"Non podo pensar no futuro"

Falan tres dos acusados no xuízo contra activistas galegos que comeza o luns na Audiencia e que enfrontan penas de até doce anos de prisión.

Compartilhar no facebook
Facebook
Compartilhar no twitter
Twitter
Compartilhar no google
Google+
Compartilhar no whatsapp
WhatsApp
Compartilhar no telegram
Telegram
Compartilhar no email
Email
Compartilhar no facebook
Compartilhar no twitter
Compartilhar no google
Compartilhar no whatsapp
Compartilhar no telegram
Compartilhar no email

Colectivo Amanhecer | A Coruña | 15 de outubro.  “Foi no verán do 2017. Houbera unas concentracións polo despexo do Escarnio e maldizer e esa noite paseina na casa da miña parella en Ourense. Pola mañá alguén chamou desde a rúa. Asomeime e berrou: ‘Baixa que teño un recado da túa nai!’ Tan pronto abrín a porta xa me dixeron que eran da Garda Civil. ‘Xa sabes porque te detemos, non? Pois non o sabía. Empecei a imaxinar cousas, porque xa sabes de que van as detencións. Xa me vía nun furgón cara Madrid. Entón, explicáronme que estaba acusado de enaltecemento do terrorismo. E calmeime algo porque, dentro da gravidade, aquilo non era tan grave. Foi un pensamento rápido. Leváronme a Vilamarín, a miña casa. Foi un rexistro tenso… calquera cousa: unha camisola, un cedé de música, carteis, libros… todo eran probas para eles. E insistían moito en que me coñecían, que eu era ‘bo rapaz’, pero que despois aparecería xente de Madrid e quedaría nas súas mans e eles non poderían facer nada. Insistían en que tiñamos que quedar para tomar un café máis adiante. ‘Iso non é traizoar’, dicían. O que fixeron foi meterme nun coche, encapuchado sen ver e non vin nada durante o traxecto. Dixeron que íamos a Compostela facer probas médicas. Íanme facendo preguntas. Querían que colaborase con eles. Nun momento, pararon o coche e saíron todos. Notei que estaba só. Volveron entrar dicindo que se equivocaran, que volvíamos para Ourense, e xusto despois, que non, que era unha brincadeira. Chegamos o cuartel de Santiago. Tomáronme unhas fotos e as pegadas. Estiven no calabozo até que apareceu o meu avogado. Saín sen declarar ante ninguén. O saír vin os meus compañeiros, Iria e Uxío, que tamén estiveran alí…”

Afonso ten 42 anos. Milita en Ceivar desde hai sete u oito anos. Ao principio achegouse porque a súa parella daquela ía ter un xuízo na Audiencia Nacional e quixo axudar. Empezou a acudir aos actos e a relacionarse con máis compañeiros. Participou nas asembleas. En xuño de 2008 encargouse de dicir unhas palabras no recibimento de dous presos políticos. Ese é o primeiro acto polo que está acusado de enaltecemento do terrorismo no xuízo que comeza o próximo luns na Audiencia Nacional contra doce activistas galegos, dentro dos procesos que seguen ás operacións Jaro e Jaro II. Como a vista se adiou sen motivo aparente entre as reclamacións das defensas para que se arquivasen os casos, resulta que os presuntos delitos por aquel acto de 2008 e dous máis dos catro polos que está acusado Afonso xa prescribiron. Así que a Fiscalía engadiu unha acusación máis, a de pertenza a organización criminal para comisión do delito de enaltecemento do terrorismo, porque baixo a lexislación anti-terrorista española, que durante décadas foise perfeccionando como instrumento represivo en Euskadi, os supostos delitos non prescriben. Afonso, músico e traballador no sector da automoción, enfróntase a unha petición de doce anos de cadea, ademais da multa e inhabilitación para ocupar postos públicos.

“O que buscan é a túa morte civil. Eu estou tranquilo, máis ou menos, porque non fixen nada malo, nada equivocado. Que fixen? Presentar un acto de solidariedade, coller unha bandeira, participar en Ceivar axudando a xente que está indo a cadea ou vendo recortadas as súas liberdades por cuestións ideolóxicas…? Despois de 2017 seguín participando. A nivel persoal sei que teño unha lousa enriba. Podo ter que pasar doce anos preso. É demoledor. Deixei de facer proxectos de vida. Non podo pensar no futuro”.

IRIA

“Hai un ano, no outono de 2019, cando quixeron facer o escrito de acusación, a Fiscalía decatouse de que non tiñamos declarado. Pedimos declarar en Compostela por vídeo conferencia para no ter que desprazarnos até Madrid. Primeiro denegáronnolo e despois, un día, chegounos un aviso de que tiñamos que presentarnos no xulgado ás doce da mañá ou poderían deternos. Tivemos que deixar os nosos postos de traballo e presentarnos. Eu estou na mesma cidade, pero o Uxío e o Afonso tiveron que vir a toda présa. Nesas circunstancias, negámonos a declarar. Non hai declaración nosa ningunha, nin diante da Garda Civil nin de ningún xuíz que figure no sumario”.

Iria lembra que no verán do 2017, cando foi detida, o que ela esperaba era que o proceso da operación Jaro, de dous anos antes, na que foron imputados nove activistas independentistas fose arquivada. Meses antes levantárase a suspensión de actividades contra Causa Galiza. Despois da sorpresa inicial, viñeron máis. A seguinte, foi ler no escrito de acusación que se lle imputaban 3 delitos de enaltecemento do terrorismo –a razón de dous anos de cadea por cada un– por actos que tiveron lugar moito tempo atrás polo que o suposto delito tería prescrito.

“Eu saía para traballar –traballo de administrativa– sobre as sete e cuarto da mañá. Detivéronme no garaxe da miña casa. Había unha morea de gardas civís. Ao pouco, subíronme o piso para facer un rexistro. Creo que a detención e o rexistro no caso de Uxío foron do máis violento, segundo me dixeron despois tirárono o chan apuntándolle coas armas. Uxío foi en Vilaboa, en Pontevedra. E Afonso estaba en Ourense. Todos á mesma hora. A min leváronme ao cuartel de Compostela. A eles trasladáronos até aquí. Vímonos contra as tres da tarde… Unha hora despois xa nos liberaron. Non declaramos diante da Garda Civil. Negámonos a facelo e dixemos que só declarariamos diante da xuíza ou do xuíz. Nunca chegamos a pasar a disposición xudicial”.

Iria ten 37 anos e empezou a participar en organizacións independentistas aos 14. No instituto militou en Estudantes Independentistas, despois na Asemblea da Mocidade Independentista (AMI) e máis adiante en Causa Galiza. En Ceivar leva máis de dez anos. Ceivar ofrece asistencia xurídica a persoas que son represaliadas pola súa militancia no independentismo; fan denuncia pública da vulneración de dereitos que sofren os represaliados, en especial, os presos; e tamén desenvolven obradoiros sobre dereitos. Iria está imputada por ter solicitado diante da Subdelegación do Goberno os permisos para facer recibimentos a presos independentistas en prazas públicas de Compostela. Enfróntase a unha pena de 10 anos de prisión, 12.000 euros de multa e inhabilitación para ocupar cargos públicos.

“O que provocan con estas cousas, e seguramente é un efecto buscado, é que as militantes collamos medo e que empecen as disputas moitas veces para ter unha escusa para abandonar. Eu seguín facendo o que facía en Ceivar. Cando levas moitos anos de militancia, aínda que non penses en algo como isto, estás máis centrada, tes máis bagaxe e asumes a túa responsabilidade política. Se me chega a pasar con vinte anos… pois seguro que non estaría dicindo o mesmo. Á prisión todo o mundo lle ten medo”.

Rolda de prensa este xoves en Madrid de investigados no proceso xunto a deputadas e deputados de formacións nacionalistas. Entre eles, Néstor Rego. Na cabeceira, manifestación independentista en Compostela en xullo pasado. Imaxes: @BNGCongreso e @GalizaContrainfo

JOÁM

O 30 de outubro de 2015 a Garda Civil asaltou varios domicilios de independentistas galegos. Era a operación Jaro. “Saltei da cama, case tiran a porta. Xa estaba cedendo o pasador… Entraron trinta ou corenta individuos na miña casa. Foron operacións de comando, violentas. Abriron titulares en telexornais e en toda a prensa. Causa Galiza aparecía como brazo político dunha suposta organización armada que foi creada, digamos xuridicamente, na Audiencia Nacional nunha sentenza de setembro de 2013. Detiveron nove persoas e trasladáronos a Madrid. Pasamos tres días no cuartel de Tres Cantos. Non chegou haber maltrato físico, pero si moita tensión. Sometéronos a interrogatorios sobre quen levaba a páxina web, pola organización de Causa Galiza, sobre opinións políticas e mesmo con alusións á nosa vida privada. Despois pasamos a disposición xudicial, do xuíz Eloy Velasco, que nos imputa por pertenza a organización armada e por enaltecemento do terrorismo. Iso a cada un de nós. E con respecto a Causa Galiza, aplicou como medida cautelar a suspensión das súas actividades por un prazo de doce meses. Non se chama ilegalización, pero…”

Joám é un dos veteranos. Participou da formación de Causa Galiza no 2007, e tamén tivo responsabilidades en Ceivar. A finais de 2016, Causa Galiza –agora de novo baixo ameaza neste proceso– puido retomar a súa actividade como partido político. Son os anos de Jorge Fernández á fronte do Ministerio de Interior, de Arsenio Fernández de Mesa como director da Garda Civil, de Francisco Martínez como secretario de Estado para a Seguridade, e de Santiago Villanueva como delegado do Goberno na Galiza. O PP aínda non coñecía a sentenza da Gürtel e Rajoy non sabía que acabaría fóra da Presidencia do Goberno apartado por unha moción de censura. Eses eran os responsábeis políticos da Jaro. Varios medios de comunicación recibiron aviso de que tivesen coidado na cobertura do operativo porque podería haber “resistencia armada” nos domicilios.

En 2019, a Audiencia Nacional retirou a imputación de pertenza a banda armada aos nove investigados na operación Jaro. O panorama parecía aclararse. Mais Eloy Velasco deixa a instrución que pasa a mans de García-Castellón –un maxistrado que participou en casos contra o independentismo vasco e catalán, e tamén leva o proceso contra Antón García Matos, Asunción Losada e outros independentistas galego–. Este imputa aos nove acusados un delito de pertenza a organización criminal para comisión do delito de enaltecemento do terrorismo. O 19 de setembro deste 2020 a Audiencia Nacional ordenou a apertura de xuízo para un mes despois. Nomean Alfonso Guevara como presidente do tribunal, o mesmo xuíz que no 2013 considerou que na Galiza existía unha organización armada denominada Resistencia Galega ao mesmo tempo que a Fiscalía rescata como proba aquel sumario.

“Este é un proceso contra o independentismo organizado na Galiza. E pode sentar un precedente xurídico perigoso para o futuro do independentismo galego. Non houbo exaltación ningunha, en ningún dos actos, de violencia política. O único que tratan é de importar o modelo todo-es-ETA. Mais non se dá a premisa básica da existencia dunha organización armada. Pero están a aplicar aquel modelo: o terrorismo xa non é só unha actuación política ilegal, sono todas aquelas actividades que poidan coincidir nos obxectivos estratéxicos. Se estiras un pouco, pois chegas mesmo até o BNG. Esta pasando no procés catalán, onde non hai ningunha aposta pola violencia política organizada”.

“Segar a herba de raíz”

Joám opina que o Estado español é consciente de que “hai unha insatisfacción cada vez maior no campo sociolóxico do nacionalismo a respecto das posibilidades da vía estatutaria”. Tamén di que se produciu un baleirado do marco autonómico que leva a sectores do nacionalismo cara a posicións independentistas. “É un proceso lento, pero haino”. Constata que despois do acontecido en Catalunya nos últimos anos, desapareceu a ilusión nunha vía de “progreso competencial que permitise nun futuro maiores cotas de soberanía”.

“O Estado, consciente da situación económica e social da Galiza”, di Joám, “está apostando por evitar que outro conflito se lle vaia das mans e aposta por segar a herba de raíz e manter criminalizado o independentismo condenándoo a defenderse todo o tempo dos golpes da represión”, mentres lembra que en Madrid se está a falar de ilegalizar forzas nacionalistas con presenza institucional ao tempo que o PP pide que se eleve a barreira na porcentaxe de voto para acceder ás institucións.

Máis a herba segue a medrar.

“Non esperaba que tanta xente, partidos, sindicatos, centros sociais… estivesen tan preto de nós. Apareceu moita xente nas asembleas locais para pedir apoios, xente que non coñecía. Temos cariño. Vexo mesmo apoio internacional de organizacións cataláns e vascas. Iso dá forzas, claro”, confesa Afonso. “Hai unha sensibilización social clarísima. Vese isto como un proceso político e hai unha visión compartida e socializada dos perigos que ten”, anota Joám.

Iria recoñece que está nerviosa. Serán tres días, polo menos, diante do tribunal en Madrid. Espera un ambiente hostil. Ela pensa que a sociedade civil galega reaccionou con maior convicción desta volta. “Valoro positivamente o que se está a xuntar arredor, é como un grupo de contención, de solidariedade, porque todas e todos somos militantes da política. Veremos como responde a xente na manifestación do domingo, a día de hoxe os actos públicos están condicionados pola pandemia, pero estou animada, convencida de saír vitoriosa, absolta”.

Deixe um comentário

Deixe um comentário