O modelo Burela, na vangarda da dinamización lingüística

Vai para dez anos que no IES Perdouro e na radio local está a callar un proxecto de inclusión e innovación pedagóxica que recibe premios fóra e non tanta atención no país como quizá debera.rd

Compartilhar no facebook
Facebook
Compartilhar no twitter
Twitter
Compartilhar no google
Google+
Compartilhar no whatsapp
WhatsApp
Compartilhar no telegram
Telegram
Compartilhar no email
Email
Compartilhar no facebook
Compartilhar no twitter
Compartilhar no google
Compartilhar no whatsapp
Compartilhar no telegram
Compartilhar no email

Redacción Proxecto Neo | Burela | 25 de maio.  “A fonte de luz que emite desde o Cantábrico galego”, como a define o Mapa das linguas que se iluminan mutuamente, promove o diálogo intercultural nos centros de ensino e nas diversas entidades locais públicas e privadas. As súas ferramentas preferidas son as audiovisuais, coas que produce vídeos e programas de radio. Nos últimos anos converteuse en referente de cohesión social ao propiciar a inclusión da poboación inmigrante.

Chámase Karina Parga Chao e naceu en Aillant, na Borgoña, no mesmo ano en que morría o ditador Franco e comezaba en España o período de transición política. Esta filla de emigrantes de Abadín e Mondoñedo cursou o ensino obrigatorio no seu país de nacemento e decidiu estudar Filoloxía Francesa na Universidade de Santiago de Compostela. No ano 2003 aprobou a oposición e consolidou o camiño do retorno, á inversa do que fixeran seu pai e súa nai; e desde setembro dese mesmo ano é profesora de Francés en Burela, onde vive. Durante máis de doce anos foi a vicedirectora de actividades complementarias e extraescolares do IES Perdouro e na actualidade ten a responsabilidade de coordinar o funcionamento da biblioteca escolar do centro.

Karina o mesmo se ocupa do banco de libros de texto que grava e edita un vídeo ou colabora na organización dun intercambio escolar sexa este con Santa Comba, con Ponte de Lima, coa Bretaña ou con Londres. Como poden intuír, esta profesora Modelo Burela é unha persoa comunicativa, dinámica, traballadora e case incombustíbel.

Tamén profesora Modelo Burela é a súa compañeira Miruca Parga Valiña, formada na USC e con experiencia laboral no Arquivo Sonoro de Galicia do Consello da Cultura Galega, na Comisión de Toponimia da Xunta e no Centro Dramático Galego, antes de dedicarse á docencia da Lingua e Literatura no Ensino Secundario, de coordinar o Equipo de Normalización Lingüística e de dirixir a revista Maruxía, unha publicación escolar con máis de vinte anos de historia continuada.

A terceira é María José Andión Fontela, de Crecente, na Pastoriza, licenciada en Humanidades e en Filoloxía Hispánica, con experiencia nos ámbitos da edición e da dinamización, e que na actualidade dirixe o departamento de Lingua e Literatura Castelá no IES Perdouro, onde tamén se responsabilizou da Xefatura de Estudos.

Son docentes, que traballan moitísimo, que se valen das novas tecnoloxías para facer o ensino máis atractivo e que dominan varias linguas e que son conscientes do importante que é contribuír a fortalecer os usos orais e escritos da nosa. Por iso son profesoras Modelo Burela.

A intervención educativa Modelo Burela comezou a súa andadura en 2004, dentro dun dos institutos da localidade: o IES Perdouro. Aínda que desde o inicio apostou por facer escola dentro e fóra do recinto do centro educativo, o primeiro dos seus éxitos foi levar o debate ao pleno municipal e conseguir a aprobación por unanimidade dun proxecto de planificación lingüística.

O primeiro dos éxitos do Modelo Burela foi levar o debate ao pleno municipal e conseguir a aprobación por unanimidade dun proxecto de planificación lingüística.

O departamento de Lingua e Literatura Galegas elaborou un programa de intervención social dirixido a toda a comunidade escolar (por esta orde: alumnado, familias e profesorado) e, finalmente, ao conxunto da poboación.

Tratábase de intervir desde o centro educativo para facer reforzo da aprendizaxe –a través de conferencias, viaxes e intercambios– e propiciar unha transformación ambiental difundindo novos modelos de uso. Para iso se traballou de xeito moi práctico con empresas e comercios, coa notaría, coas comunidades de veciños, co hospital e o centro de saúde, coa Igrexa, con todas as asociacións culturais, recreativo-deportivas, políticas e sindicais; e, sobre todo, con todo tipo de comunicación que tivesen a súa orixe no ámbito familiar como son a correspondencia privada, os recordatorios, os convites e as necrolóxicas. Ningunha situación comunicativa deixou de ser allea ao tratamento didáctico.

Traballouse de xeito moi práctico con empresas e comercios, coa notaría, coas comunidades de veciños, co hospital e o centro de saúde, coa Igrexa, con todas as asociacións culturais, recreativo-deportivas, políticas e sindicais; e, sobre todo, con todo tipo de ferramentas de comunicación.

Con independencia de que sexa aplicado nunha escola ou nun instituto, no ámbito dunha concellaría de Educación e Cultura, entre os fregueses da parroquia ou entre os integrantes dunha entidade sectorial (comercio, sanidade, xuventude…), o Modelo Burela ten tres características propias: a metodoloxía activa, a estratexia aglutinante e a aplicación constante. Isto significa que parte do práctico para chegar á reflexión teórica, que procura o concreto antes que o abstracto, que ofrece oportunidade de participación a toda a comunidade e que se mantén activo todos os días do ano e en todas as esferas da vida.

Estratexia aglutinante supón que se incida sempre no positivo, que se fomente a construción da alternativa, que se tenda a premiar e recoñecer méritos como estímulo para novas incorporacións. Pola súa parte, como proceso estábel procúrase que todos os campos de actuación sexan atendidos permanentemente. Os programas específicos de dinamización –no sector comercial, na sanidade, no ámbito da comunicación mediática– son actividades puntuais dentro dunha actuación global Modelo Burela.

Se esta intervención educativa se mantén no tempo –está próxima a cumprir quince anos en aplicación– é pola súa efectividade nas actuacións con obxectivos moi concretos, pola versatilidade para facer adaptacións rápidas en función do contexto; e polo especial coidado en que se manteña cuns mínimos recursos humanos e económicos.

Especialmente para propiciar a comunicación co exterior do recinto educativo, o Modelo Burela optou polo aproveitamento das ferramentas audiovisuais. En 2009 editou unha longametraxe, dirixida e realizada por Matías Nicieza, na que se explica o proceso e se ofrecen modelos orientadores. Foi a iniciativa máis contundente que propiciou o recoñecemento nas universidades galegas e en diferentes foros sobre interculturalidade celebrados en Madrid, Cataluña e o País Vasco.

Proxecto Neo e Grandes Voces do Noso Mundo emítense semanalmente en Radio Burela.

O Modelo Burela conta con dúas emisións radiofónicas semanais: un programa de entrevistas sempre centradas no diálogo entre culturas Proxecto Neo e outro de contidos musicais Grandes Voces do Noso Mundo.

“Cando eu comecei, en sexto de Primaria, só ía de visita ao estudio para ver como se facían os programas. Levo indo xa tres anos. Hai moi boa relación dentro da emisora; o termo ‘os da radio’ quedará para sempre na miña memoria. E a familia segue medrando”, di Alba Geada, estudante de 2º de ESO. Proxecto Neo, en antena desde o 4 de xaneiro de 2014, está feito por profesorado e alumnado dos dous institutos de Burela. Cada programa é o resultado da implicación activa dunha ducia de persoas. Faise sempre en directo, de xeito que se facilita a participación do público para conseguir comunicación bidireccional.

“Vou ao programa todas as semanas. Gústame recoller nas miñas fotos as mellores expresións da xente do equipo e das persoas convidadas. Sempre me ocupo de organizar as nosas comidas, porque é un momento para pasalo ben, sen a rixidez que temos no estudio” Lucía Rivas, cronista gráfica.

De feito, os contidos tratados no estudio compleméntanse coa interactividade en dúas redes sociais (Facebook e Twitter) e nos blogues do Instituto Perdouro e do propio programa. Durante as máis de 200 semanas que levan emitindo abriron moitas portas. “O ano pasado, cando comecei a meterme no camiño da radio, sentinme xenial con todos. Dáme moita pena que este ano non poida estar todo o tempo que eu quixera. O ano pasado foi inesquecíbel. Non o cambiaría por nada e menos cambiaría os compañeiros”, conta Cristian Gómez, estudante de 3º de ESO. A audiencia é activa: envían referencias de neofalantes dos máis diversos lugares, mandan vídeos, pasan o enlace dos programas e convidan coñecidos a participar nas redes sociais. O programa é un referente para unha audiencia superior ás 3.000 persoas. 

“Este ano empecei. Na primeira entrevista estaba moi nerviosa. Durante os programas apréndese moito e, unha vez que se apaga a luz do directo, tamén rimos. As fotos de despois da emisión demostran como somos. Síntome como coñecese esta xente desde hai moito tempo”. Nuria Ramos, estudante de 1º de ESO.

Grandes Voces do Noso Mundo, en emisión todos os venres entre as sete e as oito da tarde desde o 22 de xaneiro de 2016, é o único programa musical dedicado ás grandes voces da música cantada nos países de raíz galega. Conta cunha sección dedicada á conversa sobre a música pola que pasaron as grandes estrelas da canción do país, de Portugal, do Brasil e dos diversos países africanos e asiáticos que manteñen vínculos con nós a través do idioma.

O director, Marco Pereira de Oliveira (Xove, 2004), é cego de nacemento e por iso sempre está acompañado no estudio por outra persoa que lle axuda no manexo do guión escrito en braille e que o acompaña na locución. Pendente da emisión están tamén o profesor Gabriel André e a xornalista Sara Gil, que se ocupan todas as semanas de manter informada a audiencia a través das redes sociais. Grazas a este traballo cooperativo, o Grandes Voces é reemitido en cadea por emisoras da Coruña, Ferrol e Vigo e ten audiencia fiel en moitos lugares do mundo. Desde abril de 2018 é lanzado para as ondas pola Ciber-Rádio Internacional Lusófona do Brasil.

Atención á diversidade

O Modelo Burela de Atención á Diversidade é o resultado dunha colaboración entre tres entidades: IES Perdouro, Radio Burela e Asociación Cultural e Musical Dambara. Para atender o alumnado con necesidades educativas especiais é necesario reorganizar os recursos humanos e conseguir a implicación de profesorado especialista en Integración, en Pedagoxía Terapéutica, en Dinamización Lingüística, en Orientación Accadémica e mesmo resulta moi útil a colaboración dun profesor da área de Matemática, que se ocupa de explicar o xogo do xadrez.

Na posta en funcionamento desta iniciativa tiveron un papel moi destacado Virxinia Lama, con experiencia no traballo con colectivos de persoas en situación de exclusión social, e Gabriel André –hoxe docente no Centro de Estudos Galegos da Universidade de Lisboa–, que se implicou e de xeito altruísta.

Esta iniciativa foi finalista do Premio á Acción Maxistral nas edicións de 2015 e 2017 por traballar por “unha escola inclusiva e participativa, base da convivencia normal e do desenvolvemento integral das persoas”.

Deixe um comentário

Deixe um comentário