Si berramos todas xuntas...
Carta dunha traballadora do SAF de Chantada
Chantada | 27 de abril. Ola, vouvos contar unha historia, a miña:
Levo 15 anos da miña vida adicándome a profesión máis gratificante que poida haber, o coidado dos nosos maiores.
Pero tamén é a mais menosprezada, ignorada e ninguneada.
Os últimos 10 anos paseinos traballando para o Concello de Chantada. Os primeiros anos foron bastante bos, pero nos últimos tempos empezaron a xurdir unha serie de problemas, e según eles, TODOS eran culpa das auxiliares.
Acusóusenos de todo o malo, habido e por haber, e “encontraron” a solución: PRIVATIZAR O SERVIZO.
Dende o primeiro momento, as traballadoras opuxémonos con todas as armas das que puidemos contar. Fixemos folga, cuns servizos mínimos do 96%, que mais tarde foron condenados xudicialmente, e suspendémola cando apareceu esta praga que estamos a vivir.
Chamóusenos de todo: pancarteras, insolidarias, etc. Nos últimos días tivemos que escoitar acusacións por parte do concello que chegaron a ser incribles e intolerables.
A primeiros de marzo tiven a grata sorpresa de recibir un burofax da nosa “querida” empresa, á que se nos botou de cabeza, comunicándome un despido disciplinario por “baixo rendemento”. ¿Sabedes o bo da historia? Que levo dende o 29 de agosto de baixa e a empresa empezou o 14 de setembro. ¿Alguén me pode dicir como se fai para render estando de baixa?
Dita empresa, Samain (Clece), tamén fixo o mesmo coa miña compañeira Elisabeth un mes antes.
Durante todo o tempo que levo de baixa nin a empresa nin a súa mutua se puso en contacto comigo para saber que me pasara o como estaba.
Levo todo este tempo entre médicos e fisioterapeutas pagados polo meu bolsillo para apurar a miña recuperación.
A día de hoxe, teño un sentimento de rabia e impotencia tan grande….!
Este sentimento increméntase ó ter que dicirlles os meus “velliños”, que estiveron todo este tempo, pendentes de min, que estou, de momento, fora da empresa.
Quero agradecerlles o seu apoio ás miñas compañeiras do SAF Chantada. Sen elas seria todo máis difícil. Tamén á miña xente e a todas as que se preocuparon por saber como estaba.
Pero, sobre todo, quero darlle as grazas á Plataforma SAF Galiza por brindarnos toda a súa axuda e apoio, á miña compañeira e a min, sen coñecernos de nada .
Si fala unha soa, non se nos vai a oír, pero si berramos todas xuntas, non lles quedará máis remedio que escoitarnos.
Por iso é tan importante a nosa unión. Hoxe tocounos a nós, pero mañá pode ser calquera das que vos adicades a este traballo.
Ángeles. Un saúdo e FORZA SAF!!!
Actualidades
Nota de prensa ante os despidos
Trala privatización do servizo de axuda ao fogar está a pasar o que esperábamos: despidos, violación de dereitos e precariedade.
As nosas compañeiras do SAF CHANTADA, Elisabeth e Ángeles, foron despedidas pola empresa SAMAIN (CLECE) alegando baixo rendemento, atopándose de baixa.
Non son as únicas despedidas deste xeito irregular. Noutros concellos, como o de Ourense está a pasar o mesmo.
A empresa CLECE trata de acadar o máximo beneficio posible a costa dos dereitos das traballadoras, instaurando a precariedade, violando dereitos e non respectando as condicións previas que as traballadoras tiñan no concello, cando así o establece a lei.
Todo isto co visto bo dos alcaldes e gobernos locais responsables das privatizacións, e que miran cara outro lado ante estes incumprimentos graves da concesión.
Antes da privatización, o alcalde de Chantada asegurounos que as condicións ian ser as mesmas, que iamos a estar millor. Unha vez mais, comprobamos que todo foi unha mentira co único obxectivo de converter o servizo de axuda no fogar nun negocio para CLECE. Trala privatización o goberno local aumentou a partida para o servizo, converténdose nun servizo mais caro para todas e todos, pero cunha asistencia moito peor para as usuarias e usuarios.
Pese ao aumento presupuestario, séguese sen facilitar EPIS (non son só mascaras e luvas) ás profesionais, co conseguinte risco para usuarias e traballadoras.
Non se abonan quilómetros que antes se pagaban, e a partida por quilómetro baixou, pese a ter unhas das peores corredoiras (non se lles pode chamar estradas) entre as parroquias do municipio, con conseguinte prexuízo para os vehículos das traballadoras que a diario teñen que recorrelas.
O alcalde D. Manuel Lorenzo Varela e o seu grupo seguen a mirar cara outro lado ante tanta desfeita, incluso regalándolle a CLECE un local público durante 5 meses, cando tiña que ter local propio para desenrolar a súa actividade según constaba nos pregos.
As traballadoras non nos imos render e acudiremos onde teñamos que acudir para defender os nosos dereitos, e seguiremos a denunciar a prestación dun mal servizo cun coste moi superior ao que tiñamos antes da privatización. Todas sabemos que este sobrecoste é o beneficio para CLECE.
Esiximos a readmisión das compañeiras e que o gobernos local esíxanlle responsabilidades a CLECE.
(22 de marzo de 2021, traballadoras do SAF de Chantada)
Outras novas
Recadación de fondos para crear o Bosque da Lingua nos Montes de Couso
O aparato de propaganda dos xigantes eólicos sae a escena
Ecoloxistas exixen en Ourense moratoria para frear as macrogranxas
Outras novas
Recadación de fondos para crear o Bosque da Lingua nos Montes de Couso
O aparato de propaganda dos xigantes eólicos sae a escena
Ecoloxistas exixen en Ourense moratoria para frear as macrogranxas