Crónica

Nin voluntarias nin libres nin felices

Os discursos abolicionistas da prostitución conflúen na xornada contra a trata con achegas desde as vítimas, a academia e o ámbito xudicial e da saúde.

Compartilhar no facebook
Facebook
Compartilhar no twitter
Twitter
Compartilhar no google
Google+
Compartilhar no whatsapp
WhatsApp
Compartilhar no telegram
Telegram
Compartilhar no email
Email
Compartilhar no facebook
Compartilhar no twitter
Compartilhar no google
Compartilhar no whatsapp
Compartilhar no telegram
Compartilhar no email

Eva Neira, texto e fotos | Vigo, 19 de outubro.  España é o primeiro consumidor de prostitución da Unión Europea –dependendo do estudo consultado, entre un 20% e un 39% de homes entre 18 e 70 anos recorreron á prostitución algunha vez. No estado Español 100.000 mulleres –un 88% delas estranxeiras– viven en situación de prostitución nos máis de 1.600 prostíbulos que existen ao longo do territorio. Son apenas dous datos que intentan debuxar unha realidade terríbel e descoñecida, agochada baixo a capa da permisividade social, como se denunciou onte en Vigo durante a xornada contra a trata organizada pola Rede Galega contra a Trata na que confluíron as reflexións de vítimas, investigadoras e profesionais da saúde, a avogacía e a xudicatura nun discurso antiprostitución abolicionista, e na que se escoitaron cousas que non admite unha sociedade inconmovíbel: “Os prostíbulos son campos de concentración”, “todos os machos dominantes considérannos cousas, porque senón non nos prostituirían”, “a cultura patriarcal redefinida en termos de hipersexualización feminina manda unha mensaxe dupla: a elas se lles di que o amor é o máis importante e que paga a pena sufrir por amor, e a eles que o que elas queren é que se lles dea caña”.

Neste sistema que move 10 millóns de euros ao día no Estado, ao contrario do que adoita acontecer noutros eidos, os invisíbeis son os homes. Os puteros e os proxenetas pasan completamente desapercibidos. “A prostitución identifícase coas prostitutas, pero en realidade o que hai é un sistema prostitucional”, dixo Amelia Tiganus, activista e ex prostituta que contou brevemente como ese sistema a converteu ela nunha prostituta: empezou cunha violación en Romanía e seguiu coa venda (dela) a un proxeneta español.

Permisividade social.

O sistema ampárase nunha “permisividade social” que foi reiteradamente sinalada como unha das causas de que se teña avanzado moi pouco na loita institucional contra a trata, a explotación sexual e a prostitución. “Non se avanzou nada”, di Tiganus, “estamos vendo as mesmas cousas que hai dezaseis anos cando a min me venderon por 300 euros”. Avanzouse pouco, concede a xuíza Paz Filgueira, nunha das primeiras palestras da mañá mentres fai un repaso da lexislación punitiva desde 1973 “cando o ben a protexer era a honestidade” até a última reforma no 2015, “na que a única posibilidade de condena ao cliente é cando se dá un caso de menores de idade”.

Filgueira recoñece algunhas melloras nas ferramentas legais, mais vai deixando un pouso pesimista na súa intervención. “Non existe persecución de oficio real”, di. “Ás veces topámonos con que a fiscalía retira a acusación no xuízo. A formación é escasa, fragmentada e pouco rigorosa. No fondo, o proxeneta séguelle dando pena ao sistema”.

“Non existe persecución de oficio real. No fondo, o proxeneta séguelle dando pena ao sistema”, di a xuíza Paz Filgueira. E reclama: “A disposición sexual da muller debe ser erradicada”.

Filgueira reclama campañas de sensibilización masivas que permitan sacar á luz a realidade e axuden a combater esa permisividade. Mais laiouse de que os partidos políticos continúen sen pronunciarse e estean moi lonxe de mostrar unha oposición frontal, e mesmo haxa casos como o de Ada Colau, alcaldesa de Barcelona, favorábeis á regulación.

No arranque da xornada, no Museo MARCO, diante dunhas cento sesenta inscritas e algúns medios de comunicación públicos, a doutora en medicina Lola Ferreiro tamén advertiu da indiferenza da clase política, mais considerou que “en canto fagamos un debate en serio, algúns virán porque teñen seus intereses e queren saír na foto, sabemos do que falamos… pero iso teremos que aproveitalo para que se comprometan máis alá da foto”.

feminismos, prostitución, trata, explotación sexual
Palestra de Amelia Tiganus e Iván Sambade.

A xuíza Filgueira, que si ve algúns avances, di que un deles foi desvincular o delito de trata do delito de inmigración ilegal. “Iso foi un acerto”, indica a maxistrada, “pero os proxenetas sempre buscan novas estratexias para salvar a presión das leis”. E Filgueira deposita a súa confianza nos xuíces e fiscais, en que os avances veñan tamén “na interpretación das normas, que nos paremos a considerar en serio que se pode considerar liberdade de decisión? Cal é a liberdade da maioría das prostitutas… a liberdade é que se corra el?”.

Lola Ferreiro titulou a súa conferencia A construción da sexualidade masculina: como se ‘fabrica’ un putero?. E de masculinidade falouse moito na xornada. Mais o foco sobre as mulleres na prostitución non é casualidade. “Eles están encantados consumido sexo de pago, invisibilizados”, apuntou Ferreiro, que explica nun sinxelo esquema a construción da personalidade de xénero: mentres os desexos, as demandas ou comportamentos dirixidos a satisfacelos e a agresividade nas nenas se reprimen dano lugar a un sentimento de culpa e angustia, os nenos reciben estímulos para exteriorizalos que provocan sentimentos de orgullo e aceptación, que nun último paso crean egocentrismo.

A masculinidade.

O modelo de masculinidade, incidiría despois Iván Sambade, filósofo e experto en estudos de xénero, evolucionou nestas últimas décadas desde o modelo violador ao modelo maltratador “nun contexto de crise da masculinidade, no que eles xa non son provedores nin lles está permitido exercer violencia, cando menos non tanto como antes, pero que se reservan un campo, o da explotación sexual das mulleres, no que pode expresarse a dominación”.

“Temos que ir polo camiño de construír unha nova masculinidade e unha nova feminidade”, concluíu Lola Ferreiro, “moito menos patriarcalizadas e que nos permitiran desenvolvernos e poder satisfacer os nosos desexos, tamén os sexuais, libremente, sen coerción nin violencia. É un camiño longo, pero temos que ir nesa dirección e non noutra”.

Na súa ponencia A resposta xudicial nos delitos de trata sexual e prostitución: que papel xogan os homes que pagan por sexo?, Paz Filgueira advirte que en materia de vítimas o Estado non ofrece ningunha protección. E por iso as mulleres non dan o seu testemuño porque están completamente desamparadas. A prestación que reciben as vítimas de trata por parte da Xunta é a RISGA, ao redor de 400 euros ao mes, e as indemnizacións medias sitúanse nos 3.000 euros. A maxistrada rexeita rotundamente a regulación da prostitución e reclama: “A disposición sexual da muller debe ser erradicada”.

“Os homes consideran que a demanda ten que ser cumprida e isto “require un modelo de feminidade que non pode existir fóra dun ambiente de dominación”, di Sambade. E conclúe: “A falacia da alianza entre o patriarcado e o mercado neoliberal é o consentimento”

Na palestra Masculinidades prostituíntes e activismo feminista: que hai de novo?, Amelia Tiganus e Iván Sambade asumen que “pouco hai de novo”. Se acaso esa crise da masculinidade que se acentúa. Sambade advirte que nesta a sexualidade patriarcal, que se acompasa co neoliberalismo no negocio da prostitución, o que se está a producir é “unha redución da sexualidade á xenitalidade”, e di que en lugar de vivir a sexualidade como desexos, esta vese como un reflexo da masculinidade. Na xerarquía do sexo-xénero, explica o filósofo, os homes expresan un desexo que consideran que a demanda ten que ser cumprida e isto “require un modelo de feminidade que non pode existir fóra dun ambiente de dominación”. “A falacia da alianza entre o patriarcado e o mercado neoliberal é o consentimento”, remata Iván Sambade.

Público asistente ás conferencias da mañá, onte no MARCO de Vigo.

Amelia Tiganus, como cada vez que se enfronta a un micrófono, deixou ao público mudo coa súa terrible experiencia. Tiganus, que se define como “supervivente do sistema prostitucional”, conta como chegou a España onde a esperaba un suposto futuro brillante (“os mesmos que me quebraron como muller despois me venderon a salvación”) e onde pasou cinco anos de prostíbulo en prostíbulo, “eses campos de concentración nos que o Estado permite que as mulleres sexan ocos, buratos receptores do seme dos homes”.

Non, as prostitutas –como expresou a xuíza Filgueira– non son “nin voluntarias, nin libres nin felices”.

Segundo o informe do Grupo de expertos contra a trata de seres humanos (GRETA), publicado este ano, España é o primeiro estado de destino para tráfico de persoas e de tránsito cara outros países europeos. Entre 2013 e 2016 as autoridades identificaron 900 vítimas de trata –un 84% delas eran mulleres e nenas explotadas sexualmente– procedentes de Romanía (306 persoas), Nixeria (104), China (100), Paraguay (58) e Bulgaria (42), como principais orixes.

O único debate: como abolir.

“Non falemos de traballadoras sexuais, nin de explotación laboral”, di a activista romanesa. Neste negocio dos 10 millóns de euros ao día, Tiganus denuncia complicidades que inclúen a asociacións ou organizacións que din axudar ás prostitutas: como AMAR, en Arxentina. Sinala Tiganus as trampas de determinados estratexias que converten ao proxenitismo en explotación laboral e ás vítimas de trata en vítimas de explotación laboral. E explica o papel de colectivos como AMAR, que fan asinar “unha declaración xurada ás mulleres prostituídas na que afirman ser maiores de idade e ter elixido o traballo sexual libremente. Con iso lavan as mans: o libre consentimento. E ese mesmo papel di que AMAR loita contra a trata e contra o proxenitismo… xa vemos como, nomeándoo doutra maneira e converténdoo en algo aceptábel”.

Tiganus teno claro: “O único debate é como abolir a prostitución”. “Ese é o único debate que debe dar o feminismo”, subliña. E, maila todo, pide que a xente humanice a figura da muller prostituída e lembra que as nosas irmás non prostituídas continúan sendo prostituíbeis. “Ninguén quere verse como vítima, como unha inútil, pero hai que darlle a volta iso e dicir que a vítima é un ser inocente cuxos dereitos foron vulnerados e que o vitimario debe pagar, debe ser xulgado… Eu tardei catro anos desde que saín da prostitución en considerarme vítima”.

Deixe um comentário

Deixe um comentário