Especulan coas vidas
Testemuño dun afectado polas ameazas de botar fóra das súas casas á xente no edificio da Patiña, en Cambre.
Álex Pernas | Cambre, 8 de novembro. Os feitos e as datas. Cambre, ano 1997: as súas casas reciben a cualificación definitiva de vivendas de protección oficial de promoción privada. As 70 que pertencen ao inmoble construído no lugar da Patiña por Fadesa, con participación de fondos públicos da Xunta de Galicia, establecendo un período de 30 anos no que terán a condición de protección oficial. É dicir, até 2027.
Cambre, ano 2018: a entidade propietaria do inmoble é o Banco Santander, que llo mercara a Fadesa a través da súa sociedade Banif Inmobiliario, converténdose posteriormente esta en LURI 6 SAU. A inmobiliaria Altamira, filial tamén do Banco Santander [controlada polo fondo voitre, Apollo, que anda pensando en vender] e que xestiona o edificio, comeza a comunicar aos veciños que non se renovarán os alugueiros.
Entre a veciñanza hai algunhas familias en risco de exclusión social, 27 delas reciben axudas dos servizos sociais e outras 12, de emerxencia social. Familias con nenos pequenos, persoas con mobilidade reducida e anciáns atópanse en risco de perder os seus fogares, moitos con enormes dificultades para poder acceder a outra vivenda ante a burbulla do alugueiro que temos enriba. Esta nova burbulla está causada polos bancos, inmobiliarias e fondos voitre que, ante o estoupido da burbulla da construción, deciden obter ganancias a costa dos máis febles. A estratexia é clara: mercar edificios e vivendas a baixo custo e deixalas baleiras para que aumente a demanda e, xunto a ela, os prezos.
Na Patiña, unha das familias compóñena tres membros: dous humanos e un canino. Unha das persoas ten recoñecida unha discapacidade do 85%, e a outra, despois de 15 anos de traballo, foi despedida da súa empresa cun ERE no que perderon o seu emprego 2.400 obreiros. Despois de dezaseis anos vivindo no edificio da Patiña, reciben un burofax no que se lles comunica que a propietaria non procederá á renovación do contrato.
A familia comunícase coa entidade para poder continuar coa súa vida no que leva tantos anos sendo o seu fogar. Pídenlles diversa documentación, entrégana inmediatamente. Pero tras varios meses non reciben resposta. Ante unha nova solicitude de información, a empresa GI GROUP, en nome de Altamira, reitéralles que o contrato non será renovado.
De sempre, as familias que inclúen animais non humanos encontraron dificultades para atopar vivenda de alugueiro, sumémoslle a isto que a vivenda ten que estar adaptada para unha persoa con mobilidade reducida, e intentemos que o prezo rolde os 300 euros mensuais. Saiamos na procura dunha vivenda así: a tarefa é completamente imposible.
Tampouco hai alternativa de protección oficial: o outro edificio de Cambre, o da Barcala, atópase na mesma situación, incluso algún dos veciños actuais da Patiña viviron con anterioridade alí. E se tiveron que marchar ao non serlle renovado o contrato. A mesma situación que agora.
Algúns dos veciños puxéronse en comunicación coa inmobiliaria Altamira, interesándose pola posibilidade de alugar vivenda no edificio. A resposta foi que o inmoble non estaba dispoñíbel. A pregunta é a seguinte: se na actualidade algúns dos pisos están baleiros e a entidade informou de que non ía renovar algúns dos contratos, por que razón indican que os mesmos non están dispoñibles? A resposta só pode ser unha: especulación.
“Persianas rotas, neveiras estragadas desde hai máis de seis meses, humidades que non se pintan, caldeiras que non funcionan… Os veciños non teñen unha interlocutora válida coa propietaria, soamente un número de teléfono, onde lles devolven un código de identificación da incidencia que nunca é resolta.”
Ao igual que en moitos outros casos, a non renovación dos alugueiros non é a única estratexia para que os veciños abandonen os seus fogares. Recentemente coñeceuse o caso dunha anciá de Ourense que, sendo a última inquilina dun edificio propiedade da Xunta de Galicia, sufriu durante meses a falta de mantemento do mesmo por parte da propietaria, dende cambios de lámpadas até limpeza xeral, até que se viu obrigada a deixalo seu fogar porque este volvérase practicamente inhabitábel.
Esta táctica tamén é exercida sobre a veciñanza da Patiña: persianas rotas, neveiras estragadas desde hai máis de seis meses, humidades que non se pintan, caldeiras que non funcionan, sen poder ter calefacción e auga quente desde hai tres meses co inverno enriba… Os veciños non teñen unha interlocutora válida coa propietaria, soamente un número de teléfono, onde lles devolven un código de identificación da incidencia que nunca é resolta.
Non só se ignoran os problemas que se van encontrando os veciños durante a súa estancia nas vivendas, senón que algúns deles atopáronse con problemas cando entraron e despois de anos, aínda non se arranxaron. Así, un veciño denuncia que o forno da súa vivenda nunca funcionou. Outro informa de persianas derramadas, chaves de cisternas obstruídas, móbeis con portas que non se abren, e o regulador da calefacción esmendrellado… tivo que arranxalo el mesmo dada a inactividade da empresa arrendadora.
Outros episodios revelan a falta de moralidade e empatía por parte da empresa arrendadora, que emitiu cartas nas que ameazaba aos veciños con tomar medidas para que non puidesen habitar animais non humanos, cousa que contradicía os contratos. Ou a solicitude de sacar os vehículos do garaxe durante máis dunha semana en pleno temporal de inverno, para poder pintar o garaxe, cousa que se podería ter feito en calquera outro momento.
Como é habitual neste tipo de edificios, moitos dos veciños non se coñecen entre si. Soamente un ‘ola‘ e un ‘adeus‘ nos lugares de paso ou pequenas charlas durante os paseos xunto aos cans. Porén, algúns deles déronse conta de veciños que marchaban, pouco a pouco se ían indo, e comezouse a falar das misivas que informaban da non renovación dos alugueiros. Cando se decataron do que acontecía, decidiron constituírse na plataforma A Patiña en Loita.
Puxéronse en contacto co Concello de Cambre, con plataformas anti desafiuzamentos, coa Xunta de Galicia. Comezaron a facer ruído en redes sociais, contar o seu problema en diversos medios, manifestarse, facer partícipe á veciñanza de Cambre do seu problema. O que fose necesario para evitar que os botasen dos seus fogares.
Irregularidades desde o principio
Daquela empezaron a descubrirse as irregularidades. Son veciños que, a pesar de tratarse de vivendas de protección oficial, non teñen as mesmas condicións. Así, mentres a uns a propietaria lles solicita avais, a outros non, mentres uns pagan mensualmente por un piso 304 euros, outros por un idéntico pagan 322.
Ao tratarse de vivenda de protección oficial, os contratos deben vir visados pola Xunta de Galicia: non o estaban. Ningún dos contratos incluían este requisito legal; agora si empeza a aparecer nalgúns dos últimos contratos realizados. E moitas das fianzas non se atopan depositadas no Instituto Galego de Vivenda e Solo, tal e como esixe a lexislación actual. Tamén se soubo que no momento que o edificio comezou a ser habitado non dispuña das acreditacións necesarias para o seu uso.
Outro dos puntos escuros deste inmóbel é a vixencia do convenio de protección oficial. Tras unhas primeiras negativas, a Xunta de Galicia aceptou reunirse cos veciños e informoulles de que o edificio xa non tiña a condición de protexido, mentres que o Banco Santander afirmaba o contrario. A Xunta non proporcionou ningún documento ao respecto, a pesar de serlle solicitado, e remitíronse á Lei 29/1994 de 24 de novembro, de Arrendamentos Urbanos, segundo a cal o período de protección oficial rematou no ano 2017. Porén, tanto os contratos posteriores a esta data coma a información do rexistro da propiedade a día de 17 de outubro de 2018, indican que as vivendas aínda son de protección oficial. E isto tamén o afirma o documento que fora asinado por Fadesa en 1997 para a cualificación definitiva, e co selo do Instituto Galego de Vivenda e Solo, no que se establece un período de protección oficial de 30 anos.
“Tras unhas primeiras negativas, a Xunta de Galicia aceptou reunirse cos veciños e informoulles de que o edificio xa non tiña a condición de protexido, mentres que o Banco Santander afirmaba o contrario.”
A solución dalgunhas das administracións ante este problema de desamparo que elas mesmas crearon, ao habilitar este tipo de vivenda protexida sen pensar nunha alternativa para a veciñanza cando rematasen os convenios, é a compra dos edificios. Esa é a intención, por exemplo, do Goberno de Canarias, xunto ao Cabildo de Tenerife, respecto ás 358 vivendas de Añaza, tamén propiedade do Banco Santander e que se atopan na mesma situación. Previamente ao inicio das conversas, ditas administracións retiraron desta entidade bancaria 27 e 2 millóns de euros respectivamente, como medida de presión e de desacordo coa política da entidade. A retirada de fondos dos bancos que realizan desafiuzamentos e especulan coas vivendas é unha práctica que cada vez están levando a cabo máis administracións.
Sen embargo, e a diferencia dos gobernos canarios, a Xunta negou a posibilidade de mercar o edificio, así como a de prolongar o convenio ou construír nova vivenda de protección oficial no municipio de Cambre. A súa proposta é a de promover o Programa de vivendas baleiras da Xunta de Galicia. As bases deste programa consisten en que os donos de inmóbeis baleiros poñen a disposición as casas a modo de vivendas de renda baixa. Nesta época de burbulla do alugueiro, en toda a comunidade só unhas poucas ducias de vivendas se adheriron ao programa. Non é unha solución para as familias da Patiña.
“A Xunta negou a posibilidade de mercar o edificio, así como a de prolongar o convenio ou construír nova vivenda de protección oficial en Cambre. A súa proposta é o seu Programa de vivendas baleiras.”
A recompra de vivenda construída con fondos públicos non deixa de ser igualmente discutíbel. Prémiase aos fondos que especulan coas vidas dos cidadáns, os cales continúan a vender as propiedades a un maior prezo do que as mercaron, e as administracións acaban pagando dúas veces por eses edificios.
Mais a mobilización dá froitos
As presións exercidas pola veciñanza pouco a pouco comezan a ver os seus froitos. Non só chegaron as xuntanzas realizadas coa Xunta, tanto pola plataforma como polo alcalde de Cambre —a quen tamén lle negaron inicialmente unha reunión—, ou as mocións de apoio aprobadas por unanimidade no pleno de Cambre ou na Deputación da Coruña. O caso é que o Banco Santander empezou a mover ficha: pasou de afirmar que non renovaría ningún contrato, a dicir que os renovarían nas mesmas condicións. Iso si, primeiramente nunha carta sen sinatura nin selo, e despois de palabra, sen deixalo plasmando en ningún documento válido, e sen precisar que veciños afectaría nin por que período.
Son só palabras, e por iso a loita dos veciños continúa. A situación que segue a ser esta: os novos contratos non acaban de chegar, avarías seguen sen arranxarse, e a sombra da especulación mantense. Trátase dunha dura loita diante desta rede feita polos gobernos á medida das grandes fortunas e dos poderosos, que continúan a engrosar as súas contas a costa do desamparo e a desgraza das clases baixas e dos máis vulnerables, que non só se viron privados nos últimos tempos de ter unha vivenda propia por mor da burbulla inmobiliaria, senón que agora tamén se ven privados da posibilidade dun alugueiro digno. Estes son os feitos.
Actualidades
Apúntate ao boletín!
Recibe o noso Boletín cada 15 días cunha selección das nosas historias e outras recomendacións
Recadación de fondos para crear o Bosque da Lingua nos Montes de Couso
O aparato de propaganda dos xigantes eólicos sae a escena
Ecoloxistas exixen en Ourense moratoria para frear as macrogranxas
Cidades
Das leiras aos grandes bloques
A Bela Auria busca saídas á asfixia oficial
Ferrol, unha balea varada nunha praia
Outras novas
Recadación de fondos para crear o Bosque da Lingua nos Montes de Couso
O aparato de propaganda dos xigantes eólicos sae a escena
Ecoloxistas exixen en Ourense moratoria para frear as macrogranxas
Outras novas
Recadación de fondos para crear o Bosque da Lingua nos Montes de Couso
O aparato de propaganda dos xigantes eólicos sae a escena
Ecoloxistas exixen en Ourense moratoria para frear as macrogranxas