Consultorio literario
Por que as persoas que se dedican a escribir están fartas de ser guapas?
Minia Remorenda & Pinga Lazurca
Outra vez volvemos ás vosas pantallas e aos vosos corazóns, queridas lectoras, con ánimo de dar resposta a esas preocupacións literarias que vos quitan o sono e que vos levan a anegar a nosa caixa de correo de misivas virtuais. Con moita emoción pola boa acollida desta sección, saudámosvos a todas, menos a aquelas que seguides preguntando ás poetas “de que tratan os teus poemas?”.
Nesta ocasión eran moitas as consultas que nos encheron o ollo, pero decidímonos por unha que tal vez sexa a máis difícil de contestar de todas, por superficial e baladí. É a preocupación que roe no maxín de Lectora Disoluta, moza angustiada que quere saber:
Por que todos os poetas contemporáneos son tan feos?
Ben. En primeiro lugar, querida Disoluta, deberiamos comezar dicindo que esta é unha pregunta frívola, baleira, insubstancial e mesmo pueril. É un absurdo xulgar a escritores e escritoras pola súa aparencia física, posto que a beleza reside nas súas obras. É máis, diría aínda que a ninguén lle debe interesar o seu aspecto exterior, máis aló de que cumpran os mínimos de aseo establecidos pola sociedade para andar entre a xente. E isto o colectivo literario contemporáneo galego obsérvao sobradamente.
Engado ao fío deste asunto que non hai nada que amole máis a un poeta -e xa non digamos a UNHA poeta- que aparecer nun medio de comunicación co gallo dunha intervención pública (un discurso, un recital, unha mesa redonda…) e atoparse con que todos os comentarios relativos a tal aparición son “que guapo estabas”, “que ben te maquillaron”, “preciosa” ou “que ojazos”. Podo engadir que hai casos, aínda máis graves, nos que o artista pregunta entre as súas amizades se lles gustou a intervención e non poucas veces lle responden “non atendín ao que dixeches, pero estabas espectacular”. Acaso a poesía consiste en botar horas armando metáforas, escollendo a palabra xusta ou contando sílabas para “saír guapos” no xornal? De verdade cres, desafortunada Lectora Disoluta, que se meten a poetas para ligar?
“As persoas que escriben fartaron de ser guapas. Este movemento de protesta é cada vez máis numeroso, non te enganes, e non falta moito para o día no que na gala das Medallas Castelao apareza unha premiada en chándal, como símbolo de rebeldía.”
A día de hoxe, poetas e representantes doutros xéneros literarios teñen unha auténtica loita aberta contra o estereotipo que baleira de contido as súas mensaxes. Esta é principalmente a razón pola que as persoas que escriben fartaron de ser guapas. Este movemento de protesta é cada vez máis numeroso, non te enganes, e non falta moito para o día no que na gala das Medallas Castelao apareza unha premiada en chándal, como símbolo de rebeldía.
Pero se queres que nos poñamos superficiais, imos poñernos superficiais.
Hai quen pensa que, efectivamente, desaparecido Manuel María e retirado para sempre Manolo Rivas ao reino da narrativa, se acabaron os grandes galáns da poesía patria. Na miña opinión, entre os poetas novos hai abondos candidatos a ser Míster Letras Galegas, pero a maior parte deles son gais, co cal supoño que non entran no teu target. Aínda que este é un tema espiñento, xa cho digo, pois sempre atoparás alguén que coñecerá polo menos media ducia de vates actuais que, se ben non son para levar para a casa, alegrábanche unha noite de tronos.
Porén, se fose eu a que tivese que escoller un amante masculino no sector do libro galego, procuraríao, sen dúbida, entre os narradores. Na novela negra queda aínda algún autor de bo ver, algúns clásicos das nosas letras tampouco levan mal a mediana idade e, malia que cos premios Xerais dos últimos vinte anos, non creo que dean para facer un almanaque de mozotes lixeiros de roupa, aínda se aproveita algo. Muller, hai quen sente a atracción do poder que supón durmir cun editor, pero eu sinceramente non o recomendo.
“Se fose eu a que tivese que escoller un amante masculino no sector do libro galego, procuraríao, sen dúbida, entre os narradores. Na novela negra queda aínda algún autor de bo ver.”
A modo de conclusión só me queda engadir que se o que máis valoras é o absurdo e frívolo encanto da aparencia, o mellor é que te dediques aos actores. Sobre as táboas é onde se refuxian as auténticas belezas do país. Pero se queres un consello que che dure toda a vida: procura namorar do carozo, porque a carne da froita decontado se estraga.
Vigo, 26 de setembro.
Minia Remorenda & Pinga Lazurca
Minia Remorenda e Pinga Lazurca son os pseudónimos baixo os que escriben esta sección dúas autoras de referencia das nosas letras. Mulleres de éxito absoluto, empoderadas ata as cellas na literatura e na vida, atenden presente consultorio literario para xoves poetas dende o coñecemento e a experiencia. Ámbas as dúas levan ao lombo unha longa traxectoria, mais prefiren ocultar o seu nome para evitar as consecuencias naturais que poida traerlles o revelado das crudas realidades do sistema literario, as cales expoñen sen pudor a aquelas persoas que se dirixen a elas buscando consello.
Queridas portadoras do virus da escritura, se vos quita o sono calquera dúbida relativa ó oficio podedes dirixirvos a nós, que todo o sabemos, na seguinte dirección: colaboradoras@adiante.gal
Os precursores
CONSULTORIO LITERARIO. Encántanos que este ano recaera no Parlamento de Galiza onde Curros exerceu de cronista. Unha entidade concede un premio honorífico a quen lle peta.
Debo ir recitar a un concello que non paga pero que me convida a xantar co alcalde?
CONSULTORIO LITERARIO. Remorenda e Lazurca volvemos a esta sección que acollestes con tanto afecto para solucionar outra das moitas, e moi interesantes, consultas que apareceron na nosa caixa de correo nestes días. De novo saudámosvos, amantes das letras e pretendentes da palabra escrita, con agarimo sincero.
Debo confesar á miña nai e ó meu pai que son poeta?
CONSULTORIO LITERARIO. Minia Remorenda e Pinga Lazurca dan resposta ó drama que nos confesa un amigo descoñecido que oculta o seu verdadeiro nome, e ben que fai, baixo o alcume poeta pasivo na súa primeira entrega deste consultorio. Minia Remorenda e Pinga Lazurca son os pseudónimos baixo os que escriben esta sección dúas autoras de referencia das nosas letras. Mulleres de éxito absoluto, empoderadas ata as cellas na literatura e na vida.
Outras opinións
Lupe Ces: Licuar o sexo/Liquar o sexo
Unha multitude dentro de Dylan
Algúns erros de esquerda que axudaron Ayuso
Outras opinións
A vida extínguese sen fogos de artificio
Lupe Ces: Licuar o sexo/Liquar o sexo
Unha multitude dentro de Dylan
Algúns erros de esquerda que axudaron Ayuso