Profecías non cumpridas

Héctor Tejón

“Gañarás o pan coa suor da túa fronte, até que volvas á mesma terra da cal fuches sacado. Porque po es, e ao po has de volver?”

Xénese 3:19

O traballo. A institución sobre a que se vertebran a meirande parte das sociedades. Sexa manual ou maquinario. Cognitivo ou especulativo. Tradicional ou industrial. O traballo ordena nosas vidas. En forma de ausencia, coma pobreza ou exclusión. En forma de presencia, coma precarización ou benestar.

Na socioloxía, estúdase unha división en torno ao traballo. Coma medio de vida (forma de acadar un sustento para vivir) ou como forma de vida (aqueles empregos que permiten, alén da súa funcionalidade, despregar unha identificación coa actividade e ostentación da mesma. Habitualmente, ben remunerados e con certo prestixio social). Poderíamos falar de distanciamento ou asunción de rol laboral, do ilusorio relato da igualdade de oportunidades, do concreto desequilibrio entre demanda laboral (quen contrata) e a oferta laboral nas sociedades posindustriais altamente terciarizadas no producido, estacionais nas contratacións e temporais na duración do emprego.

De cada epígrafe, poderíamos extraer un artigo.

Fálase moito de emprego, pero non da vida. Da vida que rouba un salario. A mercantilizada en forma de man de obra. Baleirada de significado e senso, como unha existencia autómata. Traballador pobre que se eslomba para non chegar a fin de mes. Traballadora que ve retallados seus exiguos dereitos polo mero feito de ser corpo muller (peor retribuída polo mesmo traballo e sobrecargada por providencia divina, “a idoneidade natural”, no mercado familiar dos coidados).

Segundo dados do IGE, desde 2012 ao 2017 o aumento de contratacións temporais a tempo parcial é unha tendencia. Creceron un 60%. Os contratos indefinidos ficaron nun 10% dos contratos nese mesmo período. O modelo (im)produtivo de tapas, cañas, camas e coches non dá para moito mais.

Fálase moito de emprego, pero non da vida. Da vida que rouba un salario. Traballador pobre que se eslomba para non chegar a fin de mes. Traballadora que ve retallados seus exiguos dereitos polo mero feito de ser corpo muller.

A subida do SMI non vale nada, aínda que axude, cando o encarecemento do custo da vida é paulatino e constante. A renda básica, coma horizonte, é un outro lugar cara ó que camiñar. Pero non se fabrica emprego a golpe de decreto lei. Nin vale de nada un cambio de modelo industrial-produtivo se non hai un cambio de cabezas e valores. Na actualidade, a robotización de gran parte de procesos industriais que xa non necesitan da figura humana vese como ameaza, e non coma oportunidade. A do dereito á pereza. A pensar no traballo como forma de vida. A desligar o dereito a vivir do dereito a traballar. Verdadeira temeridade, evidente necesidade.

O que esta en disputa non so é un modelo de sociedade que prime a vida que paga a pena ser vivida, como centro; senón a substitución do binomio produtivista custe-beneficio por unha especie de tríada vivencial colaborativa, cooperativa e comunitaria.

Un outro relato de vida onde aquilo que Lafargue dixera de: “Traballade, traballade, proletarios, para aumentar a fortuna social e as vosas miserias individuais; traballade, traballade para que, facéndovos cada vez máis pobres, teñades máis razón de traballar e de ser miserábeis”. Novo relato formulado dende un corpo social vulnerable, excluído de voz e forma autónoma. Paternalizado polo mandato do beneficio e a ostentación sintética de clase.

Presas de nós mesmas. Non haberá soberanía afectiva na delegación representativa. Na adhesión mesiánica. Nin na realización dunha institución traballo que silenciosamente asasina e vitoriosamente fala de commodities, PIB, medianías consumistas e proxectos de vida alienados para as explotadas cuxa condena é a simple existencia.

Compartilhar no facebook
Compartilhar no twitter
Compartilhar no google
Compartilhar no whatsapp
Compartilhar no email
Héctor Tejón Sáez

Héctor Tejón Sáez

A Coruña, 1981. É licenciado e doutorando en Socioloxía pola Universidade da Coruña. Desenvolveu gran parte da súa carreira profesional coma investigador social e docente na Facultade de Socioloxía da Coruña. É co-autor do libro La Siniestrabilidad Vial:Un problema desconocido e artigos en diversas publicacións electrónicas. Presentador programa de radio Está a pasar na radio comunitaria CUAC FM. Cursando na actualidade o Grao de Ciencia Política e da Administración pola UNED. @htejon.

Deixe um comentário

Deixe um comentário