O ceo cae

Vista da Jaro na Audiencia Nacional: día 2.

Compartilhar no facebook
Facebook
Compartilhar no twitter
Twitter
Compartilhar no google
Google+
Compartilhar no whatsapp
WhatsApp
Compartilhar no telegram
Telegram
Compartilhar no email
Email
Compartilhar no facebook
Compartilhar no twitter
Compartilhar no google
Compartilhar no whatsapp
Compartilhar no telegram
Compartilhar no email

Coletivo Amanhecer | Madrid | 20 de outubro.  Chove en Torrejón. O ceo liso de Madrid desapareceu esta mañá. Chove seguido, pouco, case nin molla, pero os activistas galegos que se enfrontan a penas de cadea baixo acusación de apoloxía do terrorismo refúxianse nos hoteis. Despois da vertixe do primeiro día, hoxe volveron á Realidade. O ceo cae paseniño. É noite cando se levantan para dirixirse a Audiencia, e noite cando descansaron un chisco e queren pensar noutra cousa que non sexa un futuro negado. A Realidade é o Estado en forma de punto cego da Xustiza, un tribunal de excepción, como insisten en denunciar sen o que seu laio se escoite en ningures. A Realidade son medios de comunicación de masas espallando o medo á disidencia, ese discurso oculto que cada vez que emerxe leva un pau. Os activistas (xa serán once mañá, cuarta feira, para o terceiro día do xuízo, porque Salvador Gómez foi eximido de continuar no banco dos acusados en atención ao seu estado de saúde) almorzan cun titular de prensa demoledor: Al banquillo por apoyar a Resistencia Galega (Faro de Vigo). O feche mediático completo despois de que profesionais pagados con cartos públicos difundisen onte a través dos medios públicos do país unha información que intenta revivir a pantasma do terror-independentista-galego. Esa é a Realidade, e o feche mediático é como se o ceo caese.

Como explicar desde aquí que dúas mulleres e dez homes, independentistas galegos, están diante dun xuíz na Audiencia Nacional que escoita un relato da acusación fundamentado en supostas continuidades delitivas e discursos que provocan conexións que só están na mente dos investigadores, xa que non hai -aínda non se mostrou- proba material de ningunha apoloxía (que non sexa a da solidariedade entre persoas, mais iso de momento non é delito) e el, o xuíz, non pon coto o disparate xurídico mentres se entretén en cortar calquera interpretación das defensas que xere dúbidas a respecto da capacidade das testemuñas para establecer feitos en base a opinións presuntamente expertas, que é tanto como poñer en dúbida a lexitimidade do Estado para exercer a violencia, mesmo a preventiva, cada vez que se sinte ameazado pola emerxencia dun discurso disidente? Esa é a Realidade, o tribunal xulgou hai moitos anos a causa galega e decidiu que o ceo caese sobre ela tantas veces como sexa preciso para que non asente.

A Realidade ditamina que non é relevante que a última acción que se atribúe a Resistencia Galega data de 2014 -un artefacto na fachada da Casa do Concello de Baralla- porque, en opinión da Garda Civil, “non se ten constancia de mensaxe nin comunicado ningún de abandono de actividade”. E, mentres, os presuntos líderes (Antón e Asunción) están na cadea desde hai un ano e a Fiscalía Xeral do Estado dá por “desarticulada, case o completo, esta organización”.

Ningunha das tres testemuñas presentadas este martes pola acusación soubo demostrar a “concatenación” entre a LAG, o Exército Guerrilleiro do Povo Galego Ceive e Resistencia Galega máis alá do simple enunciado. Fontes próximas ao proceso mostran a súa estrañeza porque no sumario non figure unha proba “pericial de intelixencia” que describa o mapa enteiro da suposta rede de organizacións que sostiveron o terrorismo independentista galego.

“Fartarémonos de escoitar nas próximas sesións testemuños de axentes que vixiaron un día un acto e non saben dicir o que alí se dixo porque non escoitaron, ou periciais técnicas sobre detalles moi concretos de se isto estaba no piso de tal e pertence a este ou aquel… todo como esta mañá”. O que está a construír o Fiscal é algo así como unha atmosfera, unha especie de artefacto narrativo ou pano de fondo polo que asoma de cando en cando Resistencia Galega, establecida a súa Realidade por un fallo do mesmo tribunal presidido polo mesmo xuíz, como parte necesaria dunha trama na que desta volta as protagonistas son outras, aquilo que na batalla contra ETA tomou o nome de “o entorno”.

Así, Resistencia Galega aparece consignada como “RG” nunhas notas tomadas por Afonso Fuentes, e o entorno agroma nun documento incautado a el mesmo e no que se debuxa “o aparato organizativo de Ceivar”. Como se a mera organización fose un indicio de que se vai (ou se está pensando) cometer algún delito, mais crea atmosfera. A Realidade é que, malia que os actos de Ceivar e de Causa Galiza -as dúas organizacións están ameazadas coa súa disolución neste proceso- son públicos, legais e comunicados á Administración, o que sostén o equipo que emitiu o informe de intelixencia é que nos seus actos se produce apoloxía do terrorismo sen dicir como, cando e por quen. Simplemente se di que iso aconteceu porque a Garda Civil pensa que aconteceu e se encargou de comprobar, antes e despois, a través das proclamas asociadas á publicidade dos actos e das noticias que dos actos daban os propios participantes.

Os activistas e as activistas galegas acusadas que declararon na vista oral negárono todas: nin houbo enaltecemento de persoas por levar a cabo actos violentos nin de acto violento ningún en si mesmo. Mais esa é unha vivencia que fica fóra da Realidade.

A pregunta da defensa, “que outros actos autorizados vixían vostedes?”, quedou no ar. Todo son sospeitas. Algunhas sorprendentes, porque interrogan unha testemuña que declara que non entende o galego e que non sabía o que se dicía nas publicacións en Internet que lle mandaban descargar.

Para crear atmosfera, que parece que é do que vai esta causa e toda a causa xeral contra o independentismo galego que a principios de século empezou a construír a Garda Civil, segundo sosteñen os independentistas, o Fiscal non repara en facer o que diante doutro tribunal sería considerado ridículo. Hoxe volveu mostrar unha imaxe da instalación de Santiago Sierra censurada en Arco, e engadiu unha galería de imaxes de nacionalistas galegos felicitando un preso político sen conseguir establecer a relación das organizacións e das persoas acusadas co acto. Para crear atmosfera, o Fiscal chamou a declarar a Xavier Vence e Bieito Lobeira, por se nunha reunión deles como máximos representantes do Bloque en 2013 trataran sobre a cuestión da violencia con Causa Galiza. Non houbo tal debate, dixeron o profesor (ex portavoz nacional do BNG) e o político, e deixaron constancia de que o rexeitamento á violencia como vía de emancipación nacional ficou fóra do ideario do nacionalismo maioritario hai tempo.

Mais a atmosfera non ten consistencia e evapórase cada vez que as defensas interrogan aos investigadores. Resulta que as súas fontes son indirectas, as súas certezas fráxiles, que poñen o foco sobre organizacións legais que desenvolven actos legais porque lles din que o fagan (e aquí o xuíz cortou a reflexión das defensas, “xa sei por onde vai, non admito que se fale de investigación prospectiva”) sen ter indicios de delito e, cando parece que os teñen, non interrompen os actos nin sancionan os participantes (e aquí o xuíz tampouco deixou afondar nas razóns). A pregunta da defensa, “que outros actos autorizados vixían vostedes?”, quedou no ar. Todo son sospeitas. Algunhas sorprendentes, porque interrogan unha testemuña que declara que non entende o galego e que non sabía o que se dicía nas publicacións en Internet que lle mandaban descargar e trasladar a outro investigador. É como se traen declarar un teléfono. Ou o secretario da investigación manifestando que vixiaba as moi perigosas redes sociais de Causa Galiza e Ceivar e as proclamas violentas que lanzaban mentres recoñece que estas organizacións non mantiñan actividade clandestina ningunha e que o seguimento policial se fixo porque sospeitan que eles facían parte de Resistencia Galega. Todo vai parar en Resistencia Galega, a Realidade que se impuxo na sentenza de 2013 ditada polo xuíz Guevara.

Onde está o punto que determina se existe apoloxía do terrorismo ou non nunha manifestación pública de apoio a presos políticos? “Non hai punto ningún, o delito é elástico”, reflexionan refuxiados da tarde gris sobre Torrejón os que mañá volverán levantarse para acudir a Audiencia Nacional sen esperanza ningunha. Hai anos que o independentismo galego sabe que non se permite pisar liñas vermellas, e coidouse de pisalas. Pero as liñas móvense. Un xogo perverso, a Realidade.

Deixe um comentário