Tras o xuízo da vergoña

Boro LH

Compartilhar no facebook
Facebook
Compartilhar no twitter
Twitter
Compartilhar no google
Google+
Compartilhar no whatsapp
WhatsApp
Compartilhar no telegram
Telegram
Compartilhar no email
Email
Compartilhar no facebook
Compartilhar no twitter
Compartilhar no google
Compartilhar no whatsapp
Compartilhar no telegram
Compartilhar no email

Pasaron uns días desde o xuízo que levaba esperando catro anos e medio, ese que ameazaba con levarme 6 anos a prisión (7 e medio se lle sumamos a condena ad hoc que me impuxo a Audiencia Nacional por opinar en Facebook).

O primeiro, dicir que a nivel persoal foi un proceso duro, porque non foi un simple xuízo, pasei practicamente un ano defendéndome de montaxes policiais e xurídicas: o 30 de novembro de 2017 pasado tiven o primeiro xuízo, o da Operación Araña na Audiencia Nacional, e cando aínda estaba a esperar a sentenza recibín a data para o xuízo polo sucedido naquela protesta, Jaque a la monarquía, de 2014. Fixárono para o 16 de abril, mais houbo un adiamento ante a suposta indisposición dun dos axentes que me acusaba. Así que foi por fin este 3 de outubro, o mércores pasado, cando se celebrou o xuízo.

Nin que dicir ten que estar todo un ano así, de xuízo en xuízo, ademais vendo como compañeiros ingresaron en prisión, tomaron o camiño do exilio ou seguen inmersos nunha batalla xudicial, é algo esgotador. E no meu caso ademais non me quedei precisamente parado esperando, rercorrín medio Estado explicando o caso e contextualizándolo na actual escalada represiva impulsada polo Estado español.

Como dicía, o pasado mércores celebrouse por fin o xuízo, e se algo quedou claro nas case dúas horas que durou, foi que a acusación non se sostiña, a policía mentía e iso é algo que quedou moi claro para todas e todos os que estabamos na sala. En primeiro lugar, o policía que leva catro anos e medio dicindo que eu lle peguei unha puñada na cara, de súpeto declara que esa puñada lla dera “alguén” cinco minutos antes e que non podía identificar quen fora. A cousa está moi clara: ou mentía no atestado ou mente agora… ou o mesmo minte as dúas veces. O outro policía supostamente agredido tampouco ten nada claro vista a súa declaración: leva catro anos e medio dicindo que lle dei unha patada e de súpeto solta: “o acusado deume unha puñada”. E a preguntas da fiscalía engade: “e unha patada”.

Estas persoas piden que pase 6 anos da miña vida en prisión por supostamente agredilas e non teñen claro nin que lesión sufriron, iso dános unha idea da veracidade dos testemuños: cero.

Os compañeiros da prensa que testificaron posteriormente deixárono moi claro: aquel día había unha hostilidade manifesta cara á prensa, xa desde o primeiro momento sucedéronse os insultos, ameazas e empuxóns cara aos xornalistas que cubriamos a protesta. Tras as declaracións dos xornalistas foi a quenda dos vídeos. E unha vez máis quedou claro que non houbo ningunha agresión pola miña parte, e ademais puidemos ver tamén a malleira que estes señores lles deron ao resto de compañeiros que trataban de informar sobre o que estaba a pasar.

Despois interviu a fiscal. É alucinante que tras ver como un policía cambia a súa declaración sobre quen o agrediu e o outro policía nin sequera ten claro se lle deron unha puñada ou unha patada (ou as dúas cousas), tras ver uns vídeos onde queda moi claro quen fomos os agredidos aquel día e quen nos agrediu, esta señora aínda teña a desvergoña de seguir pedindo 2 anos de condena e unha multa de case 5.000 euros. O meu avogado, Erlantz Ibarrondo, deixouno moi claro: haberá que deducir testemuño aos axentes por se incorresen en falso testemuño.

Boro LH sendo identificado por un policía durante unha protesta contra o seu xuízo xunto a outras compañeiras.

Na miña alegación final destaquei que aquilo non foi un atentado á autoridade, senón un atentado á prensa e á libre información. Denunciei as agresións policiais, tanto a miña como as que sufriron os meus compañeiros. Remarquei que se nós achegamos alí foi “para informar da violenta e irresponsable actuación que estes señores estaban a levar a cabo, porque cremos que a prensa debe denunciar este tipo de abusos e de vulneracións dos dereitos humanos por parte de funcionarios públicos”.

“Estes señores mentiron, non houbo ningunha agresión pola miña banda, e o máis probable é que ditas lesións, en caso de ser reais, fosen causados por eles mesmos mentres mallaban ao grupo de xornalistas”, dixen. E continuei: “estes dous axentes, funcionarios públicos que deberían de estar ao servizo da cidadanía, minten cando me acusan de atentado, minten cando me acusan de causarlles lesións e fano porque necesitan unha escusa, necesitan unha cabeza de turco para xustificar a súa salvaxe actuación daquel día”.

“Durante a miña declaración, volvín insistir en que a prensa denunciar calquera tipo de abusos e de vulneracións dos dereitos humanos por parte de funcionarios públicos.”

Terminei a miña intervención pedindo “a miña libre absolución, pero tamén quero pedir responsabilidades para quen levaron a cabo esa salvaxe actuación policial. Responsabilidades pola malleira aos xornalistas, pero tamén responsabilidades por mentir, por esa falsa acusación que me tivo durante catro anos e medio vivindo baixo a ameaza de pasar varios anos en prisión. E responsabilidades por ter obstruído o dereito a informar, o dereito á liberdade de prensa”. E subliñei: “sen prensa crítica non hai democracia, sen liberdade de expresión e de información non hai democracia”.

Agora xa pasou o peor. Catro anos e medio á espera. Un ano de xuízo en xuízo. Toca esperar a sentenza, e visto o visto no xuízo non espero outra noticia que non sexa a libre absolución, aínda que desde logo teño claro que a xustiza española adoita ser de todo menos xusta. Pero neste caso xa nin sequera vou pedir xustiza, porque bastaría cun chisco de sentido común para absolverme e investigar esta descarada montaxe policial.

O que me sucedeu apenas é a punta do iceberg, as montaxes policiais están á orde do día, e moitas veces nin con vídeos nin con testemuñas, nin demostrando as mentiras policiais somos capaces de tiralas abaixo. Os ataques á prensa crítica e á liberdade de información continúan día a día nun Estado onde se pecharon medios de comunicación e encarcerouse aos seus traballadores sen proba algunha (Egin, Egunkaria, Apurtu…). A liberdade de expresión foi derrogada de facto e agora ninguén que exprese unha opinión contraria ao réxime está a salvo de ser a seguinte vítima da Audiencia Nacional.

“Os ataques á prensa crítica e á liberdade de información continúan día a día nun Estado onde se pecharon medios de comunicación. A liberdade de expresión foi derrogada de facto.”

Queren que non salgamos á rúa, que non opinemos, que non loitemos, que non informemos. Así que a receita contra isto é precisamente seguir mobilizándonos, seguir loitando, seguir opinando e seguir informando.

Madrid, 9 de outubro.

Boro LH

Boro LH

Madrid, 1980. Jorge Correa, Boro LH, é xornalista e colaborador habitual de Lahaine.org e Kaosenlared.net, entre outros medios. Na ligazón de abaixo pode lerse e asinarse o manifeso pola súa absolución.

Boro Libre

Deixe um comentário

Deixe um comentário