"A historia recente de España está totalmente vinculada ao territorio do Rif"

ENTREVISTA | Youssef Ouled

Compartilhar no facebook
Facebook
Compartilhar no twitter
Twitter
Compartilhar no google
Google+
Compartilhar no whatsapp
WhatsApp
Compartilhar no telegram
Telegram
Compartilhar no email
Email
Compartilhar no facebook
Compartilhar no twitter
Compartilhar no google
Compartilhar no whatsapp
Compartilhar no telegram
Compartilhar no email

Laura R. Cuba | Compostela | 23 de novembro. Un vendedor de 31 anos ve como a policía requisa a súa mercancía. Os axentes tiran todo o peixe espada nun camión de lixo. Desesperado, o home entra dentro da maquinaria intentando recuperala. Alguén activa o mecanismo con el dentro. Mouhcine Fikri morre triturado nunha madrugada de outubro de 2016. Após a traxedia, o pabío prende no Rif. Un pobo muda o medo pola raiba. A “hogra” toma corpo en miles de persoas a se manifestaren contra as políticas do Majzén, contra a militarización do territorio desde 1958 e contra unha historia de represión que vai case cen anos atrás no tempo, co bombardeo de armas químicas á poboación civil. Como Fikri, Youssef Ouled (1993) é tamén rifeño. Residente en Madrid, o xornalista traballa cubrindo as mobilizacións que (re)avivaron en 2016 e entrevistando os integrantes da Hirak. Os membros deste movemento popular rifeño levan anos a sufrir a represión de Rabat, con sentencias de até 20 anos de prisión.

BREVE GLOSARIO DE TERMOS

  • Majzén: En árabe, “almacén”. O termo designa a oligarquía marroquí composta polo Rei, a familia deste, os altos mandos do exército e das forzas de seguridade, así como grandes empresarios e líderes tribais. Este grupo constitúe “o goberno nas sombras”, o veradeiro poder fáctido do Estado.
  • Hogra: Palabra usada polo pobo marroquí para definir o sentimento de carraxe pola inxustiza ou represión sufrida en carne propia. 
  • Hirak: Movemento popular de protesta do Rif que naceu en outubro de 2016 con motivo da morte do peixeiro Mohcine Fikri. As súas demandas pasan pola desmilitarización do territorio e o aumento do investimento público no Rif. Ao longo dos anos sofreu a represión do Estado marroquí.

A maioría da sociedade española apenas coñece o conflito do Rif. O sistema educativo apréndenos sobre ‘o desastre de Annual’ e non afonda moito máis. Cal cres que é o estado de consciencia xeral sobre o tema?

Que che vou dicir, eu crieime aquí e a historia do Rif descoñecina durante os anos que estiven a educarme e formarme no sistema educativo español. Para o sistema educativo español, o Rif é unha cuestión menor a pesares da transcendencia que tivo, da gravidade dos feitos e da responsabilidade histórica do Estado español sobre o noso territorio, ao que mesmo chegou a bombardear con gases tóxicos. É unha realidade descoñecida a pesares de que apenas pasaron 90 anos desde os bombardeos. Creo que é unha desmemoria histórica moi interesada. Non interesa que se coñezan por diversas cuestións. Non esquezamos o que pasou en España durante o golpe de Primo de Rivera e durante o golpe franquista. Foron golpes de Estado por militares africanistas. Non se entendería o que aconteceu sen esa ocupación do territorio rifeño, onde fixeron carreira militar e onde aprenderon as tácticas militares que logo utilizaron contra o goberno da República. A situación de colonización do norte de Marrocos por parte de España foi a que determinou o que pasou despois no Estado español. A carreira militar de Franco, a crise de Estado provocada pola guerrilla rifeña que levou foi ao golpe de Estado de Primo de Rivera, a semana tráxica de Barcelona… É dicir, a historia recente do Estado español está totalmente vinculada ao territorio do Rif, e iso é algo que se descoñece. E para máis mostra, un botón. Fai catro anos cursaba Xornalismo e nunha materia de Historia de España estudabamos desde a Restauración borbónica até o período democrático. O profesor obviou o tema relativo á resistencia rifeña e á ocupación colonial porque lle pareceu que era intranscendente. De feito, cando tocou falar de Abd el-Karim El-Jattabi –líder da resistencia rifeña– limitouse a dicir que era un “vendido” que traballara para España, que cando o pillaron conspirando con Alemaña foi preso e que ao intentar fugarse da cadea quedou coxo, polo que decidiu “unir a guerrilla para loitar contra os españois”. Ou sexa, para que vexas o nivel de importancia que se lle dá. Mesmo nunha materia de nivel universitario fálase de alguén tan transcendental e importante como Abd el-Karim El-Jattabi desde esta burla e esta manipulación simplificada da historia.

Manifestación en Alhucemas, no 2017. Imaxe: @anticapitalistes / Esquerra Anticapitalista.

Uns capítulos tráxicos desta colonización sanguenta son os ataques con armas químicas.

Toda ocupación é sanguenta cando hai resistencia da poboación que se nega a perder a súa autonomía e a súa independencia. Ao principio, España tiña ou quería ter unha política colonial baseada en civilizar a poboación rifeña. Xa o fixeron na primeira guerra de África, a principios do século XIX, cando Marrocos perdera toda a súa autonomía económica e política a mans de Gran Bretaña, Francia e España. Cando ven que a poboación rifeña comeza a resistirse e a organizarse, o Estado español comeza “a pacificación”, que non é outra cousa que a utilización da forza armada para pacificar as zonas que eles consideraban que estaban a resistir. Por iso foi sanguenta, porque había unha poboación que se resistía a perder a súa forma de vida e a súa independencia económica. Ademais, a ocupación colonial sempre ten un fin que é o incremento e o beneficio económico da potencia ocupante.

Que evidencias e secuelas ficaron disto?

Creo que hai que falar con máis frecuencia historia colonial deste Estado, porque un dos fitos máis grande son os bombardeos químicos cos que o Estado español quixo civilizar o Rif. Isto dino até o xornais da época. Teño recortes de xornais de 1919 e 1920 onde, por exemplo, o ABC ten columnas cuestionando por que non van usar armamento químico contra a poboación, se é unha vantaxe a aproveitar. Non esquezamos que era un armamento prohibido por Versalles e polos protocolo de Xenebra. Como se chega a esa situación? Coa recuperación dos terreos por parte de Abd el-Karim El-Jattabi cando organizou os diferentes poboados rifeños e foron expulsando os españois, recuperando terreo para a poboación indíxenas. Isto comeza a partires de xullo de 1921, cando se proclama a República do Rif. Nese momento aínda gobernaba Alfonso XIII, que é quen decide bombardear os responsábeis da matanza de Annual. Como se fai? Pois co apoio francés e con enxeñeiros alemáns, que son os que desenvolven ese armamento para o Estado español. Gaseouse principalmente a poboación civil. Se non lembro mal foi con fosgeno, cloro, bifosgeno, e a máis coñecida foi a iperita, o gas mostaza. É dicir, España foi unha das primeiras potencias en utilizar armas químicas contra a poboación civil. Isto cando o contas, a xente fica sorprendida porque non o sabe.

“España foi unha das primeiras potencias en utilizar armas químicas contra a poboación civil. Fixo no Rif a partires de 1921. En 1924 e 1925 bombardéase estratexicamente. E non á guerrilla rifeña agochada nas montañas, senón en mercados e poboados”

Eses bombardeos foron sistemáticos para acabar coa loita independentista, independentista en termos de colonización. É un crime contra a humanidade e así foi recollido por diferentes investigadores. En 1924 e 1925 bombardéase estratexicamente. E non á guerrilla rifeña agochada nas montañas, senón en mercados e poboados. Hai unha investigación de María Rosa de Madariaga na que fala de como Ignacio Hidalgo Cisneros presume na súa autobiografía de ter sido unha das persoas protagonistas en lanzar 100 quilos de gas mostaza desde o seu avión no verán de 1924.

A poboación rifeña segue a sufrir as consecuencias destes bombardeos?

Si. En 2005, a asociación para a Defensa das Vítimas da guerra do Rif explicaba que eses bombardeos aínda tiñan efectos porque había un elevado número de poboación no Rif que padecía cancro. Isto non se puido estudar directamente, non hai estudos que establezan unha causa directa, sobre todo pola cantidade de tempo que pasou e polo interese político dos réximes marroquís e españois. Hai estudos, aínda así, que permiten ver o número de casos de cancro que ten Marrocos. Un estudo de 2015 demostra que 80% dos adultos e 50% das crianzas enfermas de cancro que atendía o Hospital Oncolóxico de Rabat proceden do Rif. Non é unha casualidade. Por iso, indo á actualidade, unha das demandas do movemento popular rifeño que naceu a raíz da morte de Mouhcine Fikri é a construción de hospitais oncolóxicos porque, aínda que din que hai un, este non dispón do material necesario para satisfacer as necesidades máis básicas das persoas doentes. Vemos, pois, que hai unha historia e hai un presente. E o presente é que a maioría da poboación que ten cancro en Marrocos é rifeña.

Ademais dos casos de cancro, que outras estimacións foron feitas relativas a outras secuelas?

Hai un documental moi bo chamado Arrhash, de Tarik El Idrissiutras e Javier Rada. Este xornalista rifeño entrevista superviventes deses bombardeos. Algúns deles ficaron cegos, outros teñen a pel queimada… Consecuencias físicas e moi visíbeis deses bombardeos que, case oitenta anos despois, aínda seguen tendo os fillos que sufriron eses bombardeos. Ou aínda hai mananciais contaminados que afectaron a descendencia.

Policías nas rúas durante as protestas do ano pasado. Foto Amnistía Internacional. A imaxe do cabeceiro é dunha manifestación en París, onde aparece unha muller portando unha pancarta esixindo a liberdade de Nasser Zafzafi. A foto é do propio Youssef Ouled.

Este ano o deputado de ERC Joan Tardà volvía insistir no Congreso sobre a responsabilidade do Estado español perante os crimes de guerra contra o Rif. Que movemento ou actitude institucional cres que existe desde o goberno español de cara ao conflito? 

Joan Tardà fixo un pronunciamento moi loábel sobre a causa rifeña no Parlamento, chegando a amosar a bandeira amazigh. O máis importante é que no ano 2007, se non lembro mal, ERC presentou unha moción para que se recoñeceran os gases químicos e se pedise perdón por iso. Tanto PP como PSOE botaron atrás a moción e impediron que seguira para adiante. Respecto o inmobilismo… Eu creo que o Estado español si se moveu, tanto con Rajoy como con Pedro Sánchez. Atreveríame mesmo a dicir que Rajoy era máis intelixente do que é Pedro Sánchez. O goberno de Rajoy evitaba falar da cuestión rifeña. Non obstante, o PSOE fíxoo directamente pola cuestión da fronteira e pola chegada dos exiliados. Entón, o Estado si se moveu. A primeira declaración que se fixo desde o goberno de Rajoy, despois de meses de manifestacións e despois de toda a represión, foi a de apoiar as políticas levadas a cabo por Rabat. Dicía que cada país ten a súa forma de regular os seus conflitos, a pesares de que había unha causa xusta e que se estaba a usar toda a forza do seu Estado contra poboación pacífica. Porque as manifestacións son pacíficas desde o seu inicio. Con este apoio o que se está a dicir é que as políticas de empobrecemento, de falta de oportunidades e de falta de expresión son apoiadas desde España. Para que nos imos enganar, a España benefícialle ese fluxo migratorio que está constantemente enriquecendo as súas arcas. A inmigración é un beneficio para o Estado español.

“As políticas de empobrecemento, de falta de oportunidades e de falta de expresión son apoiadas desde España. Para que nos imos enganar, a España benefícialle ese fluxo migratorio que está constantemente enriquecendo as súas arcas”

E co actual goberno de Pedro Sánchez?

O movemento rifeño foi por fases. A morte de Fikri é o inicio, a fase de organización, a fase das protestas e concentracións, a fase de represión e a fase de encarceramento. Claro, a Pedro Sánchez colleuno a última fase, que estaba unida á da represión e persecución política. É dicir, as persoas integrantes do movemento rifeño foron e están sendo perseguidos polas súas ideas políticas. Moitas aproveitan a inmigración para chegar a España e pedir asilo político. Hai unha cantidade enorme de rifeños que foxen pola represión política e a persecución, e o goberno de Sánchez, a través da súa Secretaria de Inmigracións dilles que o que van facer é “resolver coa maior rapidez as peticións de asilo rifeñas porque Marrocos non é un país que persiga polas ideas”. Iso é o que fai o goberno de España na actualidade. Había que dicirlles que lles digan iso a quen está preso nas cadeas, que a día de hoxe seguen xulgando. Ou que llo digan aos centenares de exiliados rifeños que están en España e que deixaron atrás amizades e familiares e agora mesmo están atrapados no sistema de asilo español, que é lamentábel e fai augas por todos lados.

Hai unha cantidade enorme de rifeños que foxen pola represión política e a persecución, e o goberno de Sánchez dilles que vai “resolver coa maior rapidez as peticións de asilo rifeñas porque Marrocos non é un país que persiga polas ideas”.

Eu non catalogaría como inmobilismo a actitude do Estado español. Ao contrario, o Estado español mobilizouse ao máximo para mellorar relacións por un lado e, por outro, para que todo siga igual. Mellorar relacións en materia de inmigración, quero dicir. Recentemente aprobouse unha axuda económica por parte de Europa a Marrocos. E quen fixo presión para esa axuda, para reforzar as fronteiras asasinas desta Europa fortaleza foi España. E non quixera deixar de sinalar que hai certas formacións políticas de esquerdas -como Podemos en Andalucía- que piden que se investigue o diñeiro que se destina aos proxectos de cooperación internacional con Marrocos, porque teñen unha serie de cláusulas que se basean no incumprimento dos dereitos humanos. E cónstame tamén que moitos Concellos ao longo do Estado español fixeron pronunciamentos ao favor das demandas socioeconómicas do pobo rifeño e, tamén, da liberación dos presos rifeños que, cónstame, son as mesmas demandas de todo Marrocos.

Desde o Rif, como se vive isto? Coas numerosas condenas, o fluxo migratorio para escapar da represión… que paisaxe se presenta ante a xente que vive alí?

Isto pódese responder moi rapidamente porque a única vía que utilizou o Majzén é a represión. Durante un tempo, permitiuse que o movemento se organizara, que protestara… Porque eran protestas pacíficas onde non podían facer nada. Agora vemos nos xuízos que desde este mesmo principio xa se lles estaba a investigar, xa se lles estaba a escoitar ilegalmente e sen ningunha xustificación porque xa se teñen utilizado esas probas en xuízo. A moitas persoas tíñanlles pinchado daquela o teléfono baixo a escusa de que estaban “atentando contra a seguridade interna do Estado” por organizar un movemento de protesta. Isto tamén o puidemos ver en marzo de 2017. O goberno de Marrocos recoñece por primeira vez a lexitimidade das protestas no Rif. E, mentres que pola mañá recoñece isto, a continuación di que hai persoas que se están a aproveitar disto e á tarde envía 20.000 unidades de policías militares a Alhucemas, que é a cidade epicentro das manifestacións, onde matan a Fikri. Isto pasou no primeiro trimestre de 2017. A única política que desenvolveu desde aquela até a actualidade foi a da represión e a de encausar mediante acusacións irrisorias. Hai condenas de tres anos de cárcere por acudir a unha manifestación sen permiso, hai tamén xornalistas na cadea porque se amparan nunha suposta lei de Marrocos segundo a cal para ser xornalista precisas un permiso. E por isto hai xornalistas que levan dous anos encarcerados. Son persoas sen as cales sería imposíbel saber que estaba a pasar no Rif, porque foi grazas á súa difusión en directo que puidemos ver, escoitar e sentir todo o que estaba a pasar alí.

“A única política é a da represión, encausamento e encarceramento a quen non estaban máis que pedindo melloras socioeconómicas. Isto acabou por desmembrar as mobilizacións. As penas de cárcere foron e son tan duras que xa ninguén quere estar aí”

A única política, logo, é a da represión, encausamento e encarceramento a quen non estaban máis que pedindo melloras socioeconómicas. Isto acabou por desmembrar as mobilizacións e arrincar as esperanzas á poboación rifeña, porque as penas de cárcere foron e son tan duras que xa ninguén quere estar aí. Na actualidade, porén, igual que se aprendeu de mobilizacións anteriores, eu creo que o pobo de Marrocos aprendeu da loita do pobo rifeño e agora mesmo hai unha serie de manifestacións por todo o Estado que son esperanzadoras porque tanto se sae a protestar pola escaseza de auga do Sur como sae a protestar toda a comunidade educativa porque se muda o fuso horario e iso aféctalles. Xa non se ve esa inactividade e ese medo que había antes. Non quero tampouco atribuírllo ao movemento rifeño completamente, mais si que foi un punto de inflexión, e penso que os resultados vanse ver.

Perante esta represión e tomando o pulso da poboación rifeña, a súa reacción foi entón de medo ou de acción?

O Rif ten unha historia propia. Ten unha historia de resistencia anticolonial, de resistencia ao Majzén. As súas demandas son moi básicas. Están a pedir que se acabe cunha militarización que dura desde 1958. Non debemos esquecer que nese ano, o defunto pai do actual monarca bombardeou con napalm a poboación rifeña e deixou miles de mortos. Está a pedirse tamén a construción de industria, a creación de oportunidades laborais, centros hospitalarios e educativos ben equipados… Son cuestións fundamentais e necesarias para a súa supervivencia. Isto é o que lles fixo perder todo o seu medo. Tamén ese clima de opresión, a “hogra”. A “hogra” é esa sensación de opresión, de ter que ir a un hospital e ter que pagar corruptamente porque o funcionario diche que se non lle pagas, non te atende. De ter que ir ao comisaría e o mesmo. De saír á rúa e que che pase o mesmo. En Marrocos, todo iso se resume na palabra “hogra”. É algo que leva cargando a poboación rifeña moitísimos anos sobre as súas costas. A morte de Fikri fíxolles perder o medo porque todos eran Fikri, calquera podía ter sido el. A situación, a vida que levaba Fikri era a mesma que leva toda a poboación rifeña que vive alí. Coa represión, os encarceramento e as persecucións acabaron de minar a fortaleza do pobo rifeño. E agora, que lles queda? Pois quédalle unha saída, por mar, porque a migración cara o interior xa aconteceu durante todos estes anos pasados e quen se beneficiou delas, novamente, foron empresas europeas e marroquís, que empregan poboación rifeña por dous pesos. E a saída por mar xa temos visto. Marrocos adícase a disparar as pateras e quen paga esas balas é Europa. Afortunadamente, o que che dicía, é que en Marrocos hai un cambio a longo prazo, porque o que pasou é que o medo foi mudado pola raiba, unha raiba lexítima. E, de forma moi intelixente, a raiba pola morte de Fikri foi canalizada cara a un pacifismo que construíu todo un movemento durante meses que acaba de poñer en xaque a todo o Majzén. Houbo unha situación de crise política, Mohamed VI fulminou sete ministros polo que está a acontecer no Rif. Ese poder popular foi visto polo pobo de Marrocos. Iso é o máis importante, a forma na que se está a canalizar toda esa raiba e non se garda para dentro.

“A raiba pola morte de Fikri foi canalizada cara a un pacifismo que construíu todo un movemento durante meses que acaba de poñer en xaque a todo o Majzén. Houbo unha situación de crise política, Mohamed VI fulminou sete ministros polo que está a acontecer no Rif”

De cara ao futuro, que valoración fas relativa ao aumento de presión popular e política? Es optimista?

Para nada. Só hai que ler a historia de Marrocos, con Marrocos non se pode ser optimista, e moito menos coas cuestións xudicializadas. O que pasou coa cuestión rifeña é que se cargou nun ano toda a fachada que Marrocos estaba a crear sobre un país supostamente democrático. Todo o que Mohamed VI tratou de construír coa súa chegada ao trono a principios de século, o pobo rifeño cargouse todo iso en cuestión de meses. Volveuse falar de ditadura, dos ‘anos de chumbo’ do seu pai, que foi responsábel durante 40 anos de matanzas selectivas e represión. O pobo rifeño lembra moi ben a década dos 80, cando a poboación de diferentes partes de Marrocos saíron a protestar porque o FMI e o Banco Mundial esixiron que se recortara máis a unha poboación á que xa se castigara, e o pobo saíu á rúa e a maior represión volveuse dar no Rif. Alí os tanques e metralla foron a resposta a outras demandas lexítimas.

O entrevistado

Youssef M. Ouled

Youssef M. Ouled

Alhucemas, 1993. Xornalista rifeño residente en Madrid. Activista contra o racismo. Traballou cubrindo as mobilizacións do Rif e entrevistando integrantes do Hirak para diferentes medios de comunicación.

Outras entrevistas

O entrevistado

Youssef M. Ouled

Youssef M. Ouled

Alhucemas, 1993. Xornalista rifeño residente en Madrid. Activista contra o racismo. Traballou cubrindo as mobilizacións do Rif e entrevistando integrantes do Hirak para diferentes medios de comunicación.

Outras entrevistas

Deixe um comentário

Deixe um comentário