Laura Bugalho onte en Compostela
Laura Bugalho, onte pola mañá en Compostela.

A necesidade ten cara de herexe

Un café na xornada de folga de mulleres con Laura Bugalho, feminista e sindicalista, entre bombos e berros polas rúas e prazas de Compostela.

Erik Dobaño | Texto e fotos 

A Coruña | 9 de marzo. Laura Bugalho leva toda a vida saltándose as regras. Tivo que facelo para seguir viva. As regras oprimen. Oprimen sexualidades en corpos que lle son alleos. Oprimen ás mulleres na casa, na escola, no traballo, na vida… Laura coida da nai, muller maior enferma. Laura e a nai viven soas desde hai catro anos. Laura ten 53 e concilia, a nai ten 85. Por iso hoxe, o día da primeira folga feminista internacional: “cheguei un pouco tarde, ás nove e media”. Por iso despois da manifestación da mañá foi xantar coa nai, axudarlle coas medicinas, e agora senta para tomar dous cafés e un vaso de auga. Son as catro e pico da tarde e en Compostela segue orballando. Espera por compañeiras que veñen de Boiro e de Ribeira, “para as panfletadas e baixar máis pancartas”. Un día incómodo para tomar as rúas. E logo, á noite, outra vez. Mollalo pelo, secar as gorxas berrando. E despois da mani, “a Quintana vaise quedar pequena” (ao final acabaron enchendo o Obradoiro), de volta a casa, a coidar da nai. Vida de muller que segue fendendo muros, rachando as regras.

A esta hora regresa o barullo de mozas con bombos e berros ás rúas. Chove. Pero o feminismo galego púxose en pé e non vai parar, di Laura. E conta: “dúas mil cincocentas en Ourense está mañá que para Ourense son moitas” (máis tarde, á noite, a cifra multiplicouse por cinco). Na Coruña e en Vigo o feminismo galego puxo en pé a milleiros. E iso malia as diferentes convocatorias. En Compostela, pola mañá, conta Laura, houbo até cinco concentracións. Unha delas encheu a praza Roxa e as mulleres marcharon en manifestación ata o Obradoiro; de paso pola praza Galiza, sumáronse as da CIG, as de Laura, que tiñan previsto ir ata as Praterías, pero eran tantas que seguiron ata o Obradoiro e alí estaban outros sindicatos; e subiron moitas cara á Quintana e volveron baixar por Praterías e alí xuntáronse con outra marcha e todas acabaron ocupando o centro do Obradoiro.

“O 4M, a manifestación do domingo pasado en Vigo, foi moi lindo, moi forte… un subidón. Por iso están as cidades como están, e tamén nas vilas, en Bertamiráns, na Estrada, en Ordes… nestas horas vivimos a mobilización feminista máis importante na historia do país”, di Laura tomando café e reclamando un resultado práctico inmediato: “queremos xa un pacto de Estado contra o machismo”.

Na televisión aparece o lazo de Mariano Rajoy e na prensa o medio hexemónico do país celebra o día cunha escolla de cen mulleres galegas. Non figura Laura Bugalho nin ningunha das líderes do 8M. “Non me sorprende, este tipo de prensa funciona como correas de transmisión do pensamento único… o de Rajoy, en fin… comentáronme que hoxe houbera unha chamada a San Caetano para que o persoal saíra quince minutos a saudar polo día das mulleres. É raquítico…”

O inimigo é común, en todo o mundo, subliña Bugalho, que lembra que a convocatoria de folga mundial partiu da Arxentina e que a xornada apunta a un albo concreto: o machismo. “Imos acabar con el, c’est fini… coidado machistas, que somos millóns”.

A xornada, reflexiona Laura, “vai dez sobre dez”, polos números e porque vai sendo unha protesta interclasista, mais hai colectivos que fican ao marxe. “As inmigrantes quixeron quedar fóra porque os seus problemas non se vían reflectidos, iso hai que telo en conta… temos que adoptar unha visión decolonial e, como me gusta explicar, adoptar un paradigma inmigrante… se todas nos sentísemos inmigrantes porque sómolo no sistema capitalista na medida da nosa exclusión, moitas loitas converxerían. Sumémonos, a realidade é moi cruel”.

“As inmigrantes quixeron quedar fóra porque os seus problemas non se vían reflectidos, iso hai que telo en conta…” 

Bugalho estivo desde cedo cun grupo duna ducia de sindicalistas nun piquete informativo no Ensanche. Coñecía os problemas do persoal dalgunha das empresas que visitaron e mesmo convenceron a algunha de parar. Ese é o seu ámbito sindical agora. Hai dous anos foi apartada do traballo con inmigrantes, e desde o 7 de xuño de 2016 está en liberdade condicional despois dun xuízo por ter axudado cos papeis a uns magrebís. Dentro de tres meses, o 7 de xuño, seralle levantada a ameaza e pensa volver ao seu, “con menos actitudes kamikazes, téñollo prometido á xente do sindicato… xa sei que me pincharon os teléfonos e estou controlada, pero tentarei volver sen pór en risco a ninguén… denunciei a un estamento intocable en calquera lugar do mundo como é a Policía”.

Bugalho pide o segundo café e un vaso de auga. Deixa de atender chamadas. Contra as cinco reunirase coas de mulleres de Boiro e Ribeira para mirar do recorrido desde a praza do 8 de marzo até a Quintana. Ao final houbo cambios. Está tranquila. Sabe o que costa romper as regras e fender muros. Toma seu tempo para considerar cal foi o momento en que a súa vida traspasou o primeiro muro.

“A primeira manifestación que puiden participar desde Laura foi o 8 de marzo de 1997, fun á manifestación a hostia de orgullosa, podía estar entre as compañeiras sendo unha máis, as compañeiras déronme abrigo aquel día… e despois se houbo algo que me conmoveu foi a campaña do feminismo cando o meu xuízo. Aquelo de Todas somos Laura fíxome chorar e sentirme orgullosa. Desde aquela teño unha máxima: se nos tocan a unha, tócannos a todas. Fixen a transición a muller estando no sindicato, e o sindicato é unha organización moi progresista no eido laboral, pero non tanto noutros eidos… como me dicía un compañeiro homosexual: ser muller no sindicato ten certas limitacións, ser trans é outra máis forte, e ser trans e lesbiana xa é o colmo, non? Foi complicado, pero hoxe fago unha valoración positiva porque levo desde o ano 1992 na CIG”. 

“Non me sinto protagonista de nada, seica son un referente… polo que me din as compañeiras… Como din en Uruguai, a necesidade ten cara de herexe. No 97 turraba por min mesma, era eu quen tiña que saír adiante. Ao cabo do tempo ves que o que ti abriches provocou unha fenda pola que entra algo de ar. Hoxe en Galiza estamos vivindo un momento fermoso coa asociación Arelas. Se tivera que dar consello a todas estas mozas que hoxe tomaron as rúas por vez primeira simplemente lles diría que non se esquezan nunca de estar implicadas e estar na rúa, e sobre todo ter empatía coas compañeiras con máis carencias, as que fican sempre nas marxes… toda esa xente é compañeira nosa. O sistema intenta individualizarnos, pero temos posibilidades de mudar o mundo. Eu son optimista. Temos forza. Pode que un día elas pararán o mundo”.

“No 97 turraba por min mesma, era eu quen tiña que saír adiante. Ao cabo do tempo ves que o que ti abriches provocou unha fenda pola que entra algo de ar”

Compartilhar no facebook
Compartilhar no twitter
Compartilhar no google
Compartilhar no whatsapp
Compartilhar no email

Coeducación e corresponsabilidade

“En España dedicáronse ao longo de 2018 máis de 130 millóns de horas en traballo non remunerado; isto equivale a unha poboación de 16 millóns que tivesen unha xornada laboral de oito horas diarias e case un 15% do PIB. Uns coidados que non coñecen vacacións nin idade de xubilación”, advirte o Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia.

Manifesto lido en Verín o 1M

Un ano máis, o conxunto do feminismo galego unimos a nosa forza para deixar moi claro que somos unha voz importante. Todas xuntas somos un berro que non poden, aínda que queiran, desouvir.

“O feminismo é a punta de diamante dunha insurxencia internacional”

Volvemos publicar unha conversa con Silvia Federici case dous anos despois daquela en Pontevedra con motivo da súa presenza na Semana de Filosofía 2018. En esta ocasión, agradecemos a parcería a zur, pueblo de voces, unha web uruguaia, por permitirnos traducir para o galego e reproducir a entrevista de ‘Zur, pueblo de voces’.