Os pacientes revólvense contra a situación de abandono no Hospital de Ourense
Un comunicado dunha asociación de pacientes lanzado esta tarde revela o enfado dos usuarios que empezan a organizarse e a desesperación de centos de familias e enfermos.
Redacción adiante | Ourense, 18 de xuño. A Asociación Usuarias e Pacientes do CHUO, o hospital de Ourense, que se constituíu hai apenas tres meses, vén de facer público esta tarde un comunicado no que insiste na denuncia das deficiencias no servizo de atención e coidado no centro hospitalario así como das carencias de equipamentos sanitarios e material básico. O abandono e o desprezo por parte dos xestores provocou o enfados dos usuarios que conseguiron organizarse e revela a situación insoportábel para moitas familias e enfermos con graves problemas de saúde. As queixas non son novas, a vehemencia con que se expresan desta volta, si.
Din os pacientes:
“Durante os últimos meses e dende a apertura do novo hospital, o persoal e recursos da Unidade de Urxencias do CHUO están a empregarse para atender ingresos que non constarían nas cifras oficiais. O resultado: a precarización extrema de dous servizos sanitarios básicos como son a hospitalización e a atención urxente.
A pesar de dispoñer de plantas baleiras, a xerencia do CHUO négase a abrir máis camas estruturais e aumentar a contratación de persoal, polo que en numerosas ocasións, cando unha médica ou médico determina que un paciente debe ingresar, ao non dispoñer de camas suficientes nas áreas de hospitalización o ingreso efectúase de xeito extraoficial nas salas da Unidade de urxencias. Así, cada vez é máis habitual que os traballadores e traballadoras se vexan obrigadas a habilitar camas, traídas dende o almacén ou dende outras unidades, en salas mixtas co obxectivo de atender pacientes que deberían ter ingresado nun área de hospitalización días atrás, e que se atopan mesturados con aqueles que están en observación ou á espera de resultados.
As usuarias e usuarios poden permanecer ata 3 días nesta situación, esperando por unha cama en planta nunhas condicións indignas que tratamos de ilustrar a continuación coa información que nos chega dende o hospital:
Amontoamento e ausencia total de intimidade, ao estar as camas separadas unicamente por un espazo de arredor de 80 centímetros dividido por unha cortina. As pacientes e os pacientes deben comer deitados na cama, pois non hai espazo suficiente para poder facelo sentados, e poden pasar días nestas salas sen dispoñer dun armario ou mesa para gardar as súas pertenzas persoais. Ademais, nestas condicións resulta imposible manter a información médica no ámbito privado.
Ventilación insuficiente, o que provoca malos olores e sensación de abafo cando as salas están cheas. Ingresos indicados para efectuarse en condicións de illamento que están a levarse a cabo en boxes, sen máis recursos que unha cortina.
Falta absoluta de espazo suficiente para que o persoal realice o seu traballo axeitadamente. As auxiliares e enfermeiras vense moi limitadas á hora de realizar probas, poñer medicación ou asear a un paciente, xa que moito material non colle entre as angarellas, e a mobilidade da que dispoñen é mínima. Isto sumado á desorganización xeneralizada coa que funcionan estas salas e á sobrecarga de traballo, obriga ao persoal a soportar unhas condicións laborais de gran presión, co conseguinte custe emocional que isto supón. Por exemplo, no caso dos celadores e celadoras, deben facerse cargo dos traslados a plantas do novo edificio -que non conta con acceso directo dende urxencias-, percorrendo longas distancias e podendo non estar dispoñibles cando se lles precise como persoal de urxencias.
Ingresos indicados para efectuarse en condicións de illamento que están a levarse a cabo en boxes, sen máis recursos que unha cortina.
As auxiliares e enfermeiras vense moi limitadas á hora de realizar probas, poñer medicación ou asear a un paciente, a mobilidade da que dispoñen é mínima.
Un único baño sen ducha para 27 persoas na sala de Diagnóstico e Tratamento ou unha ducha para 18 persoas na sala de Observación, tendo que realizarse o aseo dos pacientes na propia angarella. Na sala de tránsito, na que tamén se están a efectuar ingresos, os pacientes dispoñen dun único baño fóra da habitación para 15 persoas.
Distintas especialidades mesturadas, coa conseguinte incomodidade e evidentes riscos para as e os pacientes -chegan a realizarse ingresos de psiquiatría nestas condicións- e as dificultades organizativas para o persoal médico, que poden derivar nunha deficiente atención por máis que os traballadores e traballadoras se esforcen en cumprir da mellor forma posible coa súa labor.
Medicación que chega tarde e con erros frecuentes debido á desorganización e colocación errática dos pacientes, o servizo de farmacia tarda un tempo en enviar a medicación podendo incluso producirse erros.
Salas como a de Observación, Diagnóstico e Tratamento, a Sala ‘de Tránsito’ ou a Sala B de espera de resultados están acollendo ingresos de forma cada vez máis habitual mentres a xerencia intenta normalizar o seu funcionamento como área de hospitalización improvisada. Salas como a ‘de Tránsito’, en ocasións ábrense a altas horas da noite, co conseguinte prexuízo para o enfermo ou enferma que é trasladado nun horario no que debera estar descansando.
Salas como a de Observación, Diagnóstico e Tratamento, a Sala ‘de Tránsito’ ou a Sala B de espera de resultados están acollendo ingresos de forma cada vez máis habitual.
Ante esta situación, a única solución que se ofrece a pacientes e familiares é cursar os ingresos en clínicas privadas, mais ao mesmo tempo as alas esquerdas da 3ª, 4ª, 5ª e 6ª planta da Residencia Cristal seguen pechadas, a 5ª e 8ª do Materno sofren peches intermitentes mentres a 7ª se atopaba a semana pasada con tan só 7 camas abertas (neste edificio permanecen pechadas un mínimo de 36 camas). Ademais, seguen bloqueadas varias camas en diferentes plantas do edificio novo e do vello.
Cal é a finalidade desta pésima xestión? Por que os 41 millóns de diñeiro público destinados á construción do novo hospital non están repercutindo nunha mellora da calidade na atención, se non máis ben todo o contrario?
O novo xerente da EOXI chegou a afirmar que están abertas o 100% das camas, faltando descaradamente ao respecto a usuarias e traballadoras. Quizais non se paseou o suficiente polo noso hospital, ou quizais realmente pouco lle importan os dereitos das pacientes e tan só aspira, coma o seu predecesor, a seguir desmantelando o Complexo para repartilo entre os amigos de Feijóo. En todo caso, non nos cansaremos de esixirlle que se sente a escoitar, asuma erros e comece a consensuar unha solución para a grave situación do servizo de urxencias entre outros, ou que marche para a casa.”
#AsaltoSanidade
A roupa colma a paciencia das auxiliares en Vigo
Outras novas
Recadación de fondos para crear o Bosque da Lingua nos Montes de Couso
O aparato de propaganda dos xigantes eólicos sae a escena
Ecoloxistas exixen en Ourense moratoria para frear as macrogranxas
Outras novas
Recadación de fondos para crear o Bosque da Lingua nos Montes de Couso
O aparato de propaganda dos xigantes eólicos sae a escena
Ecoloxistas exixen en Ourense moratoria para frear as macrogranxas
A fonte-símbolo: o Xurés non quere eólicos