O sentido común en construción
Héctor Tejón
“Daquela, de que serve dicila verdade sobre o fascismo que se condena se non se di nada contra o capitalismo que o orixina? Unha verdade deste xénero non reporta ningunha utilidade práctica.”
Bertolt Brecht
No barómetro do CIS de setembro pregúntase, coma sempre, cales son os principais problemas que existen en España. Sendo “o paro”, “a corrupción” e “a clase política”, por esta orde, os mais citados, seguidos dos problemas de “índole económica”, “a independencia de Catalunya” (un dereito político convertido en problema) e a mais distancia a “inmigración”. A simple vista, a axenda de preocupacións da sociedade española atópase marcada profundamente pola axenda mediática. Nada novo, por outra parte.
Pero hai un ítem que chama a atención. O racismo como preocupación acada un 0,1% dos enquisados mentres a inmigración acada un 4,1 e un 6,6% como primeiro ou segundo problema. No mesmo barómetro a categoría “os nacionalismos” (o español non, que é o normal) teñen máis puntos que “a violencia contra a muller” como primeiro problema.
Seguindo esta liña, un cidadá-tipo non se considera racista pero preocúpalle a chegada de inmigrantes, retratados polos medios de comunicación coma ondas de monstros negros e terroristas que se lanzan sobre os arames e toman as costas españolas en caiucos que apenas se manteñen a flote. Agóchanse datos ou analízase torcido.
“A imaxe ‘espectacularizante’ de auxiliadas no mar, inmigrantes saltando o valado na fronteira ou a relación xenófoba delincuencia-orixe funciona na construción do estereotipo da ameaza. Configura unha non-realidade que aviva un sentido común racista, clasista e baleiro de empatía.”
Esquecen os medios mainstream que a meirande parte de inmigrantes chegan por Barajas e co pasaporte/visado en regra. Sendo a migración norteafricana a cuarta en procedencia. Segundo un estudo da Obra Social de La Caixa (institución para nada anticapitalista), os inmigrantes achegan ás arcas publicas mais do que reciben. De feito, a citada poboación representa o 1% de persoas beneficiarias de pensións no Estado. E sendo unha poboación marcadamente moza, o da saturación dos servizos sanitarios non é mais que unha mentira retrógrada de miradas reaccionarias. Pero a imaxe espectacularizante de auxiliadas no mar, inmigrantes saltando o valado na fronteira ou a relación xenófoba delincuencia-orixe funciona na construción do estereotipo da ameaza. Configura unha non-realidade que aviva un sentido común racista, clasista e baleiro de empatía.
Igual de preocupante é a construción do inimigo-ameaza que nos últimos tempos os mass media, opinólogos e redes sociais veñen deseñando dese gran outro identitario, e que rematou coroándose nunha visibilidade e normalización inquietante do «fascismo democrático» (si, un dos oxímoros dos tempos líquidos que nos toca vivir). Esa nostalxia de Franco declamada e enunciada sen vergoña empuñando a rojigualda e esa homoxeneización española a todas luces nunca existente que non fora a sangue e lume compoñen o armazón da carauta fascista mediaticamente normalizada baixo epígrafes coma “estrema dereita”, “dereita radical”.
Xunto a iso, a dialéctica sociolóxica equidistante que iguala violencias polo mero feito de selo: a agresión do maltratador e a defensa/prevención desta, o fascismo e o antifascismo, a brutalidade policial e a simbólica performativa. Son os ingredientes perfectos do cóctel dun status quo inquebrantábel e ortodoxamente eficiente.
“Preocupante é a construción do inimigo-ameaza que nos últimos tempos os mass media, opinólogos e redes sociais veñen deseñando dese gran outro identitario, e que rematou coroándose nunha visibilidade e normalización inquietante do «fascismo democrático»”
O sociólogo francés Pierre Bourdieu dicía que o estado, as institucións e as prácticas da orde dominante (a escola, a universidade, os medios, a linguaxe política) son lugares ou expresións dunha violencia simbólica que tende a ocultar, baixo un aspecto de naturalidade, “relacións de dominación invisíbeis pero de efectos sociais temíbeis”. No caso do Estado español o fascismo (posfranquismo) sempre estivo presente: no poder xudicial marcadamente reaccionario que mudou a superficie (Audiencia Nacional) pero non o contido (Tribunal de Orden Público, TOP), no poder executivo con partidos debedores dunha ditadura nunca condenada en base a que “houbo dous bandos”(?), e no poder lexislativo de acordo a unha orde constitucional de marcado cariz ditatorial (lei de reforma política de 1976), coroado todo iso por un cuarto poder mediático neoliberal e clasista que da barbarie fai tendencia e do medo ficticio a súa trincheira.
Non é de agora, é correlativo á marca España. O diferente agora é que a dereita xa non se aglutina baixo o mesmo partido e certa esquerda institucional fai gala dos mesmos vicios, coa bandeira da progresía nacional española coma lavativa mental.
E pode que o mal vaia gañando, pero nas nosas mans e mentalidades está a responsabilidade de evitar outra derrota histórica. E quizais, comece por apagar o televisor…
A Coruña, 24 de outubro.

Héctor Tejón
A Coruña, 1981. É licenciado e doutorando en Socioloxía pola Universidade da Coruña. Desenvolveu gran parte da súa carreira profesional coma investigador social e docente na Facultade de Socioloxía da Coruña. É co-autor do libro La Siniestrabilidad Vial: Un problema desconocido e artigos en diversas publicacións electrónicas. Presentador programa de radio Está a pasar na radio comunitaria CUAC FM. Cursando na actualidade o Grao de Ciencia Política e da Administración pola UNED. @htejon.

Vidas caladas, xustizas agardan
“Por cada corpo socialmente asasinado, medre alma global da xustiza dos desterrados”. Unha reflexión arredor das estatísticas sobre os suicidios.

Ritos e matrias
Todos os anos os mesmos ritos, nas mesmas rúas, no mesmo lugar. Todos os anos as mesmas discusións simbólicas sobre a manifestación unitaria, autodeterminación, soberanía e un longo etcétera pola loita de probar quen é “o mais galego”. E nos últimos tempos agroma unha especie de oportunismo metafórico.

Profecías non cumpridas
Segundo dados do IGE, desde 2012 ao 2017 o aumento de contratacions temporais a tempo parcial é unha tendencia. Creceron un 60%. Os contratos indefinidos ficaron nun 10% dos contratos nese mesmo período. O modelo (im)produtivo de tapas, cañas, camas e coches non dá para moito mais. Fálase moito de emprego, pero non da vida. Da vida que rouba un salario.

Breve bitácora urbana
O informal da rúa. Do pensamento vivo. Das preguntas sen resposta. Mudou nunha oportunidade electoral, que non política, para o desprazamento “dos de sempre” por esa especie de novidade de mercado electoral que se demostrou, segundo a cidade, escasa e claramente herdeira das formas, vicios e conductas políticas formadas no azar dos tempos.
Outras opinións

A vida extínguese sen fogos de artificio


Lupe Ces: Licuar o sexo/Liquar o sexo

Unha multitude dentro de Dylan

Algúns erros de esquerda que axudaron Ayuso
Outras opinións

A vida extínguese sen fogos de artificio


Lupe Ces: Licuar o sexo/Liquar o sexo

Unha multitude dentro de Dylan

Algúns erros de esquerda que axudaron Ayuso