Eu non son patriota
Rebeca Baceiredo
Non tería imaxinado durante a miña xuventude que neste futuro os cidadáns terían que empregar o cualificativo de patriota para aducir boa conduta moral e ideolóxica. Hai tempo que a esquerda reformista se defende usando a arma que as forzas conservadoras lanzan contra os que ousan cuestionar levemente o statu quo. Finalmente, Macron, o intelectual de Europa, coma os Talking Heads do CBGB, o que se presenta como salvador da Unión aproveitando o panorama, definiu, para fixar e dar esplendor á lingua, o patriotismo. Fíxoo por oposición ao nacionalismo durante o centenaria celebración do fin da Primeira Guerra Mundial. O patriotismo é, segundo el, a lealdade emocional aos concidadáns. Presupostos na figura institucional da Patria, iso si. Ten que saír do corazón, insistiu, xusto de onde non saen as bases da democracia, que deben orientarse cara o racional, co fin de evitar derivar na demagoxia pola cal nacen os tiranos (xa advertían os antigos).
Os nacionalismos, viña dicir por outra banda, son as forzas centrífugas que desestabilizan a Patria, é dicir, o Estado. Sobreentendíase que o bo era desexar manter a orde e o malo, pretender alterala. Coma as sociedades actuais son alfabetizadas, non se lles falou de bo e de malo, bastou con xogar co tripi de Alicia a deslocalizar e mesturar significantes e significados, dando un pasiño máis alá na arte da posverdade. Así, unha palabra pode significar o que o busto que parla decida no momento.
A base de xustificarse fronte aos ataques da dereita, que chega a todo o mundo a base de presupolo inferior intelectualmente, as diversas forzas que podemos considerar defensoras dos cimentos liberais do contrato social fronte a deriva neoliberal, máis que de muda social, forzas entre as que non inclúo a Macron, integran a palabra no seu discurso: ata as Femen, na súa valente entrada na conmemoración fascista, sinaláronlle ao fascismo que non é patriotismo. A alfombra está sendo desprazada máis alá da dereita e nós, con ela.
Coma as sociedades actuais son alfabetizadas, non se lles falou de bo e de malo, bastou con xogar co tripi de Alicia a deslocalizar e mesturar significantes e significados, dando un pasiño máis alá na arte da posverdade. Así, unha palabra pode significar o que o busto que parla decida no momento.
Coinciden, así, co presidente francés, que na súa intervención aparentemente clara e intuitivamente difusa tiraba a dous bandos, pois non só miraba aos movementos centrífugos senón tamén ao ascenso progresivo das posicións antidemocráticas ás que non denomina fascistas, senón, como rigorosísimo guía da democracia liberal, democracias autoritarias, en clara referencia a Carl Schmitt.
Todo está moi ben atado, pois tal termo, que conta con bibliografía, pasa a parecer unha opción política máis, e ata desexable para algúns. De maneira que se se demanda ilegalizar o fascismo, a localización política dos xeitos autoritarios non tería por que situarse fóra do espectro que o pacto político posibilita… Porén, solicítase, como contrapartida, prohibir tamén o comunismo: concretamente, un día decídeo Bolsonaro en Brasil e outro propono Casado aquí, para combater as derivas progresistas da Unión Europea…
Con tal barbaridade non só se borrarían as posicións da esquerda marxista, internacionalista dende a defensa da multiplicidade cultural, por certo, senón o marxismo en xeral, pois a súa terminoloxía sinalaría a zona prohibida… Coma, cada vez máis, se entenden as palabras para a manipulación e o dogma, só poden pensar no ideolóxico e só intúen que máis alá diso o marxismo é unha epistemoloxía frutífera, unha ferramenta conceptual que determinou a historia do coñecemento do século XX. Para o século XXI algúns piden que todo se reduza ao plano simbólico da propaganda, o coñecemento coma nós o aprendemos é perigoso: calquera alusión á organización do mundo, que é material, calquera alusión á realidade, construída como semiótica, mais sobre os corpos, debe ser ilegalizada, pois sinala un espazo no que pode ser construída outra.
Ourense, 5 de decembro.
Rebeca Baceiredo
Ourense, 1979. Licenciada en Ciencias da Comunicación e doutora en Filosofía e con estudios en arte contemporánea. Escribe sobre sistemas de representación e réximes de poder. Os ensaios filosóficos xiran, esencialmente, en torno aos modos de subxectivación e a obra máis literaria aposta pola deconstrución do suxeito-autor.
Apúntate ao boletín!
Recibe o noso Boletín cada 15 días cunha selección das nosas historias e outras recomendacións
Transparencias, morais e fascismos contemporáneos
Pola abolición da prostitución e do traballo alienado
Produción, distopía e perversión
Sentenzas, resistencia activa e soberanía
A orixe como consenso pero o horizonte, múltiple
Outras opinións
Unha multitude dentro de Dylan
Algúns erros de esquerda que axudaron Ayuso
Outras opinións
A vida extínguese sen fogos de artificio
Lupe Ces: Licuar o sexo/Liquar o sexo
Unha multitude dentro de Dylan
Algúns erros de esquerda que axudaron Ayuso