papel de editala. Todos eses cambios nas funcións teñen que pasar por unha negociación coa representación das traballadoras e traballadores. Estamos vendo que funcións van desempeñar, por exemplo, os operadores montadores de vídeo, que son uns sesenta. A cousa estaba parada e tivemos que pedir unha mediación no AGA e temos até o 31 de outubro para negociar os novos grupos profesionais.

Daquela, implantarase a dixitalización sen ter definidos os novos grupos profesionais?

Probabelmente. Pódese facer. Iso non será problema. Pero si que temos unha data límite, o 31 de outubro, para pechar o tema dos grupos e funcións e se non se fai, haberá problemas, claro.

Como se negocian cuestións laborais mentres está por riba da mesa a convocatoria dunha manifestación de denuncia da manipulación e o control partidista da CRTVG?

Pois a negociación laboral as partes estabamos obrigadas a tela. Hai que negociar e chegar a un acordo. Pero estiveron parándoo durante anos… Agora veñen as présas, en metade dun proceso moi serio como é o paso á dixitalización. Hai que ter en conta que para xente da miña idade, os da vella garda, pois será máis complicado coñecer e utilizar as novas ferramentas. Todo isto levará tempo. Un tempo de adaptación longo… no caso dos redactores que empezan a editar as pezas, pois será preciso unha revisión do resultado por montadores, para que non haxa erros nos planos ou no son.

Nestas negociacións entran en xogo o emprego e os salarios?

Aínda non está na mesa. Estamos cos temas da dixitalización e das cualificacións profesionais. Pero voulle dar algúns datos. No 2008 eramos 1.200 traballadoras e traballadores na CRTVG e o orzamento foi de 142 millóns de euros. No 2018, a día de hoxe, o número de traballadoras e traballadores é de 950 e o orzamento para este ano caeu até os 107 millóns. Son 35 millóns menos, pero vou falar en pesetas, porque penso que se entende mellor a dimensión do recorte, son 5.810 millóns de pesetas menos que hai dez anos. En canto aos salarios, somos a única televisión pública das históricas que non recuperou o retallo do 5% no 2010 co goberno de Zapatero. Despois viñeron os recortes de Feijoó. E desde o 2012 até o 2016 perdemos unha paga extra, uns 2.000 euros de media ao ano por traballador. Eu podo dicir que a día de hoxe gano menos do que ganaba no 2010. No seu momento presentouse unha demanda no TSXG para recuperar aquel 5% e perdémola. Entendemos que hai que negociar esa recuperación.

Menos empregados, salarios menores. Que significa?

Que están asfixiando á empresa, ás traballadoras e traballadores da empresa e ao sector audiovisual galego.

Pero non é a CRTVG unha empresa viábel?

Éo. A débeda é cero. O bipartito rebaixara a débeda de 85 a 20 millóns de euros, e eses vinte reduciunos o PP. Houbo un momento en que o 30% dos ingresos viñan da publicidade, agora a achega do goberno ten que ser maior, porque os ingresos por publicidade andarán no 20%.

E como queda na comparación coas radios e televisións públicas de Catalunya, Euskadi e Andalucía?

Pois quedamos por debaixo de todas en canto orzamento.

xornalismo, CRTVG, manipulación

Outra das alertas que lanzaron as traballadoras é a diminución dos programas de produción propia tanto na tele como na radio?

Cada vez hai menos programas de produción propia, é certo. Foron minguando. E nós, como representación das traballadoras e traballadores o que estamos esixindo é que se cumpra o mínimo do 50% de programas de produción propia na grella. Iso non quita para que a CRTVG cumpra a súa función de promover a industria audiovisual do país. E aquí hai outra cousa: é máis fácil facer presión sobre unha produtora externa que sobre profesionais da casa.

Despois do anuncio por parte da dirección de que na grella da radio a partir de setembro desaparecerían o ‘Diario Cultural’ e as desconexións locais dos informativos comezaron uns paros martes e xoves, retomaranos en setembro?

A nova grella entra o día 9, o día anterior temos a manifestación. Estivemos con eses paros de vinte minutos martes e xoves desde que se fixo o anuncio. Deixámolo de facer en agosto porque había moito persoal de vacacións, pero volveremos. Seguiremos insistindo até o último minuto para que non se retire o Diario Cultural, que é o gran programa cultural da radio desde hai trinta anos, para que se manteña o formato. E tamén insistiremos no caso das desconexións, porque son servizos de referencia para moita xente das cidades e das contornas urbanas. Parece que agora que veñen as eleccións europeas e municipais queren incrementar o control desde San Marcos [a sede central da CRTVG en Compostela], porque igual lles parecía que os informativos locais non estaban tan controlados. Nós reunímonos cos grupos da oposición no Parlamento e tamén conseguimos apoios en deputacións e concellos para a continuidade do Diario e dos informativos locais. Neste contexto de perda de espazos de produción propia consideramos que hai que dar a batalla polo mantemento destes referentes.

Persoalmente, entendo que Sánchez Izquierdo ten que marchar e que veña un director de consenso.

Que espera da manifestación do próximo 8 de setembro?

Espero que supoña un antes e un despois na CRTVG. Contamos con moitos apoios: partidos políticos, asociacións culturais, xente do mundo da cultura… e van a máis. Eu son consciente de que a situación que vivimos nos medios de comunicación públicos dáse tamén en medios de comunicación privados. Vin o que pasou, porque estiven nas negociacións, en La Voz de Galicia ou en La Región. Sabemos da precariedade que hai. E coñecín a delegados sindicais que foron ameazados porque ameazar nunha empresa privada é moito máis fácil.

Van ser quen de parar esa manifestación, porque esa manifestación terá que saír nos telexornais…?

Veremos como están as forzas. Aínda estamos con temas de permisos. Pero está todo preparado para que ese sábado saiamos ás dez e media de San Marcos para ir até as Praterías. Ás doce e media remata a concentración.

Ese día caerá Sánchez Izquierdo?

Non o sei… pero estamos no século XXI e as cousas mudaron. A radio e a televisión teñen que ser das galegas e galegos e ser sentidas como propias por elas e eles. É un servizo público, igual ca sanidade ou ca educación. Nin máis nin menos. Ao servizo de todos. Sánchez Izquierdo? Persoalmente, entendo que Sánchez Izquierdo ten que marchar e que veña un director de consenso.

O entrevistado

Raimundo Méndez

Raimundo Méndez

Viana do Bolo, 1958. Documentalista na Televisión de Galicia desde hai 30 anos. Presidente en funcións do Comité Intercentros da CRTVG. Sindicalista da UXT, foi responsábel de comunicación da Federación de Servizos do sindicato entre 2005-2016.

#xornalismo

O entrevistado

Raimundo Méndez

Raimundo Méndez

Viana do Bolo, 1958. Documentalista na Televisión de Galicia desde hai 30 anos. Presidente en funcións do Comité Intercentros da CRTVG. Sindicalista da UXT, foi responsábel de comunicación da Federación de Servizos do sindicato entre 2005-2016.

#xornalismo

Deixe um comentário

Deixe um comentário