"O que me mantén vivo como fotógrafo é a curiosidade"
ENTREVISTA | Juan Pablo Moreiras
Erik Dobaño | A Coruña, 15 de xuño. Juan Pablo Moreiras é coñecido polo seu traballo xunto a un equipo de veterinarios que investigaban as poboacións de gorilas en África. Despois de case tres décadas de carreira profesional, o fotógrafo vigués, fillo de emigrantes galegos en Normandía, presenta en Acampa, na Coruña, unha exposición sobre “a importancia do home nas políticas de conservación do medio”: Frágil. Son os rostros do planeta que dan conta, como nas fotos de Sebastião Salgado, un dos seus mestres, da dignidade da vida en metade da catástrofe.
Como se fixo vostede fotógrafo?
Eu empecei na fotografía antes dos vinte tirando fotos en concertos da movida de Vigo. Entraba gratis, dábanme un carrete en branco e negro e, por riba, publicaba en medios locais. Estou nisto porque me gusta. Pero gustábame máis a bioloxía, e case rematei a carreira, pero tíveno que deixar porque o das fotos estaba funcionando tan ben que chegou un momento no que a miña paixón converteuse no pasatempo, e o pasatempo nunha profesión. E empecei a viaxar, pola miña conta, a facer cousas e tratar de colocalas, como todo o mundo…
Cando dá o salto a converterse en fotógrafo de organizacións internacionais e a que lle paguen as viaxes e todo o demais?
Pois foi a base de facer as cousas que prometía facer e tamén tendo sorte, así foi como conseguín traballar para Fauna & Flora International, que tiña proxectos en máis de cen países. É unha organización de moito prestixio, e os británicos xa se sabe que en asuntos de conservación medioambiental lévannos anos de adianto… e tiven a sorte de que esta organización ademais é pioneira en temas de proxectos de conservación que atenden ás necesidades humanas. E esa segue a ser a miña liña.
En que consiste o adianto deles?
Cando aquí os movementos ambientalistas andaban poñéndose diante das máquinas para parar, non sei… unha corta; eles xa tiñan a estratexia de ir deixando sementes nos despachos, nos despachos de xentes poderosas, sen descartar ningunha porta á que petar. Hai que aproveitar as oportunidades. Eu tamén teño experiencia en traballar para algunha multinacional que precisa lavar a cara, empresas que nun momento dado patrocinan proxectos de conservación. E nunca é a cambio de nada.
Como é o traballo dun fotógrafo para o Banco Mundial, ou para unha multinacional
Eu traballei para o Banco Mundial durante sete anos documentando o proxecto do Corredor Biolóxico Mesoamericano. Eran microporxectos nos bosques desde México até Colombia. Dispós de helicópteros, de tempo, do que faga falta… Fundamentalmente, tes medios para facer as cousas. E, despois, sobre todo, o alcance, a difusión que ten o teu traballo. E polo xeral nas grandes empresas non che poñen moitas limitacións. Iso, por aí fóra; non sei como será aquí porque non teño traballado para grandes firmas españolas. A impresión que teño das empresas ou organizacións internacionais é que son bastante transparentes e moito máis serias. Estiven seis anos traballando nun proxecto no norte de Kenia, cunha iniciativa de The Northern Rangelands Trust, e o que se fai alí é organizar novas estratexias de conservación. Pense que calquera destes proxectos precisa fondos e que as imaxes son vitais para dalos a coñecer e, tamén, para que obteñan certo recoñecemento social.
Tamén fará vídeo?
Por suposto, non queda máis remedio. O vídeo está substituíndo á fotografía aceleradamente. A fotografía vai centrándose cada día máis no seu elemento artístico. Veño de compartir presentación aquí en Acampa con Daesung Lee, e xa viu cal é a súa proposta, leva unha cousa na cabeza e trasládaa á realidade… E que hoxe en día, cantos millóns de fotógrafos hai? Calquera pode ser un fotógrafo. O fotógrafo de Mondariz, onde vivo hai anos, que era un profesional excelente, está traballando nunha tenda de xamóns.
No teu campo profesional, a fotografía perdeu valor informativo?
Non, non… o que perdeu foi presencia. Presencia fronte ao vídeo. Mire en YouTube, a cantidade de visitas que rexistra calquera vídeo. Chama moito máis a atención, e iso desprazou á fotografía. Mire as páxinas dos medios: vídeo, vídeo e máis vídeo… fotos hai? Si, pero moitas se poden sacar dos vídeos.
Foi moi recoñecido o seu traballo cos gorilas. Que lembra?
Empecei no 97 e botei doce anos facendo campañas alí. Ía a Ruanda, ao Congo e a Uganda. A primeira vez que fun entrei no Zaire, deixara o pasaporte nunha cabana de madeira que era a aduana. Estiven un mes na zona de Gomba e subindo aos Virunga cando se podía, porque andaban en plena guerra civil. E foi cando Kabila tomou Kinsasa. Maio do 97. E marchou Mobutu. Entrara en Zaire e saín de Congo. Ese foi o comezo… Claro que impacta. E estaba en Ruanda só dous ou tres anos despois dun xenocidio brutal. E vivindo acotío con esas guerras agochadas pero que producen mortos, cen, douscentos, todos os días, e aquí nada se sabe… O proxecto é marabilloso, é o exemplo perfecto de como a conservación da natureza vai unida á vida do ser humano. Eu acredito nesa visión da natureza como un todo; e nós, parte dela. Pero é un problema quizais filosófico, dunha visión cartesiana de que a natureza é unha cousa fóra de nós e que está aí para que a dobreguemos e sacarlle todo o partido posíbel.
A primeira vez que fun entrei no Zaire, deixara o pasaporte nunha cabana de madeira que era a aduana. E foi cando Kabila tomou Kinsasa. Maio do 97. E marchou Mobutu. Entrara en Zaire e saín de Congo.
Vostede dispón dun traballo que lle permite mirar o que está pasando no mundo, coa natureza, desde un lugar privilexiado. Que é o máis grave que está pasando?
Non só é o quecemento global, que tamén. Na miña opinión, o máis grave é a perda de biodiversidade. E o problema é aínda máis grave do que se percibe. Digamos que extincións houbo sempre, e seguiran despois dos humanos. A Terra segue xirando. Pero o que se está vendo gravemente alterado é o noso entorno inmediato. E parece que nin nos importa. O que vemos do que está pasando son detalles, por chamalos dalgunha maneira. O impacto só se produce cando hai unha gran migración. Por exemplo, un deses detalles: as talas que converteron a erupción do volcán Casitas, en Nicaragua, nunha traxedia con miles de mortes. Cedeu un flanco do volcán e as ladeiras estaban completamente deforestadas. Arramplou con todo. O ancho da avalancha tiña 16 quilómetros. Morreron catro mil persoas. Outro detalle: tiven a sorte de sobrevoar Borneo, e vin que todo o interior, que fora selva, estase a converter nunha enorme plantación de aceite de palma. O ritmo de deforestación é brutal. Calcúlase que alí os orangutáns vanse extinguir nun período de vinte ou trinta anos. E todo iso para que? As plantacións non melloraron a vida da xente, ao contrario. Pasaron de ser donas e donos do seu territorio, no que podían vivir e traballar tradicionalmente, a seren escravos de plantacións nas que non hai nada máis que palma aceiteira. Nada de biodiversidade.
Despois de máis de dúas décadas vendo o que está a pasar e que non hai maneira de detelo, nunca se sentiu derrotado? Por que segue nela?
Si, hei de recoñecer que teño certa frustración. É unha decepción, digamos, por como nos comportamos co noso entorno e como nos comportamos con nós mesmos. Perdes un pouco esa ilusión de que a túa loita sirva para mellorar as cousas. Quero pensar que as fotografías que eu fixen tiveron algunha repercusión en persoas e en proxectos. Mire, lembro un proxecto en Panamá, no Darién, uns indios moi pobres, e a xente empezaba a marchar. Pero eles tiñan un tesouro. Unha palma pequena cunha semente que lle chaman tagua, dinlle o marfil vexetal… fan unhas tallas espléndidas. Pois ben, conseguiuse crear unha mínima estrutura empresarial para que non se seguiran beneficiando só os intermediarios que as vendían nos Estados Unidos. De cousas como esa, de aí, tiro as forzas para seguir. Eu non son artista.
Di que non é artista, como se considera na fotografía?
Xa non me fago esa pregunta de por que fago o que fago. Pasei por esa etapa, obviamente. Pero, mire, eu son fotógrafo porque me gusta tirar fotos. Simplemente. Desde moi novo. Pode que como biólogo tivera un ou dous camiños… como fotógrafo, é certo, teño a oportunidade de vivir moitas vidas distintas. Hoxe estou en África, mañá en Centroamérica, a semana que vén, no Sur de Asia. Tiven a ocasión de estar en proxectos, de entrar en sitios… estar cos veterinarios que dedicaron a súa vida para poder ir alí, cos gorilas, nesa investigación… e eu estou con eles. Un par de meses despois, nunha escavación en Sudán con acceso privilexiado a uns restos que acaban de ser descubertos e son noticia en todo o mundo… e eu estou alí. Logo veño á Catedral de Santiago facer un traballo e toco o Códice Calixtino… A min resúltame fascinante, porque o que me mantén vivo como fotógrafo é a curiosidade.
Que é o próximo?
Pois agora estou nun proxecto sobre enerxías renovábeis e algo tocamos en Galiza. E nuns meses espero estar en Exipto, nun traballo que se parou cando a Primavera Árabe e que parece que se retoma, cunha arqueóloga, Myriam Seco, moi reputada, e que dirixe as escavacións en Luxor na tumba de Tutmosis III. Imos rodar un documental de como se vai escavando durante os próximos sete anos, en campañas de dous meses ao ano.
Acaba de compartir rolda de prensa co fotógrafo coreano Daesung Lee, ao que se referiu antes, e que anda traballando en atrapar cousas e paisaxes que están a piques de perderse. Que cousa lle gustaría retratar aquí, no país, que corra o mesmo risco?
As artes de pesca tradicionais. Paréceme que a pesca, que é un sector que deu e dá carácter ao país, vai camiño de ser insostíbel, e poden desaparecer certas artes. Era algo que xa tiña proxectado con financiamento da Fundación de Caixa Galicia. Pero xa non existe Caixa Galicia.
O entrevistado
Juan Pablo Moreiras
Francia, 1967. Fotógrafo. Traballou para organizacións ambientalistas internacionais, como Ol Pejeta Conservancy ou Veterinary projects, para o Banco Mundial e algunha corporación multinacional. Colaborou con Sebastião Salgado e co cineasta David Attenborough. Ten publicado as súas imaxes nas principais revistas e xornais internacionais, entre elas, Time, National Geographic, BBC Wildlife, Der Spiegel e Paris Match.
Outras entrevistas
O Entrevistado.
Juan Pablo Moreiras
Francia, 1967. Fotógrafo. Traballou para organizacións ambientalistas internacionais, como Ol Pejeta Conservancy ou Veterinary projects, para o Banco Mundial e algunha corporación multinacional. Colaborou con Sebastião Salgado e co cineasta David Attenborough. Ten publicado as súas imaxes nas principais revistas e xornais internacionais, entre elas, Time, National Geographic, BBC Wildlife, Der Spiegel e Paris Match.