Vitoria popular e duelo anti-autoritario
A tensión entre autoritarismo e demandas democráticas segue moi viva na configuración social de Bolivia.
Juan Carlos Pinto Quintanilla | La Paz, outubro 2020. Téñense elaborado moitas teorías arredor do fascismo, un autoritarismo sustentado en sectores de clase que lle permiten expandirse e xustificarse como sistema, que crea un inimigo, perségueo, intenta facelo desaparecer e iso convérteo nunha condición política para o “benestar cidadán”. Erich Fromm dicía ademais de que non existe fascismo posíbel se non se comprende aos sectores que o apoian. Desde psicoloxía social entendíase que o psique colectivo das carencias e frustracións persoais, familiares e sociais buscaba unha compensación autoritaria fronte á falta de certeza no futuro.
Desta maneira poderiamos comprender como os antes cohibidos sectores dominantes bolivianos atoparon na violencia e na represión e, en definitiva, nas Forzas Armadas un referente político necesario non só para asegurar o seu poder político, senón tamén as súas propias inseguridades como clase diante dun mundo indíxena orixinario campesiño que descoñecen, e ao mesmo tempo temen, optando sempre polo sometemento antes que pola inclusión.
Por iso a constante autoritaria estivo máis presente na nosa historia que a democracia. Historicamente estas oligarquías preferiron a imposición e moldear a figura dun Estado represor antes que a idea dun Estado integrador e incluínte que tecese consensos e acordos entre a diversidade que permitiran afirmar unha identidade plurinacional que só pode ser posíbel coa construción dunha democracia intercultural.
Podemos entender que a construción democrática en Bolivia teña tantos tropezóns, pois polos poros dos sectores dominantes transpiran o racismo e a exclusión e a permanente tentación do autoritarismo. A institucionalidade sempre tivo eses visos xerárquicos, autoritarios e excluíntes, que non eran tan sequera democrático-liberais.
Os partidos mantiveron esas características con xefes convertidos nos seus donos e, aínda sen proclamalo, coa branquitude como condición para ter poder no interior das organizacións políticas, mesmo cando certa esquerda falaba a nome dos pobres. En esencia, pola formación social boliviana, os visos autoritarios están vixentes entre os sectores dominantes e entre as clases medias que avalaron esa estrutura de exclusión social. Esa estrutura autoritaria, que apelaba permanentemente a trazos fascistoides no sistema político e na vida cotiá, é a que se topou no 2005 cuns resultados electorais que lle ensinaron o país que non quería ver. Daquela, os excluídos da cidadanía política empezaron a mirarse eles mesmos como referente e deixaron de mirar para os patróns que se vestiran de colonizadores bos e paternalistas, e que eran autoritarios e represivos.
Esa estrutura autoritaria asumiu que debía retomar o sentido da dominación e conspirou, enfrontou, e denigrou o adversario para tentar que o poder volvese eles, e fixérono desde o que son, desde o racismo, o insulto, a cooptación dos máis débiles e desde a sombra da colonización que sen que segue presente entre os dominados. Iso explica o moito que houbo que construír desde a visión dos excluídos para recuperar a dignidade e para dotarmos dunha democracia intercultural; pero tamén explica porque os patróns nunca abandonaron o seu plan de conspirar para “quitar ao indio do palacio”.
“Polos poros dos sectores dominantes transpiran o racismo e a exclusión e a permanente tentación do autoritarismo. Os visos autoritarios están vixentes entre os sectores dominantes e entre as clases medias que avalaron esa estrutura de exclusión social”
E tamén nos fai pensar porque sabendo da nosa historia, o goberno das maiorías quixo crer na “conversión sincera e democrática” dos patróns e as súas institucións tutelares (Forzas Armadas e Policía). Ese Estado colonial que nunca morreu é o que actuou desde dentro e con complicidade internacional para xeneralizar o discurso da fraude, que finalmente deu pé ao golpismo. Foi a colonialidade dos grupos de poder de sempre xunto ás clases medias que se senten desbordadas e invadidas pola irrupción popular na esfera pública, da maioría das organizacións sociais que asumiron a nova condición do poder no goberno non como protagonistas do cambio, senón como beneficiarias. En fin: colonialidade cando a representación popular non pugna por revolucionar unha sociedade autoritaria, senón que intenta acomodarse nela, no papel de nova autoridade reproducindo unha vez máis a visión patronal antes que a comunitaria.
O Estado e as súas xerarquías funcionaron como baruto para naturalizar unha maneira de ser poder, mesmo o seu propio branquexamento, pois no canto da loita pola diversidade intercultural, interiorizáronse complexos e exclusións.
Malia todo, a raíz comunitaria e de identidade marcada nestes anos converteuse en resistencia fronte ao golpe de estado, e demostrou que o ajayu popular non retrocede e non deixa de crecer. Esa é a primeira comprobación da vitoria, que uniu esperanzas e loitas, pero tamén temores e medos acumulados de quen sumido nos seus prexuízos cre que o retorno ao pasado lles daría o poder que perderon. O desenlace do golpe foi roubo, mais fame e abandono total das necesidades e dereitos fundamentais. E con todo, tamén se puxo en evidencia histórica a esquizofrenia na que viven os sectores oligárquicos deste país, e os que pretenden ser como eles. O de querer ser o que non son, que a realidade se acomode aos seus desexos… só así se entenden declaracións do Comité Cívico Prol Santa Cruz, como: “non é posible que o MAS teña 55% de apoio, cando máis do 70% da poboación o rexeita”.
“O pobo celebra, mais con cautela polo vivido nestes meses pois sabe que o golpismo está agochado; que o racismo excluínte segue sendo a razón política dos grupos de poder, que segue a ser o seu discurso cotián en todos os medios de comunicación e redes”
Entón créanse razóns como a fraude científica, que din que aconteceu mais nin os técnicos e observadores internacionais puideron ver, pero eles si, e daquela todos resultaron cómplices da confabulación, até Trump e Bolsonaro que recoñeceron a derrota dos seus aliados ‘criollos’. Existe unha sorte de duelo colectivo de clase destes sectores, cuxo primeiro síntoma é precisamente a negación da realidade e crer que o seu sentimento é universal.
Outros viven outras etapas do duelo, como a tristeza e o medo fronte ás súas inseguridades, mentres outros pasan pola aceptación resignada para volver repensar unha realidade na que, se non cambian para entender o que é este país, volverán revivir o racismo como discurso e o golpismo como estratexia de poder.
Mentres o pobo celebra, mais con cautela polo vivido nestes meses pois sabe que o golpismo está agochado; que o racismo excluínte segue sendo a razón política dos grupos de poder, que segue a ser o seu discurso cotián en todos os medios de comunicación e redes que teñen; que están dispostos a matar e perseguir os rebeldes. O pobo, que non é vingativo, que é capaz de incluír aos excluidores, será quen unha vez máis de volver empezar a tarefa de construír un Estado Plurinacional e que exprese ás maiorías e no que as minorías tamén están convocadas a participar se respectan a diversidade e están dispostas a tecer vida con todos. A vida continua e a loita segue.
Imaxe: votacións en Sucre na xornada electoral do 18 de outurbo. @CorreodelSur
Bolivia
Bolivia: do Estado plurinacional ao Estado colonial (e II)
Bolivia, entre o golpe e as utopías
Bolivia, entre o golpe e as utopías (II) A aposta política do cambio.
“Eu não acreditava na necessidade de gerar nova liderança”
O golpe de estado neofascista cívico evanxélico en Bolivia
Proxecto imperial vs. proceso revolucionario
Bolivia: o retorno das loitas diversas
Entre eleccións e tentativas de golpe
Outras novas
Chegou o momento de recuperar Meirás
O racismo e o fascismo não passarão!
Casalonga (un artigo de Baldo Ramos)
Recadación de fondos para crear o Bosque da Lingua nos Montes de Couso
Outras novas
Recadación de fondos para crear o Bosque da Lingua nos Montes de Couso
O aparato de propaganda dos xigantes eólicos sae a escena
Ecoloxistas exixen en Ourense moratoria para frear as macrogranxas