Medo a pararse
Ignacio Castro Rey
1. Emitir, interactuar continuamente sálvanos da escoita. Porque ademais, compartir é ante todo difundir o horror dos outros, localizar o mal fóra a través desa pornomiseria que nos alivia.
2. Mentres tanto, este mundo non iría tan rápido se non temese o baleiro que resoa en cada minuto de tempo morto. Por iso estamos tan ocupados: desactivando o vello demo dunha vida mortal, única, primaria e sen cobertura.
3. Cando deixamos a protección social, aínda resoan os espectros do real, unhas pantasmas para as que xa non temos ningunha tecnoloxía, nin mental nin corporal. De aí que a nosa ficción colectiva fuxa diso coa diversión obrigada, a actualización incesante, o perpetuo cambio de canle.
4. O estrés protéxenos do silencio, que non dorme. En cada instante de parada, de soidade, de indecisión, poden volver un tipo de preguntas para as que non estamos preparados.
5. O medo a quedarse só, sen visibilidade social, marxinado, é tan vello coma o mundo. Aínda que agora acadou dimensións incomparábeis debido ao noso desarme moral fronte ao indefinido. A alta definición (imaxe persoal, moda e estilo de vida) protéxenos da noite, da dubida.
6. Ademais de desarmarnos, esta continua marca existencial implica un novo tipo de discriminación cara ao lento e complexo, “sen marca”. Nunca ten sido máis fácil ser invisíbel, ficar só, ser raro: basta con deixar de interactuar, ter un mal día, quedarse atrás.
7. A visibilidade obrigada, o ansiado recoñecemento da nosa minoría estelar, e a popularidade persoal, teñen feito incomprensíbeis as escuras complexidades do noso ser. Así pois, estamos sempre preto de ser ignorados ou maltratados. E este medo redobra a obriga de actualizarnos, de actuar sen parar.
8. A nosa sociedade é unha masiva escola de estrelas. Pero sempre hai sobreventa nesa star ship. E ademais, debido o seu desarme fronte á lei da gravidade real, é case inevitábel a intimidade da estrela (que se creu os anuncios) coa ruína moral, ás veces tamén material, fronte a soidade común.
9. A nosa paixón polas minorías, polas diferenzas recoñecidas e comercializábeis, non agocha o maltrato maioritario dunha sombría condición humana, dunha humanidade que endexamais abandonará a pobreza duns límites non elixidos?
10. Ao deixarnos invadir polo dogma global da visibilidade e o espectáculo relegamos a singularidade de vivir aos bárbaros, aos malvados, aos corruptos ou delincuentes. Lembremos, da Ría de Arousa até Almería, a impunidade actual de certa clase de monstros.
11. En realidade, o xénero de terror, o noso terrorismo socialmente sostíbel, non é o reverso desta vocación “americana” dunha luz espectacular? Busquemos unha película de terror que non comece coa parada, cunha detención da velocidade que nos protexe. É imposíbel.
12. E este pánico adolescente ao silencio, propio dunha sociedade senil, explica tamén que todos os actuais momentos de espera (teléfono, transporte, médico) estean entretidos cunha banda audiovisual encantadora.
13. Agora, cada sistema de confort xera o seu accidente específico. Todo o rexeitado coma mortal, nesta obsesión transxénica de seguridade, volverá en formas letais. Que cada pau sosteña a súa vela.
Madrid, 10 de outubro.
Ignacio Castro Rey
Santiago de Compostela, 1952. Filósofo, escritor e crítico de cine e arte. É autor, entre outros, dos ensaios La explotación de los cuerpos (2002), Votos de riqueza (2007), Sociedad y Barbarie (2012) e Ética del desorden (2017).
Mutilacións sexy
A unha cultura que literalmente non pode afirmar nada, posto que lle teme á vida espida coma á peste, só lle queda a exhibición do seu baleiro, convertendo o seu nihilismo en espectáculo.
Para unha metafísica animal do maltrato humano
Un suceso: a desaparición dun ancián no concello coruñés do Pino, desencadea esta reflexión do autor sobre o noso tempo e a actitude vital dun animal reconciliado coa traxicomedia de vivir, mais refractario “á depilación total”.
Outras opinións
Lupe Ces: Licuar o sexo/Liquar o sexo
Unha multitude dentro de Dylan
Algúns erros de esquerda que axudaron Ayuso
Outras opinións
A vida extínguese sen fogos de artificio
Lupe Ces: Licuar o sexo/Liquar o sexo
Unha multitude dentro de Dylan
Algúns erros de esquerda que axudaron Ayuso