Galiza, un futuro sen carbón

Organización ecoloxistas e cooperativas ambientalistas que piden o peche das centrais de Meirama e As Pontes a máis tardar en 2025.

Compartilhar no facebook
Facebook
Compartilhar no twitter
Twitter
Compartilhar no google
Google+
Compartilhar no whatsapp
WhatsApp
Compartilhar no telegram
Telegram
Compartilhar no email
Email
Compartilhar no facebook
Compartilhar no twitter
Compartilhar no google
Compartilhar no whatsapp
Compartilhar no telegram
Compartilhar no email

Redacción adiante | A Coruña, 20 de novembro. En pleno debate sobre o futuro das centrais térmicas de Naturgy en Meirama e de Endesa nas Pontes, e sobre a planta de aluminio de Alcoa na Coruña; o mesmo día que no Parlamento se debate a toma en consideración da ILP para a protección e mellora dos hábitats de bosque autóctono, a racionalización da xestión do monte e a loita contra os incendios forestais, coñeceuse o Manifesto Galiza sen Carbón, impulsado por dez* organizacións de defensa do medio: ADEGA, Amigos da Terra, Asociación Pola Defensa da Ría (APDR), Ecoloxistas en Acción, Ghichas Co-mando, Greenpeace, Petón do Lobo, Plataforma contra a Mina de Touro-O Pino, Asociación Naturalista Baixo Miño e Verdegaia; pola a cooperativa de consumo e produción Nosa Enerxía, a cooperativa de educación ambiental Feitoría verde, e o colectivo de comunicación Ecoar Global.

Estes colectivos constitúense nunha plataforma que reclama o peche das centrais nucleares e de carbón e fai parte dunha iniciativa a nivel europeo, Europe Beyond Coal, que o pasado presentou no Parlamento Europeo unha petición “aos gobernos europeos, á Comisión Europea, aos eurodeputados e deputados dos parlamentos nacionais, empresas enerxéticas, bancos, inversores e concellos” reclamando que se deixe de subvencionar o carbón.

Este é o texto:

«Galiza será un dos países europeos máis prexudicados polo cambio climático. Con todo, serán os países empobrecidos do Sur global os que leven a peor parte, malia non seren responsábeis da crise climática. Este último non é o caso de Galiza, onde as emisións por habitante son bastante superiores á media mundial e mesmo superan a media da UE. Como país temos unha responsabilidade e unha obriga, a de facer a nosa parte para loitar contra o maior desafío do noso tempo.

A achega ao cambio climático desde Galiza distribúese de forma moi desigual. Cinco grandes empresas multinacionais (ENDESA, Naturgy, Alcoa, Repsol, FerroAtlántica) son propietarias de fábricas que acumulan máis do 40% das emisións anuais galegas de dióxido de carbono (CO2) e outros gases con efecto invernadoiro causantes de cambio climático. E tan só dúas desas industrias, as centrais térmicas de carbón das Pontes (ENDESA) e de Meirama (Naturgy, antes Gas Natural Fenosa) emiten un terzo dos gases de invernadoiro lanzados á atmosfera desde a nosa terra (o 34% de media anual en 2012-2016).

Desde hai xa catro décadas, estas centrais de carbón producen electricidade sucia xerando, ademais de cambio climático, contaminación tóxica que tamén se estende máis alá das nosas fronteiras. O carbón que as alimentou deixou unha fonda pegada destrutiva no noso territorio, mais tamén nos doutros países, pois parte do carbón usado nas térmicas emprazadas en Galiza foi importado e extraído moitas veces en condicións de semiescravismo de minas do Sur do planeta ou con enormes danos ambientais en áreas de elevada biodiversidade. Desde hai dez anos, unha vez pechadas as minas galegas de lignito das Pontes e As Encrobas, o 100% do carbón que se queima en Galiza procede de alén das nosas fronteiras.

O último informe do Comité Intergobernamental para o Cambio Climático (IPCC, polas súas siglas en inglés) advirte da necesidade de limitarmos o aumento da temperatura media global a 1.5ºC, se queremos evitar os peores efectos do cambio climático en curso. Para iso cumpriría non adiar máis unha rápida e fonda transformación da economía que, entre outras moitas cousas, obrigaría a reducir drasticamente o consumo mundial de carbón, o combustíbel fósil máis prexudicial para o clima. Para 2030, o consumo total de carbón debe diminuír en polo menos dous terzos e para 2050 o seu uso no sector enerxético debe ser case nulo.

Perante a situación de emerxencia climática global, é máis necesario que nunca pechar as vellas e ineficientes centrais de carbón das Pontes e de Meirama. Non é o momento de prorrogar a súa vida útil por 25 anos máis mediante reformas que non diminuirán as elevadas emisións de CO2 inherentes á queima de carbón. É o momento de planificar o seu peche a curto prazo, garantindo unha transición xusta para os traballadores e as traballadoras afectadas.

As centrais térmicas de carbón situadas en Galiza deben pechar canto antes. A central de Meirama nin sequera comezou as reformas necesarias para adaptarse á nova lexislación europea, que limita parte das súas emisións contaminantes á atmosfera; de seguir así veríase obrigada a pechar as portas no 2020. Lamentabelmente, a central das Pontes, cos parabéns das institucións galegas, si puxo en marcha as obras da reforma coas que pretenden, en principio, funcionar até 2045. Porén, reclamamos o seu peche, a máis tardar, en 2025.

En Galiza, a loita contra o cambio climático pasa por transformar moitos dos nosos patróns sociais, mais sobre todo e en primeiro lugar polo peche das centrais térmicas de carbón. Non hai ningunha outra medida singular que hoxe permita diminuír, de xeito tan rápido e importante, as emisións de gases de efecto invernadoiro na nosa terra, con grandes beneficios para o conxunto da sociedade, por exemplo, en termos de saúde pública ou de soberanía enerxética. O logro de reducións comparábeis en sectores como o transporte, a vivenda ou a agricultura, tamén necesarias, serán moito máis lentas e difíciles.

As organizacións integrantes da plataforma Galiza, Un Futuro Sen Carbón, enmarcada na alianza europea Europe Beyond Coal, reclamamos que en 2025 estean pechadas todas as centrais nucleares e de carbón en Galiza e no Estado, xunto coas nucleares. Este obxectivo é factíbel de se producir o necesario impulso das enerxías renovábeis (con participación cidadá, incentivando a autoprodución e apoiando e participando no cooperativismo enerxético, unha alternativa ao oligopolio e unha alternativa de emprego) e do aforro, a eficiencia e a suficiencia enerxéticas. E máis aínda se emprendemos unha radical transformación dun modelo de produción e consumo totalmente insustentábel que non ten en conta os límites planetarios.

Porque é un imperativo ambiental. Porque non necesitamos o carbón coma fonte de enerxía. Porque é demasiado caro. Porque buscamos unha transición xusta na que xa dispoñemos doutros modelos sustentábeis para prescindir do carbón. Porque existen límites legais ás emisións de gases diferentes do CO2 provocadas polas térmicas (novos límites de emisións contaminantes europeos que entran en vigor no ano 2020 sen excepción a ningunha central térmica). Porque aumentan a débeda ecolóxica contraída pola economía galega co Sur global. E porque, ademais, parece existir un compromiso do Goberno do Estado polo fin do carbón, que temos que reforzar e esixir canto antes.

A crise climática é un dos grandes retos aos que se enfronta a humanidade. Continuarmos a producir electricidade a partir do carbón, desbotando alternativas xustas e ecolóxicas viábeis, só beneficia a unhas poucas persoas. Queremos un futuro mellor para o noso pobo e para a humanidade, para as xeracións actuais e para as futuras. Por iso, precisamos, sen máis demoras innecesarias, unha Galiza sen carbón.»

A presentación da nova plataforma terá lugar en Compostela este venres, día 23. Celebrarase un cinefórum coa proxección do documental ‘El lado oscuro del carbón’. Será ás 17.00 na Facultade de Xeografía e Historia da USC.

 

* Asociación Naturalista Baixo Miño non figuraba na primeira versión do manifesto, recibida onte.

Deixe um comentário

Deixe um comentário