Nin Risga nin ingreso mínimo vital; Renda Básica, xa!

23/04/2020
Erik Dobaño
Erik Dobaño

Xornalista. Editor do Adiante.

Ver perfil

Confinadas e empobrecidas estamos por mor dun virus. A moitas galegas esta crise pillounas núas, orfas de protección. Por iso o futuro albíscase complicado, en forma de despedimentos, ERTEs, precariedade, despexos, mortes…

Hai uns meses colectivos e asociacións do país reclamabamos facer da “Risga un verdadeiro dereito” para nos protexer da pegada do empobrecemento. Agora, á vista da continuidade das ineficaces e miserentas políticas sociais e da crise provocada polo coronavirus, esiximos Renda Báscia, xa!

Malia os anuncios de medidas por parte do goberno central, polo momento non hai Ingreso mínimo vital e descoñecemos o detalle da súa cobertura. Mais do que imos sabendo semella que vai beber das mesmas fontes que as políticas de rendas mínimas.

Cómpre implantar unha Renda Básica e desbotar medidas como a Risga que cunhas contías miserentas, cun taxa de cobertura da poboación empobrecida ínfima e cun nivel altísimo de burocracia, que se traduce en obstáculos e atrasos, non serve para cubrir necesidades básicas. A Risga non serve para erradicar a pobreza, nin antes da crise do covid19, nin moito menos cara o futuro que entrevemos. Mais ben ofrece xestionar a miseria, ao igual que as medidas que propoñen.

Esiximos superar as políticas sociais vixentes e apostar dunha vez por dereitos fortes que estean dotados do persoal e dos recursos necesarios. Hai uns meses Philip Alston, relator sobre extrema pobreza e dereitos humanos da ONU, visitou o Estado Español e denunciou o pantano burocrático para acceder a unha prestación.

Por isto urxen medidas transformadoras como a Renda Básica que permita unhas mínimas condicións materiais para garantir unha vida digna, desde as cales conquistar colectivamente outros dereitos.

A vida digna como dereito non se negocia nin pode agardar!

Galiza, abril de 2020.