Ou Truden ou Bimp
A decisión de Bernie Sanders de abandonar a carreira pola designación no Partido Demócrata reduce a competencia electoral pola presidencia dos EUA a unha disputa entre dous candidatos que representan os mesmos valores e políticas reaccionarias.
Redacción | A Coruña | 9 de abril. “A desistencia de Bernie Sanders acontece un dia após o estado do Wisconsin decidir seguir adiante cunha polémica elección presencial, que Sanders pediu que fose adiada. O senador de Vermont foi momentaneamente o líder de facto dos demócratas para as próximas presidenciais, após vencer o voto popular en Iowa, conquistar un triunfo en New Hampshire e obter unha vitoria decisiva en Nevada. As súas posibilidades comezaran a esvaer en Carolina do Sul, onde o líder do partido no estado, o deputado Jim Clyburn, concedeu un apoio apaixonado ao ex vicepresidente Joe Biden. Unha carreira que se estaba a estreitar e que se transformou nun impulso a favor de Biden”, escribía onte Ryan Grim no The Intercept.
Caitlin Johnstone, que hai semanas viña advertindo da operación para mover a Sanders da candidatura demócrata á presidencia dos EUA, esperaba a renuncia e no seu último post recorre ao lamento sarcástico:
“É tempo de o dicir como é, Bernie Bros: se te negas a votar Truden só porque ele é unha prostituta racista e autoritaria e demente de dereitas, que foi acusada de violación de forma críbel e coa cal non partillas ningún terreo ideolóxico común, iso é o mesmo que votar pola outra prostituta racista e autoritaria e demente de dereitas, que foi acusada de violación de forma críbel e coa cal non partillas ningún terreo ideolóxico común. Queres realmente iso na túa conciencia? Escoito algúns berners argumentaren que consideran exactamente o contrario: que un voto a Truden é o mesmo que un voto a Bimp, porque a distancia ideolóxica entre unha esquerdista e Truden é dunha orde maior á diferencia ideolóxica entre Truden e Bimp. Mas nada podería estar máis lonxe da verdade! Por exemplo, tanto Truden como o Bimp teñen nomes completamente diferentes, con letras completamente diferentes. Non acredita no que digo? Olle os nomes deles para si. Eles nin sequera son soletreados da mesma maneira. Escoito outros argumentaren que se a negativa a votar polo Truden é o mesmo que votar polo Bimp, entón a negativa a votar a Bimp non é o mesmo que votar a Truden? E a resposta a iso é “silenciosa”. Cala esa boca inmunda.”
“Con Sanders fóra da carreira, o esforzo progresista agora muda para presionar Biden a asumir certos compromisos políticos e, máis importante aínda, dirixir a súa equipa cara un camiño máis progresista e distante dos seus aliados empresariais”, continúa Grim, “Ao mesmo tempo, [a carta de oito organizacións lideradas por mozos] recomenda o rexeitamento dos executivos actuais ou antigos de Wall Street ou lobistas corporativos, ou calquera persoa ligada ás industrias de combustíbeis fósiles, de seguros de saúde ou de cárceres privados. Tamén pide un Departamento de Seguridade Interna cuxo liderado estea comprometido a desmantelar, na forma en que están actualmente constituídas, as axencias de Inmigración e Fiscalización Aduaneira e de Protección Aduaneira e de Fronteiras”.
A despedida de Sanders
The New York Times ofrece unha transcrición do discurso de renuncia de Sanders pronunciado onte desde a súa casa en Burlington (Vermont). O candidato, de 78 anos, agradece o apoio dos seus partidarios –“demos un paso adiante na loita sen fin póla xustiza económica, póla xustiza social, póla xustiza racial e póla xustiza ambiental”– e despois recorre á frase atribuída a Nelson Mandela –“sempre parece imposíbel até que se fai”– para levantar sinalar que “o maior obstáculo á mudanza social ten todo a ver con o poder do establishment empresarial e político para limitar a nosa visión sobre o que é posíbel e aquelo a que temos dereito como seres humanos”.
A de Sanders pode ser unha capitulación persoal, mais o candidato advirte que o movemento resistirá. Gañamos a loita ideolóxica, estamos tamén a gañala de forma xeracional, advertiu. “O futuro deste país está nas nosas ideas”, resumiu.
“Somos un movemento popular, multirracial, multixeracional, que sempre acreditou que a verdadeira mudanza nunca vén da cima para baixo, mais sempre de baixo para cima. Esa loita continua”, dixo o senador antes de citar a Martin Luther King Jr: “O arco do universo moral é longo, mas inclínase para a xustiza”. A loita continúa…
Despois, mostrou o seu apoio explícito a Biden e sinalou que traballarán “para derrotar Donald Trump, o presidente mais perigoso da historia americana moderna”.
A de Sanders pode ser unha capitulación persoal, mais o candidato advirte que o movemento resistirá. “O futuro deste país está nas nosas ideas”, resumiu.
Un socialista democrático
“Sanders, que se describe como socialista democrático, baseou a súa campaña na promesa de introducir un sistema de saúde público e gratuíto nos Estados Unidos de América, engadido á transformación do país e a súa matriz económica. Pero Sanders tivo que enfrontarse á oposición de moitos líderes do partido, funcionarios electos e doantes importantes, así como un gran número de votantes moderados que o criticaron por situarse demasiado á esquerda”, contextualiza o xornal arxentino Página12 este xoves.
En Le Monde, Stéphanie Le Bars fai un percorrido pola prensa estadounidense e subliña que Sanders non foi capaz de superar, entre os demócratas, esa imaxe dun “político socialista atípico, autoproclamado e independente, e non un membro do partido”. Le Bars tamén sinala que a derrota de Sanders acontece mentres o goberno dos EUA está a responder á pandemia “inxectando grandes cantidades de diñeiro público no sistema de saúde e de emprego, algo que Sanders viña recomendando hai anos”.
“El está a terminar a súa campaña como en 2016: derrotado por un candidato máis moderado, nun partido que aínda non é tan de esquerda como ele”, explica o dixital Politico, no que John F. Harris reflexiona sobre o legado de Sanders.
“A reputación a longo prazo de Sanders, porén, dependerá aínda máis de algo que ele non consegue ditar: O que acontece aos mozos activistas que ele dotou de enerxía coas súas formas agresivas e a súa axenda socialista democrática”. Harris recorre aos consellos de Gary Hart, candidato que en 1984 mobilizou á xeración máis nova mais perdeu a carreira demócrata. “Tal vez en xaneiro a diferenza entre o progresismo cauteloso de Biden e a versión radical de Sanders fose algo que valese a pena discutir. Agora, di Hart, a peste mudou todo. Con trillóns a seren investidos no que ameaza ser a Grande Depresión desta xeración, Joe Biden pode acabar por ser Bernie Sanders ao cadrado apenas polas circunstancias”.
“El non criou a rabia contra un sistema económico inxusto ou contra as décadas de desilusión contra a política liberal, mais criou unha narrativa, construíu apoio para un conxunto de políticas que poderían mellorar as cousas, e identificou os axentes de mudanza”, escribe Bhaskar Sunkara no The Guardian.
O legado de Sanders
“Hart di que non sabe se Sanders terá un impacto a longo prazo”, prosegue Harris. “Argumentou que a maioría dos candidatos perdedores non acaban por producir un longo eco na política nacional (…) Os candidatos que importan a longo prazo, mesmo sen gañar, son aqueles que compiten “cunha base de ideas e transformación non só dun partido, senón dun país”.
Donald Trump publicou un chío: “Bernie Sanders está fóra! Grazas, a senadora Elizabeth Warren”, avanzando así unha das estratexias da súa campaña para a reeleción: incidir na división dos demócratas.
“A revolución política de Bernie Sanders aínda non terminou”, prognostica Bhaskar Sunkara no británico The Guardian, e pon o foco na situación social dos EUA, “Con millóns na pobreza ou a sentir as dores da fame na sociedade mais rica da historia, con máis millóns de desempregados, sen seguro de saúde, endebedados e tratados como dispensábeis, Sanders sabía que había un público para a súa mensaxe (…) e desde abril de 2015 tiña conseguido converter ese público potencial nun público real. El non criou a rabia contra un sistema económico inxusto ou contra as décadas de desilusión contra a política liberal, mais criou unha narrativa clara do que está errado, construíu apoio para un conxunto de políticas que poderían mellorar as cousas, e identificou os axentes de mudanza que poderían levar a cabo unha revolución política extremadamente necesaria”.
“Mais Sanders ficou á marxe da última parte da súa misión (…) Esperaba saír de 2020 como unha figura co poder de Franklin Delano Roosevelt, capaz de usar o poder do Estado para instituír reformas e eliminar os obstáculos á organización da clase traballadora. En vez diso, ele terá de aceitar o seu lugar ao lado de Martin Luther King Jr, Eugene Debs e Mother Jones; líderes morais contra os grandes males da súa época, líderes que continúan a inspirar a loita pela liberdade e pela xustiza”.
A finais de febreiro, Caitlin Johnson xa advertiu por onde se estaba a cociñar derrota de Sanders. Ningún dos grandes medios progresistas fala abertamente disto, pero pode ser o principal legado de Sanders. Dicía Johnstone: “A propaganda é o principal obstáculo que impide ás persoas utilizaren o poder do seu número para realizar unha verdadeira mudanza. Se a campaña de Sanders non conseguir máis nada, está polo menos a forzar os propagandistas a expoñerse. Canto maior for a exposición, mellor. É por iso que teño prestado tanta atención á campaña de Sanders, ultimamente. (…) a reacción do establishment contra el pode expor a máquina de propaganda perante un público mainstream”.
América
Bolivia, entre o golpe e as utopías
Bolivia, entre o golpe e as utopías (II) A aposta política do cambio.
“Eu não acreditava na necessidade de gerar nova liderança”
O golpe de estado neofascista cívico evanxélico en Bolivia
Proxecto imperial vs. proceso revolucionario
Bolivia: o retorno das loitas diversas
“O réxime de Ortega está en situación terminal”
Nicaragua baixo o terror do comandante Ortega
Outras novas
Tres mortes, dúas comisións e centos de médicos angustiados
Movimentos sociais perante o surto do coronavirus
O narrar delas, un acto de resistencia
Outras novas
Recadación de fondos para crear o Bosque da Lingua nos Montes de Couso
O aparato de propaganda dos xigantes eólicos sae a escena
Ecoloxistas exixen en Ourense moratoria para frear as macrogranxas