Xornalismo de degustación
Laura Rios Batista
Se nas cociñas a preparación dos pratos pasa de 3 horas a 30 minutos, estes sairán mal, saberán aínda peor e os comensais acabarán desenvolvendo un gusto pésimo. O mesmo pasa nas redaccións dos xornais, é imposible que unha noticia rápida poida ser contextualizada e interpretada pola persoa que a elabora, menos se é un refrito dunha axencia. Parece que un/unha xornalista xa non vale o que a súa axenda de contactos ou o seu talento, senón a súa capacidade de alimentar a un público con papilas gustativas deterioradas. A culpa desta deformación non é dos/das profesionais que traballan detrás dos fogóns, tampouco de quen degusta os nosos alimentos, entón de quen é? Dunha estúpida dinámica viciosa. Permítanme explicarme:
A comida barata acaba saíndo cara e aínda que a perda de calidade non se ve reflectida nos beneficios dos grandes restaurantes xornalísticos si se ve na escaseza de variedade do menú; noticias repetitivas que deixan sempre o mesmo sabor de boca, unha cociña chea de bolseiros e bolseiras e unha sociedade en eterna ebulición. Ocorreríaselle a vostedes ir a calquera establecemento, comer ata encher o bandullo, e saír liscando do lugar? Entón por que si facelo nun xornal en liña? A caso existen traballos que se pagan e outros que non? Que criterio protexe o simpa na rede?
Ben certo é que os xornais reciben rédito por ofrecer publicidade, pero non nos cheira a podre que determinadas empresas nutran o mesón no que comemos? Por que non pagar polo que consumimos?
“Nunha sociedade da información rápida, os contidos feitos a lume lento quedan desbancados a mesas reservadas para privilexiados con tempo, ganas, formación e gusto de lector ou lectora habitual”
Un xornalismo ben pagado implica a utilización de ingredientes excelentes e cociñeiros/as con tempo e ganas de primeiro, segundo, sobremesa, café e chupito. A imposición de muros de pago é a solución máis xusta para cociña e clientela e para un xornalismo e un exercicio democrático sans. Pero como reaccionaría o público ante eles? Esquivándoos, seguro.
Os xornais máis potentes serían os máis capacitados para implantar estas medidas, isto desviaría as masas cara diarios que non os impuxesen o que se traduciría en incerteza nun sector, xa de por si, cambiante. Ademais, xurdirían páxinas web piratas dedicadas a roubar os contidos de pago para ofrecelos a cambio de beneficios, de novo, vencellados á publicidade.
Se abandonamos os padais menos esixentes e viramos os ollos cara os usuarios máis gourmet, veremos que son máis selectos, mais comprometidos, pero tamén menos numerosos. Nunha sociedade da información rápida, os contidos feitos a lume lento quedan desbancados a mesas reservadas para privilexiados con tempo, ganas, formación e gusto de lector ou lectora habitual.
Quizás nesta parte do comedor pagar por un contido de calidade fose máis aceptado, pero tamén restrinxiría a fluidez entre ambas partes do abano culinario. A imposición de muros de pago é a única saída para un xornalismo cuxa credibilidade está en decadencia, pero a súa implantación trae consigo unha serie de pratos rotos que a profesión terá que pagar aos poucos.
Compostela, marzo de 2020.
A autora
Laura Rios Batista
Ribeira, 2000. Estuda xornalismo na Universidade de Santiago de Compostela e soña con converterse nunha boa profesional da información. No tempo de lecer adoita tocar a pandeireta como pasatempo e gozar de todos os estilos musicais que se lle ofrezan.
#xornalismo
Proxecto en revisión
“Somos todos un, somos todos irmáns, porque a cultura une”
“Se Nós TV foi progresando foi grazas ao compromiso do colectivo”
Outras opinións
‘Let it Be’ e as ‘Nagra Tapes’
A vida extínguese sen fogos de artificio
Lupe Ces: Licuar o sexo/Liquar o sexo
Unha multitude dentro de Dylan
Outras opinións
A vida extínguese sen fogos de artificio
Lupe Ces: Licuar o sexo/Liquar o sexo
Unha multitude dentro de Dylan
Algúns erros de esquerda que axudaron Ayuso