Vítimas do Alvia contra o tempo

A Audiencia Provincial da Coruña podería declarar, antes de final de ano, a apertura de xuízo oral para 2021.

Compartilhar no facebook
Facebook
Compartilhar no twitter
Twitter
Compartilhar no google
Google+
Compartilhar no whatsapp
WhatsApp
Compartilhar no telegram
Telegram
Compartilhar no email
Email
Compartilhar no facebook
Compartilhar no twitter
Compartilhar no google
Compartilhar no whatsapp
Compartilhar no telegram
Compartilhar no email

Redacción adiante | A Coruña, 10 de outubro.  Toda esta dor podería terse evitado se nos días posteriores ao accidente de Angrois, en xullo do 2013, as direccións de Adif e Renfe e as autoridades políticas españolas responsábeis do correcto funcionamento das infraestruturas e do transporte ferroviario tivesen respondido o mandato democrático de investigar a fondo as causas da traxedia e establecer todas as responsabilidades de maneira diáfana para facilitar as decisións que tivese que tomar o xuíz e asumir as consecuencias políticas e penais dos seus propios erros. Fixeron o contrario: agocháronse detrás do maquinista (sinalado covardemente pola ministra Pastor e os seus altos cargos como único responsábel), agocharon e manipularon información, condicionaron e obstaculizaron a investigación e, cando fixo falta, apartaron a un xuíz incómodo e mentiron diante da cidadanía e das vítimas.

Dor sobre dor, di Jesús Domínguez, portavoz da asociación de vítimas, do outro lado do teléfono esta mañá de outubro cando ten que volver explicar o enmarañado proceso xudicial no que as familias (80 falecidos, 144 feridos) combaten contra a defensa fechada dos servidores do Estado por parte do Estado, unha caste que non responde ante ningunha lei.

“Xogan co tempo, xogan co esquecemento, a fatiga, o abandono… Os políticos, non todos, pero si a maioría, deixáronos sós despois de facer uns cantos funerais e homenaxes; o goberno do PP non nos atendeu; o goberno do PSOE, tampouco, o goberno do PSOE e Podemos, tampouco. Nin Ábalos, ministro de Transportes, nin Pablo Iglesias, que nin nos recibe”.

O xuíz Lago, que nove meses despois do accidente substituíu ao xuíz Aláez –ese que apartaron, vía promoción, porque imputou cargos de Adif e a cousa podía salpicar a ministros e ex ministros–, vén de fechar por terceira vez a instrución. As familias néganse porque hai un ano apareceu un mecánico de Talgo advertindo que media hora despois do sinistro recibiu a orde de directivos da empresa de “borrar todas as avarías que tiña o tren da base de datos do sistema de xestión de avarías”, segundo o testemuño que as familias entregaron o xuíz en outubro de 2019. Non era a primeira vez que as familias obtiñan información desde dentro das empresas que pelexan por limitar as súas responsabilidades.

Lago fechou a instrución en outubro de 2015 co maquinista como único imputado. “O fiscal (daquela Antonio Roma) estaba de acordo; a avogacía do Estado, tamén; os peritos, dous votos contra un, tamén; e a Audiencia Provincial da Coruña xa rexeitara a imputación de 22 altos cargos de Adif que fixera Aláez”, lembra Jesús Domínguez.

Mais a comezos do ano seguinte, o Goberno español, “e probabelmente a Audiencia”, tiveron coñecemento do informe da Axencia Ferroviaria da Unión Europea, que advertía que a investigación do accidente non foi independente, entre outras cuestións, porque Adif e Renfe fixeron parte da comisión de investigación. En maio, a Audiencia ordenou reabrir a instrución.

As familias obtiveron documentos internos de Adif nos que se advertía da necesidade de avaliar os riscos na liña Ourense-Compostela. En xaneiro do 2017 o xuíz pediu a compañía que presentase o plan de seguridade. “Decatouse de que faltaban documentos claves no proceso, e por iso non podía fechar a investigación”, sinala Domínguez, “ademais, os peritos tiñan opinións diferentes. A Xunta, amparándose na galega, conseguira impoñer dous dos peritos xudiciais, pero o terceiro tivo que ser seleccionado a través dun sorteo porque naquel momento non toparon un enxeñeiro de telecomunicacións, e este perito disentiu”. César Mariñas, o perito elixido por sorteo, advertiu o xuíz que precisaba documentación para concluír o seu informe, entre ela, o plan de seguridade da liña Ourense-Santiago de Compostela.

Imaxes de concentracións en 2017, 2018 e 2019 do colectivo de vítimas, no Facebook da asociación.

“Se non hai unha investigación independente, nada podemos esperar das institucións españolas. E se a hai, que se incorpore o resultado das pescudas o proceso xudicial e despois se abra unha comisión no Congreso”.

“Houbo presión desde Europa, desde dentro do proceso, desde a asociación de vítimas, desde o Goberno… supoño que todo iso axudou a que a investigación continuase e o resultado foi a imputación de Andrés Cortabitarte”, di Domínguez. A Audiencia confirmou a imputación do director de Seguridade de Adif en xuño de 2017, porque non se aclarou si a compañía tivera realizado a avaliación de riscos na curva de Angrois malia as reiteradas advertencias por parte de traballadores que recibira a dirección. O mes anterior, o fiscal Antonio Roma, que tanto insistiu en limitar as responsabilidades ao maquinista, deixou o caso para pasar a “servizos especiais” da Fiscalía do Estado.

A instrución proseguiu e durante uns meses parecía que tanto as institucións europeas como as actuación do xuíz e da Audiencia estaban en liña coas demandas das vítimas. Durante uns meses, Antonio Lanchares, director de Seguridade de Renfe cando se produciu o accidente, estivo imputado. “Se Adif, polo menos un dos seus responsábeis, está imputada por non ter feito a análise de riscos, tamén debería estar imputada Renfe polo mesmo motivo. A Comisión Europea é clara neste sentido cando di que Adif, como administradora da liña, e Renfe, como operadora, son co-responsábeis”, insiste o portavoz das vítimas.

[Lanchares foi o cargo de Renfe sinalado como o responsábel de ter solicitado meses antes do accidente a desconexión do sistema de freado ERTMS na curva de Angrois porque daba fallos. Cortabitarte autorizou esa desconexión.]

Mais Lanchares foi desimputado e o xuíz fechou o caso co maquinista Francisco José Garzón e o directivo de Adif Andrés Cortabitarte como únicos imputados. “Hai un ano, cando a Audiencia estaba a piques de dar a coñecer os imputados cando apareceu o testemuño dun mecánico de Talgo dicindo que a empresa borrou da base da datos avarías que sufría o tren accidentado”, lembra Domínguez. A instrución volveuse reabrir. Técnicos de Talgo e o mecánico foron chamados a declarar. O xuíz Lago pediu unha nova peritaxe. “Mais a peritaxe concluíu que non hai maneira de comprobar se o que di o mecánico é certo. E finalmente o perito e o xuíz interpretan que esas avarías, que non están documentadas no proceso, non teñen relevancia penal, que a causa do accidente foi o exceso velocidade e que Adif non puxo barreiras de seguridade. Así fecharon o asunto agora, sen novas imputacións”, resume Domínguez.

As familias insisten en que falta unha investigación independente, que tamén reclama a Comisión Europea, que denuncias como a do mecánico do Talgo “merecerían cando menos unha investigación seria porque as irregularidades que se sinalan son graves”, pero non esperan unha nova prórroga da instrución. “O máis probábel é que o xuíz desestime os nosos recursos e que teñamos que volver á Audiencia, como hai un ano. A Audiencia Provincial da Coruña xa ten o caso analizado, xa o tiña en outubro do ano pasado, e coa única novidade da denuncia do mecánico de Talgo non debería tardar moito en declarar a apertura de xuízo oral”.

Oito anos despois do accidente, no 2021 se a situación sanitaria non atrasa aínda máis o proceso, haberá xuízo.

As familias xa non confían noutra vía para obter xustiza. “Non esperamos nada por parte dos partidos. Na comisión de investigación no Congreso quedou en evidencia que tanto o PP como o PSOE non van dicir outra cousa que non diga o informe da investigación oficial, malia que Europa advirte que non é válido. Se non hai unha investigación independente, nada podemos esperar das institucións españolas. E se a hai, que se incorpore o resultado das pescudas o proceso xudicial e despois se abra unha comisión no Congreso en base a ela”, di Domínguez. E anota que Europa non ten competencias para obrigar a España a promover esa investigación independente. A única forma que ten Europa de seguir mantendo a presión sobre o Estado español nesta cuestión é manter aberto o expediente. “Chegará un momento en que se feche ou teña que haber unha demanda diante do Tribunal de Xustiza Europeo. O que lle pedimos á comisaria de Transporte é que até que non se faga investigación non remate o expediente… pero a Comisión tamén é política”.

“Estamos cansas, si”, confesa Jesús Domínguez. “Xogan co tempo, a fatiga, o abandono… Despois de sete anos, aínda quedan moitas cousas por aclarar e moitos responsábeis por sentar diante dun xuíz, pero seguimos. Con moito esforzo fomos conseguindo algo, que non se esqueza ás vítimas. Serviu para algo. A loita serve.”

 

Deixe um comentário

Deixe um comentário

Deixe um comentário