Onde se pode acudir?

Ximena González

Compartilhar no facebook
Facebook
Compartilhar no twitter
Twitter
Compartilhar no google
Google+
Compartilhar no whatsapp
WhatsApp
Compartilhar no telegram
Telegram
Compartilhar no email
Email
Compartilhar no facebook
Compartilhar no twitter
Compartilhar no google
Compartilhar no whatsapp
Compartilhar no telegram
Compartilhar no email

Sábado, chamada telefónica na que unha compa me explica que “unha amiga acaba de discutir co seu mozo, está embarazada de seis meses e tivo que marchar da vivenda” e pregunta “onde se pode acudir?”.

Os sábados laborábeis son eses nos que comezo ás sete e cuarto da mañá, a media hora da miña casa, unha xornada que, con interrupcións, dura até as dez da noite. Traballo nos coidados e maioritariamente con mulleres anciás. Traballo seis horas e conduzo outras tres.

Onde se pode acudir? Unha boa pregunta para a que existe unha vergoñenta resposta: a ningures.

Cando participaba da asemblea de Stop Desafiuzamentos de Ourense isto pasaba moito, e dun día para outro os que hoxe son sonoros despexos e daquelas eran os máis silenciados, os do alugueiro, remataban cunha muller e as súas crianzas facéndonos esa mesma pregunta. Onde se pode acudir?

Daquelas a emerxencia era resolta sempre pola boa vontade das persoas da asemblea: unha habitación na casa dalgunha activista, o alugueiro dun cuarto de emerxencia (moito me lembro daquel peque autista ao que tivemos que deixar nunha habitación sen somier durmindo no chan); e se a cousa era pola mañá cedo, unha chamada á Cruz Vermella ou a Cáritas para un pago solidario dun cuarto, e posteriormente unha mensualidade, onde se podía…

Como nunca se pode estar segura de saber de todo consultei o sábado antes de dar a resposta a esa amiga. Consultei con outra que co seu tempo e vida constrúe tamén redes de sustento das vidas de moitas. A resposta foi áspera: a sitio público ningún. E ofreceu a súa vivenda para un acollemento de emerxencia.

E volvín lembrar as xornadas maratonianas paseando a miseria e a rabia polas institucións para procurar recursos económicos a quen non ten saída cando o capitalismo xa lle roubou até a esperanza. Demostrar que se é pobre abondo para unha esmola en forma de chamada telefónica para que non-sei-que-ong che dea leite para a crianza. Acreditar a miseria para que unha xefa de servizo faga o favor de pedirlle á Igrexa que adiante unha cantidade insultante de diñeiro porque non existen mecanismos públicos para afrontar esas situacións. Lidar co preguiceiro ritmo de traballo do servizo de atención correspondente para dar, non xa unha solución, mas unha esperanza de que algunha saída hai cando no existe rede que terme de ti.

‘No Tidings from the Sea’, de Frank Holl.

“E volvín lembrar as xornadas maratonianas paseando a miseria e a rabia polas institucións para procurar recursos económicos a quen non ten saída cando o capitalismo xa lle roubou até a esperanza.”

Así que o sábado desexei responder á pregunta dicindo que a queimar colectores e montar barricadas, que ese é o único sitio ao que podemos acudir hoxe se queremos que algo mude… mas tampouco é certo porque a maior parte do tempo sentimos que apenas podemos soster as nosas vidas precarizadas como para afrontar retos maiores.

A resposta é a tribo, aquela que che toca e se constrúe en liberdade ou a que escolles e constrúes entre os teus iguais para facer máis soportábeis os días das emerxencias. Porque se estás preñada, non tes familia, curro e aforros só hai unha cousa que poida salvarte neste sistema: unha comunidade disposta a termar das máis debilitadas.

Non hai recursos públicos para quen non ten emprego, recursos ou familia/rede que terme de ti. Está claro que non, cando se trata de afrontar situacións de emerxencia. E se queres acceder aos escasos recursos que hai, procura non ficar no baleiro un sábado ou un festivo. Non teñas a mala sorte de que o caos chegue dun día para outro porque para que a Administración te axude tes que recoñecerte vítima de violencia machista, excluída, marxinada ou con limitacións para un normal e sistémico modo de vida e tes que planificalo con tempo para poder sobrevivir os meses que tarden en darche un diñeiro que non resolverá ningún dos teus problemas.

O peor de todo isto é que non hai propostas enriba da mesa para afrontar aquí e agora estas situacións que son máis habituais do que pensan @s que pasan horas nas institucións ou pontificando dende a comodidade da súa clase social.

A maior parte das persoas pobres son mulleres, mulleres con crianzas a cargo, mulleres de idades difíciles para volver ou saír por primeira vez ao mercado laboral do capital. Con vidas complicadas non só pola pobreza mas polo patriarcado, mulleres a cargo dos coidados (tentastes algunha vez atopar un traballo que concilie co coidado de persoas dependentes ou crianzas?), mulleres racializadas, labregas, xubiladas de pensións non contributivas…

“Non hai propostas enriba da mesa para afrontar aquí e agora estas situacións que son máis habituais do que pensan @s que pasan horas nas institucións.”

Volvo ao sábado e reflexiono sobre cal é a proposta da esquerda para esta mulleres…

Arranxar as cousas co agresor e volver á casa? a única na que ten un teito e comida garantías? Cantas mulleres non denunciarán precisamente por non verse soas, ou coas súas crianzas, nunha situación similar.

Resolver os problemas familiares que iniciaron na infancia e que lle complicaron sempre a vida? Cantas persoas viven hoxe sen unha rede de soporte material e afectivo e dependentes, cantas desas persoas serán mulleres?

Que procure un traballo cun embarazo de seis meses? Mesmo de poder facelo non coñezo moita xente que obteña recursos antes de comezar no seu emprego.

Quizais iniciar un proceso burocrático para demostrar a súa pobreza ás institucións para conseguir unha esmola, que chaman axuda de emerxencia, por unha cantidade de diñeiro que non vai resolver un só dos seus problemas? Sabedes canto se tarda nestes procesos? Alguén sabe como se atopa un alugueiro cando só contas cunha axuda de emerxencia? Preocúpalle a alguén?

As redes comunitarias que permiten que todas estas situacións non exploten na cara do sistema constrúense desde abaixo, desde os barrios e os afectos, desde as precarizadas e as activistas. Desde a verdade. Esa verdade que olla cara a institución espantada polas axendas e os discursos d@s que nunca reciben este tipo de chamadas telefónicas.

Cousas e cousas así… E cal é a proposta que ten a esquerda para facer(nos)?

Ourense, 25 de decembro.

Ximena González

Ximena González

Activista social e membro da Marcha Mundial das Mulleres. Co-editora de adiante.gal e socia promotora de Adiante S. Coop Galega.

Deixe um comentário

Deixe um comentário