Os homes xustos – 5
Amílcar, "o que ainda não estava aqui"
Cheikh Fayé
Amílcar Cabral foi asasinado en xaneiro de 1973 antes de que a independencia de Guinea Bissau fora proclamada oficialmente en setembro daquel ano. Amílcar foi un líder criado en Cabo Verde, que puido desenvolver unha carreira académica (seu pai era mestre) e rematou os seus estudos de agronomía en Lisboa en 1952. Tiña 28 anos cando regresou a Guinea. Vinte un anos máis tarde sería asasinado en Conakri, a capital do país veciño, onde se refuxiara durante a guerra cos portugueses baixo a protección de Ahmed Sékou Touré, que antes dera acubillo a Kwame Nkrumah… Así eran as cousas naqueles anos de puxante panafricanismo. O movemento foi decapitado. Foron caendo os leóns nunha sucesión que termina no liderado panárabe de Gadhafi, abatido no 2011.
As descolonizacións incontroladas provocan fenómenos perigosos. Amílcar, como Touré, como Lumumba, era un fillo do réxime colonial. Como Anta Diop e Aimé Césaire, antes, e como Nkrumah, na súa xeración, Amílcar rompeu co seu destino de converterse en elite neo-colonial no seu propio país. Amílcar Cabral foi contratado pola Administración guineana ao seu regreso de Lisboa para desempeñar funcións no servizo agrario. En 1953 empezou a recorrer o país co proxecto de Recenseamento Agrícola. A colonia tiña adxudicado a Guinea Bissau o papel de produtor de cacahuete, caña de azucre e algodón dentro da lóxica do monocultivo. Pero Amílcar tiña outras ideas para seu país.
En Lisboa coincidira cos angolanos Mário Pinto de Andrade, Agostinho Nieto e Viriato da Cruz, e co mozambicano Eduardo Mondale, persoeiros decisivos nas independencias nacionais contra Portugal. A colonización portuguesa tivo en África características distintas as colonizacións francesa e británica. Digamos que en canto a políticas de asimilación, saqueo dos recursos naturais e deshumanización das poboacións foi semellante. Pero no plano da violencia física foi máis intensa. Ao fin e ao cabo, Francia e o Reino Unido eran democracias liberais, mentres que en Portugal imperaba a ditadura salazarista. Algúns falan mesmo de xenocidio nas colonias lusas. A brutalidade do opresor uniu aqueles mozos tanto como a cor da pel. Nos anos cincuenta estaba consolidándose o discurso da negritude, polo que tanto fixeron Anta Diop e Césaire, e mesmo un moderado como Sédar Senghor.
A brutalidade do opresor uniu aqueles mozos tanto como a cor da pel. Nos anos cincuenta estaba consolidándose o discurso da negritude.
A de Amílcar Cabral e Guinea Bissau foi unha ruptura lenta, fonda, xeracional, cociñada no pensamento e na praxe política e co lume das armas facilitadas polos veciños como Sékou Touré e aliados ideolóxicos como a URSS. En 1958, Cabral foi convidado a cimeira de Accra, despois de ter pasado 4 anos no exilio en Angola despois de que a Administración lusa da colonia guineana advertira que Cabral aproveitaba as súas viaxes como agrimensor para facer traballo político: constituíndo asociacións culturais e deportivas. Aquel tipo era un revolucionario intelixente e perspicaz, e a súa presenza en Accra foi definitiva.
O Partido Africano para a Indepêncencia da Guiné e Cabo Verde (PAIGC) naceu en 1959, despois veu a guerrilla e a progresiva conquista do territorio con tácticas guerrilleiras inspiradas no Vietcong: provocar ao inimigo e atraelo a terreo descoñecido para eles. Para 1968, tiñan baixo control o 70% do país. En 1972 recibiron o recoñecemento das Nacións Unidas, uns meses despois, Cabral foi asasinado. Ao parecer, o asasinato foi unha conspiración entre a rama militar do movemento anticolonización e a PIDE portuguesa. Hai quen culpa a Sékou Touré, a quen lle botan as culpas de tantas cousas. Despois do crime, Sékou Touré recibiu aos membros do partido que tomaran o relevo de Cabral e fíxoos prender.
O caso é que a rebelión inspirada por Cabral continuou e oito meses despois, o irmán de Amílcar, Luís, converteuse no primeiro presidente de Guinea Bissau (en novembro de 1980 un golpe militar derrubou a Luís Cabral e expulsou a influenza comunista do novo estado e rematou cos intentos de unir Guinea Bissau e Cabo Verde nunha única nación). Amílcar (e Luís) eran uns revolucionarios intelixentes. “Todo estaba preparado. Non foi por casualidade que volvéramos [Luís e el] para Guinea. Renunciamos a un bo traballo en Portugal e cambiámolo por un de segunda clase en Guinea”, explicou unha vez Amílcar. “Isto obedecía a un cálculo, a un obxectivo, á idea de contribuír ao levantamento popular para loitar contra os portugueses”.
Amílcar teorizou a rebelión a partir do marxismo e da constatación da negritude, tamén da experiencia directa coa realidade rural, a brutalidade inhumana e deshumanizadora dos colonizadores e do seu propio distanciamento da elite subalterna. Amílcar uniu ás elites co pobo e esa foi a forza dun movemento que continuou despois do seu asasinato. Amílcar elixiu contarlle a xente a historia desde o punto de vista dos leóns como Aimé Césaire que deixou pechado o balance das colonizacións: máis destrución que construción, perda de identidade, asimilación e desaparición da cultura. Amílcar dicía que a loita de liberación era un feito cultural e ao mesmo tempo un xeito de crear cultura, de revalorizar o home negro, de reverter a depreciación do ser humano, das linguas e culturas africanas. En cada nova praza que gañaba a revolución levantábanse escolas para alfabetizar á poboación, creábase unha estrutura sanitaria, aplicábanse políticas democráticas de crítica da revolución…
Amílcar dicía que a loita de liberación era un feito cultural e ao mesmo tempo un xeito de crear cultura, de revalorizar o home negro, de reverter a depreciación do ser humano, das linguas e culturas africanas.
Paulo Freire deixou dito sobre Cabral: “foi um pedagogo da revolução, quer dizer, ele teve, ele encarnou perfeitamente o sonho de libertação de seu povo e os procedimentos políticos pedagógicos para a realização desse sonho”. Freire, que non chegou a coñecer persoalmente a Amílcar, desenvolveu un proxecto para falar con xente que o coñecera e anota unha resposta nunha das entrevistas: “Camarada Paulo Freire, o que mais me impressionava no camarada Cabral era a capacidade que ele tinha de conhecer o que ainda não estava aqui”.
Aínda hoxe, o movemento está vivo. Na Escola de Formação Político-Ideológica do PAIGC, Escola Amílcar Cabral, a cita de entrada é esta: “Aprender nos livros, aprender com experiências de outros, aprender na vida, aprender sempre”.
A Coruña, 14 de decembro.
Cheikh Fayé
Gade Escale (Senegal), 1962. Inmigrante. Vive na Coruña desde 2003. Comezou a escribir o blogue Senegaliza hai tres anos, e en 2017 publicou Ser Modou Modou (AS-PG, 2017), con textos dese blogue. Mantén unha colaboración periódica en Sermos Galiza e eventuais noutros medios dixitais.
O tipo que había que parar
Ahmed Sékou Touré é unha figura controvertida nas loitas de liberación. Guinea Conakri pagou moi caro ser o primeiro estado en independizarse de Francia.
Desobediencia e negociación
A historia do Kwame Nkrumah empeza polo final. Nkrumah, o gran impulsor do panafricanismo, tivo que buscar refuxio na veciña Guinea Conakri despois dun golpe de Estado que o sorprendeu nunha viaxe a China. Ahmed Sékou Touré quixo convertelo en ‘co-presidente’ do país. Nkrumah nunca volveu a Ghana.
Lumumba e as forzas da historia
Lumumba aínda non cumprira os 35 anos cando Bélxica declarou precipitadamente a independencia do Congo en 1960, unha manobra para intentar controlar o proceso. O Movemento Nacional Congoleño, liderado por Lumumba, gañou as eleccións, pero o acordo foi situar na presidencia a Joseph Kasavubu, do Abako, o partido dos Bakongo. Lumumba foi nomeado primeiro ministro e realizou un discurso moi duro contra a etapa da colonización belga en presencia Leopoldo II.
Os homes xustos
A historia de África contada polos libros escritos polos brancos non é a mesma historia que contan os negros. É difícil relatar a historia desde calquera subxectividade; de aí as preguntas: Que é a historia? É unha disciplina científica? Eu adoito a mirar a historia desde o punto de vista dos leóns e non desde o dos cazadores, como dicía Chinua Achebe.
Outras opinións
‘Let it Be’ e as ‘Nagra Tapes’
A vida extínguese sen fogos de artificio
Lupe Ces: Licuar o sexo/Liquar o sexo
Unha multitude dentro de Dylan
Outras opinións
A vida extínguese sen fogos de artificio
Lupe Ces: Licuar o sexo/Liquar o sexo
Unha multitude dentro de Dylan
Algúns erros de esquerda que axudaron Ayuso