Un idioma para todes
Alex Pernas
Deixando un momento de lado, aínda que sen restarlle importancia por isto, a existencia de máis xéneros cá o masculino e o feminino, e centrándonos só nun punto de vista lingüístico, a modificación da linguaxe utilizada para evitar que esta sexa predominantemente masculina é algo que acontece dende hai xa bastante tempo. Á hora de definir un grupo de individuos mediante a utilización do plural, unha constante na sociedade patriarcal é facelo mediante a utilización do xénero masculino: “somos todos”, ou “é o home” (entendendo home coma conxunto da humanidade), en lugar de “somos todas” ou “é a muller”.
Isto quíxose cambiar de diversas formas, as máis comúns ata o de agora son a utilización dunha alternativa sen xénero como “é a humanidade”, ou a utilización dos dous xéneros de forma redundante, coma por exemplo “somos todos e todas” ou “somos todas e todos”. Sempre hai quen se opón a isto, afirmando que é absurdo reiterar e utilizar máis palabras do necesario cando só precisamos dunha; persoas que na maioría dos casos, ao propoñerlles a utilización da forma feminina en lugar da masculina, desbotan esta posibilidade, chegando a sentirse ofendidos nalgúns casos, curiosamente sen se dar conta ao mesmo tempo da ofensa que pode resultar para moitas mulleres a utilización da forma masculina en exclusiva.
“Nunha primeira escoita ou lectura, todes pode soar raro xa que non estamos afeitos, mais de igual forma tampouco o estabamos á utilización redundante dos dous xéneros”
Entre as opcións propostas, ademais da que avoga pola reiteración, está a de utilizar o xénero acorde ao número de persoas aos que se refira, sendo escollido o masculino cando hai máis homes, e o feminino cando hai máis mulleres; incluso a utilización dun dos dous unicamente, mais facéndoo de forma indistinta, intentando que sexa equitativo o uso dun e mailo doutro. Existe ademais outra forma que moitas persoas están comezando a utilizar con máis asiduidade. Consiste no uso dunha forma neutra: non dicir “todos e todas”, senón “todes”, non dicir “as nenas e os nenos saudaban aos amigos e ás amigas”, senón “es nenes saudaban aes amigues”. Nunha primeira escoita ou lectura pode soar raro, xa que non estamos afeitos a isto, mais de igual forma tampouco o estabamos á utilización redundante dos dous xéneros, e agora parece que xa vai soando algo mellor.
Coma nos casos anteriores, neste tamén hai persoas que se opoñen, esgrimindo diversos motivos. Se cadra un dos máis abundantes é a deturpación da lingua. Afirman que o idioma non está feito desa forma, preguntan por que utilizar palabras que non existen en troques doutras que xa están aí, aínda que sexan usadas de forma redundante. O que me pregunto eu é o seguinte: é a lingua a que fai pobo, ou é o pobo quen fai a lingua?
“É a lingua a que fai pobo, ou é o pobo quen fai a lingua?”
A nosa lingua foi forxada durante séculos de forma variable. Existen moitas diferenzas dialectais, moitas formas de pronunciar as mesmas palabras, e mesmo algunhas que só existen en certos lugares e son utilizadas para describir a mesma cousa que noutra zona do país chaman dunha forma diferente. Se o idioma está en constante evolución, e consideramos que hoxe en día é necesario rexeitar a utilización do masculino plural para referirse a grupos que tamén conteñen mulleres, por que non modificar o noso idioma e adecualo ao que desexamos? Tan penoso agravio sería?
Esta nova forma de utilización da lingua é algo a ter en conta, en prol dunha sociedade e un idioma máis feministas, que vaian rematando en todos os aspectos coas desigualdades de xénero. Se cadra o cambio non é rápido nin sinxelo, nin todas as persoas estarán de acordo ou farán a mudanza de primeiras, mais tal vez debamos facer o esforzo para orientarnos cara esta nova utilización da lingua. Quen sabe, se cadra este será o futuro do idioma.
A Coruña, 26 de outubro.
Alex Pernas
A Coruña, 1986. Enxeñeiro de software, músico, poeta e activista polos dereitos dos animais. Autor da novela Xarfas.
Outras opinións
Lupe Ces: Licuar o sexo/Liquar o sexo
Unha multitude dentro de Dylan
Algúns erros de esquerda que axudaron Ayuso
Outras opinións
Lupe Ces: Licuar o sexo/Liquar o sexo
Unha multitude dentro de Dylan
Algúns erros de esquerda que axudaron Ayuso
Algunhas xoias da colleita do 71
Miguel Enríquez e o desafío das novas geraçons
Nick Cave: novo disco e obra lírica
“O negro não existe. Tal como o branco não existe”