Sexo

Anastasia (II) - "A Paga", capítulo 15

A partir dese momento decidiu comezar a vivir coma o que era realmente. Despois do verán empezaría a universidade, así que sería o momento perfecto para poder comezar de cero.

Empezou a utilizar vestidos, a maquillarse para saír á rúa, e, aínda que non tiña demasiada barba, tamén empezou a depilala. Dicir que iso lle doía unha barbaridade sería quedarse curto, pero preferíao a que se lle vise a sombra do bigote, que non conseguía ocultar coas súas nocións de maquillaxe.

Por aquela época o tratamento hormonal aínda non estaba cuberto pola sanidade pública, a persoa que quixese facelo tiña que buscarse a vida para pagalo, e os seus pais, a pesar de estar dispostos a facelo, non podían costealo; o prezo que lle puxeran as farmacéuticas era demasiado alto.

Dixéronlle que, se o prefería, podía deixar a universidade para máis adiante; non era a solución ideal, pero o máis importante para eles era que a súa filla fose feliz. Ela non quixo, prefería estudar, acabar a carreira canto antes, e pagarse ela mesma o tratamento cando comezase a traballar. Talvez influíu na súa decisión o seu aspecto, bastante andróxino, co que ninguén se estrañaba ao vela pola rúa; de ser doutra forma, é posible que a súa decisión tivese sido diferente.

A lexislación do país esixía que, para poderse cambiar o nome por un feminino e mudar oficialmente o seu xénero, tivese un informe psicolóxico clínico no que se acreditase a súa condición, ademais de ter estado en tratamento hormonal durante polo menos dous anos. O informe si estaba cuberto pola sanidade pública, pero as citas psicolóxicas tardaban coma mínimo tres meses, con visitas de só dez minutos, e o habitual neses casos era que se tivese que acudir a bastantes sesións, obtendo o informe raramente antes de ano e medio ou dous anos.

Había quen decidía cambiar o seu nome por un neutro, o cal non era un problema para a administración. Con isto evitaban que se utilizase un nome que non se correspondese co seu xénero, pero ela non quixo. Tras bastantes cavilacións, escolleu un novo nome co que non cabía esa posibilidade. Este nome foi Anastasia. Sempre lle gustara, e cando viu que significaba “resurrección”, tivo claro que sería o nome que utilizaría na súa nova vida.

Nas relacións coa universidade: documentos oficiais, exames, ou no expediente académico, sería Farruco; pero de cara a compañeiras, profesores, e demais persoas coas que tivese contacto, sería Anastasia.

Na teoría soaba moi ben, pero a realidade soe ser bastante diferente. Non pasou demasiado tempo ata que todo o mundo descubriu o pequeno segredo de Anastasia. Ela non o soubo ao comezo, a xente limitábase a falar ás súas costas. Tivo a primeira sospeita cando acudiu á festa de aniversario dun compañeiro.

Coma de costume, puxeron boa música, fixeron unhas pizzas, e beberon todo tipo de alcol barato. Cando xa tiñan unha boa borracheira, a ela entroulle un antollo de olivas; preguntoulle ao anfitrión onde as gardaba e foi ata a cociña para buscalas na segunda porta do armario.

Era un bote de cristal, deses de medio quilo. Intentouno abrir pero a tapa estaba demasiada dura. Pousouno sobre a mesa e buscou unha culler coa que poder darlle uns golpes para liberar o baleiro. Cando comezou a golpear o bote, un compañeiro entrou na cociña, pechou a porta, e, achegándoselle polas costas, díxolle ao oído:

-Podo facerche unha mamada?

Ela púxose branca. -Perdón?

-Se che podo facer unha mamada.

Anastasia quedou petrificada, non era quen de moverse nin de pronunciar unha soa palabra. O compañeiro suxeitouna pola cintura, arrimouse máis a ela, e preguntoulle:

-Ti tes pirola, non?

Sen dicir unha palabra máis, Anastasia saíu da cociña, colleu as súas cousas, e foise sen despedirse. De camiño ao seu piso preguntouse como era posible que o seu compañeiro o soubese, preguntouse se os demais tamén o saberían, e que pasaría a partir dese momento.

O luns seguinte, na clase, o seu compañeiro actuou coma se nada tivese acontecido. Ela pensou que o mellor sería facer o mesmo, esquecerse de todo, e esperar que ninguén máis o soubese.

Esa non sería a última vez na que lle pasaría algo parecido, atoparíase con situacións similares moitas veces ao longo da súa vida. No momento, intentou consolarse buscando unha explicación. Lembrou que nunha festa que fixeran algunhas semanas antes quedou durmida; estaba moi cansa e foise botar a unha cama baleira que había no piso onde estaba. Ese día levaba saia. Supuxo que aquel compañeiro, do que perfectamente esperaría algo así, seguramente fose á habitación na que se deitara para meterlle man, e ao facelo, descubriu o que tiña entre as pernas.

Durante uns meses deulle a impresión de que o seu desexo se cumprira, que o compañeiro non llo contara a ninguén, pero ao final do segundo cuadrimestre descubriu que o seu maior temor, o que sospeitara dende que o seu compañeiro lle dixera aquilo na festa, era verdade: non só o sabía el, era algo coñecido por toda a facultade.

Foi na revisión do exame dunha materia optativa. Sacara un 4,9, así que decidiu ir á revisión para ver se podía rañar esa décima que lle faltaba.

Cando chegou ao despacho, o profesor pediulle que pechase a porta e sentase. Anastasia temeu que lle preguntase o seu nome para buscar o exame, non quería dicir que se chamaba Farruco. Por sorte, díxolle que buscase o seu exame de entre os da pila.

A proba era principalmente tipo test, pero tamén tiña unha pregunta para desenvolver de tres puntos. Sobre a primeira parte non había nada que facerlle, pero talvez puidese conseguir polo menos unha décima máis na pregunta, na que sacara unha puntuación de 2,4.

O profesor revisou a contestación durante un bo anaco, despois pousou o exame sobre a mesa, mirou a Anastasia, e díxolle:

-Verás, xa fun bastante xeneroso poñéndote un 2,4, coma moito debería terche posto un 2 nesa pregunta.

Anastasia intentou razoar con el, explicándolle o seu punto de vista e por que contestara iso. Se cadra non estaba perfecto, pero segundo o libro da bibliografía que lle citou, a contestación tiña bastante sentido.

O profesor sorriu e díxolle:

-Mira, academicamente non che podo dar máis nota, non me vas facer cambiar de opinión. Pero cáesme ben, así que talvez poidamos chegar a un acordo.

-Que acordo? -preguntou Anastasia algo estrañada.

-Agora mesmo podo levantarme, pasarlle o fecho a esa porta para que ninguén nos moleste, ti chúpasma, e eu douche esa décima que che falta.

-Como? -Anastasia non podía crer o que acababa de escoitar

-Estás de broma ou que?

-Broma ningunha.

Ata o momento, pensou que ese profesor simplemente quería aproveitarse dunha alumna, seguramente xa o tivese feito máis veces. Deuse conta da realidade, de que o profesor tamén sabía o seu segredo, cando continuou falando:

-Veña, faime o favor, que nunca ma chupou un maricas. Así gañamos os dous: ti aprobas, e eu probo cun home que parece unha tía.

Anastasia suspendeu esa materia.

Pensou en denuncialo: á facultade, á universidade, ou a quen fose necesario. Sen embargo, iso só foi mentres a situación aínda estaba quente; en canto se calmou, pensou que facelo só lle traería máis problemas, que sería a súa palabra contra a do profesor, e non quería pasar por todo iso. Anos máis tarde arrepentiríase desa decisión e decidiríase a facelo público. Ao facelo, moitas outras alumnas e antigas alumnas animaríanse a denunciar tamén os abusos que sufriran por parte daquel profesor.

Non estaba disposta a seguir sendo unha vítima, era unha muller forte, e sería a única dona da súa vida.

A pesar do acontecido, de que os compañeiros e profesores da facultade o soubesen, decidiu que non permitiría que lle afectase. Non estaba disposta a seguir sendo unha vítima, era unha muller forte, e sería a única dona da súa vida. Os anos de deixarse destruír polos demais xa quedaran atrás e non ía permitir que volvesen.

Pensou que debía facer algo que ademais de axudala a ela tamén axudase a outras persoas. Púxose a mirar o taboleiro de anuncios da sala de estudos buscando algún sinal, e reparou nun cartel da Asociación Feminista Universitaria no que anunciaban unha conferencia dunha tal Reimunda Sueiras. Sería esa mesma tarde.

Aínda que decidira non deixarse influír polos demais, sentiu certo alivio ao non ver alí a ningunha compañeira da facultade. O salón estaba ateigado, a charla durou case dúas horas e foi un rotundo éxito, continuado por case hora e media de preguntas á relatora.

Trala finalización, quedou intercambiando impresións con varias mulleres da asociación. Dixéronlle que se pasase por algunha reunión, que as mulleres debían estar unidas e que na asociación se atoparía con moitas irmás dispostas a cambiar o mundo, dispostas a conseguir que as mulleres tivesen os mesmos dereitos que os homes, a conseguir acabar co patriarcado. Anastasia xa estaba convencida, pero acabárona de convencer cando unha compañeira dixo que o primeiro que tiñan que facer era cambiar a universidade, acabando cos acosos que sufrían moitas das alumnas, e ela se acordou do que lle acontecera co profesor. O venres seguinte empezou a ir ás reunións semanais.

Por primeira vez na súa vida empezou a sentirse realizada. Atopouse nun grupo que a comprendía, con verdadeiras amigas que se axudaban entre elas e compartían unha loita, unha meta común. Os seguintes meses axudou a organizar máis relatorios e debates, realizaron actos culturais, e, por suposto, multitude de concentracións e manifestacións, tanto o oito de marzo coma cando había algún asasinato machista. Ela xa sabía da existencia deste tipo de crimes, pero quedou impresionada pola cantidade que había, non tiña nin idea de que fose algo tan grave.

Comezou a ser realmente valorada na asociación, sobre todo pola súa labor á hora de axudar ás compañeiras que sufrían violencia machista por parte das súas parellas. Pero, se en algo destacou, foi na idea de crear puntos lila nas festas que se realizaban no campus. Aínda que xa era habitual a súa existencia en moitos festivais e despois lles parecería algo demasiado obvio coma para non telo feito antes, a ningunha se lle ocorrera ata o momento. Anastasia non o deixou só aí, e propuxo ir falar co concello para estendelo aos concertos que se facían durante as festas municipais. Grazas a ela podemos ver cada ano os puntos lila da Asociación Feminista Universitaria nas prazas e parques da cidade.

Unha calidade que Anastasia tivo dende sempre foi a puntualidade. Estrañouse un día cando, ao chegar á xuntanza semanal, viu que xa estaban todas. Mirou o reloxo, e, en efecto, non se atrasara: aínda faltaban dez minutos para a hora da reunión.

Pedíronlle que sentase. En canto o fixo, empezou a falar a presidenta. Dixo que acababan de debater a súa permanencia na asociación, e que, tras votar, decidiran expulsala. O motivo: os estatutos da asociación indicaban que só debía estar composta por mulleres, e ela era un home.

Pedíronlle que marchase, despois de entregarlle a acta da xuntanza da súa expulsión. Nela, entre outras observacións, asumían que a intención de Anastasia era a de facerse pasar por unha muller para conseguir confraternizar coas rapazas da asociación, coa fin de deitarse con elas.

A pesar de todo o que lle acontecera ao longo da súa vida, nunca recibira un golpe tan duro. Aquel era o único espazo onde se sentía realmente segura, e o que dicían na acta era algo simplemente absurdo. Se cadra, o que máis lle doeu foi o feito de que as súas compañeiras non aceptasen a súa condición de muller, o cal nunca tería imaxinado. É certo que non lles dixera que era transxénero, aínda que tampouco o crera necesario. Nunca chegou a saber como o descubriron, pero tendo en conta que na súa facultade case todo o mundo o sabía, só era cuestión de tempo.

Anos máis tarde, Anastasia uniríase a colectivos feministas que non a rexeitarían, e incluso algunhas das antigas compañeiras poríanse en contacto con ela para desculparse polo seu comportamento pasado. A día de hoxe, a Asociación Feminista Universitaria ten entre as súas filas a varias persoas transxénero.

PRÓXIMA ENTREGA: ‘Acollida’ (Anastasia, III) – capítulo 15 de ‘A paga’
Compartilhar no facebook
Compartilhar no twitter
Compartilhar no google
Compartilhar no whatsapp
Compartilhar no email

O autor

Álex Pernas

Álex Pernas

A Coruña, 1986. Enxeñeiro de software, músico, poeta e activista polos dereitos dos animais. Autor da novela Xarfas.

A paga