Ana Noguerol | Pontevedra, 13 de novembro. Os lamentos pola seca e polos incendios, as queixas contra unha Administración despreocupada do rural, acompañan acotío o pastoreo contracorrente igual que as tarefas agrícolas, as forestais ou a xestión dunha empresa que teima en aventurarse en prácticas tradicionais, respectuosas e artesanais. Non é doado ser pastor na Galiza nestes tempos de burocracia e leis dun sistema que parece máis cómodo incentivando grandes empresas. Pásalles a Hugo e a Xoán e a un puñado máis de mulleres e homes que coidan e viven das cabras e das ovellas nun país que é monte máis da metade pero que non ten nin medio plan para o pastoreo.
A Política Agraria Común da Unión Europea encaixa mal coas necesidades concretas do territorio, e isto provoca un estrondo de confusión. Así se senten na Asociación de Criadores de Ovino e Caprino de Galicia, OVICA, que andan pensando en pór en marcha unha Escola de Pastores. Mentres tanto, organizan xornadas de asesoramento para mozos e mozas que desexan iniciarse na actividade gandeira. A asociación incorporou 65 pastores e pastoras repartidos polo entre o 2015 e o 2017.
Xoán ten 26 anos; Hugo 40, pero comezou neste mundo da gandaría con 30. Son os responsábeis das gandarías A Ciruxana e Os Brabos*, respectivamente. A primeira ten a súa explotación en Ardexaxe, no límite entre Viana do Bolo e Vilariño de Conso. A segunda atópase repartida entre Gondomar e Tomiño.
“Aínda que hai que traballar na fin de semana e festivos, sen horario fixo, son feliz traballando porque amo o que fago”, di Xoán. “E moito máis que a persoa dunha empresa que o domingo está amargada porque sabe que o luns ten que volver”. A Ciruxana naceu porque el prefire o rural. Hugo é un amante da natureza: “temos que volver un pouco ao de antes e facer entender a Europa que o pastoreo é o único boleto que temos para facer compatible a gandaría e as labores de extinción de incendios”.
Defínese como un autoempregado. Realiza todos os traballos: a recollida de forraxes, a atención do gando, a limpeza das terras abandonadas e a posta en produción. Ten outro mozo empregado, Camilo, que tamén se encarga da atención das cabezas e do pastoreo. E producen castañas. “A decisión de ser gandeiro foi vocacional, aínda que a miña familia hai 20 anos que non ten gando. Para min sempre foi un soño poder traballar no que me gusta, e na terra que quero. Foi moi importante o apoio económico e moral dos meus pais, sen iso non podería ter comezado, xa que as axudas de incorporación da Xunta son lentas e non se adaptan á realidade”.
O tamaño do seu rabaño, agora mesmo, é de 300 cabezas. “Vai en proceso de aumentar. Temos previsto subir a 450 no próximo ano e medio. Contamos con varias razas, pero agora mesmo estamos mudando todo a ovella galega pola súa rusticidade e para aproveitar dunha forma máis eficiente os recursos que nos dá a terra”. A rutina é moi variable nas diversas épocas do ano. A principal é o pastoreo diario, que dependendo da época son máis horas ou menos. “Facemos concentración de partos e soltamos os machos en decembro para ter os partos en maio, e a venda en xullo e agosto”, explica. “Facemos isto porque é a maneira máis barata de producir porque así aproveitamos a primavera e os cordeiros críanse co leite da nai e un pouco de cen teo que producimos nós”.
Unha vez que venden os cordeiros, vén o pastoreo de mantemento até decembro, cando soltan de novo aos machos. No inverno, ademais de pastorear, completan a alimentación do gando cunha ración de herba seca. No pastoreo aproveitan praderías e monte baixo, no que hai carqueixa, xesta e carpazo. “Hai que combinar a diario estas dúas para ter unha alimentación equilibrada”, di Xoán, “para que na época dos partos o leite da nai teña mellor calidade, porque terá repercusión na carne dos cordeiros”. “E tamén aproveitamos as landras dos carballos”, engade.
Ao comezo, o problema foi a falta de experiencia. Xoán estudara un ciclo superior en Xestión e Dirección de Empresas Agropecuarias “íntegro de vacún e leite”. Pero na súa contorna aquilo era difícil de aplicar. “Outro problema foi a falta de interese da Administración pola mocidade, as subvencións de incorporación realmente son útiles se tes por herdanza unha explotación. Os que comezamos de cero e temos que facer todas as inversións, vémonos obrigados a adiantar moito diñeiro, que en moitos casos non se ten e ao final é ganancia para os bancos”, di. “Tardaron un ano en concederme os dereitos de pago básico, un gran lastre xa que o noso produto ten un prezo por debaixo do seu valor real”. Pensa que na actualidade o interese da Xunta “segue a ser nulo: seguimos sen ter Escola de Pastores e para buscar información innovadora temos que ir a Francia, Inglaterra ou incluso Australia”. O prezo atópase por debaixo do valor real, explica, e a na comercialización hai máis trabas: os prezos altos ou a distancia até os matadoiros, entre elas. Por iso parte da produción véndena a intermediarios. En OVICA, conta Xoán, fan “de anxos da garda, psicólogos, asesores, técnicos e defensores de reformas políticas que permitan profesionalizar o pastoreo no rural galego”.
Xoán pide a creación dunha Escola de Pastores con módulos específicos de ovino e caprino nos centros de capacitación agraria; unha normativa de sacrificio flexíbel e matadoiros móbiles, e unha política que “dignifique o orgullo rural como fixeron en Escocia”.
En canto aos lumes, afirma que “en calquera momento podemos perder todo polo que levamos traballado. Necesitamos máis prevención por parte da Xunta, nós estamos recuperando unha media de seis hectáreas por ano. Xa traballamos 60 que xa non teñen perigo de arder, pero non é suficiente, por desgraza”. Respecto das secas, sufriron unha grande o ano pasado e outra neste comezo de outono. “Imos ter un problema moi grande, xa comezamos a introducir técnicas de agricultura rexenerativa e estamos a recuperar antigos regadíos, para intentar adaptarnos o mellor posible a esta nova realidade do cambio no clima”.
Xoán pídelle a Administración a creación dunha Escola de Pastores con módulos específicos de ovino e caprino nos centros de capacitación agraria; unha normativa de sacrificio flexíbel e matadoiros móbiles; o apoio á marca Pastores de Galicia, “que é a única que aglutina todo o sector pola forma tradicional de crianza”; a reforma da PAC para axilizar os pagos e premiar as gandarías respectuosas co medio; e unha política que “dignifique o orgullo rural como fixeron en Escocia”.
“A PAC está deseñada para Alemaña e Reino Unido, e non para nós. Aquí non son todo campos de herba, e precisamos que nos subvencionen os sitios de difícil acceso, porque a única maneira que hai é meter aí o gando”, di Hugo.
Os Brabos é unha sociedade civil formada por Hugo e pola súa nai María Consuelo. “Miña nai dedícase ao ovino e o caprino e eu ás vacas e ao cereal”, di Hugo. “Temos dous empregados que axudan en todo”. Tiveron que diversificar as súas actividades. Por riba, están facendo traballo de limpeza de montes, sobre todo fóra de tempada. Cando comezaron “cobrábanse subvencións polas hectáreas que pastoreabamos, e unhas cousas ían dando para outras. Despois cambiou a política agraria e puxeron cada vez máis difícil a cousa. Reduciron un montón as hectáreas que a Unión Europa considera de pastoreo e danaron moitísimo os nosos ingresos”, di. É por isto que tiveron que diversificar.
Teñen 160 ovellas galegas, máis de 30 cabras (“non todas galegas pero parte delas si”) e 36 cabezas de rubia galega. “Coas vacas imos limpando unha zona que estaba abandonada aquí en Tomiño. E como precisamos producir forraxe, é a zona ideal. Nun principio, a idea era só cortar a herba, pero caemos na conta de que era máis doado pastorear aquí cos animais”. Seleccionar zonas que estean sen uso, péchanas, meten as vacas e elas son as que van limpando. “Con pouco que axudemos nós cos tractores, elas mesmas fan os seus propios pastos”.
“Todo é pastoreo extensivo”, di Hugo. “Tanto as cabras, como as ovellas, como as vacas”. Os Brabos foi vítima dun incendio na vaga de lumes do pasado ano, e é por isto polo que non contan con cuadras. “Tiñamos antes para os becerros, pero desapareceron co incendio. Agora mesmo, non hai nin unha soa cuadra na explotación. Ese lume case nos arruína”. A Administración púxose en contacto con eles e falaron das subvencións. “Do que nos dixeron ao que nos dan hai moita diferencia. De momento, adiantáronos a metade, e estamos intentando financiarnos con créditos”. A lexislación indica que dous anos despois do lume non se pode pastorear.
A lexislación indica que dous anos despois do lume non se pode pastorear. “Tivemos que atopar solucións”. Coas ovellas, a maneira foi a simbiose: “comezamos nun viñedo e agora están nunha plantación de kiwis. Fixemos un convenio”.
“Tivemos que atopar solucións”. Coas ovellas, a maneira foi a simbiose. “Comezamos nun viñedo e agora están nunha plantación de kiwis do Kiwi Atlántico, e fixemos un convenio. A intención é aumentar un montón o rabaño, porque agora somos conscientes de que o kiwi e as ovellas pequenas galegas como as miñas son 100% compatibles. Eliminan as malas herbas, e ao mesmo tempo obteñen unha alimentación moi satisfactoria”.
Hugo reclama que a Xunta ten que complementar o que lles prometeron: o total das perdas do incendio. Fai fincapé en que a PAC é ineficaz, e que Europa non contempla as peculiaridades dos territorios galego. “Alimenta moito máis as carqueixas e os toxos que a herba. A PAC está deseñada para Alemaña e Reino Unido, e non para nós. Aquí non son todo campos de herba, e precisamos que nos subvencionen os sitios de difícil acceso, porque a única maneira que hai é meter aí o gando”. Hugo e Xoán son un mesmo exemplo de pastoreo contra a corrente, mesmo contra a corrente da PAC.
*O nome da gandaría é Os Brabos, e non ‘Os Bravos’ como aparecía na primeira versión do artigo.
Recibe o noso Boletín cada 15 días cunha selección das nosas historias e outras recomendacións
Os 3 rurais galegos: capitalismo ou… ?
Procurando a reaçom no tempo de desconto
Recadación de fondos para crear o Bosque da Lingua nos Montes de Couso
O aparato de propaganda dos xigantes eólicos sae a escena
Ecoloxistas exixen en Ourense moratoria para frear as macrogranxas
Recadación de fondos para crear o Bosque da Lingua nos Montes de Couso
O aparato de propaganda dos xigantes eólicos sae a escena
Ecoloxistas exixen en Ourense moratoria para frear as macrogranxas