O anarquismo coruñés refunda Germinal

Máis de cen anos despois, a memoria libertaria na Coruña revive un dos espazos centrais do pensamento e a acción anarquista no primeiro terzo do século XX.

Compartilhar no facebook
Facebook
Compartilhar no twitter
Twitter
Compartilhar no google
Google+
Compartilhar no whatsapp
WhatsApp
Compartilhar no telegram
Telegram
Compartilhar no email
Email
Compartilhar no facebook
Compartilhar no twitter
Compartilhar no google
Compartilhar no whatsapp
Compartilhar no telegram
Compartilhar no email

Redacción adiante | A Coruña, 15 de xuño.  “O anarquismo é unha actitude; un virus, dicía meu pai”. Geli Montes naceu nun fogar ácrata nos estertores do franquismo. Pertence á cuarta xeración dunha da saga de anarquistas coruñeses. Conserva o fío da cidade libertaria, “La Perla Negra, lle dicían”. Rafa Toba párase nunha esquina da praza de Vigo e sinala cara o final da rúa Federico Tapia. “Aquel edificio era a sede da Federación Local Obrera da CNT, aquí colocou as metralladoras a Guardia Civil. Os obreiros tiñan algunha pistola. O gobernador civil tiña unha orde do primeiro ministro Casares Quiroga de non armar aos obreiros…” La Perla Negra, e con ela un dos bastións democráticos do norte, caeu. Un cultivo de xeracións. De esforzos no mar e na fábrica. A Coruña anarquista, un sindicato con catorce mil afiliados, o 15% da poboación, contan os historiadores.

Volveuno contar Óscar Freán, ourensán, profesor en Francia, na universidade da Borgoña, estes días durante a presentación dun libro seu, capa negra e vermella, no local da Unión Anarcosindicalista, escindida (“desfederada”) da CNT, no marco das segundas xornadas libertarias que volven tirar do fío. O historiador fala dos Montes no seu texto. Conta que “os fillos dos traballadores eran os herdeiros da ideoloxía dos seus pais”. “Non sempre”, matiza na charla diante de familiares dos Montes, dos Otero, de Moreno, de familiares de Villaverde e de Juan No. Grandes nomes dun pasado agochado. “Manuel Montes”, relata, “activo militante da CNT no sector pesqueiro, e os seus fillos Carlos e Antolín”. Antolín, o pai de Geli, que viviron na rúa Asturias, nos Mallos, o barrio do Despertar Marítimo, a rede que se mantivo clandestina despois da traxedia, que resistiu á furia fascista. “Cada noite aparecían mortos á entrada dos barrios, nas cunetas, si”, di Geli que escoitou do pai. “Unha vez que o prenderan a miña nai saíu de noite, preñada como estaba, avisar à xente. Foi casa por casa. Pero el non delatou a ninguén. A nai perdeu dous fillos. Din que non os matou o franquismo. Eu penso que si. Quixen presentar querela e non ma admitiron. Pero presentei tres, si: unha por Manuel, o avó [asasinado], outra por Carlos, meu tío [asasinado], e outra por Antolín, torturado. Están na Querela Arxentina”.

La Perla Negra, a dos 14.000 anarquistas (non todos tiñan ideas libertarias, claro), apenas acubilla hoxe en día a unhas ducias de militantes e un pequeno sindicato desfederado da CNT. Na vella sede da CNT, levantada coas cotas dos obreiros, hai hoxe oficinas. Nunca chegou a ser devolta. “O sindicalismo anarquista foi defenestrado no 36 e rematado contra o final do franquismo, anulado pola infiltración das policías, como quedou acreditado no atentado do Scala, en Barcelona; anulado polo pasotismo e a heroína nos que caeu moita xuventude, en especial nos barrios obreiros; foi un freo e o Estado participou”, reflexiona Rafa Toba, que o día da inauguración das xornadas libertarias, antes da presentación do libro de Freán, anunciou a refundación de Germinal.

La Perla Negra, a dos 14.000 anarquistas (non todos tiñan ideas libertarias, claro), apenas acubilla hoxe en día a unhas ducias de militantes e un pequeno sindicato desfederado da CNT.

Germinal nacera no 1901, pero os atrancos burocráticos adiaron a regularización das súas actividades case un par de anos. Germinal foi un ateneo, un centro cultural libertario, unha sociedade que medrou até chegar aos 600 asociados na década dos anos vinte. Comezara realizando actos no local da Antorcha Libertaria, outro ateneo. Entre finais dos vinte e principios dos trinta, hai documentados 27 deles na cidade. Despois tivo local propio, primeiro na rúa Ramón de la Sagra, despois en Linares Rivas, finalmente na rúa Sol. Alí celebrábanse conferencias, debates de todo tipo, mesmo vodas civís, había libros e co tempo, unha biblioteca. O último local tiña até duchas para que os obreiros, con pouco tempo despois do traballo, puideran asearse. Germinal mantivo a súa batalla cultural até o mes de xullo de 1936. O derradeiro acto que se programou foi unha excursión a Betanzos para o 2 de agosto daquel ano. Non se celebrou. A maior parte da biblioteca foi queimada, uns 10.000 libros. O anarquismo fóra decapitado. La Perla Negra tinguida de sangue. Moitos fíos rotos.

O anarquismo coruñés refunda Germinal.
Elena e a súa nai, Aurora Pan No, neta de Juan No, histórico do anarquismo falecido en 1920.

Aurora e Elena viven nas Roseiras, un barrio novo da cidade, que era monte e pedras cando Os Mallos, Vioño, A Silva bulían libertarios. Moi lonxe. A guerra e o franquismo amputou a memoria da familia. Aurora Pan No ten oitenta e dous anos, traballou máis de media vida en La Voz de Galicia como administrativa, e non conserva recordos do avó, Juan No, tipógrafo, líder anarcosindicalista na primeira década do século pasado, un dos fundadores da CNT en 1910, e antes, socio fundador de Germinal. A nai dela, tamén Aurora de nome, nacera no ano 13, e o pai morreu no ano 20. “A muller de Juan, Sofía, falaba pouco del. Viviu até máis dos noventa anos, pero supoño que tiña medo”, confesa Elena, a bisneta. “Tiveron catro fillos”, di Aurora, “e penso que só un deles estivo en política, nas Irmandades, pero morreu moi novo. Do avó sabemos polo que nos contan. Que tivo un enterro multitudinario. Que a xente xuntouse a moreas na rúa Marconi e acompañou o féretro até o cemiterio. Sei que tiña libros. Pero a avoa queimou moitos”. A familia continuou na casa da rúa Marconi, cos tíos, coa avoa, en silencio. “Seica o enterro foi moi emotivo. Os barcos no porto tocando as sirenas, bandeiras a media hasta. Era moi querido, si”.

O anarquismo coruñés refunda Germinal.
Militantes anarquistas no Club do Mar, fundado polo anarquismo coruñés a principios do s. XX. Mostran exemplares de ‘Tierra y libertad’ e de ‘Solidaridad Obrera’.

Aurora e Elena estiveron na presentación do novo Germinal. Pero non coñecían a ninguén das outras familias. As mozas e mozos do sindicato desfederado son hoxe o fío. E os historiadores, como Eliseo Fernández, que esta semana interveu nas xornadas libertarias cunha conferencia sobre a rede internacional do movemento anarquista galego: sobre o gremio de repartidores de pan en Lisboa, a finais do XIX, organizadores dunha folga que acabou coa deportación, por barco, de 300 deles. Case todos galegos, así que cando caeron na conta de que o barco ía cara o sur, pediron que os levaran para o norte. A rede servía tanto para espallar as ideas como para acoller aos expulsados. O anarquismo, as ideas, cociñáronse a fogo lento entre barcos e océanos, folgas e ateneos, conta o historiador, de xeración en xeración. Fernández anda colaborando coa familia Montes na recuperación dos últimos restos da memoria, esa outra rede.

Na actualidade, os problemas internos da CNT “non axudan, nin o anarcosindicalismo nin a CNT están no seu mellor momento”, explica Rafa Toba, “pero hai certo renacemento, existen numerosos grupos autónomos, e a diversidade é positiva, trae debate e os debates son ideas”.

En Germinal, o novo, as compañeiras do sindicato pretenden darlle un impulso ás ideas, as teorías, “pero non só as nosas, se non as de todas e todos. Queremos crear un espazo para o debate, pero o debate de verdade, con ideas contrapostas, e debater sobre todas as cuestións… sobre filosofía ou teoloxía, sobre eutanasia ou xenética, sobre os nacionalismos ou sobre a ciencia. O que botamos de menos é que a xente teña unha opinión propia, refírome a non creada desde fóra. Hai un abano de institución, desde as universidades, definindo o que se debate e nos pensamos que non fai falta matricularse na universidade para saber de ciencia, de relixión ou do que sexa, queremos público informado e aberto. Buscamos o que buscou sempre o anarquismo: a instrución, a educación”.

O anarquismo coruñés refunda Germinal.
Joaquín Otero, neto e bisneto de líderes anarquistas coruñeses, con Rafa Toba no taller de curtidos da familia Otero.

Joaquín é neto e bisneto de anarquistas. Está no negocio dos curtidos. O negocio familiar despois da guerra. Case setenta anos xa nunha tenda na que primeiro foi empregado o avó e despois dono. Patrón, “con moi bo trato aos empregados”, di María Dolores Otero, de 70 anos, que traballou no negocio desde moi nova, xunto ao pai, que “non falaba de política pero que axudou a moita, a moitísima xente”, lembra ela, que despois de que o pai morrera atopou ducias de cartas de xente e máis xente “dándolle as grazas e devolvéndolle cuartos que el lle prestara”. O negocio dos curtidos, un oficio. O gremio que lles salvou a vida ao avó, Joaquín, e ao bisavó, tamén Joaquín, conta o neto, que desculpa a ausencia dun irmán, que tamén querería honrar aos devanceiros. “Despois do golpe do 36 ían detidos, cara a morte. Pero un grupo de soldados que os coñecían, seguramente anarquistas, interpuxéronse aos outros e dixeron que tiñan ordes de levalos a outro sitio. Acabaron na fábrica de zapatos de Ángel Senra, protexidos polo patrón, traballando como obreiros especializados, imprescindíbeis para o equipamento do exército”. Así foi como salvaron a vida os Otero, as dúas primeiras xeracións de anarquistas, da familia. Joaquín, o fillo, traballou e educou á filla no Colexio Dequidt. “Nunca falaba da guerra. Cando Franco viña á Coruña, a quen metían no cárcere era a meu tío Eugenio, igual por unha confusión. A nai tiña unha mercería. Traballaban os dous, así que nunca faltou de nada na casa”, lembra María. Os Otero eran todos, toda a familia, socios de Germinal. Nos anos anteriores á guerra José Villaverde casou cunha das fillas do patriarca, Palmira. Villaverde chegou a secretario da Confederación Regional da CNT en Galiza. Foi a máxima figura anarquista entre os socios de Germinal.

O anarquismo coruñés refunda Germinal.
Geli Montes no barrio dos Mallos, o barrio de Despertar Marítimo e o gran movemento anarquista de principio do século XX.

Está Xosé, despois Manuel, logo os irmáns Carlos e Antolín, despois vén Geli e as súas irmás, as fillas de Antolín, e despois tamén a filla de Geli, aínda no instituto, que xa anda dando charlas sobre a memoria histórica. A saga dos Montes conservou o fío. Mesmo se diría que xa nacen libertarias. Pero non, non é un virus, a actitude hai que educala. Instrución. Aquí está a historia das familias a través das escolas: “Xosé, o meu bisavó, organizou o sindicato de oficios varios, porque aínda non había suficiente xente como para organizarse por gremios. Manuel, seu fillo, estudou en Antorcha Galaica, chegou a presidente de Despertar Marítimo e tamén a presidencia da Federación Nacional de Industria Pesqueira e Derivados, hai que darse conta de que primeiro organizaron toda a flota do Cantábrico, e despois as do Atlántico e do Mediterráneo. Manuel foi asociado de Germinal e rematou facendo parte da directiva. Carlos Montes, o primoxénito de Manuel, formouse na escola laica que subvencionaba o Despertar Marítimo. A escola estivo dirixida un tempo, entre os anos 23 e 24, por Gaston Leval. Naquela altura, as escolas e os ateneos eran moi numerosos. La Perla Negra de la Anarquía. Estaban os sindicatos, a FAI, grupos independentes como Nervio ou Espartaco… Antolín, o outro irmán, meu pai, estudaba pola mañá no Concepción Arenal e pola tarde ía ao Ateneo Popular de catro Camiños, que estaba dirixido polo mestre anarquista Jacinto Méndez, que foi dos primeiros asasinados no 36”.

Carlos Montes, o primoxénito de Manuel, formouse na escola laica que subvencionaba o Despertar Marítimo. A escola estivo dirixida un tempo, entre os anos 23 e 24, por Gaston Leval.

Geli tamén estudou primeiro nunha escola nos Mallos, El Faro, xusto diante de onde posa para a fotografía, e despois no Concepción Arenal. Eran os últimos anos do franquismo. “Na casa vivía en Acracia e o saír á rúa era o franquismo. Imaxínese. A primeira vez que pedín permiso a meu para saír co mozo, díxome, desde cando nesta casa se dan ordes?”. A nai, Pacucha, que inda vive, criárase ca familia. Na casa, malia Franco, eran todos libertarios. O pai sufriu tortura. Conservaban libros, había reunións clandestinas na casa. Geli non lembra que o pai lle tivera que explicar, a ela e as súa irmas, que tiñan que gardar algúns secretos. Non eran relixiosas. “Ao día seguinte de morrer Franco, mandounos cun par de follas ao colexio. Unha para a directora e outra para o titor. A directora caéronselle as lentes diante miña. E o titor era cura… meu pai escribíralles para lles dicir que non íamos estudar máis relixión. Pasabamos as clases debuxando. Eu aprendín máis na casa, cada día do ano, de moitas materias ca no colexio. Meu pai era un gran amante da bioloxía. Lembro ver a tele, todas xuntas, El hombre y la Tierra, Costeau…”

A educación anarquista, di Geli, é ter sempre unha pregunta preparada: o por que? O anarquismo é un virus, ou unha actitude, “e segue vivo en tascas, en locais, nos ateneos que foron revivindo… asasinaron aos cabezas de familias, houbo un baleiro, unha amnesia provocada, pero temos metidas só na Coruña 17 querelas na Querela Arxentina, tres son miñas. O anarquismo é falar sen prexuízos, compartir ideas, escoitar voces por igual. Espero que Germinal sexa iso”.

Illas

Deixe um comentário

Deixe um comentário