O xornalismo público apela á cidadanía "para recuperar a Galega"
As traballadoras e traballadores da CRTVG, apoiadas por partidos, sindicatos, movementos sociais e colectivos culturais e profesionais, celebrarán mañá en Compostela unha manifestación contra a manipulación informativa nos medios públicos.
Redacción adiante | Compostela, 7 de setembro. A principios do 2013 El País destapou o caso Bárcenas. As portadas do xornal madrileño daqueles días foron reproducidas en centos de medios de comunicación de todo o Estado. Na Televisión Pública galega, non. “No comité de San Marcos e no Interempresas empezamos a recibir queixas”, lembra Raquel Lema. Convocouse unha asemblea. Unha das traballadoras suxeriu que se utilizara Internet para facer denuncia pública da ocultación de informacións. Un grupo de xornalistas, apenas unha ducia, crearon eunonmanipulo coa ferramenta gratuíta de wordpress. Así naceu a única fiestra aberta de contrainformación da CRTVG. Non oficial. Pero moi profesional.
“Nos primeiros meses o blogue xerou crispación. Notábase nas redaccións. Fería sensibilidades porque daba a coñecer detalles da manipulación. De como se agochaban unhas informacións e se potenciaban outras na distribución do tempo e da escaleta“, conta Raquel, sindicalista da CUT, no comité desde 2011, hoxe liberada, e redactora na Televisión desde 1996 pero sen praza fixa até 2012.
Até a aparición de eunonmanipulo as únicas denuncias da manipulación na CRTVG eran as que facían os comités. Notas de prensa sen repercusión algunha nos medios privados do país, apenas nalgún dixital. “Durante anos, compañeiras e compañeiros que se significaron pagaron as consecuencias e non se soubo nada. Fóra tamén se nos silenciaba”, di Raquel, “había un cerco informativo porque ningunha empresa editorial se ía meter coa tele que era a encargada de decidir a distribución de fondos públicos ás produtoras audiovisuais destas compañías”.
A mediados de 2013, recollendo unhas declaracións de Sánchez Izquierdo, director xeral da CRTVG, La Voz de Galicia informaba de que “a metade do presuposto da CRTVG vaise en pagar as nóminas dos traballadores”. Desde o blogue responderon: “O dato é falso. O Grupo Voz sostense practicamente polos contratos que obtén da TVG, sobre todo nas series de ficción como Padre Casares. A produtora da Voz cobra por cada tempada ao redor de millón e medio de euros”.
Entre abril de 2013 e setembro de 2016, o blogue foi documentando prácticas de manipulación informativa na radio e na televisión públicas e rachando, “modestamente”, aquel cerco sobre o que pasaba en San Marcos. Na estrea das publicacións, o día 4 de abril, recolle algúns exemplos de desinformación e desvalorización de noticias que nas semanas anteriores afectaron ao Partido Popular atrapado no entullo da corrupción: caso Gürtel, Conde Roa… ademais de Bárcenas. Tamén se rexistran exemplos de ocultación da protesta social contra o segundo goberno Feijoó: “Nos principais Telexornais da TVG non se informou que máis de 5.000 persoas, segundo a organización, secundaron o 21 de marzo en Pontevedra a manifestación en contra da ‘privatización’ da sanidade, convocada pola plataforma SOS Sanidade Pública.”
A tensión laboral dos anos anteriores no contexto da crise, con recortes e redución de persoal na compañía –a empresa denunciara o convenio en vigor a finais de 2012–, xa provocara protestas contra a dirección e fixera agromar as queixas respecto da manipulación. En febreiro de 2013 o Comité Interempresas emitiu unha nota na que os profesionais “alertan sobre as presións e as intervencións sobre o seu traballo que están a recibir acotío” e advertía que “o problema agravouse nos últimos meses por mor dos diversos casos de corrupción política que están a saír”. No Parlamento, a oposición reaccionou apoiando ás traballadoras, pero apenas conseguiu sortear o cerco mediático nas crónicas.
En febreiro de 2013 o Comité Interempresas emitiu unha nota na que os profesionais “alertan sobre as presións e as intervencións sobre o seu traballo que están a recibir acotío” e advertía que “o problema agravouse nos últimos meses por mor dos diversos casos de corrupción política que están a saír”.
A televisión pública autonómica acostuma liderar as audiencias en Galiza, e os seus informativos do mediodía mesmo alcanzan cotas de pantalla arredor do 20%. Para toda esa xente que habitualmente se informa a través da TVG, o caso Bárcenas pasou como un asunto máis da axenda política sendo minimizado desde o principio.
Abril de 2013 foi un mes intenso no blogue con máis de oitenta entradas. Aqueles eran uns meses críticos na rúa (Asedia o Congreso) e nas institucións (Beiras vs. Feijoó e o asunto Marcial Dorado). Mentres os responsábeis da Televisión pública (aínda non se producira a integración coa radio, e entre os profesionais da Radio Galega o malestar era menor) estreitaban as marxes da liberdade de expresión, eunonmanipulo actualizaba a información sobre as prácticas de falseamento das noticias. En xuño o blogue superara as cen mil visitas, unha cifra modesta para impactar nas redes, pero suficiente para topar algunha fenda no cerco mediático. “Resultou moi difícil, salvo o Galicia Confidencial, o Praza ou o Sermos, ningún outro medio no país recollía as nosas queixas”, conta Raquel, “pero conseguimos que El Intermedio, de La Sexta, emitira unha peza…”.
Naquela altura, a empresa rompera o diálogo coa representación das traballadoras. “Empezaron a aplicar a reforma laboral de 2011, coas famosas modificacións sustantivas das condicións de traballo, tocaron salarios, xornadas, todo… Esa falta de diálogo creou unha situación na que todas as traballadoras e traballadores, todas, se sentían incómodas”, conta Raquel.
En paralelo produciuse “unha intensificación” nas prácticas de manipulación informativa. O blogue eunonmanipulo despide o 2013 cun lamento:
“Ningún dos telexornais da Televisión de Galicia do martes 30 de decembro informou da enquisa do Instituto Galego de Estatística sobre as condicións de vida das familias galegas. (…) Pero que lles ocorre aos responsables dos informativos da Galega, que non lles gustan as estatísticas? ou ben, non quixeron contradicir as palabras do discurso de fin de ano de Feijoó nas que dixo que Galicia está sabendo afrontar axeitadamente a situación?”.
O ano 2014 tamén foi abondoso en terxiversación de novas nos medios públicos galegos. A crise e a corrupción continuaban golpeando ao partido no goberno. Un ano despois do lanzamento de eunonmanipulo as cousas seguían igual. Aquí algúns exemplos: A saco con Felipe González pero nada de Matas, As folgas na sanidade tampouco interesan, Ocultan récord histórico de parados.
Nun post de xuño do 2015 debúllase a escaleta dos dous principais informativos que constrúen unha realidade de caos nos partidos da oposición intensificada polo caos nos gobernos municipais do cambio.
En 2015, os rexistros no blogue reducíronse, mais non a actividade de manipulación nos medios públicos, que continuou durante os meses previos ás eleccións municipais de maio. Ese verán o blogue cesou as actualizacións. Faltaban mans. En marzo de 2016 volveu á actividade con forza. Estamos no terceiro mes de goberno provisional de Rajoy diante da incapacidade da oposición para consolidar unha alternativa. Nun post do día 15 daquel mes eunonmanipulo debulla a escaleta dos dous principais informativos que constrúen unha realidade de caos nos partidos da oposición intensificada polo caos nos gobernos municipais do cambio. En xuño volveu haber eleccións xerais e volveu gañar o PP.
A finais daquel mes, o día 23, días antes dos comicios, houbo unha manifestación na redacción e no despacho da directora de informativos da Televisión. “O Comité Intercentros denuncia unha vez máis o exercicio de ocultación de datos e servilismo de cara ao Goberno”, indicaba a nota de prensa. Desta volta o asunto silenciado fora o escándalo que afectaba ao Ministro do Interior, Fernández Díaz, por un intento de utilizar unha investigación en curso da Oficina Antifraude contra dirixentes cataláns. Nos informativos, segundo advirte eunonmanipulo, non se incluíron as gravacións que implicaban ao ministro nin ningunha outra declaración que non fosen as do Partido Popular. Mesmo os vídeos dos informativos se retiraron aqueles días da web da CRTVG.
O blogue colgou o seu último post en setembro de 2016. Fala do debate electoral retransmitido en directo o día 12, ao principio da campaña das Galegas. Sinala a submisión dos xornalistas encargados de conducilo. E explica que nos acordos previos, os partidos decidiran non tocar o asunto dos pactos postelectorais, e continúa: “o señor Feijoó, en pleno debate, abre o tema. E el mesmo di que xa sabe que ese asunto non está dentro dos pactados, que os partidos non estaban de acordo en tratalos. Pero el marca a axenda do debate e ningún moderador o interrompe para dicirlle que ese tema, segundo o establecido por tódolos partidos, non se ía debater”. Feijoó revalidou a súa maioría absoluta nos comicios de finais de mes.
“O blogue cesou, pero foi a semente para os venres negros, xa imos polo dezaseis, e para toda esta mobilización, máis ampla que nunca antes”, sinala Raquel Lema. “Nestes meses foi unha suma de cousas: o malestar, os cambios na grella da radio, o expediente a Tati Moyano… Hai moita xente mobilizada, na central e nas delegacións. Prendeu algo que tiña que prender. Recibimos a solidariedade de partidos, colectivos sociais, da xente da cultura. Non sei como será de grande a manifestación deste sábado, pero creo que conseguimos sacar o conflito fóra e podemos apelar á cidadanía galega para que nos axude a recuperar a Galega, a radio e a televisión, que son de todas”.
– Desta si terán que emitir algunha información sobre a protesta nos informativos do sábado?
– Non o sei. Dependerá da vontade dos responsábeis da edición deses informativos. Xa silenciaron ou minimizaron outras protestas, por que non ían facelo desta?
– Non hai algunha norma ou mecanismo que garanta o dereito dos traballadores dun medio de comunicación público a que se informe no seu medio das súas demandas?
– Non.
Outras novas
Recadación de fondos para crear o Bosque da Lingua nos Montes de Couso
O aparato de propaganda dos xigantes eólicos sae a escena
Ecoloxistas exixen en Ourense moratoria para frear as macrogranxas
A fonte-símbolo: o Xurés non quere eólicos