O inicio da represión institucionalizada
Eduardo Rodríguez
Este mes de abril cumpríronse 80 anos da famosa emisión de radio que anunciaba ao país o final da Guerra Civil. “Cativo e desarmado o exército vermello” -lía con ton enérxico e marcial o actor Fernando Fernández de Córdoba dende os estudos de RNE en Burgos-, era liquidada a legalidade republicana o 1 de abril de 1939, tras ao golpe de estado frustrado de xullo do 36 e a guerra civil que desencadeou.
Terminaba a guerra, pero só para a metade da poboación. Para os vencidos o inferno continuaría, agora baixo a forma da represión institucionalizada. Dende un primeiro momento o estado franquista construirá un amplo armazón lexislativo co que soster un dos alicerces do réxime: xa non o castigo, senón a vinganza ante calquera intento de disidencia. Todo correcto, todo suxeito á lei.
Pouco antes da finalización da Guerra Civil, cando a balanza xa se decantaba para os nacionais, a arela no bando republicano era aguantar ata o inicio da II Guerra Mundial co fin de internacionalizar o conflito. O ambiente prebélico en Europa era insoportable, con dous bloques moi ben definidos -as democracias liberais fronte aos fascismos- e a gran esperanza era poder reverter a inminente vitoria nacional coa axuda das potencias aliadas. Faltarían uns poucos meses máis de resistencia para acadar o obxectivo.
Franco, pola súa banda, estaba a construír o futuro estado totalitario. En febreiro de 1939 -dous meses antes da finalización da guerra-, promulga a Ley de Responsabilidades Políticas, na que fai responsables do conflito a todas as persoas que fomentaran a subversión no país entre outubro do 34 e xullo do 36, xunto a aquelas que se opuxesen (con feitos ou omisións) ao Movemento Nacional a partir desta última data. Unha aberración legal non só de fondo senón tamén de forma: violaba un principio xurídico básico -a non retroactividade das leis- ao considerar punibles delitos de 1934 nunha lei promulgada en 1939.
Deste xeito, ser simpatizante da Fronte Popular (ou calquera outro partido ou sindicato de raíz democrática) ou opoñerse ao “alzamento nacional”, convertía a gran parte da sociedade española en responsable política da subversión vermella que o providencial Movemento Nacional viuse obrigado a reconducir. E unha vez rematada a guerra, habería que responder ante o novo estado franquista…
Crear un amplo corpus lexislativo como instrumento de represión foi un dos lugares comúns do franquismo ata os seus últimos momentos. A esa lei de febreiro do 39 seguíronlle outras como a Lei de Represión contra a masonería e o comunismo (1940), Lei de Seguridade do Estado (1941), Decreto-Lei de Represión da bandidaxe e terrorismo (1947)… e así ata o desmantelamento do réxime catro décadas despois.
Nos anos 70 Franco é un home vello e enfermo. En 1973, no funeral do seu amigo Carrero Blanco, transmite tal imaxe de fraxilidade e debilidade que fai pensar que o fin de ciclo xa está cerca. Porén, continúa aferrado ao seu vello discurso dos inimigos de España (o contubernio xudeomasónico, o comunismo internacional,…) mentres que no búnker saben perfectamente que o franquismo está axexado non polos demos familiares de Franco, como os denominou Vázquez Montalbán, senón por outros reais, de carne e óso, moito máis perigosos. Neste contexto o franquismo agoniza, aínda que a represión continuará ata o final. E como non, lei en man.
O últimos cinco fusilamentos do franquismo en setembro de 1975 atoparán amparo legal no Decreto 10/1975. Tres terroristas do FRAP e os dous de ETA serán executados tras aplicárselles con retroactividade -unha vez máis- unha lei promulgada ad hoc que nace co obxectivo de castigar duramente a oposición armada contra un réxime que fai augas por todas partes.
A noite anterior ás execucións, Franco retírase a descansar coa orde de que ninguén lle moleste; nin sequera atenderá as mensaxes de Pablo VI solicitándolle clemencia. O ditador, tan católico, apostólico e romano, non tivo compaixón nin a dous meses de ter que render contas da súa vida e obra, construíndo un réxime cimentado sobre cadáveres de represaliados. Os mesmos mortos que, corenta anos despois e á desesperada, serán usados para intentar apuntalar un sistema que se está a esboroar.
Vigo, maio 2019.
Eduardo Rodríguez
Vigo, 1972. Arqueólogo e profesor de Historia no ensino secundario. Autor de diversos artigos en revistas especializadas sobre historia e arqueoloxía de Galicia, e do ensaio As lembranzas soterradas. Unha lectura arqueolóxica da Coia histórica. Concibo o pasado e o patrimonio cultural como unha inmensa fonte de gozo, como un incomparábel xerador de emocións.
Outras opinións
Lupe Ces: Licuar o sexo/Liquar o sexo
Unha multitude dentro de Dylan
Algúns erros de esquerda que axudaron Ayuso
Outras opinións
Lupe Ces: Licuar o sexo/Liquar o sexo
Unha multitude dentro de Dylan
Algúns erros de esquerda que axudaron Ayuso