Pedra e alquitrán

Baldo Ramos

Compartilhar no facebook
Facebook
Compartilhar no twitter
Twitter
Compartilhar no google
Google+
Compartilhar no whatsapp
WhatsApp
Compartilhar no telegram
Telegram
Compartilhar no email
Email
Compartilhar no facebook
Compartilhar no twitter
Compartilhar no google
Compartilhar no whatsapp
Compartilhar no telegram
Compartilhar no email

Sorprende a actualidade dalgúns escritos. Celanova, 1933. Uns mozos desta vila ourensá, que forman parte da Federación de Mocidades Galeguistas, coordínanse para “defender a lingua e a cultura galega”. As palabras son de Pepe Velo, un dos integrantes da organización. Tiña 17 anos. En compañía doutro mozo de 21 argallan a iniciativa de editar un semanario que se chamará Adiante. Este segundo mozo asina como Emilio Ferreiro Míguez. O texto que abría o primeiro e único número daquel xornal levará por título “O nacer“. Dicía alí o mozo Celso Emilio: “nistes intres estóricos e in-quedantes, n-istes intres de fondas transformacións, n-os que parés que o goberno da Repúbrica se dispón a trocar á Hespaña federabre n-unha Hespaña federal, é perciso que Galiza amostre o perfil rexo e inconmovibel da súa personalidade, para que non lle sexan negadas unhas liberdades secularmente areladas”.

85 anos despois, a Penélope de Díaz Castro semella estar presa dos mesmos fíos. Soñando con que teña un sentido o seu futuro e que a súa personalidade sexa recoñecíbel non só para os de fóra, senón para que os de dentro nos recoñezamos nela.

Herdeiros daquel empeño nace agora estoutro Adiante, coa ollada posta nun país que teña porvir. Onde a liberdade de expresión sexa a punta do compás sobre a que trazar os círculos dun compromiso social e ideolóxico coa Galicia que resume moi ben o simbolismo daquela pintada que Celso Emilio e Pepe Velo fixeran con alquitrán na fachada do mosteiro de Celanova: Adiante Semanario. A pedra da historia, a pedra dun patrimonio irrenunciábel e a caligrafía de trazo indelébel, o pensamento crítico feito palabra. Un soño sen vontade de metáfora. 85 anos despois. Quero confiar en que, dentro doutros tantos, esa pintada que se conserva sorprendentemente, como querendo perpetuar aquela arela duns mozos que despois foron o futuro daquel país soñado, non siga tendo a mesma actualidade. E que os mozos e mozas que agora escriben esa mesma palabra na fachada deste novo portal do xornalismo dixital tamén sexan o futuro deste país. Pero que non teñan que explicalo daquela co derrotismo co que enfiaba Díaz Castro a esperanza de Penélope no seu famoso poema. Porque este país xa o vai merecendo.

Quero confiar en que, dentro doutros tantos, esa pintada que se conserva sorprendentemente, como querendo perpetuar aquela arela duns mozos que despois foron o futuro daquel país soñado, non siga tendo a mesma actualidade.

Baldo Ramos

Baldo Ramos

Celanova, 1971. Poeta e artista plástico, é autor de obras como A árbore da cegueira, A ferida de comprender ou Cartas dende o esquenzo. Escribe para non darse por vencido. A súa pintura busca a mestizaxe coa literatura en proxectos individuais e colectivos como Os ollos das palabras, Onde beben os cervos que amansou o calígrafo ou A dobre páxina.

Outras opinións