Os soños de Nuria e Ramón

Vidas precarias | Unha parella de artistas

Compartilhar no facebook
Facebook
Compartilhar no twitter
Twitter
Compartilhar no google
Google+
Compartilhar no whatsapp
WhatsApp
Compartilhar no telegram
Telegram
Compartilhar no email
Email
Compartilhar no facebook
Compartilhar no twitter
Compartilhar no google
Compartilhar no whatsapp
Compartilhar no telegram
Compartilhar no email

A Coruña | 29 de xuño.  “Estou na Coruña porque coñecino a el. Hai dous anos e medio que nos coñecemos polo Facebook e falamos por teléfono”.

NURIA

Coñecino e mostroume esta fermosa cidade, que é unha cidade onde a arte, a música está por riba de todo. Os artistas… é unha pasada. É un contraste con Barcelona, na que deixei moitas cousas, e que espero volver, evidentemente, pero cando estás aquí e ves o marabillosa que é, a arte.. e alá que non se apoia para nada. Coñecémonos e empezamos a falar. El viu unha foto miña e preguntoume se sufrira moito. Falamos nove meses por teléfono. Eu dígolle que sufrir xa non podo sufrir máis, xa tes un tope na vida, e tes que quitarse cousas dese pasado… Pero ás veces volve e teño que sacudirmo porque se non, non podería vivir. Chegamos o 19 de abril para ir á gala dos Premios María Casares aquí no teatro. Xa estiveramos en outubro. Pasamos unhas tempadas aquí e outras alí, como teño o piso. Ímolo reformando aos poucos. Cando me vin un pouco libre retomei a música. Mentres a enfermidade da miña nai non podía. Dedicaba corpo e alma a ela.

Estiven sete anos coidando á miña nai que quedou inválida logo dun infarto cerebral. O meu pai, Sebastián, era escultor e a miña nai, Florentina, ama de casa. Teño un irmán e o meu avó, teño que dicir que o avó era actor de teatro, en México, obras de teatro de Shakespeare, que de aí creo que me vén a cousa de cantante. Cantar gustábame de sempre. Non o potenciei até que tiven dezasete ou dezaoito anos. Os meus pais non estaban moi de acordo. Fun á Universidade, estudei Dereito, teño tres cursos de Dereito. E viñeron dificultades. A mediados dos anos 80 o meu pai tivo que pechar o taller que tiña de escultor. A miña nai tamén o axudaba no taller. Tiven que poñerme a traballar para axudar tamén en casa. Despois enfermaron os meus pais. Sempre tivera un apego moi forte, e agora que non teño aos meus pais, teño serias dificultades para tirar no meu día a día. A única cousa que creo que me salva foi coñecer este mozo.

RAMÓN

Nacín na Coruña, aínda que os meus pais teñen unha casa en Neaño*, na Costa da Morte. O meu pai era albanel. Traballou aquí, no País Vasco, Suíza… Ía de cando en vez a miña nai. Compaxinaban. Estaban no inverno alí e no verán aquí. A miña nai como ama de casa. Despois cosía. Estiven en Logroño cos meus pais e os meus irmáns. Iamos e viñamos, igual estabamos un ano alí e seis meses aquí. Aos quince anos estaba estudando Automoción en Ponteceso e polas tardes traballaba co meu pai, facía obras. Pasei a traballar directamente con el. Así estiven desde os dezaseis aos dezanove, que fun a San Sebastián a traballar eu, e até lle busquei un traballo a meu pai. Fun porque tiña unha noiva alí. Collín o tren, sen facer bolsa nin nada. Desde alí chamei aos meus pais. Eles non sabían nada. Estiven en varias empresas en Hernani, Tolosa, Zarauz, en noventa sitios… E moi ben. Traballa o que permitían que eran 8 horas, pero eu facía 14 ou 15. En nómina eran 150.000 pesetas, e despois dábanme 80.000 en dietas. Algún mes cheguei ás catrocentas mil, porque empecei a ir aos sábados tamén. A noiva víñame a visitar á obra os sábados. Eu facía karate, boxeo… Gastaba. Compraba a mellor roupa, os deportivos, bicicletas. Estiven vivindo cos meus xefes, que eran os encargados da empresa, nun piso. No País Vasco pasei cinco anos e logo seis en Canarias, coa mesma empresa. Vivía en Arrecife e despois en Costa Teguise e Puerto del Carmen. Vivía en Lanzarote, pero movíame por traballo por toda Canarias. Gañaba menos. Facía case ás mesmas horas ou máis, pero pagaban menos, pero era máis barato vivir. Ademais, estiven vivindo case sempre cos xefes.

Eu quedábame coa metade e o resto mandábao para casa. Se en Canarias gañaba 250.000 pesetas. Mandaba 125.000 ou 100.000. Do 92 ao 97 estivera en San Sebastián, un ano traballando aquí outra vez, e catro, até 2003 en Canarias. A Madrid cheguei xusto un día antes do atentado do 11-M. En Madrid traballei tamén na construción. Os salarios eran moito máis baixos que en Canarias, ao mes, xa era en euros, unhas 110.000 pesetas. Tiven facer horas para chegar a duascentas cincuenta. Seguía mandando diñeiro a casa, pero menos. Era outra empresa, unha de Betanzos.

NURIA

Traballei nunha empresa de produtos químicos. Pero o meu pai púxose enfermo dos ósos, e tiven que deixar o traballo. Tiven que deixar a miña vida abandonada con 32 anos. Primeiro doente o meu pai e logo a miña nai e estiven coidándoos aos dous. O meu pai tenia unha pensión moi baixa de trescentos e pico de euros, e a miña nai tamén. Eu cando deixe de traballar, estiven cobrando un tempo o paro. Uns amigos axudáronme muchísimo cos meus pais, dábanme diñeiro. O meu irmán estaba practicamente á marxe de todo isto.

O meu pai morreu no 15 de novembro de 2005, e a miña nai enfermara en marzo. Viuna enferma e coidámola os dous á vez. O meu pai enfermara dos ósos, unha enfermidade moi dolorosa, quedou nunha cadeira. O meu pai morreu e o mesmo día enterrámolo. Estiven un mes tan, tan deprimida, tan mal que non puiden cambiar nin roupa que levaba. Comía moi mal, non descansaba. Nos anos que coidaba á miña nai non podía facer nada, nin dedicarme á canción, nin sequera podía saír. Perdín amigas, os contactos. Esquecinme do mundo. Nos momentos malos había algo, como unha forza, que non sei de onde me viña.. Iso é o que me ensinou a miña nai, uns valores. Se hai algo, a providencia… algo hai que me mantiña para que puidese seguir coidando da nai.

Coñecín a unha persoa logo da morte da miña nai e durou un ano. Eu non o chamaría unha parella, unha parella é outra cousa, unha persoa coa que estás ben. Este foi un desgraciado co que me topei. Tiña como unha dependencia, como non tiña a ninguén… Esa relación corteina despois de coñecer a outra persoa que me axudou a cortar. Pero era como unha cadea. Arrastraba situacións destas. Seguía vivindo na casa da miña nai. Mantíñame como podía, traballando en cousas, coidando a outras persoas, non comendo, cantaba na rúa.

RAMON

En Madrid estiven un ano. Despois estiven dous por aquí en empresas pequenas. E a base de traballar moito ía sacando diñeiro. Só estiven un mes, igual dous, no desemprego. Volvín a Canarias cando xa estaba a crise na construción. Pero como coñecía a esta empresa de Ourense, traballei. Xa non se construían hoteis. Tamén estiven en Mallorca no túnel de Sóller. Despois vin tres anos a traballar para aquí como escaiolista, como o pai. Un día apareceu pola empresa Suso Lista, que é un actor.

Daquela había a serie Mareas vivas. Suso Lista dicíame vente. Un día estabamos en Ponteceso, vin a Suso e fun. Empezábase a gravar Para mariñeiros, nós que se emitía en V Televisión. Todo o mundo andaba por alí coas roupas, disfrazándose, e vén o director e dime toma este texto, e disfrazáronme de pistoleiro. Gravábase en Corme. Nun bar. O director díxome volve mañá porque válesme para este perfil. Estiven seguido até o 2013. Fun a clases de teatro. Había un taller dirixido por Santiago Fernández, Manuel Lourenzo, Chus Álvarez… Mira esta foto. Coñécelo, non? Estou con Luís Tosar. Empecei a participar en películas. Estiven na gala dos Mestre Mateo. Igual parabas tres ou catro meses de gravar e seguíanme chamando para facer traballos na construción. No 2011 estiven catro meses na construción. No de actor eran moitas horas. Pero no momento que non estaba gravando, estaba estudando, ou tomando un café. O único problema era que se cadra non durmía nada, se chove non podes gravar e hai que esperar. No 2014 estiven outros dous meses na construción. Despois traballei para unha empresa de Carballo en traballos en altura, e polas noites ía de mariscador a ría.

Aí atrás estiven cunha axuda destas de prestación. Vale mais que nada, pero era mellor que houbese mais traballos. Despois teño que solicitar outra pola Xunta que me dixeron que é un mes. O 15 de abril do ano pasado. Coincidiu Semana Santa. Fun a Barcelona porque coñecín a Nuria polo Facebook.

NURIA

Pouco a pouco empecei a saír, e funme abrindo, non sei por que, é como se a vida me puxese diante xente para que puidese volver, relacionarme, falar… sen eu facer nada. A música foi ou meu modo de saír. Sempre admirei a The Carpenters. Para min son ‘o máis’… Intentei facerlles un tributo, pero en Barcelona non foi posíbel. Espero conseguilo aquí, sería a miña máxima ilusión. Saín á rúa a cantar. Probei cun amigo pensando que igual non iría ben a cousa, e vendo que sacaba algo de diñeiro pensei que debía cantar ben. Agora estamos aquí. Fago bolos. Fomos a tele, ao Bamboleo. Se solucionamos o do piso, temos problemas para topar unha habitación decente. Os pisos compartidos. Se solucionamos o do piso, todo irá ben.

RAMÓN

Pasei en Barcelona a Semana Santa. Despois volvín todo xullo e ela veu en agosto. E en Barcelona mesmo traballei nunha serie de Mariano Barroso. Cobraba 150 euros por día, 200 cando axudaba a organizar. Coñeces a moita xente. Cando estás na construción dinche este é un matao, un pobre diaño. E cando saes na tele, aparecen amigos por todas partes. Moitos aínda os conservo, outros que viñan por interese, non. Con Nuria fago un pouco de representante, para axudala en todo o que poida, aproveitamos o tempo cando quenta o sol. Si podemos queremos actuar dentro dos bares, e así xa non estaría tanto na rúa, a base de esforzo todo conséguese. Coa familia aínda teño relación. Pero eles son mais de traballar, non son do mundo da arte e enfadáronse comigo cando deixei a construción.

 

*Por un erro na transcrición, na primeira versión do artigo aparecía Meaño. O nome é Neaño, na parroquia de Canduas.

Deixe um comentário

Deixe um comentário