Os señores González e X son como a Transición, inmortais!
Félix Soria
Polo de agora, non hai probas de que os Grupos Antiterroristas de Liberación ( GAL) —que actuaron desde outono de 1983 ata verán de 1987— fosen organizados por orde do entón presidente de Goberno, Felipe González Márquez. Recentemente, o rotativo La Razón —cuxa liña editorial é ultradereitista e practica o “acoso informativo” contra o actual Goberno— afirmou que documentos desclasificados da Axencia Central de Intelixencia (CIA) dos EUA sinalan o ex líder do PSOE como o “Señor X”, expresión utilizada para referirse ao creador e comandante dos GAL.
Mais unha lectura aséptica —non partidista— deses textos só permite concluír que os analistas e os autores dos “informes de campo” desclasificados en Washington suxiren, insinúan, opinan e/ou teñen a convicción de que despois das primeiras accións parapoliciais o presidente de Goberno xa tivo coñecemento —quizáis directo vía Rafael Vera— de que os inductores, organizadores e autores materiais dos delitos eran membros do seu gabinete —tanto de primeiro como de segundo nivel—, e militares e funcionarios das forzas e corpos de seguridade do Estado… e o presidente non fixo nada para poñer coto á guerra suxa, concluiron xa entón milleiros de persoas e tamén os analistas da CIA.
Chegados a este punto, é obrigado subliñar que nengún medio nin tampouco ningún membro da outras veces vociferante intelectualidade española manifestou a súa sorpresa pola extraordinaria relevancia outorgada a unha noticia que non é tal… ou seica queda alguén que ignore que os catro primeiros presidentes do democrático Reino de España tiveron coñecemento máis ou menos detallado da guerra suxa practicada sistemáticamente contra ETA… e contra todos os nacionalismos, incluídos os non armados!?
O relevante non é que a CIA desclasifique uns papeis que redescubren a sopa de allo, o relevante é a mediática relevancia que se lle outorga ao requetebis dunha hipótese e información archisabidas e vellas.
En rigor, resaltar con foguetes o despacho informativo baseado na desclasificación duns informes da CIA caracterizados porque non achegan nada novo é outro episodio da pugna case permanente que manteñen distintos sectores do “Estado profundo”, básicamente dous: os franquistas e os demócratas; preito que foi agudizado pola policía política de Fernández Díaz e polo comisario Villarejo, a liorta xa navega pola superficie e trala toma de posesión do Goberno de coalición participan case que todos os medios da dereita e as “capelas dixitais” de sempre, con OKdiario á fronte.
Os GAL e todos os aparellos parapoliciais (estiveran protexidos por membros do aparello do Estado e/ou foran froito da iniciativa e con financiamento privado: Antiterrorismo ETA, Batallón Vasco-español, Comandos Antimarxistas, Grupos Armados Españois, Triplo A, etc.) sempre son empregados como arma arreboladiza pola dereita, o cal é paradoxal e revelador.
Nos anos noventa, cando se ventilaron e xulgaron algúns (non todos) dos delitos perpetrados polos GAL, a dereita e os seus medios utilizaron os datos e as invencións “filtradas” —sobre todo tralo descubrimento dos cadáveres de Lasa e Zabala— para tombar o PSOE de Felipe González e propiciar a irrupción de José María Aznar.
O “PSOE do 82” estivo tentado de responder á dereita sacando a relucir as barbaridades da guerra suxa practicada polos gobernos de UCD (as desaparicións de Naparra e Pertur, os atentados contra Argala, Peixoto e outros refuxiados), que foron organizados desde ou por membros do aparello do Estado, pero o ‘felipismo’ contívose. Non en balde o PSOE é o partido que achega o ingrediente que máis contribúe ao éxito da Transición: prolongala canto sexa posible; ou sexa, non acabala, o que implica esconder ou disimular as cloacas e as augas… o que explica, entre outras cousas, que as torturas de Bili el Niño e a morte de Antonio Ruano sexan auga pasada que non debe mover muíño.
A dereita tampouco cambiou, tira o lixo á rúa cada vez que o centro esquerda (con ou sen o concurso da esquerda) dá pasos cara adiante.
«Felipe González podería ser o ”Señor X”», insinúan, suxiren ou intúen desde fai xa un cuarto de século analistas de todas as escolas e decenas de miles —seica varios millóns— de cidadáns e agora resulta que na CIA tamén hai quen opina o mesmo.
Novidade?
A Coruña, 23 de xuño de 2020.
Imaxe da cabeceira: Funeral polas vítimas do Hotel Monbar (euskalmemoria.eus)
O autor

Félix Soria
Barcelona, 1953. É xornalista. Entre outros medios, traballou durante 25 no xornal La Voz de Galicia onde desenvolveu, entre outras tarefas, a de correspondente en Bruxelas e membro do equipo de investigación, o último equipo como tal na prensa galega a finais do pasado século. É un dos pioneiros da blogosfera na Galiza, e desde 2006 mantén aberta a súa bitácora persoal Im-pulso. Colaborador en medios como Galicia confidencial, Economía Digital e CTXT (contexto), acaba de publicar a novela Irán a por ti(Medulia, 2019).

Relación de asasinatos dos GAL
Outras opinións

‘Let it Be’ e as ‘Nagra Tapes’

A vida extínguese sen fogos de artificio


Lupe Ces: Licuar o sexo/Liquar o sexo

Unha multitude dentro de Dylan
Outras opinións

A vida extínguese sen fogos de artificio


Lupe Ces: Licuar o sexo/Liquar o sexo

Unha multitude dentro de Dylan

Algúns erros de esquerda que axudaron Ayuso