De experiencias e rupturas

Héctor Tejón

“Unha revolución que deixe fora os afectos é unha revolución por partes. A anacos”
B. Vasallo

Escribo desde un corpo caído. Dun corpo que sofre silenciosamente. Desde a luz cegadora á saída da caverna. Coma verba non nomeada existente en sentir e pensamento pero inapreciábel coma realidade. Din que non falamos a linguaxe senón que esta é a que nos fala. Falar, falan as bocas pechadas que en bágoas escorrentan a través de violencias asumidas, normalizadas e estatalizadas.

Violencias diarias. Case que inapreciábeis. Coma as que orbitan no comezo da vida. En forma de vehemencia matronal carente de humanidade. Convertendo o parto, en moitos casos, nunha sucesión mecánica de procesos sanitarios que sangran vida e cravan dor mais alá do feito fisiolóxico do propio nacemento. Dilatacións forzadas e medicalizadas, non por elo necesarias. Testemuñas silenciadas e cotiás nunha dor que semella non querer escoitarse. Chámase violencia obstetricia. Real e inxerida formalmente na práctica sanitaria do estado. Non así en todas as súas profesionais.

Violencias eventuais. Banalizadas e asumidas. As dun tribunal médico de avaliación da discapacidade. Da demostración de forza ausente dun corpo home esclerose. Dun corpo muller impedido. Enfrontamento diante da túa propia condición de perda de autonomía e certa sensación de probar que verdadeiramente non podes camiñar coma camiñabas. Ver como vías. Ou simplemente subir e baixar escaleiras. A frialdade marcial do especialista. O trato inhumano e vexatorio na soidade dun despacho angosto e reducido. Reducido coma as posibilidades de berrar ou fuxir. Demostrar a fraxilidade, cando esta é explícita e diagnosticada. Sentirte mais impedido do que a diario te sentes. Loitar por ser recoñecido coma corpo caído ante certa función sanitaria privativa e punitiva da enfermidade sobrevida nunca escollida. A cuadratura última neoliberal, a culpabilidade por non estar sa como demanda a sociedade para seus uso, goce e reprodución interminábel.

Violencias estacionais. De alumeados de Nadal sintéticos que gastan en falsas luces o que desprezan en inversións vivenciais. Que maquillan a carencia en forma de ostentosos boulevards. Formalmente organizados. Distribuídos interesadamente en espazos controlados e rexidos por unha normalidade de clase que estigmatiza o pobre e cristianiza á necesitada. Competición de contaminación lumínica entre os feudos localistas de territorios privativos de conciencia de seu e espertar colectivo.

Violencias laborais. De salarios infra, xornadas precarias e valor mercado. Do cálculo económico coma significado vital. Do custo da vida e o beneficio comercial. EREs que condenan. Contratos legais que explotan legalmente e cotizan insuficientemente. A culpabilidade da carencia nomeada coma responsabilidade persoal e non coma faia estrutural obscenamente necesaria; sen pobres non habería ricos. Sen desposuídas non habería colonos.

Relatos dunha existencia forzadamente violenta. Fundadora dunha orde social xerárquica, autoritaria e punitiva. Violencia implícita no falar e nomear. No tratar e mandar. No cotiá cargado de agresións patriarcais dun gran Leviatán home-autoridade que sutilmente vive e reprodúcese coma sentido común. Que enfronta aos iguais en competencia, logro e status. Que despreza ó diferente. Á conciencia outra que entre tebras se abre paso. Memorias obrigatoriamente esquecidas. Relatos muller desprezados desde Salem ás Marías. Formas home por construír. Corpos múltiples por ampliar que sen renuncias non terán lugar.

Escribo desde un corazón calado. Carraxe que palpita entre bágoas impotentes dunha mudanza que fuxe ao calor do espazo mediático que a condena e impide. Da soberbia política dunha esquerda electoralmente ‘cainita’. Persoeiros que ensucian a honra dos bufóns en vaudevilles partitocráticos que nada arranxan. Recito a prosa destituínte que entoa rebeldía e disidencia. Que clama vinganza coa tecnocracia sanitaria do custe-beneficio. Cos gobernos neo-progres da pobreza crónica. Coa vida roubada en salarios escravos. Coa condena binaria de xéneros interesadamente impostos.

Clamo pola liberdade que comeza nunha conciencia. E a mudanza nun saber mirar…

A Coruña, 3 de decembro.

Compartilhar no facebook
Compartilhar no twitter
Compartilhar no google
Compartilhar no whatsapp
Compartilhar no email
Héctor Tejón

Héctor Tejón

A Coruña, 1981. É licenciado e doutorando en Socioloxía pola Universidade da Coruña. Desenvolveu gran parte da súa carreira profesional coma investigador social e docente na Facultade de Socioloxía da Coruña. É co-autor do libro La Siniestrabilidad Vial: Un problema desconocido e artigos en diversas publicacións electrónicas. Presentador programa de radio Está a pasar na radio comunitaria CUAC FM. Cursando na actualidade o Grao de Ciencia Política e da Administración pola UNED. @htejon.

Deixe um comentário

Deixe um comentário