"A estratexia é afogar as loitas inundándonos con proxectos mineiros e eólicos"

ENTREVISTA | Marcos Celeiro

Compartilhar no facebook
Facebook
Compartilhar no twitter
Twitter
Compartilhar no google
Google+
Compartilhar no whatsapp
WhatsApp
Compartilhar no telegram
Telegram
Compartilhar no email
Email
Compartilhar no facebook
Compartilhar no twitter
Compartilhar no google
Compartilhar no whatsapp
Compartilhar no telegram
Compartilhar no email

Erik Dobaño | A Coruña | 19 de decembro. “A aposta eólica é masiva, e vai acontecer que ficaremos sen paxaros, aumentarán os insectos e aumentarán as pragas”, advirte o final da entrevista Marcos Celeiro, labrego e activista contra a explotación do territorio. Os colectivos ecoloxistas recibiron esta semana dúas boas novas desde tribunais de xustiza que atenden as demandas que a Administración se nega escoitar. A Administración, en xeral, traballa para facilitarlle o traballo de extracción ás empresas depredadoras. Mais a Xustiza estivo esta semana de parte das veciñas e dos veciños que loitan polo seu dereito a vivir no rural.

O martes sóubose que o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG) vén de ditar tres sentenzas que anulan un acordo do Consello da Xunta de xuño de 2019 polo que se aprobaba a modificación do parque eólico Serra do Iríbio. O venres, o Tribunal Supremo informaba dun sentenza que anulaba a licencia concedida polo Concello de Triacastela a empresa Cementos Cosmos para explotar unha mina preto da Cova de Eirós, lugar que conta con protección como BIC. “A Xustiza vainos dando a razón porque algúns casos son escandalosos”, indica Marcos Celeiro, activista de ContraMINAcción e membro da Asociación Socio-Cultural do Iríbio que leva anos freando ataques o territorio. “A Xustiza vai, e vai sentando xurisprudencia, e así é como nos axudamos unhas loitas a outras, paso a paso”. Esta semana deron un brinco.

O Tribunal Supremo acaba de anular unha licencia urbanística concedida a Cementos Cosmos para explotar a mina na serra do Iríbio. Quen concedeu esa licencia e por que se declara ilegal?

A licencia concedeuna o Concello de Triacastela. A mina leva en explotación desde 1978, pero moitos dos delitos que se puideron cometer están prescritos. Só podemos denunciar até dez anos para atrás. A licencia foi anulada por un xulgado de Lugo no 2014, despois confirmouse esa sentenza en apelación e o recurso de casación non foi admitido. O que acontece é que intentaron conceder a licencia mediante unha disposición transitoria que tiña a antiga lei do solo, que xa non existe na lexislación actual e que permitía outorgar a licencia municipal saltándose a avaliación ambiental. Esta explotación non ten licencia e non podería obtela agora.

A sentenza do Supremo que significa?

Digamos que o que impide é que sigan traballando, sen licencia urbanística non se pode manter a actividade. A alcaldesa de Triacastela dixo esta semana que se lle concedera licencia no 2018. Pedimos información para ver que tipo de autorización é esa. Habería que recorrela, porque sería ilegal ao non haber declaración de impacto ambiental.

Mais a empresa mantén a titularidade. Que vías lles quedan para opoñerse a mina?

Intentaremos que se anule a concesión mineira, iso en vía administrativa. Tamén iniciarmos accións en vía penal, porque hai un delito continuado polo feito de que a explotación estea funcionando sen contar coa declaración de impacto ambiental e sen proxecto de explotación. Isto acabámolo de saber hai pouco, despois de estar pelexando na vía contencioso-administrativa para ter acceso ao expediente de explotación, acceso que nos estaba a negar a Dirección Xeral de Enerxía e Minas. Nese expediente puidemos comprobar que non hai un proxecto de explotación, que constitúe un elemento esencial. Así que un dos procedementos xa abertos en vía penal será contra o director da explotación, o enxeñeiro de minas. Tamén entendemos que a Administración ten responsabilidades e por aí han ir outros procedementos.

Como afecta a mina á contorna?

Neste caso a explotación verte residuos ás augas, e isto está tamén denunciado en vía penal. Ademais descubrimos que se lle aplica un tratamento industrial á pedra caliza. A empresa estaba funcionado cunha autorización de vertidos para unha foxa séptica dun aseo dos traballadores. A empresa alegou sempre que tiña autorización, mais o ver o expediente comprobamos que esta autorización non era para os vertidos que realmente facía.

E tamén o patrimonio, á Cova de Eirós?

Si, porque a explotación está no ámbito de protección e de amortecemento da Cova.

Cal é o estado da Cova de Eirós?

Pois descoñecémolo. A empresa levantou un valado na entrada e hai unha porta cun candeado que só se abre para os traballos dos arqueólogos durante as campañas de escavacións. Os demais non temos acceso. O que si temos é constancia de que se están realizando voaduras en puntos situados a menos de cincocentos metros da cova con cargas de toneladas de explosivos.

A Cova de Eirós foi declarada BIC no 2019, non debería ter un réxime de visitas?

Debería, mais o funcionamento da lei neste país é o que é… Debería cumprirse aínda que nós sostivemos en todo momento que se trata dunha área arqueolóxica, con máis covas e que se deberían entender e atender en conxunto. A declaración de BIC protexe só ás paredes interiores da cova. É unha declaración de BIC bastante estraña.

“[Na mina xunto a Cova de Eirós] a empresa estaba funcionado cunha autorización de vertidos para unha foxa séptica dun aseo dos traballadores. A empresa alegou sempre que tiña autorización, mais o ver o expediente comprobamos que esta autorización non era para os vertidos que realmente facía”.

Marcos Celeiro, en Samos, nunha imaxe de finais de 2017.

Como valora esta sentenza no contexto da loita contra as minas que tamén produciu outras noticias positivas durante este ano?

É o froito de moito traballo colectivo e do dos nosos equipos xurídicos en particular. Fomos aprendendo como afrontar estes conflitos e se a Xustiza nós dá a razón é porque non lle queda outro remedio. Normalmente a Xustiza é favorábel aos intereses das grandes empresas, mais cando son casos tan escandalosos non hai como amañar unha sentenza.

Mais alá dos logros nos tribunais, están conseguindo sensibilizar á veciñanza?

Eu penso que si. Estamos vendo que hai que perder o medo. As empresas son fortes, é certo, e a Administración está do lado delas, tamén é certo. Mais estase demostrando que tamén podemos gañar.

Cal vai ser a próxima batalla?

Seguimos loitando contra a lei de depredación, e agora tamén contra a segunda parte da lei, unha norma que acaba de entrar no Parlamento galego que, entre outras cuestións, permite conseguir informes ambientais favorábeis por silencio administrativo. Nestes meses hai unha batalla importante en Santa Comba, un dos proxectos en marcha máis máis escandalosos, unha cousa xigantesca que afecta moita veciñanza…. Pero tamén estamos dando a batalla en Beariz e no sur da provincia de Ourense e en Ordes. Hai moitas frontes abertas. Constitúense plataformas locais, que van pouco a pouco. Corcoesto e Touro empezaron así.

Os eólicos

Como son quen desde unha asociación local de manter dúas loitas simultáneas, contra a mina e contra o parque eólico?

O que facemos é coordinarnos con outros colectivos do país. Estamos en ContraMINAcción e tamén nunha rede que está en proceso de formación no eido dos parques eólicos. Imos aprendendo uns doutros. Por exemplo, as sentenzas que se coñeceron esta semana do TSXG sobre o parque da Serra do Iríbio, relativas á aprobación do proxecto sectorial de incidencia supramunicipal, conseguiuse a través de procedementos abertos por asociacións como Verdegaia, Petón do Lobo e Adega, coas que colaboramos. Pola nosa parte, como asociación, estamos noutros contenciosos contra ese parque, porque hai unha chea de permisos que derivan de aquela resolución que aprobou o proxecto sectorial. Por exemplo, temos recorridas en contencioso as licencias municipais en ambos concellos, Triacastela e Samos, e as autorizacións das liñas de alta tensión, tamén en ambos concellos. Todos eses procedementos están en curso.

Que efectos terán estas sentenzas do TSXG sobre o desenvolvemento do parque eólico?

Supoñemos que a empresa, Fergo Galicia Vento, vai recorrer en casación. Pero en canto adquiran firmeza, deixarán sen efectos bastantes permisos posteriores. Ademais, as sentenzas recoñecen que a declaración de impacto ambiental estaba caducada. Tamén nos parecen moi interesantes os argumentos xurídicos que utiliza o tribunal. O tribunal é bastante duro coa política de parques eólicos da Xunta de Galicia.

Axudará noutras batallas?

Axudará. Vaise sentando xurisprudencia. Hai outra sentenza recente, no caso do parque eólico de Sasdónigas, en Mondoñedo, tamén do TSXG moi interesante. A respecto do Iríbio a Xustiza di esta semana que, por exemplo, non se poden considerar os espazos naturais protexidos como zonas pequeniñas rodeadas de aeroxeneradores porque é que as especies non entenden de límites administrativos.

Cal é a situación do parque eólico do Iríbio?

A empresa comezou a construír os accesos e xa fixo as bases para varios aeroxeneradores. Destruíu varias turbeiras e fixo desmontes que destruíron por completo o manto vexetal. Por esta causa tamén temos aberto un procedemento penal por delito ambiental. Estamos loitando para que o monte sexa restaurado e que os responsábeis paguen, porque sae máis barato destruír do que despois recuperar. Tanto no caso da explotación mineira como no do parque eólico non estamos conformes en que iso fique así.

“Un dos principais problemas é a opacidade da Administración. A maioría das autorizacións obtéñense a porta pechada, sen publicidade. Estamos combatendo tamén contra esa falta de transparencia e de respecto á cidadanía.”

Son dúas loitas en paralelo? Terán que dedicarlle máis esforzo a algunha delas porque a presión empresarial vai máis rápido? Cal lles preocupa máis, a presión mineira ou a que exercen as empresas que explotan os parques eólicos?

Van en paralelo porque en ambos casos a estratexia da Administración é a mesma. Tanto na minaría como na eólica, a estratexia é afogar as loitas sociais inundándonos con proxectos. Intentan saturar aos colectivos para que non poidan pelexar contra tal número de proxectos. Só en 2019 iniciáronse uns catrocentos proxectos mineiros no país. Todas esas autorizacións dos últimos anos o que provocaron é esta inundación.

Como se combate nese escenario?

Combatendo polo menos na vía xudicial, respondendo a cada proxecto apoiándonos na xustiza gratuíta. Plantar cara a todas as resolucións da Administración. A finais de novembro cesaron a Tahoces [ex Director xeral de Industria] mais a política do departamento non mudou. Tahoces está imputado e posiblemente o que quixeron é evitar que lles estoupe unha condena dun alto cargo, pero a política non cambiou.

Non esperan que mude, polo menos, o talante da Administración?

Non parece polo momento. Un dos principais problemas é a opacidade da Administración. A maioría das autorizacións obtéñense a porta pechada, sen publicidade. Estamos combatendo tamén contra esa falta de transparencia e de respecto á cidadanía.

Teñen maior aceptación os parques eólicos? Parece que o seu impacto é menor e iso pode ser un problema para quen loita contra eles?

Esa percepción pode darse en contextos urbanos. O impacto dos parques é considerábel. Non só están os aeroxeneradores, están as liñas eléctricas e as subestacións asociadas eles. Un dos grandes problemas da política eólica é que aposta por unha implantación masiva de parques e isto converte os parques nun problema global. Ante tal número de parques, o que vai pasar é que ficaremos sen paxaros. Alteraremos rutas de aves migratorias, desapareceran aves locais, romperase o ecosistema, aumentarán os insectos e aparecerán pragas, e iso combaterase con produtos fitosanitarios… un problema en cadea.

Antes sinalou as principais batallas en curso contra a presión mineira, onde están as principais batallas contra a presión dos parques eólicos?

O proxecto máis escandaloso é o que está a promover unha empresa norueguesa no Macizo Central, que vai de Laza a Vilar de Barrio e até A Veiga e Carballeda de Valdeorras. Teñen previsto instalar 152 MW, unha cousa brutal. É un espazo da Rede Natura, e a estratexia da empresa é colocar os aeroxeneradores bordeando a zona protexida.

 

O entrevistado

Marcos Celeiro

Marcos Celeiro

1978, Vilar, Vila Vella (Triacastela). Labrego. Portavoz da Asociación Socio-Cultural Iríbio e activista de ContraMINAcción.

Minas