Para unha metafísica animal do maltrato humano

Ignacio Castro Rey

Compartilhar no facebook
Facebook
Compartilhar no twitter
Twitter
Compartilhar no google
Google+
Compartilhar no whatsapp
WhatsApp
Compartilhar no telegram
Telegram
Compartilhar no email
Email
Compartilhar no facebook
Compartilhar no twitter
Compartilhar no google
Compartilhar no whatsapp
Compartilhar no telegram
Compartilhar no email

Adorable torpeza de belfo húmido. O silencio dos campos nesta agricultura intensiva, onde un vello pode desaparecer sen deixar pegada. No medio deste decorado a figura dun animal solitario, un pouco atormentado. Baixo o zunido de moscas dun tempo morto, cheo de baleiro rural improdutivo, a melancolía do burro é unha mancha de atraso na nosa pantalla sen fin. Se a escuma do surf triunfa por todas partes, un lento animal que nin ri nin baila ten, por moito que abanee a cola, os días contados. O imperio da depilación total liquida as matas de pelo teso.

“Feo, católico, sentimental” (Valle-Inclán). Calquera mula de carga lembra demasiado á sentimentalidade de Juan Ramón, ao planeta espectral de Pedro Páramo e á tristeza pasoliniana das aforas. Así pois, fóra coas sentimentalidades e as fantasmas do pasado! Mesmo os zombis, con ou sen Michael Jackson, deben hoxe poñerse a saltar nun incansable flash mob.

A prolongada inmaturidade humana non só tivo que domesticar outras bestas que complementasen a nosa fraqueza. Tamén nos enlazou co mito do misterioso animal que cala. O noso bendito subdesenvolvemento conectou así co torpor, a lentitude, a teima asnal. Cristo entra entón en Xerusalén ao lombo dun burro, Cervantes fai delirar o orbe sobre as ancas dun par de cuadrúpedos tristes. John Berger senta a reflexionar sobre a riqueza da pobreza perante a dozura dun burriño. Mesmo os Rolling fan unha homenaxe á paciencia asnal en Get yer ya-yas out!

Se a escuma do surf triunfa por todas partes, un lento animal que nin ri nin baila ten, por moito que abanee a cola, os días contados. O imperio da depilación total liquida as matas de pelo teso.

Fragmento dunha escena dun mosaico do Gran Palacio de Constantinopla. Neno e burro.

Agora ben, para o noso fascismo emocional e a perpetua alarma social deste capitalismo-marea, o sentimental debe pasar ao arquivo numérico. A sociedade líquida non pode tampouco poñer en primeiro plano a un sucio animal de secaño. Tótem do pasado, agora o burro só poderá subsistir como galán de concurso, portento sexual en vídeos porno ou portador de turistas parapléxicos en Chinchón. Dificilmente poderá adquirir un lugar natural nos fluxos incansables da nosa mundial clase media, na quimioterapia dos seus milleiros de pantallas acendidas.

Debaixo do bronceado das nosas praias Uva queda así, entre outros restos, un posible animal freudiano, a súa resignada relación co sinistro. Miren senón esa triste figura cuberta de pelo hirsuto, esa desesperante quietude terceiromundista. Mascota xitana. Orellas grandes e velleiras, figura desamañada, ancas sen graza. Sobre todo, eses ollos escuros tapados sempre por un floco de tristeza. Benditos. Como algúns humanos, apartando as moscas, trotan reconciliados coa graza do seu infortunio.

Do mesmo xeito que a prostitución clásica entra en descrédito hixiénico e moral diante da nosa dinámica promiscuidade global, é posible que a especie Equus asinus estea en decadencia porque lembra demasiado a nosa condición de animal de carga, de civil endebedado, de progresista escravo da alarma asocial? Debemos ser escravos do tempo contado socialmente, un amo omnipresente e invisible. A outra escravitude, doente e espacial, queda para os inmigrantes. De feito, a nova lexión de escravos terceiromundistas é máis dilixente cós vellos animais de carga.

É posible que a especie ‘Equus asinus’ estea en decadencia porque lembra demasiado a nosa condición de animal de carga, de civil endebedado, de progresista escravo da alarma asocial?

Welcome refugges. Pero que aprendan inglés, por favor. Sobre todo, que non traian os seus fetiches lentos. Debemos parecernos hoxe a un galgo, a un husky siberiano ou a un cabalo de carreiras. Prolongando a nosa hipocondría veloz, as mascotas que nos seguen deben confirmar o animal de exhibición que somos. Nesta escenografía de alta definición norteña o burro é un estorbo. Por se non chegase co cabelo despeiteado (nada que ver con Ronaldo), ornea, queixándose da imposibilidade de calquera evolución.

O dogma da diversión obrigada, do éxito perpetuo e a velocidade de alta definición, convirte o borroso asno nun animal para pasear nenos turistas en Chinchón. Arando se ora, dicía Pound. Pero a desaparición da España agrícola da pobreza, endomingada coas subvencións das azuladas estrelas europeas, convirte o burro na lembranza noxenta dun atraso mal afeitado.

Así pois, imponse a reciclaxe turística. Cada un de nós debe ser un estranxeiro conectado, nunca demasiado seguro de entender o contorno automatizado que lle rodea. O terciario, o seu tren de alta velocidade debe deixar atrás o lento lixo terreal. E o asno, máis có cabalo, átanos ao po dun lugar, ao idiotismo local (que tamén Marx odiaba) e a uns dialectos rurais que necesitan subtítulos.

Debaixo de toda esta merda que afecta ao enteiro espectro político, da esquerda dura á dereita branda, a demonización da clase obreira e campesiña supón non só unha rendición dos seus últimos representantes. É necesario ademais que os antigos obreiros e campesiños peregrinen polo seu propio pé ás praias do consumo e que se reciclen en empregados informatizados do sector servizos. O traballo manual desaparece nun capitalismo 24/7 cuberto por unha estabilidade climatizada. Cada minuto debe ser o anuncio dunha radiante ingravidez por chegar. Nesta velocidade de escape, a lombo do Hummer ou o iPhone, non ten cabida un animal que non soña con viaxar.

E nesta ideal pantalla táctil dos nosos soños non pinta ben un animal dócil, reconciliado coa traxicomedia de vivir. Por enriba, refractario á depilación total.

Da arte conceptual ao ecoloxismo, da fusión musical ao feminismo, rodéannos sorrintes institucións de doma terciaria onde a primeira mercadoría é o material humano. Mesmo nas aforas, vivimos no imaxinario dun perpetuo Skyline cuxos reflexos deben abarcar ao horizonte. As palmeiras latexan no crepúsculo mental dun ceo infinito. E nesta ideal pantalla táctil dos nosos soños non pinta ben un animal dócil, reconciliado coa traxicomedia de vivir. Por enriba, refractario á depilación total que esixe o simulacro dunha eterna viveza.

Picón, 14 de xullo

Ignacio Castro Rey

Ignacio Castro Rey

Santiago de Compostela, 1952. Filósofo, escritor e crítico de cine e arte. É autor, entre outros, dos ensaios La explotación de los cuerpos (2002), Votos de riqueza (2007), Sociedad y Barbarie (2012) e Ética del desorden (2017).

Deixe um comentário

Deixe um comentário