O debate sobre a prostitución

O debate sobre a prostitución

Pola abolición da prostitución e do traballo alienado

Rebeca Baceiredo

Compartilhar no facebook
Facebook
Compartilhar no twitter
Twitter
Compartilhar no google
Google+
Compartilhar no whatsapp
WhatsApp
Compartilhar no telegram
Telegram
Compartilhar no email
Email
Compartilhar no facebook
Compartilhar no twitter
Compartilhar no google
Compartilhar no whatsapp
Compartilhar no telegram
Compartilhar no email

Houbo un tempo remoto no que os humanos precisaron da cultura e da técnica para sobrevivir, co fin de resolver o déficit biolóxico no que os deixaba o nacemento prematuro, pola cousa de andar erguidos. Algo despois distribúense as funcións segundo o sexo, de maneira que aos machos lles corresponden os traballos recoñecidos socialmente, e ás femias, os servizos domésticos, fóra da esfera social, do espazo cívico.

A pesar de que o traballo pertence como esencia a toda a especie, por cousa da nosa natureza, máis aberta que incompleta, e polo tanto a tod@s nos pertence a potencial realización persoal mediante a creatividade, que é como define Marx o traballo non alienado propio do homo laborans, as femias construídas socialmente como mulleres pasan a ser simplemente obxectos reprodutivos e de pracer, isto é, son as encargadas de facer a vida máis fácil, que é o que se lles esixe a elas, e aos escravos.

O intercambio de mulleres orixinario fundamenta que unhas sexan destinadas a fortalecer os vínculos contractuais, sociais e económicos con outros grupos, e outras, a cumprir servizos sexuais. Por outra banda, a chamada prostitución sagrada non era tanto iso como sacerdotisas ás que se lle presupuña a natureza psicopompa da Deusa á que representaban, isto é, a capacidade de elevar ontoloxicamente ao mortal en cuestión, pois no mundo de Ishtar o erotismo era unha manifestación da cultura, da civilización, das mulleres. Mais o erotismo é o contrario da pornografía.

Polo tanto, ningún dos dous grupos de mulleres, nin as que se reservan para o matrimonio nin as que se deixan para a satisfacción sexual dos varóns, son consideradas suxeitos con dereito ao auto-recoñecemento e á conseguinte auto-realización persoal a través do facer. Ben é certo que, de facto, o traballo é algo que deben exercer as capas máis baixas da sociedade e é visto como embrutecedor ata a Modernidade, pois o nacemento do capitalismo recóbrese dun discurso que intenta dignificar, nun primeiro lugar, á clase social mercantil que se dedica aos negocios, entendidos como traballo, e, sobre todo, a xustificar unha orde social que se sosterá nos corpos produtivos que deben, para que o capital flúa ben, interiorizar o dogma, a moral, esa lóxica de traballo, independentemente das condicións laborais. Os enunciados din que eses individuos das capas baixas, moitos deles antigos campesiños, son libres para vender a súa forza de traballo como mercadoría. Este homo faber, ao entregar a súa forza de traballo entrega a súa enerxía e o seu tempo, que é a vida, realizando accións coas que non se identifica, que sinte como alleas. Así, este é un traballo morto no que o individuo se atopa alienado, fóra de si, tolo.

“Nin as que se reservan para o matrimonio nin as que se deixan para a satisfacción sexual dos varóns, son consideradas suxeitos con dereito ao auto-recoñecemento e á conseguinte auto-realización persoal a través do facer”

Mentres tanto, vaise regulando que as mulleres non accedan a ese traballo que dignifica, como lle din os que non o fan. A medida que se imposibilita a autonomía económica das mulleres, reábrense prostíbulos estatais, así como se condena indirectamente a moitas delas a prostituírse para subsistir. Pode entón entenderse, historicamente, que a venda da sexualidade é un traballo? Se a forza de traballo se vende no capitalismo como mercadoría, podemos entender que a sexualidade de cadaquén é unha forza de traballo? Ou é simplemente unha fonte de pracer coa que gozar? É posible vender o pracer como mercadoría? Ou é sobrecodificado en forma de goce o xeito de convertelo nunha? Pois é imposible o pracer se unha non está inmiscida en tal proceso, así que non se trata de pracer, senón do goce perverso do outro que se erixe como suxeito, como posición hexemónica, porque é o que paga…

Detalle de ‘Pornocrates, La dame au cochon’, obra de Félicien Rops.

Dirán algúns: a prostitución é traballo sempre que se recoñeza socialmente como tal, pois estase a falar diso, do recoñecemento como tarefa social. Entón, debemos asumir que as mulleres teñen como tarefa social satisfacer as necesidades sexuais dos varóns? Cabe, nese traballo alienado -como todos, di Rosa Montero nos voceiros de Prisa, coma vivir de escribir artigos, sen ir máis lonxe-, a posibilidade de realizarse? Realízome a través de satisfacer o goce do outro? É iso un suxeito emancipado ou é a clásica lóxica da escrava submisa? What you decide is my desire, cantan no romanticismo postmoderno. Entendo, entón, que ofrecer sexo non é unha función social, e polo tanto non é un traballo, nun sentido marxista, iso si. Ora ben, a pesar de que se atribúa tal postura, como clixé, ao puritanismo (da esquerda?), é baixo o amparo da Lei Mordaza, dun goberno ultraconservador, que a policía multa ás prostitutas por “actitudes indecorosas”.

O neoliberalismo, ao que considero conservador a pesar das aparencias, defende a liberdade de venderse, pois todo homo aeconomicus ten dereito a ofrecerse como mercadoría e como marca. Desta maneira preséntase a prostitución case como xeito ontolóxico exemplar, capaz de gañar a vida folgadamente a través do goce. Do outro. É o seu? Imos asumir, coma cacarexa o discurso puritano (sic.), que as prostitutas son mulleres ás que lles gusta o sexo? Atrévense a estas alturas do filme a afirmalo así, baixo eufemismos neoliberais…? Por outro lado, se toda actividade que xere plusvalía é considerada, na órbita neoliberal, traballo, pronto o será tamén dedicarse libremente á xestación subrogada…

Só con tales falacias pode superarse o pequeno obstáculo que presentaba Pateman botando man do propio contrato liberal: ninguén é libre para venderse como escravo na esfera pública, pois a escravitude -tradicional- está fóra dos convenios laborais e cívicos, mais si pode facelo na esfera privada… Precisamente, como o neoliberalismo mestura as dúas esferas, pode defender nun totum revolutum que non hai tanta diferenza entre elas, pois as dúas son produtivas para tal concepción, e polo tanto non ten sentido barallar tales matices.

“No caso da prostitución, crear un sindicato é o xeito de amosar o empoderamento das prostitutas como traballadoras sexuais. E isto pode que sexa mellor para o patriarcado e o capitalismo que para elas mesmas”

A situación que se presenta con OTRAS é capciosa: o sindicato é a representación dos traballadores. É dicir, asúmese a prostitución como un traballo. Mais o sindicato é o representante proletario, é dicir, d@s obreir@s que deixan de estar alienad@s, toman conciencia de si e, polo tanto, reencóntranse na súa esencia creadora: deixan de estar fóra de si e pasan a ser para si. Entón, no caso da prostitución, crear un sindicato é o xeito de amosar o empoderamento (palabra de moda) das prostitutas como traballadoras sexuais. E isto pode que sexa mellor para o patriarcado e o capitalismo que para elas mesmas, pois as especialistas no tema presentan datos espantosos: os escasos sindicatos creados ata o momento vinculados á prostitución asócianse a proxenetas e nos lugares nos que se regulou empeorou a súa situación. Dende tarifas planas que inclúen salchichas, cervexa e mulleres ilimitadas, á solicitude de ampliación horaria: que sindicato pide a ampliación da xornada laboral para @s súas traballadoras?, pregúntanse. Imposible que non aumente a demanda. É máis, soemos desexar aquilo que nos ofertan.

Chegado este punto aparece a escabrosa cuestión: quen somos nós para falar das demais ou quen fala por si mesm@ sen un profundo traballo de desaprendizaxe? Certamente existen persoas que traballan de preto con elas, intentado aliviar as condicións nada envexables que elas mesmas relatan e que demandan mellorar inmediatamente. E se o piden é xa algo incuestionable, o que se cuestiona é a estrutura coa que facelo e, así, a liña lexislativa e social que se pretende levar a respecto do tema.

Non se fala, logo, de penalizar, senón de que facer un sindicato non é, dende logo, o xeito de tender cara a abolición e si de tender cara unha posible legalización, pero con cautela porque, coma nas drogas, o diñeiro negro importa… Ora ben, n’A rúa da vergoña (Mizoguchi, 1956) as prostitutas rexeitan o abolicionismo gobernamental, mais a razón é a incerteza sobre a fonte do seu sustento. Igualmente, cando a escravitude foi abolida, moitos dos escravos non quixeron abandonar as plantacións, pois a cuestión era a mesma: que imos comer? Esta é a pregunta trampa na que sempre se cae, mesmo acaba de suceder coa cuestión da venda de armas a Arabia Saudí, fabricadas na depauperada economía gaditana: é lóxico o medo á fame entre os pobres, pero son as instancias políticas comprometidas as responsables dunha reconversión económica cara un modelo ético.

“É lóxico o medo á fame entre os pobres, pero son as instancias políticas comprometidas as responsables dunha reconversión económica cara un modelo ético.”

Esas mulleres non son, polo tanto, as hetairas nas que pon o foco Rosa Montero… Son as outras, si, as que nin no mundo grego podían cultivarse e ser tratadas como boa compañía intelectual. Aínda que coa liberdade que ben sabemos que dá a pobreza, se entregan á profesión, porque segundo a ONU só unha de cada sete, apunta a de Prisa, é vítima da trata. Unha de cada sete, practicamente nada.

En calquera caso, tampouco estaban moi contentas coa súa condición social as hetairas, debe saber Montero, comparándose elas mesmas coas esposas que, á súa vez, tamén tiñan unha existencia bastante escura, anulada e negada. En calquera caso, é este o mundo grego? Están as mulleres no xineceo, son as putas as máis libres? É unha cuestión de recoñecemento social? Hitler ben eloxiaba o labor dos obreiros que levantaban a súa grande Nación co fin de empoderalos… Están menos explotadas, como afirma a xornalista, que as señoras da limpeza? É diñeiro fácil? Non é esa a cantarela conservadora? Quizais para as escorts, se lles coinciden galantes homes ricos como clientes, claro. Segundo esta lóxica, antes que regular laboralmente á alza o resto dos traballos, proponse que é ben lícito e bonito ser prostituta de luxo. Claro, e do Consello Asesor de Endesa. Porque se algo fai o neoliberalismo é saber vender goce, despois de retirar o pracer das vidas, e insistir en que calquera de nós podemos ser do 1%…

Ourense, 10 de setembro.

A ilustración do cabeceiro é de Ana Nogueira.
Rebeca Baceiredo

Rebeca Baceiredo

Ourense, 1979. Licenciada en Ciencias da Comunicación e doutora en Filosofía e con estudios en arte contemporánea. Escribe sobre sistemas de representación e réximes de poder. Os ensaios filosóficos xiran, esencialmente, en torno aos modos de subxectivación e a obra máis literaria aposta pola deconstrución do suxeito-autor.

prostitución, sexo, escravitude, proxenitismo

A industria dos dereitos

“Só despois de asegurarnos de que combatemos a orixe do problema, a pobreza extrema e a carencia de recursos, poderemos falar dese 5% que exerce libremente asegurándolles un sistema de protección e obrigacións”.
Un artigo de Gloria Vázquez

prostitución, sexo, escravitude, proxenitismo

Ler devagar: muller-sen-valor-humano

“O consumidor de prostitución é o máis claro defensor do sistema patriarcal, é o primeiro que asimila que unha muller é un produto de mercado e que non ten valor humano.”
Un artigo de Erea Blanco.

feminismos, prostitución

Ningunha muller nace para sindicalista

“Que pasaría se todas cobrásemos polo traballo do fogar, dos coidados e o sexual? Onde quedaría o estigma? Por que teríamos que permitir que nos dividan segundo os graos de violencia que soportamos para sobrevivir?”
Un artigo de Ana Viqueira

prostitución

A escravitude do século XXI

Non hai que pecar de inocencia: a meirande parte das mulleres saben cal é o seu destino; o que non imaxinan é o que atopan unha vez aquí, as condicións do traballo, as xornadas interminables cun cliente tras outro, a débeda contraída que non para de medrar.
Un artigo de Rocío Ovalle.