Nova batalla contra represión xudicial das opinións
Os avogados que levarán diante da Audiencia Nacional a defensa dos activistas galegos investigados nas operacións Jaro I e Jaro II avanzan que a súa defensa pivotará sobre o dereito das persoas a pensar libremente e sobre o dereito a organizarse.
Coletivo Amanhecer | A Coruña | 13 de outubro. “Por primeira vez desde que rematou a ditadura militar franquista o Estado español pretende ilegalizar organizacións estritamente políticas. Quere ilegalizar Causa Galiza e Ceivar, mais non pode acusalas de acto violento ningún”, explica Manuel Chao. “Estamos baixo unha xurisdición de excepción desde que a Audiencia Nacional (AN) substituíu o Tribunal de Orden Público: penas duras, perda de garantías, uso represivo da xustiza. Iso leva pasando décadas. A Audiencia especializouse en ETA, e cando se esgotou ETA, eses órganos –xuíces, policía, garda civil especializada– quedaron sen obxectivo e procederon contra outros fenómenos en Catalunya, Galiza… coa mesma dureza, porque o que saben facer é iso e teñen este rol social exemplarizante”, di Brais González.
Manuel Chao e Brais González defenden os doce activistas galegos que serán xulgados a partir do próximo luns, 19 de outubro, na Audiencia Nacional acusados de enaltecemento do terrorismo e pertenza a organización criminal para comisión do delito de enaltecemento do terrorismo. O letrado Manuel Chao, do despacho Gabinete de Estudos Xurídicos Avogacía, defende nove deles (os afectados pola operación Jaro I), é un veterano neste litixio que o Estado mantén desde hai décadas contra o independentismo galego. Pola súa parte, o avogado Brais González asumiu na fase de cualificación, en 2019, a defensa dos tres afectados pola operación Jaro II, dous anos despois de que tivesen lugar as detencións dos activistas de Ceivar.
A Audiencia Nacional resolve nun xuízo dous sumarios de dous procesos distintos coa intención, segundo algúns dos acusados, “de construír un macro-proceso contra o independentismo organizado na Galiza”.
No 2015, en outubro, nove militantes de Causa Galiza foron detidos baixo sospeita de integración en banda armada –esa acusación foi retirada durante a instrución– e enaltecemento do terrorismo, segundo o relato que construíu a Guardia Civil. O partido político permaneceu ilegalizado durante un ano. En xuño de 2017, tres activistas de Ceivar foron detidos e acusados de enaltecemento do terrorismo.
En 2020, a Fiscalía acusou os doce de pertenza a organización criminal para comisión do delito de enaltecemento do terrorismo. Agora enfróntanse a penas que suman 102 anos de cadea, 3480.000 euros de multas, inhabilitación para opositar, traballar nas administracións públicas e presentarse como candidatos nas eleccións. Ademais, o Estado volve pedir a ilegalización de Causa Galiza, e tamén de Ceivar. Os avogados das defensas individuais comentan o proceso para adiante.gal, empezando pola instrución dos respectivos sumarios, que produce, denuncian, indefensión e incerteza.
“O que máis me preocupa é entrar nun tribunal sen ter participado na instrución, e que ese tribunal estea acostumado a procesar sen garantías. É a natureza da Audiencia Nacional. Colegas con experiencia dinme que sabes como entras, pero nunca como saes. Esa incerteza débese a que este tribunal adoita facer valoracións de tipo político represivo. Nese terreo estamos”, avanza Brais González. E explica: “Instrución non houbo. Foi unha investigación sen participación. Os nosos tres representados estiveron á marxe do procedemento até que os chamaron un día de maneira precipitada para ir declarar sen ter capacidade para facelo. Despois comprometéronse a recibilas declaracións en forma, mais iso non sucedeu e así entran no xuízo oral… que vai ser a nosa primeira oportunidade procesual de ser escoitados”.
“Non houbo máis instrución que dous informes da Garda Civil que levaron cinco anos para facelos. Informes de intelixencia e periciais”, di o letrado Manuel Chao.
Eses informes de intelixencia son un dos piares da acusación. O outro, a existencia dunha organización terrorista, asentada na sentencia do sumario 2/2012. Mais Resistencia Galega ficou desarticulada, segundo o propio Estado, e mesmo nunha instancia superior a súa existencia foi posta en dúbida no voto particular dun dos xuíces do Tribunal Supremo, Sáiz Valcárcel. “No todo acto de violencia con finalidad política puede ser calificado como terrorista”, concluía o maxistrado en 2014. Pero a Fiscalía conseguiu introducir Resistencia Galega no proceso da Jaro I e da Jaro II rescatando como proba o sumario 2/2012.
“Aquí é todo un disparate. Durante estes cinco anos temos solicitado en varias ocasións o arquivo da causa. Dise que hai uns autores dun delito de enaltecemento de terrorismo cando o terrorismo non existe na Galiza. Están acusados de enaltecer actos terroristas pero sen vinculalos a ningunha organización concreta, unha organización criminal que non se sabe cal é… organizacións criminais serían, supostamente, Causa Galiza e Ceivar, que se terían creado para enaltecer o terrorismo”, explica o avogado Chao.
“Buscaron unha relación, pero despois de todo no sumario non figura ningunha expresión que os poña en relación co suposto fenómeno terrorista, entón a investigación fai un xiro e utiliza os informes de intelixencia, que máis alá do que acheguen as probas recollidas son suposicións, algo así como discurso sociolóxico. Pero non son dereito”, anota Brais González. “Se ti non tes feitos concretos que atribuír, constrúes un relato criminolóxico contundente baseado na lóxica do dereito penal do inimigo, non os xulgas polos feitos nin polas súas expresións, senón polo que os informes che din que son e polo entorno ao que pertencen segundo din eses informes”.
“Non se acusa aos nosos defendidos de actos violentos, senón de enaltecemento, algo que pode ser considerado como unha manifestación ideolóxica”, resume Manuel Chao.
“A opinión como tal non é perseguíbel como delito material porque fai parte da vontade e da dignidade de cada persoa, é un acto íntimo. E a posibilidade de expresala publicamente é un dereito”, reflexiona Brais González.
Hai máis irregularidades que os letrados non anticipan, pero que farán valer na vista, din. Advirten ademais de que o delito de enaltecemento ten unha prescrición de cinco anos e hai actos polos que se acusa aos activistas que son de 2012, 2013 e 2014. Tamén foi recusado o presidente do tribunal, Félix Alfonso Guevara. A razón é que formou parte no ano 2013 do tribunal que xulgou o sumario 2/2012 que agora se admite como proba. “Recúsase por falta de parcialidade e manifesta inimizade coas partes acusadas, porque xa naquel proceso de 2013 houbo moitas dificultades para o exercicio do dereito de defensa”, sinala o letrado Manuel Chao.
O sumario 2/2012 consideraba “feitos probados” que catro activistas galegos formaban parte dunha organización terrorista denominada Resistencia Galega que tería obxectivo “lograr a independencia do territorio histórico de Galiza respecto de España, subvertendo para elo a orde constitucional”.
Manuel Chao tamén lamenta que se teña producido “unha dilación indebida non xustificábel” porque no caso dos seus defendidos pasaron cinco anos desde que se iniciou o procedemento contra eles. Isto afecta aos dereitos de defensa e á tutela xudicial efectiva dos defendidos, insiste. “As razóns? Son alleas a esta defensa. Pode que o que aconteza é que o xulgado ten a súa axenda política para encamiñar este proceso”.
Mais alá dos baixos estándares do dereito á defensa e das garantías procesuais no Estado español, os letrados sinalan que neste caso concreto están afectados os dereitos de liberade ideolóxica e de participación política. “Sosteremos a defensa sobre dous alicerces, primeiro, no dereito a que unha persoa poida pensar e manifestarse libremente no seu pensamento ideolóxico; e, segundo, no dereito a organizarse para manifestar as súas ideas”.
“Non ten sentido que non sentemos nun procedemento penal para discutir que valor criminal ten a opinión dunha persoa. A opinión como tal non é perseguíbel como delito material porque fai parte da vontade e da dignidade de cada persoa, é un acto íntimo. E a posibilidade de expresala publicamente é un dereito”, reflexiona Brais González. “Sentenzas de tribunais internacionais veñen avisando sobre isto: hai que limitar moi ben os delitos referidos á opinión, haberá delito na opinión que se considere elemento tendencial ou de xeración de risco… é dicir, se se tivese dado un risco real, concreto e determinado de comisión dun delito. Por outra parte, a barreira penal está extremadamente anticipada, establécese para abandonar o terreo dos feitos e producir no conxunto da cidadanía, nas persoas que manteñen discursos disidentes, a autocensura para evitar penas moi duras”.
“Non se acusa aos nosos defendidos de actos violentos, senón de enaltecemento, algo que pode ser considerado como unha manifestación ideolóxica”, resume Manuel Chao.
Opinión pública favorábel?
“É un escándalo falar de ilegalizar unha organización política. Os partidos políticos teñen que ver nisto unha perda de dereitos individuais e colectivos das persoas. Catalunya pode quedar lonxe, pero isto está pasando aquí”, advirte o defensor Chao, que debuxa un contexto moi diferente ao de 2013 no último gran xuízo o independentismo. “Daquela foi o Ministerio do Interior con Jorge Fernández Díaz –hoxe encausado– á cabeza e a Guardia Civil quen levaron a un Tribunal xa proclive a deixarse influenciar por esas forzas a determinar que na Galiza había unha organización terrorista. Agora non vai haber esa presión, o peor é que a animosidade do tribunal se mantén”.
“É unha opinión moi persoal”, anota Brais González, “cústame apreciar esa reacción social, penso que se perderon moitas oportunidades de dar unha resposta desde a sociedade civil galega. Non houbo nin hai corrente masiva de demócratas diante da decadencia das institucións e do propio réxime do 78”.
O avogado considera que, con respostas esporádicas e sempre limitadas en canto á incidencia social, a Audiencia Nacional pode sentirse “reforzada”, mais advirte que “cando o que se perseguen son delitos de opinión, estamos ante os últimos coletazos da administración xudicial antiterrorista. Na maior parte dos casos o que se está a perseguir é a expresión do discurso disidente. Este é un fenómeno atípico na contorna europea. Mais non é unha deriva, é unha mostra da patoloxía desta xurisdición de excepción, que envellece mal cando desaparecen organizacións que sosteñen conflitos políticos violentos”.
Os letrados maniféstanse inquietos polo estado xeral da Xustiza en España e pola falta de independencia do poder xudicial español. “O que nos preocupa é ver como agora o Tribunal Supremo se converte nun poder político máis contra outros poderes políticos legalmente constituídos, porque a Audiencia Nacional sempre o foi… Antes utilizábase a forza policial ou militar; agora, a xudicial”, conclúe Manuel Chao.
Da sorte na defensa dos dereitos de opinión e organización dos acusados individuais dependerá tamén a sorte do partido político Causa Galiza, que presentará a súa propia defensa, e do colectivo antirepresivo Ceivar. Está previsto que a vista dure tres días, mais as defensas indican que o gran número de declaracións periciais poderían estender o xuízo toda a semana.
#independencias
“Desacomplexadamente independentistas”
Un paso máis cara a República (catalá)
Catalunha: nova folha de rota?
“Un pobo sen memoria é un pobo neurótico”
“Toda a nosa identidade está negada”
Outras novas
Recadación de fondos para crear o Bosque da Lingua nos Montes de Couso
O aparato de propaganda dos xigantes eólicos sae a escena
Ecoloxistas exixen en Ourense moratoria para frear as macrogranxas
Outras novas
Recadación de fondos para crear o Bosque da Lingua nos Montes de Couso
O aparato de propaganda dos xigantes eólicos sae a escena
Ecoloxistas exixen en Ourense moratoria para frear as macrogranxas