Traballadoras do fogar: en mans do patrón

Segundo a Enquisa de Poboación Activa (EPA), no conxunto do Estado español, 1 de cada 3 persoas do sector seguían na economía somerxida o ano pasado

Compartilhar no facebook
Facebook
Compartilhar no twitter
Twitter
Compartilhar no google
Google+
Compartilhar no whatsapp
WhatsApp
Compartilhar no telegram
Telegram
Compartilhar no email
Email
Compartilhar no facebook
Compartilhar no twitter
Compartilhar no google
Compartilhar no whatsapp
Compartilhar no telegram
Compartilhar no email

Ana González | Lugo, 12 de decembro.  “Despois de pasar a noite pendente por se me chaman, érgome cedo, prepárolle o almorzo á persoa que coido, despois paso o ferro, limpo o po e ás dez tócame duchar ao señor”. Así comezaba un día normal de Jacqueline até que hai un mes que deixou de traballar como interna. Jacqueline é unha muller cubana que leva sete anos traballando na provincia de Lugo como empregada do fogar. Ela está dada de alta na Seguridade Social, aínda que non é o máis habitual neste sector. Segundo a Enquisa de Poboación Activa (EPA), no conxunto do Estado español, 1 de cada 3 persoas do sector seguían na economía somerxida o ano pasado. 

O número de empregadas do fogar que traballaban en negro reduciuse dende a reforma legal de 2011, aprobada polo Goberno de Zapatero, que trouxo melloras nas condicións laborais. Un dos aspectos que se introduciu foi a obriga de que os donos das casas deran de alta ás empregadas desde a primeira hora de traballo, xa que ata entón eran elas mesmas as que pagaban a súa Seguridade Social, a non ser que o contrato superara as 80 horas mensuais. Pasaron de cotizar nun Réxime Especial a facelo nun Sistema Especial dentro do Réxime Xeral. Malia aos cambios, moitas seguen traballando en negro e aínda existen grandes desigualdades que impiden equiparalas ao resto de asalariados. A grande diferenza está clara: non teñen dereito a unha prestación por desemprego.

Este oficio minusvalorado sempre foi, e segue a ser, para as mulleres. Elas son as protagonistas deste relato. Jacqueline, cun contrato de 40 horas semanais, estivo interna nun fogar de luns a sábado. María, co salario mínimo pero sen estar dada de alta na Seguridade Social, acudiu “facer as cousas” durante anos a un mesmo fogar. Consuelo segue sen contrato limpando unha casa catro horas á semana desde hai dous anos. Tres historias diferentes que xerminan da mesma semente e teñen á necesidade como raíz.

Pese á regulación, as empregadas do fogar seguen en condicións precarias. Xornadas moi esixentes. Sen dereito a desemprego nin garantías (“se enfermas deixas de ser útil”). E despido por desestimento.

“Non podía darme de alta na Seguridade Social porque non pagaban o suficiente como para poder levar unha casa e pagar as cotas, grazas que puiden sobrevivir, que é o que fixen” relata María. Ten 62 anos, é de Lugo e leva 15 anos como empregada do fogar en Santiago. Sempre na mesma casa pero nalgunha etapa da súa vida viuse obrigada a compaxinar este con outros dous fogares. Antes ía tres días á semana e cobraba o mínimo legal, aínda que sen cotizar. Agora só fai seis horas á semana e páganlle menos. Ademais de limpar, María coidaba as nenas da casa, unha sorte, confesa, porque os nenos son a súa debilidade.

Consuelo vive en Pontevedra, traballou como empregada do fogar en dúas casas distintas e, ademais, no verán, encárgase de limpar un piso destinado ao aluguer por tempadas. Estivo dous anos nunha casa peromarchou o dono e acabouse o emprego. Agora leva outros dous traballando nun fogar catro horas á semana. Antes de realizar estes oficios, Consuelo estivo contratada durante tres anos nunha empresa de limpeza, e encargábase das zonas comúns dun edificio. Facía practicamente o mesmo que fai nas casas pero tiña dereito a cotizar coma unha asalariada normal no Réxime Xeral, e obtendo a prestación por desemprego que lle correspondía.

Hai sete anos que Jacqueline se viu obrigada a deixar o seu país para asentarse na Galiza, o mesmo tempo que leva dedicado ao servizo doméstico. Estivo interna en dous fogares. No primeiro, durante seis anos, facía as cousas da casa e coidaba un señor que tiña cerca de 90 anos, estaba en cadeira de rodas e padecía alzhéimer. “Eu tiña un contrato de 40 horas semanais pero iso non era real, porque eu estaba na casa do luns ao sábado pola mañá e á hora na que esa persoa me chamara eu tiña que estar dispoñíbel”. Algo similar acontece na casa na que está contratada agora, na que coida doutro home. Empezou como interna un ano, pero hai pouco que deixou de vivir alí e contratárona como empregada externa a xornada completa.

emprego, fogar, mulleres
Jacqueline, empregada do fogar dende hai sete anos.

Motivos polos que entrar nun oficio precario

As tres comezaron como empregadas domésticas por necesidade. María, polo seu divorcio, porque non lle chegaban os ingresos que tiña e este foi o emprego que atopou. “Eu traballei case sempre en panaderías e pastelerías e como era un traballo moi duro, no que estaba fins de semana e noites e tampouco pagaban ben, decidín deixalo. Despois empecei na empresa de limpeza a través dunha coñecida que me contratou e tamén o levei mal pero polo menos tiña os fins de semana e as noites”, así narra Consuelo os seus comezos no oficio e detalla que agora ten ofertas para ocuparse de casas pero sempre por medio de coñecidos, sen anuncios.

A historia de Jacqueline afástase máis das outras dúas porque, como moitas empregadas do fogar, é estranxeira. Ela estudou contabilidade na Habana e estivo 12 anos no departamento de contabilidade e finanzas do Ministerio de Xustiza de Cuba, e 11 anos no Ministerio de Turismo, primeiro en contabilidade e logo en Recursos Humanos. Tamén foi empregada nun banco. “Para min foi moi triste pero pola necesidade de ter que enviarlle diñeiro á miña filla e á miña nai, tiña que dedicarme ao que fora”. Jacqueline asegura que o emprego doméstico foi o primeiro que atopou ao chegar. “A verdade é que non busquei nada máis porque tiña unha necesidade urxente e iso era o que aparecía. Vin nunha época na que había moi pouco traballo e agora mesmo tampouco aspiro a outra cousa porque a cousa non está ben. Se até os nativos de aquí teñen que emigrar, os universitarios e a xente nova… pois eu con 56 anos non vou atopar nada mellor”.

Discriminar o traballo doméstico, discriminar á muller

“Quen fai os traballos da casa? As mulleres, normalmente. Agora non tanto, a xente nova isto empeza a cambiar, pero na miña xeración era así. Eu nunca tiven axuda na casa, o meu ex marido non sabe o que é cambiar un cueiro, nunca bañou a un neno, todo o facía eu”, di María. “Ás veces coidamos persoas maiores e supoño que por problemas de complexos ou de machismos prefiren contratar unha muller antes ca un home. Eu creo que para atender a alguén con limitacións físicas un home pode ser mellor, polo tema da forza, pero igual pensan que nós podemos facer as cousas da casa mellor”, razoa Jacqueline. “Supoño que isto é unha cuestión social. É tradición a muller na casa, a muller sempre se dedicou á limpeza máis co home, e imaxino que nos fogares tamén prefiren mulleres”, explica Consuelo e conta que o seu marido “traballou nunha empresa de limpeza hai moitos anos, pero a el levábano limpar cristais e ventás e pintar”. Ademais, na empresa na que ela estivo, “buscaban homes para limpar garaxes pero para o resto preferían mulleres”.

A nosa é unha sociedade machista. Os políticos non axudan aos cambios. Existen o teito de cristal, a diferenza salarial e demais desigualdades no mundo laboral. Pero o emprego doméstico é aínda invisíbel. Pouca xente coñece as condicións legais especiais que teñen as empregadas do fogar. Por que existen estas desigualdades e esta falta de vontade política por mellorar a situación? Non será polo mesmo que nas demais distincións laborais? Por discriminación á muller? María cre que si e sentencia que “obviamente se os políticos quixeran, isto non pasaba”.

A perspectiva que ten Jacqueline sobre o machismo é moi clara: “eu veño dun país onde a igualdade laboral do home e da muller existe, xa que alí se tes a preparación necesaria podes ter unha praza de ministro sendo home ou muller, co mesmo salario. Ao chegar a España unha das cousas que me chocou ten que ver con isto. Aquí todos temos os mesmos dereitos, pero se hai unha muller intelixente que chega a un posto alto, por que hai un home que ten un salario máis alto ca ela por ser varón? En xeral, o home ten un emprego e a muller ten o traballo da casa máis o de fóra”.

Consuelo medita sobre os dereitos das empregadas do fogar e afirma que “a marxinación está clara e ao final é discriminación a muller porque a maioría somos mulleres”. Ademais fai unha reflexión sobre a crúa realidade que supón non ter unha prestación por desemprego: “paréceme totalmente inxusto non ter dereito ao paro, non nos tratan como a un asalariado máis. Non debería haber réximes especiais. No momento en que cotizas e traballas deberías ter os mesmos dereitos, non?N Isto significa non valorar ese traballo ou valoralo menos, non ten sentido. Nunha empresa de limpeza na que se limpan edificios si que cotizas para a prestación por desemprego, entón non entendo porque unha empregada do fogar non pode cotizar no mesmo réxime”.

Diferenzas entre a legalidade actual e a anterior

Hai sete anos aprobouse o Real Decreto 1620/2011, do 14 de novembro, polo que se regula a relación laboral de carácter especial do servizo do fogar familiar. Ese é o problema, que segue sendo especial. Pero o certo é que esta lei si que trouxo melloras ao sector. Agora as empregadas teñen dereito a un salario mínimo, a 14 pagas completas e a vacacións. Outro avance foi o de recoñecer a baixa por enfermidade a partir do cuarto día, como o resto de traballadores, mentres que antes era a partir do día 29. Isto quere dicir que pasaban un mes enteiro sen cobrar polo feito de estar enfermas. Con aquelas condicións era máis que lóxico que a inmensa maioría traballaran en negro. De feito María relata que ela tivo un accidente co coche hai moitos anos, estivo un mes sen ir a traballar e pagáronllo igual, sen estar dada de alta na Seguridade Social.

O certo é que aínda que os aspectos legais sexan mellores na práctica segue sen existir unha conciencia social sobre esta labor. “O señor para o que traballo quere que o leve de paseo todos os días, aínda que chova ou neve. Un día había xeo na rúa e tiven que saír. Entón enfermei, collín unha gripe e despedíronme. Estiven 8 días coa baixa médica e nese tempo eles non atoparon a outra que me substituíra e volveron chamarme, pero querían botarme porque enfermei”. Este exemplo que nos conta Jacqueline ilustra perfectamente o feito de que, aínda que exista o dereito á baixa médica, se enfermas deixas de ser útil.

Ademais, outra das grandes desigualdades que existen agora no sector do servizo doméstico chámase despido por desestimento. Isto é que o xefe pode dicir que perdeu a confianza na traballadora e despedila sen ter que alegar nada máis. Neste caso, o dono da casa ten que dar á empregada como indemnización 12 días de salario por ano traballado, mentres que o resto de asalariados ten dereito a 20. Son oito días traducidos a diñeiro que distancian a estas mulleres da dignidade que recibe calquera traballador. Esta é unha diferenza clara entre o que supón estar no Réxime Xeral e no Sistema Especial de traballadoras do fogar dentro do Réxime Xeral.

Estas inxustizas legais ás que se acolle o Estado poden rematar pronto. O 16 de xuño de 2011 creouse o convenio 189 da Organización Internacional do Traballo (OIT) sobre a protección social das empregadas domésticas e a equiparación co resto de traballadores. Xa foi ratificado por 25 estados (o último en facelo foi Brasil), pero España resístese. O documento contempla que as traballadoras do fogar sexan incluídas no Réxime Xeral da Seguridade Social con igualdade de condicións. Recentemente, este asunto chegou ao Congreso, xa que o acordo orzamentario do PSOE e Unidos Podemos contempla a ratificación do convenio en 2019. Quizais o ano que vén o esforzo sexa recompensado neste estado que presume ser moderno mentres o adiantan 25 países de todo o mundo que cren na igualdade entre o home e a muller.

illas

A Nave

“A Paga”, capítulo 19.

Alimentos antifascistas

Esta quarta-feira, 21 de abril, tivo lugar no bairro operário compostelano de Conxo a segunda entrega solidária de alimentos organizada por Estudantes Antifascistas em colaboraçom com a associaçom vizinhal Conxo Aberto.

Viaxe á Fosa Atlántica

Greenpeace denunciou que a fosa, un espazo de 2.500 quilómetros cadrados e 4.700 metros de profundidade, situado a 370 millas náuticas do litoral galego, era a entulleira de oito países. Esquerda Galega púxose en contacto cos ecoloxistas para organizar unha expedición conxunta. Era o ano 1981.

Olga Novo, perdoa se che digo…

“Perdoa este meu atrevemento. Rescatas para nós o que non ollamos cando derramas un manto de luz sobre o que outros non vemos, ou o que está esquecido ou xa non lembramos”. Un artigo de Gonzalo Trasbach sobre o libro ‘Feliz Idade’.

Campamento

Un novo capítulo (o 17º) do serial ‘A Paga’, escrito pot Álex Pernas.

O estranxeiro

Capítulo 16 do folletín ‘A paga’ no que Álex Pernas relata como ía mundando o mundo coa chegada dunha renda básica.

Levárono o Furriolo e non se volveu saber del

Este artigo de Julio Prada Rodríguez foi publicado publicado orixinalmente na ‘Revista Arraianos’, nº 3 pp. 38-41 primavera 2005. Reproducimos o texto e a imaxe que serviu de ilustración co permiso dos editores, o colectivo Arraianos.

Negro

Capítulo 16 do folletín ‘A paga’.

O sometemento polo terror

“Permanentemente recordábaselle aos presos a súa condición de vencidos”. O historiador Pablo Sánchez remata o seu relato sobre como a prisión no Mosteiro converteu Celanova na “vila da morte” dando noticia das condicións de vida dos presos, as enfermidades, as humillacións e os castigos.

Encher as aulas de liberdade

Comunicado do Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia (Ceesg) ante o suicidio de adolescentes nas últimas semanas.

Deixe um comentário

Deixe um comentário