A estratexia de 'teletenda' no debate da prostitución
Alba Sousa González
O 19 de novembro a Audiencia Nacional declaraba a nulidade dos estatutos do sindicato Organización de Traballadoras Sexuais (OTRAS) unha iniciativa liderada mediaticamente por Concha Borrell e, na sombra, por Joaquín Pedro Donaire Mateos, ambas persoas con fortes intereses económicos no mercado do sexo segundo as investigacións realizadas no Diario 16 e polo tanto, de dubidosa credibilidade á hora de defender os intereses e dereitos das mulleres en prostitución.
Con este fallo a Audiencia Nacional resposta positivamente ás demandas realizadas pola Comisión para la Investigación de Malos Tratos a Mujeres e a Plataforma 8 de marzo de Sevilla indicando que: “Non resulta admisible que o ámbito de actuación dun sindicato comprenda actividades que pola súa natureza non poden ser obxecto dun contrato de traballo válido como é a prostitución por conta allea”.
Na súa argumentación indican que “admitir os estatutos suporía tamén asumir que, de forma colectiva, a organización demandada e os proxenetas e as súas asociacións poidan negociar as condicións nas que debe ser desenvolvida a actividade das persoas empregadas na prostitución, dispoñendo para iso de forma colectiva, dun dereito de natureza personalisima como é a liberdade sexual, entendendo por tal o dereito de toda persoa de decidir con que persoa determinada se quere manter unha relación sexual, en que momento e o tipo de práctica ou prácticas que dita relación debe consistir”.
A resposta, a este fallo dende OTRAS proporcionouna a mesma Concha Borrell, que admitía non estar sorprendida polas conclusións da Audiencia e expresaba a intención de modificar os estatutos defendendo que o seu ámbito funcional era o de “actividades relacionadas co traballo sexual en tódalas súas vertentes”, non somentes a prostitución entre as que poderían estar a denominada actividade de alterne, a pornografía, baile erótico e centros de masaxe. Actividades todas elas cunha limitada fronteira coa prostitución especialmente a denominada “alterne” considerada pola xurisprudencia do Tribunal Supremo como a captación e entretemento de clientes coa finalidade de que aumenten as consumicións sen que medie sexo (entendendo este como acceso carnal), definición que semella clarificadora nun plano teórico pero totalmente difusa na práctica.
É posible probar que o entretemento descrito na actividade de “alterne” ou a súa finalidade non foi o sexo de pago, tendo en conta a ocultación da segunda? Considerando isto, poden os proxenetas empregar a actividade do alterne para agochar a prostitución allea?
Na resposta de OTRAS, intúese a intencionalidade dese agochamento, mediante a modificación dos estatutos declarando que no ámbito da súa acción non se contempla a prostitución por conta allea e, deste xeito, non incorrer nunha ilegalidade manifesta, aumentando as posibilidades da súa legalización.
Tendo en conta que xa estaba prevista esta modificación cal podería ser a intención de presentar previamente uns estatutos que saben que non van a ser legalizados?
O efecto ancoraxe e o ‘sesgo’ confirmatorio.
As persoas emitimos xuízos baseándonos nalgún punto de referencia inicial para posteriormente, tras sucesivas modificacións, realizar unha valoración ou apreciación dalgún suceso ou idea, isto é o que se denomina: efecto ancoraxe. Este procedemento é especialmente empregado cando non dispoñemos de información pertinente sobre o suceso ou a idea en cuestión. Nestas situacións acudimos a aspectos e informacións similares que nos foron presentados, e que nos sirve de punto de referencia ou áncora. Este efecto é empregado no ámbito das vendas: os comercios adoitan establecer un prezo elevado a un produto (normalmente superior ao seu valor de mercado) para presentar finalmente un prezo alternativo supostamente rebaixado (aínda que case sempre a prezo de mercado). Un bo exemplo son os anuncios dos diferentes canles de teletenda onde se nos amosa un novo produto (vasoira-fregona-eléctrica 3000) a un determinado prezo e progresivamente, a medida que vai avanzando o anuncio, van reducindo o prezo e engadindo accesorios (“luz led, control por bluetooth…”), a impresión do tele-espectador e de levarse unha auténtica ganga cando en realidade esta pagando o seu prezo de mercado, sendo optimista.
E que pasa se obteño posteriormente información que contradiga as miñas conclusións?
Unha vez aceptada a premisa áncora e emitido un xuízo resulta moi complexo reconducir a situación (por exemplo, devolvendo o produto en cuestión) xa que entra en xogo outro sesgo: o confirmatorio. O sesgo confirmatorio e a tendencia a favorecer, buscar, interpretar, e lembrar, a información que confirma as propias crenzas ou hipóteses, dando desproporcionadamente menos consideración a posibles alternativas. E dicir, aínda que nos chegue información posterior que nos puidera facer pensar que pagamos de máis por esa vasoira-fregona eléctrica 3000, buscaremos outra información, máis acorde coa nosa primeira hipótese (por exemplo nos foros da teletenda), e rexeitaremos buscar ou non consideraremos outra información (foros dunha empresa competidora, organizacións de consumidores,…) deste xeito empezaremos a construír un discurso interno que nos convenza a nós mesmos (e se é posible a outras persoas, máis que nada para non quedar como un parvo ante o cuñado na cea de noiteboa) sobre as virtudes dese excelente produto de limpeza.
Poderían dende OTRAS estar empregando este efecto para dirixir o debate da prostitución?
A presentación por parte de OTRAS duns estatutos aínda coñecendo que incorrerían nunha ilegalidade* manifesta ó presentar a prostitución allea como traballo, podería obedecer máis a unha estratexia programada que a un erro de cálculo. Esta acción permitiulles difundir a idea áncora a cal non é soamente a creación dun sindicato per se senón a conceptualización da prostitución como traballo onde as mulleres prostituídas pasarían a denominarse traballadoras do sexo e os proxenetas pasarían a ser considerados empresarios (serían os grandes gañadores xa que poderían seguir obtendo beneficios a costa da explotación sexual das mulleres, sen ningunha repercusión penal e aumentando a consideración social da que xa contan en certos ambientes).
Esta acción permitiulles difundir a idea áncora a cal non é soamente a creación dun sindicato ‘per se’ senón a conceptualización da prostitución como traballo onde as mulleres prostituídas pasarían a denominarse traballadoras do sexo e os proxenetas pasarían a ser considerados empresarios.
Unha vez aceptada esta idea de referencia, non so terán máis opcións de que sexa aceptada a creación dun sindicato que contemple nos seus estatutos ámbitos fortemente ligados á prostitución como a pornografía, os salóns de masaxes e sobre todo o denominado “alterne” (xa falamos antes da dificultade que entraña a separación na realidade do concepto de alterne e prostitución) senón que limitan o debate facendo que parta da idea da prostitución como traballo sen que isto supoña ningún tipo de cuestionamento para unha maioría social.
Caer no efecto áncora cando decidimos acerca da compra dun produto pode carrexarnos algunha pequena perda económica e/ou incomodidades, algo asumíbel. Pero, podemos asumir como sociedade o erro de caer nesta estratexia cando o que está en xogo son os dereitos humanos e a igualdade entre mulleres e homes? A cuestión non é o suficientemente transcendental para que consideremos estudar e afondar nas causas e consecuencias que comportaría a aceptación e lexitimización do mercado sexual?
Dende o meu punto de vista, se queremos vivir nunha sociedade xusta e igualitaria dificilmente podemos asumir o custo de entregar, sen ningún tipo de reflexión, dereitos tan fundamentais. Facelo contribuiría a perpetuar o dominio sexual dos homes sobre as mulleres e o lucro de proxenetas e aliados. Ese prezo sería, e está sendo, en moitos casos inasumíbel para moitas das mulleres vítimas directas deste sistema prostitucional.
Vigo, 30 de novembro
*Na primeira versión do texto figuraba “legalidade” no canto de “ilegalidade”, por un erro na edición.
Alba Sousa González
Psicóloga. Responsábel de comunicación na Asociación Faraxa pola Abolición da prostitución.
Apúntate ao boletín!
Recibe o noso Boletín cada 15 días cunha selección das nosas historias e outras recomendacións
Outras opinións
Lupe Ces: Licuar o sexo/Liquar o sexo
Unha multitude dentro de Dylan
Algúns erros de esquerda que axudaron Ayuso
Outras opinións
A vida extínguese sen fogos de artificio
Lupe Ces: Licuar o sexo/Liquar o sexo
Unha multitude dentro de Dylan
Algúns erros de esquerda que axudaron Ayuso