Nove maneiras máis de ser muller

Testemuños de mulleres sobre a condición feminina nestes días de combate para reclamarmos o que nos é propio.

Erea Blanco | Texto | Alberte Murado | Ilustración

Sorprende que a estas alturas sigamos con reclamacións de hai 107 anos. Pero seguimos cunha fenda salarial e os traballos que se nos ofrecen son non cualificados, mal pagados e temporais, o que nos obriga a emigrar ás mozas e deixa ás adultas o labor dos coidados familiares.

Para min ser e reclamarme como muller galega e de clase obreira foi redescubrirme tras moitos anos cumprindo o que o sistema determinou que me correspondía polos xenitais cos que nacín.

As mulleres somos mulleres desde que se nos coloca nuns roles de submisión e todo o que fagamos en contra da norma vixente sáese dese roles, mais, nesta altura hai moitas respostas á pregunta sobre o significado de ser muller. Aquí van algunhas (nove e a miña propia) que fomos recollendo estes día.

Eugenia. Ferrol. 46 anos

Pois así, de primeiras, teño que dicir que ser muller é un marrón. Si, como é un marrón ser pobre neste mundo ou ser dunha etnia non dominante ou, en fin, ser de calquera grupo social desposuído de poder.

Cando nena non era consciente disto, eu sempre andei moi contenta de ter unha cona e unhas tetas no meu corpo, aínda hoxe estou contenta por iso. Se é que é iso o que define muller, estou moi contenta de selo.

Pero entón chego ao lugar onde atendo a esta definición, precisamente: que é o que é ser muller? Se aceptamos a definición do heteropatriarcado e ser muller é ter características sexuais femininas e ademais ter gusto polos homes (definidos estes exactamente igual, claro), me rebelo: isto é tan limitador e excluínte e xa de por si sexa de desigualdade, que eu rexeito a definición.

Eu quero poder dicir que son persoa e me manifesto sexual e amorosamente como me veña en gana. (Ao loro, por favor, estupideces aparte: non se aceptan perversións e violencias, non entran dentro da manifestación amorosa e sexual da que falo)

Pero é certo que mais alá do meu desexo, son recoñecida como muller e entón penso que como integrante de esta clase social dominada historicamente: ensinada a calar, esperar, sacrificarse, someterse; ser observada continuamente como obxecto sexual, dividida historicamente entre putas e santas; obrigada dende as veas a coidar (coma se iso fose só inherente a ser muller e non a ser persoa); mal pagado o noso traballo cando se paga; invadida sempre en tan variadas formas no noso espazo de soidade; interrompida continuamente, cuestionada e excluída das elites culturais, técnicas e artísticas; violentada, violada, golpeada e asasinada; desposuída de apelidos, propiedades, dereitos… desposuída de fillos e fillas, fábrica de carne para o sistema… Como integrante desta clase para min ser muller é tamén o exercicio de ser consciente disto e construír a miña vida e relacións en consecuencia, e polo tanto loitar para amar en igualdade, traballar en igualdade, manifestarme en igualdade, ensinar o meu fillo en igualdade, etc. E todo isto me leva tamén a rexeitar toda desigualdade social e rexeitar profundamente o sistema global dominante, e pensar que o feminismo é unha bendición para todos: os desposuídos para deixar de selo e para os poderosos, condenados a ser axentes violentos, ben se midan o carallo, a carteira ou os mísiles.

Paris. Vilagarcía. 30 anos.

Non é pregunta pequena… Para min ser muller é moitas cousas, un sentimento, unha peza fundamental e importante da miña identidade, moitas veces é felicidade mais tamén é resistencia, loita e vitoria constantes. Ser muller é tamén ter a capacidade de extraer a mellor esencia do mundo que nos rodea, é vivir constantemente atravesando horizontes e ir, aos poucos, alcanzando unha harmonía indescritíbel coa miña propia experiencia.

Gloria. A Coruña. 45 anos.

Para min ser muller é vida, é frescura, é tenacidade, é creatividade, intelixencia, empatía, sabeduría, solidariedade… e para min ser muller e ser grandes loitadoras da construción dunha sociedade (…) que impulse a igualdade e que estea chea de vida pola forma de desenvolverse. Pero sabemos que a realidade é outra, e nestes últimos anos e en demasiados casos ser muller supón para moitas a liberdade, a excravitude, o maltrato… sobrevivir, estar todo o día saltando barreiras, e sobre todo, as condenas. Porque moitas delas están sendo condenadas polo feito de ser muller. Triste sociedade, non? (…) …é unha carreira de fondo na que a única saída a que se nos induce é ao silencio e a deixar de sermos.

Carlota. Melide. 18 anos.

… simplemente son persoa pero cunha serie de “debería” que teño ás costas, entón, debería depilarme, debería ter o pelo longo, debería volver acompañada a casa, debería cubrirme o peito cando estou na praia… Moitas veces fixen o que supostamente debería e, outras moitas pois non… entón ser muller é unha loita constante contra os “debería”.

Ademais de cargar seguido con eses debería, sénteste cuestionada por calquera cousa, por exemplo: contestas mal e xa pensan que tes a regra, ou sénteste vulnerábel ou así é como queren que te sintas… no sentido de que pasas polo medio dun grupo (todo homes) e sénteste observada, sentes como falan ás túas costas sobre ti, como opinan sobre o teu corpo sen dereito ningún, como te violan coa mirada dalgún xeito. Ser muller para min é loitar continuamente por non sentirme así, loitar contra os “debería”, loitar contra todo o que me oprime porque ao final tristemente, hoxe en día, ser muller é ser oprimida.

Iria. Coruña. 29 anos.

…tomar conciencia dun mesmo se cadra é o máis difícil de resolver, e se cadra é algo que nunca chegaremos a resolver. Entón, vou falar da miña experiencia profesional para tentar responder a esta pregunta… entón dicir que no mundo das artes, concretamente no mundo do teatro e no mundo do audiovisual aos que me adico, pois ser muller para min significa estar sometida a uns corsés que socialmente xa existen, pero que se cadra na nosa profesión, por ser pública e por estar fundamentada no poder da imaxe, pois se acentúan e o seu efecto (…) é en ocasións devastador. Por exemplo,  unha muller no audiovisual a súa carreira é máis curta ca dun home. Por que? Porque pasada certa idade hai mulleres coas que xa non se conta para traballar. Por que? Seguramente haxa moitas respostas para isto, pero é unha realidade. Ser muller significa tamén cobrar menos. Ser muller significa unha dobre vara de medir, é dicir, moitas veces as actrices acceden a un papel porque son guapas e non polo seu talento (…) coas que non se expoñen, as que están detrás, concretamente as directoras, as directoras de cine ou directoras de produtos audiovisuais televisivos, pois hai un estigma… cada vez que unha muller dirixe unha película parece que ou presuponse que ten que facer un produto determinado ou cunhas características determinadas que o diferencian do cine que fan os homes… (…) case tes que demostrar que por ser muller tes que facer un tipo de cine determinado… é a peor parte disto para min, na miña opinión, é que moitas veces cando unha muller dirixe unha película ou unha especie de televisión importante é unha especie de concesión (…) Para resumir, penso que igual que na sociedade as mulleres teñen que demostrar moito máis ou con maior insistencia cos homes a súa valía…»

Vanesa. Monfero. 38 anos.

Ser muller é ser unha persoa. Non me gusta a división por xénero. As persoas poden nacer con xenitais femininos, masculinos ou cunha mestura de ambos. Poden ser persoas máis femininas ou máis masculinas, máis ou menos machistas ou feministas. Nacer muller supón estar nunha situación de desigualdade. Unha muller ten máis dificultades que un home para gozar da súa liberdade. Ás veces chocamos cos tempos e as lóxicas de produtividade do mundo no que vivimos, pois normalmente é difícil conciliar a vida familiar e a laboral. Ser muller é unha experiencia vital marabillosa, pois cada muller é varias mulleres en si mesma. As mulleres somos capaces de poñernos como ninguén no lugar dxs outrxs, de ter empatía, e de conectar co entorno e co mundo dun xeito complexo e especial. Penso que o noso xeito de pensar é transversal, e isto é unha virtude.

Mar. Arteixo. 41 anos.

Non teño tempo para nada. Esa son eu. Fáiseme costa arriba contestar a túa pregunta. Por un lado respondería o máis básico en canto a condición sexual, digamos, ou sexista, e non tanto respecto das cuestións de xénero… Tería que estruturar un discurso que non sei se é propio ou alleo… e non sei canto me sinto muller.

Eu teño moitos sentimentos confrontados dende a infancia coa miña condición de muller, non?… E tamén cunha evolución enorme porque moitos dos pensamentos que teño a día de hoxe foron elaborados a través de discursos e de observacións e análises políticas (…) unha parte desa análise non é propia senón do que teño lido ou escoitado (…) hai unha parte así moi de esencia que é moi apegada na que recoñezo o meu machismo e unha serie de valores que as veces dubido se son tanto cuestións do patriarcado ou desas dinámicas culturais e sociais, desas dinámicas de poder. Non son quen a día de hoxe de atribuírllas exclusivamente a unha orixe masculina (…) Quero pensar que tamén é un constructo e que esas dinámicas de poder e contrapoder que se dan na natureza non son exclusivamente de xénero, non?

Faia. A Coruña. 19 anos

Non sei… polo feito de ser muller xa estou condenada a que se me asignen características e formas de ser que coincidan co canon de “feminidade”. Non son características que me representen. Tamén é estar sometida a estética que se nos impón porque aínda que non a sigas son cousas que sempre che acaban afectando de algo forma: a cousa de estar delgada, de depilarse… Tamén está o feito de ser valorada dunha forma diferente ou que esas mesmas persoas que pensas que te critican por facer algo, despois sexan as mesmas que che din que eres libre de facer o que queiras como muller. Non sei… de momento é todo o que che podo dicir.

Luísa. Lalín. 81 anos.

Ser muller sempre foi a parte mala da historia. Para min significou marchar traballar a Inglaterra porque naqueles tempos na casa non chegaba cun só salario, tamén ser muller fíxome escoller deixar á miña filla durante anos para lle poder dar un bo futuro. Supoño que ser muller é sacrificio. Eu, por sorte, volvín; cousa que non lle pasou a outras moitas. No rural sempre se traballou con todo o mundo e nunca sentín discriminación para traballar a terra, pero si que é certo que as máquinas e as matanzas sempre foron cousa dos homes.

Erea. Ourense/A Coruña. 20 anos.

…reclamarme como muller representa unha ruptura co patriarcado desde a base, non acatar os roles que me veñen impostos, é reclamarme libre e empoderada, é rachar con todo o que asumín durante anos e asumirme insubmisa ante as premisas patriarcais que se nos impoñen desde a infancia.

Evidentemente ser muller na actualidade supón moitísimas trabas á hora de conseguir un traballo, de conseguir simplemente ser valorada polo que se é, sen influírse polo físico ou pola sexualidade. É erguerse todos os días para darse cabezazos contra unha parede por semellar tola por reclamar igualdade en todos os ámbitos da nosa vida. Mais tamén é traballar polo resto de mulleres, é adicar tempo e folgos a unha loita común: a da igualdade. É tecer lazos con centos de mozas que pasan polo mesmo que paso eu a diario, é comprendernos entre nós, defendernos e coidarnos, a sororidade é unha das armas máis fortes que temos as mulleres a día de hoxe para seguir sendo a resistencia a este sistema que nos colocou do lado débil, do lado que non importa e do que sempre perde.

* Nunha versión anterior deste texto mudouse erroneamente o termo ‘sororidade’ por ‘sonoridade’. [data da corrección: 7/03]

#feminismos