O manifesto dos mil

"Consideramos como imperativo que a Audiencia Nacional absolva as persoas encausadas, restituíndo todos os seus dereitos, así como os das organizacións acusadas"

Compartilhar no facebook
Facebook
Compartilhar no twitter
Twitter
Compartilhar no google
Google+
Compartilhar no whatsapp
WhatsApp
Compartilhar no telegram
Telegram
Compartilhar no email
Email
Compartilhar no facebook
Compartilhar no twitter
Compartilhar no google
Compartilhar no whatsapp
Compartilhar no telegram
Compartilhar no email

Redacción adiante | A Coruña, 6 de outubro.  Medra o número de asinantes dun escrito lanzado a semana pasada en apoio das militantes de Causa Galiza e Ceivar que serán sometidos a xuízo na Audiencia Nacional a partir do día 19. De Beiras e Ferrín a Ana Miranda e Isabel Vilalba, personalidades políticas e sindicais, activistas sociais, ensinantes, profesionais da cultural e doutros ámbitos, mostran o seu rexeitamento a este proceso e a súa confianza “en que se impoña a xustiza e a verdade”.

Cinco días despois de que se empezara a difundir o manifesto, a lista de asinantes supera as 800 persoas (malia que algunhas repetiron sinatura). Entre as sinaturas están, entre outras, as de Marica Campo, Sechu Sende, Francisco Sampedro, Manuel Miragaia, Isaac Lourido, Luz Darriba, Ramon Grosfoguel, Suso de Toro, Catarina Martins, Carlos Taibo, Elvira Souto, Sés, Helena Miguélez-Carballeira, Bernardo Máiz, Ramón López-Suevos, Paulo Carril, Xurxo Borrazás e Nemesio Barxa; así como as de numerosos cargos políticos do BNG e doutras forzas e traballadores e traballadoras e persoas xubiladas.

Manifesto de solidariedade coas 12 independentistas galegas procesadas na Audiencia Nacional e coas organizacións Causa Galiza e Ceivar.

As e os abaixo asinantes, diante do xuízo a 12 persoas vinculadas ás organizacións Causa Galiza e Ceivar os próximos días 19, 20 e 21 na Audiencia Nacional, en Madrid, acusadas de “pertenza a banda criminosa” e “enaltecimento do terrorismo”, queremos expresar o noso rexeitamento a este proceso e a nosa confianza en que se impoña a xustiza e a verdade:

1. Non vemos fundamento real que ampare as acusacións e muito menos as peticións de condena que se solicitan. A expresión de calquera reivindicación e o exercicio de dereitos fundamentais como o da liberdade de expresión para, incluso, cuestionar o propio sistema e o seu ordenamento xurídico, forma parte medular do que se entendería como réxime democrático. Non podemos observar con pasividade o desenvolvemento de operacións de montaxe policial e de impulso de intentos de criminalización e ilegalización de organizacións políticas, independentistas neste caso, porque máis alá do seu obxectivo concreto e próximo, tolerar estas derivas implicaría aceptar o recorte de dereitos e liberdades.

2. As peticións de condena formuladas forman parte fundamental dunha resposta con clara inspiración autoritaria e represiva, inserida lo—-nxe dos valores de tolerancia e liberdade que deben guiar a acción xudicial e fiscal. Pola contra, solicitar penas que suman 102 anos de prisión, con condenas individualizadas que van de 4 a 12 anos, cando en boa parte da argumentación acusatoria non existe fundamento probatorio, parece aproximarse, máis ben, a un intento de amedrentamento e castigo exemplarizantes, algo que xa parece habitual nun tribunal político de excepción deseñado e motivado para a represión política en lugar de para a impartición de xustiza.

3. Consideramos como imperativo que a Audiencia Nacional absolva as persoas encausadas, restituíndo todos os seus dereitos, así como os das organizacións acusadas, ás que se debe restaurar o seu lexítimo dereito á plena intervención pública presente e futura.

4. Ante a inminencia do xuízo e a irracionalidade das peticións da Fiscalía, apoiamos as vias e pronunciamentos que contribúan a evitar encarceramentos e ilegalización de organizacións integradas na actividade política galega desde hai moitos anos. O país precisa de todas aquelas persoas e entidades dispostas a manter vivo o compromiso coa súa defensa, algo que este proceso pretende pór en cuestión.