Policía

Diego Lores

Nos primeiros días de xuño parte da prensa viguesa ollaba para Torrecedeira. Algúns medios locais falaban de estarmos nunha zona que cualificaban como polvorín. No centro da cuestión colocaban os problemas que no barrio provocan algunhas persoas: as que dormen no albergue municipal de Marqués de Valterra, as que xantan no comedor social de San Francisco, as que acoden ao furgón de Érguete en Jacinto Benavente ou as traballadoras do sexo na zona de Beiramar.

As mobilizacións deste verán teñen antecedentes hai uns anos. Daquela unha parte da veciñanza e dos comerciantes de Torrecedeira organizáranse para rexeitar o traslado de serenos ao barrio. O 1 de agosto de 2013 o goberno municipal botaba o peche ao programa Sereos. Á calada remataba cun espazo no que se repartían xiringas e preservativos, dábanse cafés e bocadillos ás persoas máis excluídas a escasos metros da Porta do Sol. Porén, a oposición de persoas e colectivos sociais que levaban anos esixindo unha atención digna para as persoas sen fogar provocou inquietude no goberno municipal. Na concellería de Benestar procuraron daquela novas localizacións para o programa na zona de Torrecedeira. Pero varios intentos frustrados e o rebumbio crecente na veciñanza remataron cunha saída que non agradou a ninguén: pasar a atención a un furgón en Jacinto Benavente.

Non agocho que escribo estas letras dende a sorte de poder ter participado nalgunhas das loitas promovidas polo grupo Imán, as cales foron xermolo das mobilizacións máis amplas que máis tarde organizou a Rede Social Galicia Social Sur. Mobilizacións que colocaron no debate local a necesidade de executar políticas que mereceran o adxectivo de sociais. Sen as accións de tantas persoas, de tantos colectivos hoxe non teríamos en Vigo un albergue para as persoas sen fogar, un mínimo dende o cal seguir reclamando uns mínimos dereitos para todas as persoas. O CIIES (Centro Integral de Inclusión e Emerxencia Social) conta con 38 prazas, insuficientes para a crúa realidade na que se atopan moitas persoas na cidade.

Sen as accións de tantas persoas, de tantos colectivos hoxe non teríamos en Vigo un albergue para as persoas sen fogar, un mínimo dende o cal seguir reclamando uns mínimos dereitos para todas as persoas.

Un breve repaso que seica fica esquecido, ou cando menos non está a resoar coa forza que debería na actualidade ao fío dos acontecementos: algunhas voces acusan ás que fan noite no albergue de xerar inseguridade, de deteriorar a convivencia no barrio. Voces que denuncian tamén a acumulación de servizos sociais. Voces que non son todas nin as únicas, porque con menos micrófonos están as que no medio da rebuldaina procuran análises máis complexos e sosegados.

Sinalar como perigosas, ás que están expostas a graves perigos por mor da miseria na que malviven resulta difícil de dixerir. Os discursos nos que se mesturan persoas sen fogar con violencia poden traer gravísimas consecuencias. Por iso penso que estaría ben lembrar a importancia deste tipo de centros. Se a xente non fai noite no albergue terá que durmir na rúa, okupando edificios baleiros… Penso que mellor sería poñer o foco na esixencia de máis e mellores recursos para estes colectivos. Penso que se deixamos en mans do mercado o acceso á vivenda seguiremos a ter problemas tan graves como os despexos ou o aumento do número de persoas excluídas deste dereito tan básico.

Preguntas que non están na axenda do conflito á vista das esixencias dalgunhas veciñas e das respostas dadas polo goberno municipal: aumento da presenza policial e melloras no alumeado.

Vigo, 1 de agosto

Compartilhar no facebook
Compartilhar no twitter
Compartilhar no google
Compartilhar no whatsapp
Compartilhar no email
Diego Lores

Diego Lores

Vigo, 1981. Xuntarei letras sobre vivencias e pensamentos sobre o social. Participo na Oficina de Dereitos Sociais de Coia. Diplomado en Traballo Social e profesor do ciclo superior de Integración Social en Vigo.

Deixe um comentário