Tribunal de obstrución

Vista da Jaro na Audiencia Nacional: día 3

Compartilhar no facebook
Facebook
Compartilhar no twitter
Twitter
Compartilhar no google
Google+
Compartilhar no whatsapp
WhatsApp
Compartilhar no telegram
Telegram
Compartilhar no email
Email
Compartilhar no facebook
Compartilhar no twitter
Compartilhar no google
Compartilhar no whatsapp
Compartilhar no telegram
Compartilhar no email

Coletivo Amanhecer | Madrid. | 21 de outubro. A estrutura de investigación da Garda Civil non está pensada como unha ferramenta para desenvolver un traballo rigoroso de pescudas encamiñadas a determinar verdade ningunha, non; o deseño parece responder a outro fin: protexer de calquera controversia a verdade que determine esa estrutura para aplicar a lei coa mesma discrecionalidade con que se pode aplicar a porra. Diante da Audiencia Nacional a complexidade redúcese. Maxistrados, fiscais e axentes preséntanse como as partes dun mesmo aparello construído para combater o terror disidente e que se manterá operativo mentres haxa terror disidente que vixiar e castigar. Esta lóxica, que levan anos intentando explicar os colectivos que máis a padecen -os disidentes das nacións dentro do Estado porque eles supoñen a primeira ameaza para a continuidade do Estado- acaba aparecendo antes ou despois en calquera procedemento que se coloque baixo o paraugas da Audiencia Nacional.

Ademais, a Audiencia Nacional sábese á marxe de calquera escrutinio democrático. Lean se non o odio que desprenden as crónicas sobre o xuízo a doce independentistas galegos que se segue estes días, acusados de enaltecemento do terrorismo e de organizarse para enaltecer o terrorismo.

Neste escenario o normal é que se dean situacións como a vivida hoxe polos once acusados que se sentan no banco (un deles xa regresou a Vigo) e os seus cinco avogados defensores.

Os principais analistas da investigación preséntanse diante do xuíz, declaran a súa forte convicción de que o movemento independentista galego construíuse historicamente para dar soporte a unha organización terrorista e configurou unha estrutura a imaxe e semellanza do MLNV -que debe ser o mapa que teñen na cabeza- e incorren en incongruencias porque esqueceron datos, nomes e feitos até botar enriba dos acusados unha montaña de sospeitas baseadas en suposicións e impresións desas cabezas configuradas para perseguir a ETA, nas que todo é sempre ETA ou parécese bastante.

Eses analistas son os autores duns informes que poden levar doce persoas á cadea por delitos que rozan severamente coas liberdades de pensamento, opinión e asociación. Á cadea… non a sufrir unha sanción administrativa ou unha multa. Porque para que teña todo sentido, as penas deben responder o reto que enfronta o gran entramado represivo que está detrás da Audiencia Nacional: salvar España… do terror separatista.

Así que os avogados que intentan poñer de relevo a inconsistencia do “conglomerado” terrorista dos “independentistas radicais” galegos e conseguen que o último director da investigación nas sucesivas operacións Jaro (2015 e 2017) dubide e perda pé… E iso o xuíz Guevara o interpreta como que os letrados están “xogando a ver se pillan algo” e interrompe o interrogatorio para protexer a testemuña e dirixir as súas respostas.

Guevara xogou a frear as indagacións dos avogados das defensas para evitar que o relato dos axentes se esfarelase alí diante. Brais González, defensor dos tres militantes de Ceivar encausados, protestou en tres ocasións. Manuel Chao intentou facer entrar en razón o xuíz, que parece ter presa por despachar o trámite da vista oral e poñerse a redactar a sentencia mirando o que din os informes, aparentemente coherentes, desde logo en maior medida que os testemuños da intelixencia española, que nin sequera ten a habilidade de agochar o fío que cose un caso en prospectiva, “a ver que pilla” para confirmar a hipótese inicial.

“O talante do xuíz Guevara é coñecido. Non só cos independentistas galegos”, di unha fonte que segue o proceso. “Mantén unha actitude parcial e obstrucionista coas defensas, obrígaas a ser moi comedidas, corta o ritmo dos interrogatorios”. As testemuñas ás que se enfrontaron este mércores os defensores son testemuñas profesionais da acusación e totalmente parciais, abonda a fonte, e engade: “están á defensiva e en canto se lles expoñen cuestións concretas, cos feitos, e non tanto de opinión ou inferencias, como foi o interrogatorio do Fiscal, pois intentan escapar como poden”. A clave está, conclúe, como a Sala valore despois estes testemuños cheos de imprecisións e evasións. “Podemos esperar do xuíz unha interpretación imparcial das probas presentadas que remataría na ausencia de credibilidade ou dúbidas sobre os informes?”.

As probas presentadas sobre a existencia dun “conglomerado” do que fan parte Causa Galiza e Ceivar para soster Resistencia Galega -”organización terrorista con plena capacidade operativa, malia que debilitada pola caída dos seus comandos”, en opinión do xefe dos investigadores- son que antes da primeira operación Jaro ese “conglomerado” estaba tratando de dotarse dunha organización xuvenil e estruturarse nunha “coordinadora independentista” que era, naquela altura, “unha proposta”. Unha proposta de organización, esa é a proba que sustenta parte da acusación de organización criminal para enaltecer o terrorismo…

As probas concretas sobre feitos de apoloxía do terrorismo son igual de febles. Os analistas nunca estiveron presentes nos actos nin coñecen nada de primeira man, xulgan en base a documentos, “a literalidade dos documentos”, subliñou o máis fatuo, que mesmo se permitiu cualificar a solidariedade de Ceivar como “interesada, non como a pensamos os demais”. E nin sequera se molestaron en comprobar se documentos que serven de base a acusación seguían vixentes no momento de redactar o seu informe. Para eles, todos son probas documentais se aparece a palabra “loita”. Ven chamamentos á acción armada en cada papel ou en cada proclama lanzada a través das redes.

A paranoia dunhas cabezas adestradas no mapa vasco revelouse nas palabras do subordinado. “Son las suyas organizaciones que se sustraen a cualquier tipo de control, en las que hay cosas que no están legalizadas, nadie puede decir… yo puedo decir, soy concejal del PP del ayuntamiento de tal… pero de ustedes, de Causa Galiza, no se puede decir nada, porque ustedes, y está documentado, lo que buscan son estruturas opacas”.

O xuíz tratou de calmar os letrados afirmando que aquel “ustedes” era un “plural maxestático”, mais non permitiu que as defensas corrixiran o funcionario, que trataba de explicar o tribunal porque non coñecía os membros de Causa Galiza que tiveron relación con Resistencia Galega. O letrado reduciu a cuestión aos acusados, pero o analista tampouco o sabía. Como indicou o seu xefe, eles estudan documentación, e nunca han ter toda a documentación, “sempre será parcial”. Xusto despois, en base a ese coñecemento limitado, aventurou que Ceivar non só paga defensas de persoas presas por accións violentas, senón tamén “a quen comete unha acción administrativa grave, é dicir, tamén presta atención a un independentista radical mozo que non pon unha bomba porque non ten os medios pero si fai unha pintada nun escaparate dun banco”.

Estas dúas intervencións dos máximos responsábeis da investigación, que poden verse xa en Internet, marcaron a cima do relato que sustenta a acusación. Ningún deles soubo establecer vínculos concretos entre Causa Galiza e Ceivar, tampouco a simultaneidade da “multimilitancia” que sinalaron, non souberon precisar que feitos concretos, que por suposto tampouco están nos informes, constitúen os indicios de delito de enaltecemento nin en que documentos públicos ou privados ocupados aos acusados estes lexitiman a loita armada nin foron quen de concretar as sospeitas sobre as fórmulas de financiamento das organizacións nin demostrar que Ceivar discriminou dous presos políticos porque escaparon do seu control nin de que maneira Ceivar controlaba o colectivo de presos máis alá do apoio e o cariño que lles mostraban nin por que dirixiron a súa investigación cara unhas persoas e non todas as que participaron dos actos nos que din que se produciu o enaltecemento cando, como o propio xuíz subliñou para sacar un deles dun apuro: “o delito é o acto en si”…

A vacuidade dos testemuños estrela na causa, os que sempre se poñen o final, terminou por desesperar o propio xuíz, que cargou contra as defensa: “Este testigo [referíndose o segundo dos analistas] no está para dictar sentencias. El dice: aquí hay un cartel, y punto. La sentencia la dicto yo”. O enfado do xuíz viña de que unha das defensas pediu unha explicación de parte da testemuña a respecto de como chegara a conclusión de que podía haber delito nun cartel que puña “liberdade, presos independentistas”.

Onte o Fiscal creou a atmosfera. Hoxe apareceron os expertos creando sombras. Mais o espectáculo era tan pobre que o xuíz Guevara tivo que sacar o látego e ordenar ás defensa que mantivesen a compostura para poder seguir interpretando a farsa até o final.

O final será hoxe. E despois decidirá Guevara se mete presas doce persoas por disidentes, cabalmente non podería soster outro cargo contra eles. Pero isto é a Audiencia Nacional.