Vítimas do Alvia demandarán o Ministerio de Transportes se non hai investigación independente
Esixen que o Estado presente un informe sobre o accidente como recomenda a Unión Europea e para chegar ao xuízo coas máximas garantías.
Redacción adiante | A Coruña | 19 de decembro 2020. Onte foi outro día triste para as familias afectadas polo accidente ferroviario de Angrois (Compostela) o 24 de xullo de 2013. Sete anos e medio despois da traxedia que rematou coa vida de 80 persoas e deixou 152 feridos, as familias volveron petar nas portas do Estado, que seguen fechadas en defensa dos dous máximos responsábeis políticos: os ex ministros José Blanco (PSOE) e Ana Pastor (PP).
O Estado defende Blanco e Pastor e unha lista de altos cargos públicos. O Estado é o actual ministro, José Luis Ábalos (PSOE), que fai como que non oe, e o partido socio de goberno, Unidas Podemos, que fai como que non ve.
As familias anunciaron onte en Madrid, ás portas do ministerio, que presentarán unha acción xudicial contra o Ministerio de Transportes e a CIAF (Comisión de Investigación de Accidentes Ferroviarios), o organismo público responsábel da investigación do sinistro. Como paso previo, a asociación de vítimas rexistrou un documento no que pide o Ministerio “a renovación de parte dos membros da Comisión, que a día de hoxe non goza de independencia” e que a CIAF “leva a cabo unha nova investigación obxectiva tutelada pola Axencia Ferroviaria Europea e que cumpra cos requisitos legalmente establecidos, en especial, a independencia dos seus membros, o trámite de audiencia ás vítimas e atenda a totalidade de deficiencias expostas no documento da Axencia Ferroviaria Europea”.

Se no prazo de tres meses, as vítimas non reciben unha resposta ou non se atenden as súas peticións, comezarán o proceso xudicial vía contencioso-administrativo da man do letrado Antonio Benítez Ostos.
Onte, nunha concentración diante do ministerio, as familias volveron lembrar que no 2016 un informe da Axencia Ferroviaria Europea determinou que o Goberno español non cumpriu coa obriga de investigar a traxedia e puxo de manifesto a falta de independencia e a invalidez da investigación realizada pola CIAF, “xa que non analizou as causas de raíz”, din os afectados, “precisamente aquelas que afectan ao propio Ministerio de Transportes, a Adif e a Renfe. Aquel documento xa solicitaba unha nova investigación e, en xaneiro de 2019, hai agora case dous anos, a Comisión Europea iniciou un procedemento sancionador contra o Estado español polo incumprimento das directivas comunitarias en materia de investigación de accidentes.
Malia presión desde Europa e a denuncia desde diferentes instancias políticas -na Galiza, o BNG parece ser o último apoio das familias desde que Unidas Podemos entrou no goberno-, o Ministerio de Transportes que dirixe José Luis Ábalos non deu un só paso.
“O Ministerio vulnerou as normas nacionais e comunitarias ao nomear membros da CIAF non independentes nin imparciais, e polo tanto non garantiu unha investigación conforme á normativa”, insisten as familias. “A día de hoxe, a CIAF segue sen ser independente dado que parte dos seus membros prestaron previamente servizos no Ministerio, en Adif, en Renfe ou no Ineco [organismo público de enxeñería e consultora de transporte]”.
Na causa, pendente o xuíz de sinalar a data do inicio do xuízo, están imputados o maquinista e un responsábel de Adif no momento do accidente, Andrés Cortabitarte. Ninguén máis. Ningún dos responsábeis políticos da posta en marcha e da xestión dunha infraestrutura que se ten acreditado presentaba erros de seguridade que a propia Administración coñecía e decidiu ignorar.
“Di moi pouco das nosas institucións e dos nosos gobernantes que aínda non se teña posto en marcha a investigación independente que solicita a UE. E di moito menos que o ministros Ábalos leve máis de dous anos despreciándonos. É indignante que nin nos conteste”, láianse as vítimas, outra vez, outro día triste máis.
Frankenstein 04155

Vítimas do Alvia contra o tempo

Sete anos de gobernos negándonos a verdade

Un ano despois, Blanco (PSOE) e Pastor (PP) seguen zafando

“Espero que se sinalen os culpábeis e que morran da vergoña”


“80 mortos, 4 anos de cadea: unha pena leve, non?”

Outras novas



Recadación de fondos para crear o Bosque da Lingua nos Montes de Couso

O aparato de propaganda dos xigantes eólicos sae a escena

Ecoloxistas exixen en Ourense moratoria para frear as macrogranxas
Outras novas


Recadación de fondos para crear o Bosque da Lingua nos Montes de Couso

O aparato de propaganda dos xigantes eólicos sae a escena

Ecoloxistas exixen en Ourense moratoria para frear as macrogranxas
